Presentado O Pinchoneno 2021

A alcaldesa, Eva Garcia presidiu hoxe a presentación do “Pinchoneno 2021” que terá lugar o vindeiro sábado 20 de novembro, baixo carpa e cun aforamento limitado a 200 participantes, no Parque do Cristo. O prazo de inscrición está aberto e as reservas realízanse no enderezo de correo electrónico pinchoneno@gmail.com ata o 18 de novembro.

Trátase dunha iniciativa que convocan a Concellería de Educación e a Oficina Municipal de Información á Xuventude (Omix do Porriño), coa colaboración de “Doppler Gestión Cultural” para nenas e nenos de entre 6 e 12 anos.

A concelleira de Educación, Lourdes Moure explicou que “organizar o Pinchoneno é un compromiso plenario coa nosa infancia que querían ter unha versión axeitada para eles do Pinchorriño”. A concelleira volveu reclamar a colaboración da hostalería local para que fagan pinchos axeitados á infancia”, declarou.

Adrián Fragueiro, representante de “Doppler Gestión Cultural” informou que a actividade desenvolverase no parque do Cristo dende as cinco da tarde “cun catering saudable continuado ata as nove da noite enfocado aos nenos e nenas e co complemento de diversas actividades lúdicas”.

Entre elas, subliñar unha charla titulada “Isto é Pop” a cargo do xornalista e escritor Javier Becerra e a artista Carolina Rubirosa”, e outra charla motivacional a cargo do músico e actor Juan Manuel Montilla “Langui”, gañador de dous premios “Goya”, entre outros galardóns. E tamén haberá unha sesión musical a cargo de EmeDJ. 

Finalmente, Laura Carmona, representante do Consello da Infancia e Adolescencia do Porriño transmitiu que “estamos moi contentos de que se retome a celebración desta festa por que os nenos e nenas do Porriño necesitamos sair e xuntarnos coa xente e non só para estudar”.

 

Obra de cambio da beirarrúa na rúa Ramiranes


A concelleira de Vías e Obras, Lourdes Moure, comprobou o desenvolvemento das obras de cambio da beirarrúa da rúa Ramiranes, no último tramo da citada vía, ata o límite co concello de Mos.

A obra busca dar continuidade á reforma da beirarrúa que se levou a cabo hai anos na rúa Ramiranes, unificando ancho e materiais, para mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade dos peóns, segundo explicou o concelleiro Moure Varela.

Estas obras teñen un orzamento de 25.667 euros que se financian con cargo a unha das partidas remanentes do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.

Ciclo Cinema 25N no Centro Cultural Municipal

 

A Concellería de Igualdade informa que continúa o ciclo de proxeccións de películas “Cinema 25N”, coa ocasión da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, programado ao longo do mes de novembro.
As proxeccións desenvólvense no Centro Cultural Municipal, con aforamento limitado, ás 19 horas, dende o pasado 5 de novembro co pase da cinta “O medo”, de Jordi Cadena. Mañá venres 12, é a quenda da película “A maleta de Marta”, de Günther Schwaiger.
As seguintes proxeccións serán o venres 19, “As elixidas” de David Pablos; o xoves 25 de novembro, “A fonte das mulleres” de Radu Mihailean; e o venres 26 de novembro “Te doy mis ojos”, de Icar Bollain, incluída no ciclo de proxeccións de películas “Cinema Galego”, da man de Rebobina Asociación Cultural, os últimos venres de mes.

Sergio Casal valora a “boa acollida” da nova localización do mercado

 

O concelleiro responsable, Sergio Casal valorou “a boa acollida” que tivo a nova localización do mercado ambulante que hoxe abriu na rúa Leandro Diz e parte da rúa Xogo da Ola. O concelleiro destacou “a boa acollida do público en xeral e o acordo total cos vendedores ambulantes”.

Son 105 postos de venda autorizados que se repartien entre a rúa Leandro Diz e nun tramo de Xogo da Ola, concretamente onde está a “zona azul”.

 

Por outra banda, o aparcadoiro de terra seguirá en uso. O acceso ao aparcadoiro esta sinalizado con valas e cinta para garantir a entrada e saida de vehículos.

Sergio Casal indicou que aínda será necesario que “todos nos adaptemos” pero en xeral “estou moi contento co resultado desta estrea”, concluíu o concelleiro responsable de Mercados.

Estas medidas tómanse como consecuencia das obras de humanización da rúa Manuel Rodríguez, no tramo que discorre ata a praza de San Sebastián, que teñén un prazo de execución de catro meses.

Novos contedores para o aceite usado nas parroquias e no centro

 
A Concellería de Medio Ambiente informa que comezou a instalación dos novos contedores de aceite usado que se distribuen en todas ás parroquias e no centro da vila.
 
O Concello procedeu a instalación destes contedores para a recollida de aceites vexetais usados domésticos, distribuídos polas parroquias de Atios (2 unidades), Budiño (3 unidades), Cans (1), Chenlo (1), Mosende (1), Pontellas (1), Torneiros (3) e Santa María de Porriño (11), ademais de un contedor no Punto Limpo municipal.
 
A xestión integral do residuo correrá a cargo dunha empresa externa especializada no sector. No convenio establecido coa empresa, inclúese a opción de adhesión por parte dos locais de hostalaría, colectividades e restauración para a xestión dos seus aceites vexetais usados domésticos.
 
Con esta acción o Concello de Porriño da cumprimento ao estipulado no novo marco legal autonómico sobre este fluxo residual e afonda na circularidade da súa xestión, xa que evita o seu vertido a rede de saneamento ou a súa mestura con outros residuos e facilita a súa recuperación para ser reutilizado.
 

Unha delegación de Porriño  viaxou a Cabo Verde polo proxecto EcoYouth

 

Unha delegación municipal desprazouse a Cabo Verde para participar nunha serie de sesións de traballo do proxecto “EcoYouth”, coordinado polo Concello do Porriño e financiado con fondos da Unión Europea. Trátase dunha iniciativa participada polo Instituto Porriñés de Educación Secundaria “Ribeira do Louro”, pola Universidade de Cabo Verde e por asociacións de Mozambique e Portugal. “EcoYouth” ten como obxectivo promover o empoderamento da mocidade na loita contra o cambio climático nos países participantes no proxecto.

A delegación do Concello estivo encabezada por Lourdes Moure, concelleira de Educación e integrada por Noelia de la Fuente, responsable da OMIX de Porriño e Rafael Alonso, enxeñeiro municipal. Durante a primeira xornada de traballo, a delegación porriñesa asistiu aos traballos de repoboación forestal e limpeza de praias na illa de Sao Antón realizados pola poboación autóctona en colaboración con dúas asociacións locais sen ánimo de lucro (“Amupal” e “Luipa”). Á conselleira Lourdes Moure Varela, conxuntamente con outros xefes das distintas delegacións, fai entrega da maior parte do material didáctico facilitado polo Concello.

 

Na segunda xornada da viaxe, a delegación porriñesa participou no “VI Congreso de Educación Ambiental dos Países e Comunidades de Lingua Portuguesa”.

O terceiro e último día da viaxe, acolleu a reunión de traballo final de todos os socios do proxecto “EcoYouth”. A delegación municipal participou xunto cos profesores que representaron ao IES Ribeira do Louro e con portavoces da Universidade de Cabo Verde e das asociacións ASEJANA -de Mozambique- e ASPEA -de Portugal-.

Tomáronse decisións relevantes no que atinxe ao proxecto que terán continuidade en Porriño, a desenvolverse en 2022.

Xornada de Formación sobre Compostaxe nos Centros de Ensino



O Concello de Porriño, a través da Concellería de Medio Ambiente, organizou unha Xornada de Formación sobre Compostaxe, realizada no Multiusos de Torneiros, dirixida a persoal docente e directivo de varios centros de ensino da vila que van realizar compostaxe.
Nesta quenda participaron CEIP da Ribeira; CPR Santo Tomás; ACEESCA; CPR Hermanos Quiroga e IES Ribeira do Louro.

Entregáronse composteiros polo Concello (cedidos por SOGAMA) aos centros solicitantes. A xornada impartida polo mestre composteiro Emilio Rodríguez Cochón, técnico do Concello, tivo coma finalidade estender a práctica da autocompostaxe polos centros de ensino do municipio, fomentando a prevención da xeración de residuos e así acadar unha xestión máis sostible do lixo.

A alcaldesa celebra dúas resolucións xudiciais a favor do goberno municipal

Eva Garcia, alcaldesa do Porriño celebra dúas decisións xudiciais que acaban de coñecerse esta semana e que veñen avalar actuacións do goberno municipal que ela preside. Por unha banda, o TACGAL avalou ao Concello na concesión do contrato de recollida de lixo no último concurso. E por outra banda, o Tribunal de Contas do Reino rexeitou, por terceira vez, a pretensión do portavoz municipal do PP de esixir responsabilidades económicas por contratación irregular.

CONTRATO DO LIXO

Esta semana recibiuse a resolución do Xulgado do Contencioso-Administrativo de Contratación de Galicia (TACGAL) que avala a adxudicación realizada pola mesa de contratación a favor da firma “Servizos dos Concellos Galegos”. O TACGAL desestima o recurso presentado por “Ascan Servicios Urbanos”, levantando así a suspensión que impedía a sinatura do contrato e a incorporación do novo adxudicatario.

TRIBUNAL DE CONTAS

Eva García declarouse “moi satisfeita” nada máis coñecer a resolución do Tribunal de Contas do Reino de arquivar por terceira vez a denuncia do voceiro municipal do PP, Alejandro Lorenzo. Este auto emitido o pasado 27 de outubro, volve confirmar a doutrina xurídica de que “non procede abrir unha causa xeral a esta alcaldesa, como sostén o voceiro do PP porriñés”, afirmou a rexedora.

O Tribunal de Contas do Reino “volve dicir ao portavoz do PP e, de paso, tamén ao titular do Xulgado do contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra, que unha cousa é que haxa unha incorrección administrativa en materia de contratación e, outra moi diferente, é que esta incorrección dea lugar a ter causado danos ao Concello e que en consecuencia se nos podería esixir unha responsabilidade patrimonial”, valorou Eva García.

A alcaldesa anunciou que trasladará este terceiro pronunciamento do Tribunal de Contas ao xulgado do Porriño que instrúe a causa dos desbroces “e espero que tamén produza as súas consecuencias”.

Presentado o “Pinchorriño 2021” que comezará o venres 5 con 27 establecementos participantes

A alcaldesa Eva García presidiu hoxe a presentación de “O Pinchorriño”, a décimo quinta edición das xornadas de pinchos no Porriño que arrancarán o vindeiro venres día 5, coa participación de 27 establecementos.

“Haberá unha oferta de elaboracións moi variada e tamén haberá pinchos veganos”, explicou Noelia Conde, xerente da Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (Acipor), organizadora do evento.

Noelia Conde informou de que en todos os establecementos participantes haberá uns trípticos informativos a disposición do público coa relación de pinchos e locais. O folleto tamén contén unha parte do cupón para selo con cada consumición. Con catro selos noutros tantos establecementos, o cupón cos datos persoais entrará no sorteo de catro vales de 100 euros cada un para consumir en comercios e hoteis locais.

Pola súa banda, José Manuel Fernández, presidente de “Ahospor” asegurou, en representación dos hostaleiros porriñeses, que “o regreso de Pinchorriño, como aconteceu coa recente edición da Festa dos Callos, supón a volta á normalidade despois de moito tempo. veces. difícil para este sector”.

Por último, pechou a presentación a alcaldesa chamando á participación tanto de porriñeses como de veciños do resto de concellos da área metropolitana. “É o momento de cumprir co que nos dixemos durante a pandemia: volverémonos ver nos bares e volverémonos abrazar. Pois xa é hora de comezar a pasar páxina e volver a atoparnos nos bares tomando un viño e un pincho para volver á normalidade”, proclamou a alcaldesa.

Adxuntamos enlace coa relación de establecimentos participantes, as súas direcións e os pinchos que elaborarán

Copia de Participantes XV Jornadas Pinchorriño 2021

O concelleiro e os ambulantes acordan o traslado do mercado semanal á rúa Leandro Diz, a partires do 9 de novembro

O concelleiro de Mercados, Sergio Casal e unha representación de vendedores ambulantes acordaron este mediodía trasladar o mercado semanal á rúa Leandro Diz. Concretamente no tramo da rúa Leandro Diz comprendido entre o cruce coa rúa Xogo da Ola ata a cervexería “Colleo co pinzas”.

Os postos instalaranse a ambos os dous lados da rúa, a partir do vindeiro martes, día 9. A medida tómase como consecuencia do inicio, mañá mércores 3, das obras de humanización da rúa Manuel Rodríguez, no tramo que discorre ata a praza de San Sebastián que teñén un prazo de execución de catro meses.

Sergio Casal, que tamén exerce como concelleiro responsable de Tráfico, asegurou que os días de mercado ambulante, o aparcamento de terra seguirá en uso e que, tamén garantirase o acceso de vehículos á Praza de Abastos. O concelleiro manterá unha reunión informativa este venres 5, a partir das 17.00 horas, para detallar como se repartirán os postos de venda e vehículos de traballo dos feirantes así como a regulación do tráfico na zona. O encontro celebrarase no aparcadoiro de terra, na propia rúa Leandro Diz.