O alcalde do Porriño oficia a súa voda número 500

  • Alejandro Lorenzo sopra as velas tras anos unindo parellas en hospitais, fincas e emblemáticos espazos do municipio de xeito gratuíto
  • Chegou a casar a sete parellas en 24h

O Porriño, 8 de agosto de 2026.-  Hai pouco máis dun ano, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, oficiaba 15 vodas en 15 días. Se ben é certo que aquel mes de xullo foi de récord, non hai semana na que o rexedor non case a, polo menos, unha parella. “Normalmente son máis”, explica Lorenzo, que ten como récord diario 7 vodas en 24 horas, así que non sorprende que esta fin de semana teña chegado á súa “voda 500”. Unha cifra que lle fai ilusión, porque “facer feliz á xente é unha máxima” e “que tantas parellas confíen en min para acompañalas nun momento tan especial segue a ser un orgullo persoal e institucional”, apunta. Por iso, tamén el celebrou esta cifra soprando as velas dunha torta.

Foi logo de casar a María e Gabriel. Dous mozos que se coñeceron fai cinco anos nunha asociación de Torneiros, no Porriño, e que agora emprenden unha nova etapa da súa vida. O fan “o 8 do 8, unha data que me parece máxica porque é o número infinito”, di María, aínda emocionada, asegurando que ese infinito representa o seu amor.

O que non chega ao infinito, senón que seguirá sumando, é Lorenzo, que ten programadas sete vodas máis nos próximos 15 días, rebasando axiña esta cifra redonda, a das 500 vodas, logo de casar en practicamente todos os lugares posibles. Unha das máis emocionantes e cheas de amor, explica o rexedor, foi hai pouco, no hospital Povisa. Unha parella cumpría os desexos da nai del cando apenas lle quedaban unhas horas de vida. A voda foi na habitación do hospital, ante a mirada atenta desa muller que  levou consigo o gozo de ver ao seu fillo e á súa parella unidos.

O certo é que dende que asumiu a Alcaldía en 2022, Lorenzo casou moitos lugares: en restaurantes, en fincas particulares, no concello ou baixo o Templete de San Luis, un lugar único, esencia de Antonio Palacios e unha zona recén humanizada no municipio, ideal tamén para as reportaxes fotográficas.

Tamén hai que sumar a estas 500 vodas civís a renovación dos votos, cada vez máis habitual no municipio.

Casarse no Porriño é sinxelo e gratuíto

En 2022, o Concello aprobou a supresión da taxa de 100 euros por oficiar vodas, o que facilitou o acceso a este servizo a todas as parellas. Desde entón, o número de expedientes tramitados non deixou de medrar.

“Non cremos que deban existir taxas por formalizar o amor”, explica o rexedor que, dende que entrou na alcaldía, eliminou estes impostos e deixou conxelados o resto. “A felicidade non consiste en facer o que un quere, senón en querer o que un fai”, é unha das frases que habitualmente lles lanza ás parellas, pero tamén unha premisa do propio rexedor, que este sábado, na súa voda 500, asegurou sentirse así, feliz.

“Sombra e luz”: O Porriño convida a vivir o eclipse no Faro de Budiño cunha experiencia única de natureza, ciencia e lecer

  • O Concello organiza unha programación especial o vindeiro 12 de agosto para gozar dun dos fenómenos astronómicos máis destacados do ano desde un dos mellores miradoiros naturais do municipio.

O Porriño, 6 de agosto de 2026.– O Concello do Porriño presentou esta mañá “Sombra e luz. Vive o eclipse no Faro de Budiño”, unha proposta coa que o municipio quere converter o Monte Faro de Budiño nun punto de encontro para veciñanza e visitantes durante a observación do eclipse parcial de Sol do próximo 12 de agosto.

A iniciativa nace co obxectivo de ofrecer unha experiencia que vai máis alá da propia observación do fenómeno astronómico, combinando divulgación científica, posta en valor do patrimonio natural e actividades dirixidas a toda a familia nun dos espazos máis emblemáticos do Concello.

A programación dará comezo ás 17:15 horas cun roteiro circular polo Monte Faro de Budiño, unha actividade guiada con prazas limitadas que permitirá descubrir os valores ambientais, paisaxísticos e xeolóxicos desta contorna singular.

Ás 18:15 horas desenvolverase un obradoiro infantil, tamén con inscrición previa, no que os máis pequenos poderán participar nunha actividade de pintacaras e na elaboración de chapas conmemorativas inspiradas no eclipse.

Posteriormente, entre as 19:00 e as 19:45 horas, realizarase a entrega de lentes homologadas e material divulgativo para garantir unha observación segura do eclipse, antes do inicio do fenómeno astronómico.

As persoas interesadas en participar no roteiro ou no obradoiro deberán formalizar previamente a súa inscrición no Rexistro Xeral do Concello do Porriño, de forma presencial ou telemática para garantir a seguridade e o aforo neste espazo habilitado para ese día.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que esta iniciativa supón “unha oportunidade extraordinaria para seguir dando a coñecer o enorme patrimonio natural do noso municipio a través dunha experiencia diferente, pensada para todas as idades. Queremos que O Porriño sexa un referente para vivir este eclipse e que quen nos visite descubra tamén un espazo único como é o Monte Faro de Budiño. O eclipse convértese nunha magnífica oportunidade para achegar a ciencia á cidadanía dun xeito atractivo e participativo, ao tempo que seguimos promovendo os nosos recursos naturais como espazos de encontro e desfrute responsable “

Pola súa banda, a concelleira de Turismo Vanessa Ucha, explicou que “‘Sombra e luz’ representa a nosa forma de entender a promoción turística: crear experiencias que conecten natureza, divulgación, patrimonio e convivencia. Este evento permitirá descubrir o Faro de Budiño desde unha nova perspectiva e reforza a aposta do Concello por ofrecer actividades de calidade vinculadas ao noso territorio.”

Desde o Concello recoméndase acudir con roupa cómoda e calzado deportivo e lémbrase que a observación do eclipse deberá realizarse exclusivamente mediante lentes homologadas, que serán entregadas gratuitamente durante a actividade.

O Concello do Porriño agradece a colaboración da Deputación de Pontevedra, así como a disposición da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común San Salvador de Budiño, que facilita o desenvolvemento da actividade nun enclave privilexiado para a observación deste fenómeno astronómico.

Con “Sombra e luz. Vive o eclipse no Faro de Budiño”, o Concello reafirma a súa aposta por unha programación que combina natureza, turismo, educación e divulgación científica, ofrecendo unha proposta singular para vivir un acontecemento excepcional nun dos espazos naturais máis representativos do municipio.

Bases para montar puestos de venta e atraccións para as festas do Cristo 2026

Xa está dispoñible a información oficial e a documentación requirida para a solicitude de autorizacións de postos de venda e atraccións no Porriño.

Podes acceder aos modelos e ás bases reguladoras a través das seguintes ligazóns:

 

Preme aquí para acceder ao modelo do ANEXO I, solicitude de autorización para participar na festa do Cristo 2026.

Preme aquí para acceder ás bases para montar postos de venta e atraccións para as festas do Cristo 2026 no Porriño.

O Porriño desborda festa e tradición nas súas parroquias durante todo o mes de agosto

  • O municipio desprega ao longo de todo o mes unha ampla programación con celebracións patronais, obradoiros na rúa, actividades infantís e probas deportivas

O Porriño, 31 de xullo de 2026. O mes de agosto arrinca no Porriño marcado por unha intensa axenda festiva e cultural que se estenderá polas distintas parroquias e polo centro urbano, comezando coas tradicionais festas de San Benito na parroquia de Atios, que se celebrarán durante os días 1, 2 e 3.. 

O calendario festivo continuará espallándose polas distintas parroquias e barrios do municipio ao longo de todo o mes. Tras a cita de Atios, o Centro Recreativo Cultural Mosteiro de Budiño acollerá a Xuntanza de San Salvador do 7 ao 9 de agosto, mentres que Pontellas celebrará as súas festas de Santo Paio entre o 8 e o 10. A mediados de mes, do 14 ao 16 de agosto, a actividade intensificarase coa celebración da Virxe da Guía en Atios e de San Roque en Torneiros. As citas patronais pecharanse coas festas de San Sebastián o 22 e 23 de agosto e a celebración do Neno Xesús de Chenlo o domingo 30.

A Praza Arquitecto Antonio Palacios converterase no principal punto de encontro do centro da vila. Alí, os máis pequenos poderán gozar todos os domingos de agosto, entre as cinco e as oito da tarde, de inchables e dun tobogán de auga. Ademais, quen busque manterse en forma ao ritmo da música poderá participar nas clases gratuítas de zumba que se celebrarán os martes e xoves ás nove da noite. A oferta no centro inclúe tamén outras actividades como a do sábado 22 de agosto ás oito e media da noite co espectáculo de ilusionismo “2 Ilusionistas cunhas maxias subversivas”, a cargo da Maga Fani e Martín Camiña, dentro do ciclo Cultura no Camiño.

Campionato de España de maquetas

Xunto ás opcións de lecer e tradición, o deporte de precisión terá tamén o seu espazo destacado este verán. A pista de aeromodelismo de Pontellas será a sede do Campionato de España de Maquetas nas categorías F4C, F4H e F4 Iniciación, un evento de ámbito estatal que se desenvolverá ao longo dos días 14, 15 e 16 de agosto.

 O Pleno aproba os festivos locais do Porriño para o ano 2027

  • Os festivos de San Bieito e do Cristo caerán os luns 12 de xullo e 27 de setembro, respectivamente

O Porriño, 27 de xullo de 2026.- O Pleno do Concello do Porriño aprobou hoxe, en sesión ordinaria, a proposta de designación dos dous festivos locais para o ano 2027, coincidindo coas principais celebracións patronais do municipio.

Deste xeito, os festivos locais serán o luns 12 de xullo, con motivo da festividade de San Bieito, e o luns 27 de setembro, coincidindo coa celebración das Festas do Cristo, dúas datas destacadas no calendario do Porriño.

O Porriño pecha a X edición de Porrigalia cunha gran participación nas rúas e o récord nos seus Xogos Olímpicos

  • O espectáculo SubUmbra de Troula Animación puxo o fin de festa coa devolución do bastón de mando ao alcalde, Alejandro Lorenzo.
  • Galos, castrexos, romanos, exipcios e gregos voltaron tomar as rúas nunha edición que superou os rexistros de inscritos nas probas olímpicas de adultos e no Gladiator Kids.
  • Os pregoeiros desta edición, os creadores de contido Galidrone, xa publicaron nas súas redes o reel oficial do evento.

O Porriño, 27 de xullo de 2026.— O Porriño volve á rutina semanal despois de revivir a Gran Batalla das Civilizacións durante este fin de semana. A décima edición de Porrigalia despediuse este domingo cun balance moi positivo, destacando o gran ambiente nas rúas e a alta participación da veciñanza e visitantes que se caracterizaron de galos, castrexos, romanos, exipcios e gregos.

O broche de ouro da celebración tivo lugar o domingo pola noite na Praza Arquitecto Antonio Palacios coa representación do espectáculo SubUmbra, a cargo da compañía Troula Animación. Trala actuación, celebrouse o acto simbólico de Entrega do bastón de mando, no que o Rei Castrexo (interpretado polo actor Pepo Suevos) lle devolveu o poder ao alcalde, Alejandro Lorenzo, quen o sábado fora “destronado” para dar paso á comedia e ao espírito olímpico.

Unha fin de semana de olimpíadas, historia e música

A esencia da festa volveu ser a recreación histórica combinada co deporte e a comedia. As Probas Olímpicas, motor principal do evento, acadaron este ano un récord de participacións. As diferentes delegacións mediron as súas forzas en probas de habelencia e resistencia tanto o sábado como o domingo na Praza do Cristo e na rúa Ramón González, contando ademais coa participación do propio rexedor local. 

O público infantil tamén tivo un protagonismo especial coa proba de obstáculos Gladiator Kids na Praza 8 de Marzo, que completou o seu cupo de inscritos, ademais dos obradoiros, pases de cetrería e o programa de animación ao longo da fin de semana.

No apartado social e dixital, os creadores de contido Sergio e Daya (Galidrone), encargados de dar o pregón o sábado, xa compartiron nas súas redes sociais o reel resumo cos mellores momentos da festa, levando as imaxes do Porriño a unha comunidade de máis de 200.000 seguidores. . Durante o seu discurso expresaron o orgullo de levar o nome do Porriño por todo o mundo e destacaron a calidez da súa xente. “Para nós é un orgullo enorme estar hoxe aquí. Porque vemos a sorte de percorrer medio mundo contando historias. Coñecemos lugares impresionantes. Paisaxes únicas. Cidades cheas de historia. Pero hai unha historia que sempre contamos con máis orgullo ca ningunha outra. A do Porriño”, dixeron

Trala lectura do pregón, e antes de decretar o inicio oficial dos X Xogos Olímpicos de Porrigalia, gravaron o primeiro plano dun reel que de seguro xa suma milleiros de reproduccións. Foi no momento en que o alcalde, Alejandro Lorenzo, como última vontade concedida polo Rei Casrtexo, deu paso a Charanga Caliqueños que interpretaron o Himno de Galicia para celebrar o Día de Galicia tamén na localidade. 

O Porriño prepárase para revivir a Gran Batalla das Civilizacións na décima edición de Porrigalia

  • Galos, castrexos, romanos, exipcios e gregos volven tomar as rúas esta fin de semana
  • A programación inclúe, ademais dos Xogos Olímpicos entre civilizacións, actividades infantís e moita música con Grande Amore, Traffic Hause ou Toni Lomba

O Porriño, 22 de xullo de 2026. Esta mañá tivo lugar a presentación oficial da nova edición de Porrigalia, a festa que transforma por completo o espírito do Porriño para convertelo no epicentro duns peculiares Xogos Olímpicos da antigüidade. Os vindeiros días 25 e 26 de xullo, as rúas da vila mudarán o seu aspecto habitual para transformarse nun escenario histórico e atemporal onde convivirán e rivalizarán galos, castrexos, romanos, exipcios e gregos.

Esta cita combina o rigor do deporte popular coa comedia e a recreación, animando a toda a veciñanza e visitantes a desfrutar dunha fin de semana chea de música, gastronomía e grandes espectáculos gratuítos. O alcalde, Alejandro Lorenzo, xunto  co Concelleiro de Festas, Bienvenido Estévez, destacou durante o acto o carácter participativo e colectivo da celebración, aproveitando para agradecer a implicación de asociacións, ANPAS, comerciantes e hostaleiros que fan posible que este evento siga medrando ano tras ano. Un evento que trae cultura, explicou, e tamén deporte, dous alicerces fundamentais no Porriño.

A esencia de Porrigalia reside na recreación dunha gran comedia histórica que envolve toda a programación, por iso pediron tamén a cidadanía que se caracterice para a festa. O gran fito inicial terá lugar o sábado 25 ás 11:00 horas co Gran Desfile desde San Sebastián ata a praza do Concello. Será alí onde se produza un dos momentos máis agardados e tradicionais da festa: o Destrone do Alcalde por parte do Rei Castrexo. Nun asalto cargado de humor, o Rei e o seu exército toman a vila, secuestran ao rexedor local para impoñer as súas propias normas baseadas nos cantos, os bailes, a comida e a diversión sen límites para todas as civilizacións e visitantes.

Tras este golpe de estado festivo, a orde olímpica restablécese co acendido da chama olímpica e a lectura do pregón oficial, que estará a cargo de Galidrone, é dicir, Sergio e Daya, dous porriñeses que, a través das súas redes sociais, promoven Galicia e descobren o mundo, achegando a cultura, a historia e o patrimonio de cada destino a unha comunidade de máis de 200.000 persoas.

O broche de ouro desta liña máis tradicional ou histórica poñerase coa mítica Gran Queimada a cargo do Rei Panoramix o sábado ás 22:00 horas na Praza Arquitecto Antonio Palacios, e concluirá o domingo á noite coa devolución simbólica do poder na Entrega do bastón de mando e o desfile SubUmbra. Pero mentres tanto, pasarán moitas cousas no Porriño:

Probas olímpicas

O gran motor da festa son, sen dúbida, as súas famosas Probas Olímpicas, unha competición onde as diferentes civilizacións —ataviadas coas súas túnicas, cascos e coroas de loureiro— miden as súas forzas en probas de habelencia e resistencia físicas que desatan as risas do público.

O sábado ás 19:00 horas disputaranse   na Praza do Cristo, mentres que o domingo, a partir das 11:30 horas será no mesmo emprazamento e tamén na rúa Ramón Gonzalez. As delegacións competirán nas Probas Olímpicas   tras un segundo Gran Desfile polas rúas peonís.

De 20 a 20:30 celebrarase Crossgalia na Praza do Cristo. Unha exhibición para non perderse, propia de Asterix e Obelix.

Repartirase como cada ano 500 cartóns olimpicos para que os participantes selen as probas polas que pasaron. Se completan sete probas poderán acceder a unha consumición   nalgún dos localis colaboradores (Casa di Mili, La bombonera, Paso a nivel, Safari, Secretos, Treinta y tau, Tubulart e Zentral)

Actividades infantís

Para que as e os máis pequenos poidan vivir a súa propia competición histórica, o domingo ás 18:00 horas a Praza 8 de Marzo acollerá o Gladiator Kids, unha divertida proba de obstáculos e superación para os novos atletas. Neste caso hai que apuntarse de xeito gratuíto a traves de Internet.

A oferta infantil inclúe obradoiros na Praza Antonio Palacios, pases de cetrería no Parque Templete, o show dos Bolechas o sábado e animación con pintacaras o domingo.

Moita música

A música e o ritmo serán o fío condutor que unirá todas estas actividades de mañá e de tarde. Ao longo de toda a fin de semana, formacións como a Charanga Fanfarria Furruxa, a Batucada Os Miudos, Os Caliqueños, o grupo Cantos Somos, Os Vikingos e a Charanga Vai de Baile encherán de son as rúas en pases matinais e vespertinos.

No que respecta aos escenarios principais, as actuacións divídense entre o novo espazo do Parque Pio XII e a Praza Arquitecto Antonio Palacios . Así, o sábado, teremos a partir das 19:30 a Kike Varela, Demasiadas Sombras y Pocas Luces e Toni Lomba en Pio XII. E a partir das 22:30 en Arquitecto Antonio Palacios o público poderá ver e escoitar a Grande Amore e Traffic Hause.

O domingo o relevo musical tomarao Gin Tonic’s ao mediodía, na Praza Arquitecto Antonio Palacios. Ademais teremos a proposta familiar de Pulpiño Trikisico ás 19:00 na Rúa San Benito, e o concerto de La Patrulla en Arquitecto Antonio Palacios ás 21:30h.

O fin de festa terá lugar o domingo ás 22:30h coa entrega do bastón de mando e o desfile SubUmbra de Porrigalia

O Porriño vibra con 2.500 afeccionados na vitoria de España na Final do Mundial

  • A afección porriñesa sufriu e gozou a partes iguais antes de celebrar o triunfo por 1-0 na prorroga ante Arxentina.

O Porriño, 20 de xullo de 2026. A rúa Domingo Bueno do Porriño converteuse nunha gran festa do fútbol para seguir a gran Final do Mundial entre España e Arxentina. Preto de 2.000 afeccionados congregáronse diante da pantalla xigante para vivir un encontro cheo de emoción e tensión, no que se sufriu e se gozou a partes iguais durante os 90 minutos regulamentarios e tamén na prórroga.

O momento de máxima euforia chegou, de feito, na prorroga, cando o gol da selección española selou o 1-0 definitivo que deu o título mundial a España, desatando o xúbilo entre o público. Un xúbilo que se desataba tamén co asubio final

 “Queríamos que fose unha gran festa para todos os públicos e así foi. Trasladar a pantalla á rúa Domingo Bueno foi todo un acerto para que estas 2.500 persoas pudesen gozar deste triunfo histórico con comodidade e seguridade”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo.

Abrazos, música e auga para combater a calor

Co apito final, a alegría apoderouse da rúa entre abrazos, cánticos e a música do DJ. A pesar de ser noite avanzada, os termómetros aínda marcaban 24 graos no centro do Porriño, polo que a celebración mantivo a súa enerxía ao máximo coa festa da escuma.

Para refrescar os ánimos e combater as altas temperaturas, os bombeiros sumáronse á cita lanzando auga coas súas mangueras para todos os afeccionados que quixeron sumarse ao remate dunha xornada histórica. Ademais os máis mozos participaron na festa da escuma, nun broche para unha noite única. O vermello inundou así a rúa Domingo Bueno ata a madrugada.

O Porriño volve a instalar unha pantalla xigante para ver o Munidal

  • Xa se fixo nos partidos de cuartos e semifinais cunha gran afluencia de público

O Porriño, 17 de xullo de 2026. A praza Arquitecto Antonio Palacios converterase de novo no epicentro mundialista no Porriño; centenares de persoas acudiron xa á praza para apoiar á selección española no seu partido ante Francia e celebraron o triunfo de La Roja en comunidade. O gran ambiente vivido durante toda a noite confirmou, unha vez máis, o éxito desta iniciativa impulsada polo Concello e por iso, na gran final, repítese fórmula: poderase ver o encontro na praza do Concello este   domingo 19 de xullo ás 21:00 horas. Así, toda a cidadanía terá a oportunidade de seguir en directo a gran final e de apoiar a España en comunidade, con amigos, veciños e familiares.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “Competicións como o Mundial de Fútbol son unha oportunidade para unir á veciñanza e crear momentos inesquecibles. Ver a praza cunha marea vermella animando á selección foi unha imaxe extraordinaria que esperamos repetir este domingo”.

O rexedor convidou a toda a veciñanza a participar na derradeira cita deste Mundial e animou á nosa selección: “Agardamos que o Porriño volva encher a praza para vivir unha final histórica e apoiar á nosa selección! A pola segunda estrela!”

No caso de cuartos, fixerase xa, pero no barrio de San Bieito, coincidindo coas festas.

O I Torneo de Xadrez do Porriño válido para Elo FIDE abre as súas portas a profesionais e afeccionados

  • A competición terá lugar na praza do Concello este venres 17 de xullo a partir das 19:30 horas.

O Porriño, 13 de xullo de 2026 – Este venres, 17 de xullo, as pezas de xadrez tomarán o protagonismo na praza do Concello do Porriño coa celebración do I Torneo Xadrez Concello do Porriño. Organizado en colaboración co Club Xadrez Mos, este evento promete unha tarde-noite de estratexia, emoción e moita participación cidadá.

Así, o  torneo contará con dúas modalidades claramente diferenciadas para que ninguén quede fóra. Na Categoría A será un torneo oficial válido para Elo FIDE Blitz, pensado para os xogadores máis experimentados que buscan puntuar no ránking internacional. Mentres, a Categoría B  está deseñada especialmente para os afeccionados e, de xeito moi particular, para as familias.

“É unha oportunidade xenial para os familiares que son afeccionados ao xadrez e que se pasan todo o ano acompañando aos nenos e nenas de torneo en torneo sen ter nunca a oportunidade de xogar”, explica Brais Otero, o coordinador do Clube.  Pola súa banda, o alcalde do Porriño destacou o impacto positivo que teñen estas actividades no municipio, sinalando que “eventos como este non só dan visibilidade ao xadrez, que destaca como ferramenta educativa e social, senón que tamén fomentan valores como a concentración, a toma de decisións e o respecto polo adversario”. 

Así mesmo, o rexedor reiterou o compromiso do goberno local con estas iniciativas. De feito con esta actividade o Concello da un paso máis no apoio deste deporte. Fai un ano tamén na praza  Arquitecto Antonio Palacios fíxose unha exhibición de partida simultánea. Unha actividade na que xogadores do club se enfrentaban de  maneira simultánea a todas as persoas, pequenos e maiores, que puideron poñer a proba as súas habilidades. 

 “Desde o Concello apoiamos este tipo de iniciativas que unen o deporte, a educación e a participación cidadá, e animamos a todas e todos os porriñeses a achegarse e desfrutar dunha xornada diferente e para todas as idades”. 

Horarios do Torneo

A competición desenvolverase ao longo da tarde e da noite do venres cos seguintes horarios confirmados para as partidas: 19:30, 20:00, 20:30, 21:00, 21:30, 22:00 e 22:30. O acto de clausura terá lugar ás   23:00 h.

As bases completas están na páxina web do concello ( www.oporrino.org ) Ademais, para máis información e inscricións, o club facilita o teléfono 618 873 541 e o correo electrónico clubxadrezmos@gmail.com.

Consulta as bases do torneo premendo aquí.