O Porriño Orgulloso 2026 enche de arte e reivindicación a praza Antonio Palacios

  • A música de O Xoán, o transformismo de Marlen Soto e o humor de Hermen & Gildo conquistaron ao público no día grande do Orgullo.
  • O vindeiro martes pecharase a programación coa charla de debate e reflexión “Diversidade para todes”.

O Porriño, 28 de xuño de 2026.– O Porriño Orgulloso 2026 viviu este domingo a súa xornada central mesturando música, transformismo, humor e visibilidde na praza Antonio Palacios. Cun ambiente festivo, inclusivo e reivindicativo,o municipio volveu demostrar o seu firme compromiso coa diversidade e os dereitos LGTBI+, baixo a bandeira arcoiris que desde o pasado 24 de xuño loce con orgullo na fachada da Casa Consistorial.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo destacar a importancia de manter viva esta celebración porque “ queremos unha sociedade inclusiva, plural e libre”, apuntou, engadindo que “o orgullo non só é festa, é reivindicación e é visibilidade”.

Unha noite de talento, humor e transformación

A velada do domingo arrincou a partir das 20:30 h con tres propostas escénicas de primeiro nivel que combinaron arte, risas e reflexión: Marlen Soto a recoñecida drag queen (alter ego de Oliver Santiago, un mozo de 31 anos con 12 de traxectoria exitosa nos escenarios de Canarias) abriu a noite cun espectáculo vibrante que mesturou humor, transformismo e unha forte carga reivindicativa. Logo foi o turno de Hermen & Gildo, un  dúo cómico presentou un monólogo intelixente sobre a igualdade, abordando desde a comedia a diversidade afectivo-sexual e os retos que a sociedade aínda ten por diante.A música estivo a cargo de O Xoán.  O artista galego – recente gañador do Premio Mestre Mateo a Mellor Actor polo seu papel de Castelao en Antes de Nós– foi o encargado do peche musical. Presentou en directo o seu novo single de pop electrónico en galego, “Fállame a chola”, un tema performativo e contemporáneo sobre a liberdade de non agocharse, cuxo videoclip conta coa colaboración de seis destacadas drag queens galegas (Moira Lutar, Yasmine Lutar, Syndra, Liteah, La Kristopher e Ashley Ferreira).

A programación continúa o martes

As actividades de O Porriño Orgulloso 2026 non remataron aquí. Aínda queda por diante a xornada do vindeiro martes, na que o Orgullo tomará forma de diálogo coa charla “Diversidade para todes”, unha proposta deseñada como un espazo aberto de reflexión, debate e aprendizaxe sobre identidade, diversidade e dereitos dirixida a toda a cidadanía.

O Xoán, Marlen Soto e Hermen & Gildo protagonizan o Porriño Orgulloso 2026

  • A bandeira arcoiris luce xa na fachada da Casa Consistorial
  • A programación inclúe a charla “Diversidade para todes”

O Porriño, 24 de xuño de 2026. A bandeira do Orgullo luce xa na fachada da Casa do Concello do Porriño. Un xesto de visbilidade aínda importante e sinal de que estamos na semana de O Porriño Orgulloso, que se celebrará  os días 28 e 30 de xuño de 2026, con unha programación que combina celebración, arte e reflexión en torno á diversidade e aos dereitos LGTBI+.

Así o propio domingo 28 de xuño a partir das 20:30 h, a praza Antonio Palacios acollerá unha noite especial con tres propostas escénicas: o espectáculo de Marlen Soto, humor con Hermen & Gildo e música con O Xoán.

A drag queen Marlen Soto abrirá a velada cunha actuación que mestura espectáculo, humor e reivindicación. Cando non está en escea é Oliver Santiago, un mozo de 31 anos que leva 12 no mundo do transformismos nun dos lugares onde máis triunfan, en Canarias, onde gañou diversos conrusos.

O dúo Hermen & Gildo presentará un monólogo sobre a igualdade, unha peza que aborda con intelixencia e humor a diversidade afectivo-sexual e os retos que aínda persisten.

O peche musical correrá a cargo de O Xoán, artista galego recoñecido recentemente co Premio Mestre Mateo a Mellor Actor polo seu traballo en Antes de Nós, onde deu vida a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Lonxe de contradicirse, O Xoán expande o seu universo artístico desde un pop emocional, performativo e profundamente contemporáneo.

O artista presenta en directo “Fállame a chola”, single de pop electrónico en galego sobre o desexo, a contradición e a liberdade de deixar de esconderse. A canción, lanzada ás portas do Mes do Orgullo, xa conta cun videoclip que mestura camp, humor e emoción, protagonizado xunto a seis drag queens galegas — Moira Lutar, Yasmine Lutar, Syndra, Liteah, La Kristopher e Ashley Ferreira — nunha viaxe de transformación persoal entre o exceso e a vulnerabilidade. O single foi presentado en directo no escenario de Los40 Pop Santiago antes do seu lanzamento.

O martes, o Orgullo toma forma de diálogo. A charla “Diversidade para todes” propón un espazo de reflexión e debate sobre identidade, diversidade e dereitos, dirixida a toda a cidadanía.

“Con esta programación, o Concello de O Porriño reafirma o seu compromiso cunha sociedade máis inclusiva, plural e libre”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo, que lembra que o orgullo non só e festa é  reivindicación e é visibilidade.

 

Publicación da listaxe provisional dos/as admitidos/as con campamento de Verán

Xa están dispoñibles as listaxes provisionais de admitidos/as do Campamento de Verán Corresponsables 2026 correspondentes a cada unha das semanas do programa.

Un ano máis os rapaces e rapazas de entre 3 e a 12 anos ( ambos inclusive) desconectaranse da rutina. Dende a Concellería de Igualdade do Concello do Porriño, a través do Centro de Información á Muller e co cofinanciamento da Xunta de Galicia a través do Plan Corresponsables organiza un campamento cheo de deportes e actividades ao aire libre, talleres creativos e coeducativos, piscina, música e experiecias diversas todas elas para vivilas , contalas e recordalas.

As familias poden consultar os seguintes documentos para comprobar a admisión:

  1. LISTADO DE ADMISIÓN PROVISIONAL NO CAMPAMENTO DE VERÁN 1ª SEMANA
  2. LISTADO DE ADMISIÓN PROVISIONAL NO CAMPAMENTO DE VERÁ 2 SEMANA
  3. LISTADO 3ª SEMANA DO CAMPEMENTO DE VERÁN
  4. LISTADO PROVISIONAL 4ª SEMANA DO CAMPAMENTO DE VERÁN
  5. 5ª SEMANA CAMPAMENTO VERÁN 2026 (1) 
  6. LISTADO DE PRIORIDAD DA 6ª SEMANA 
  7. LISTADO PROVISIONAL CAMPAMENTO VERÁN SEMANA 7ª 
  8. LISTADO PROVISIONAL 8ª SEMANA CAMPAMENTO DE VERÁN 
  9. LISTADO 9ª SEMANA CAMPAMENTO DE VERÁN 
  10. LISTADO 10 ª SEMANA DO CAMPAMENTO DE VERÁN 

Para calquera dúbida ou consulta, poden contactar co Centro de Información á Muller a través do correo electrónico cim@oporrino.org ou no teléfono 986 335 000.

O Porriño abre o prazo de inscrición para o Campamento de Verán Corresponsables 2026

Este luns 25 de maio ás 9:00 h ábrese o prazo de presentación das solicitudes para participar no Campamento de Verán Corresponsables 2026 . Durante toda a semana ata o luns 1 de xuño ás 8:59 h as persoas interesadas poderán presentar a inscripción por sede electrónica ou presencialmente por rexistro.

Un ano máis os rapaces e rapazas de entre 3 e a 12 anos ( ambos inclusive) desconectaranse da rutina. Dende a Concelleria de Igualdade do Concello do Porriño, a través do Centro de Información á Muller e co cofinanciamento da Xunta de Galicia a través do Plan Corresponsables organiza un campamento cheo de deportes e actividades ao aire libre, talleres creativos e coeducativos, piscina, música e experiecias diversas todas elas para vivilas , contalas e recordalas.

Duración: do 29 de xuño ao 8 de setembro distribuídas en semanas.

Horario: de 9:00 a 14:00h con aula madruga dende as 8:30 ata as 14:30 h

Para a inscrición débese cubrir e asinar a folla de inscrición debidamente ,achegando a documentación obrigatoria así como no caso de concurrir algunha circunstancia excepcional das descritas na solicitude achegar aquela que acredita a mesma.

Só as persoas que aparecen como representantes legais na solicitude e asinen a mesma poderán entregar e recoller aos participantes . As demais persoas deberán levar autorización asinada polo representante legal e pola persona autorizada xunto con copias do D.N.I de ambas.

No ten quedes sen a túa praza VIVE CON NÓS ESTA AVENTURA!

Para dubidas escribir ao correo cim@oporrino.org ou chamar ao 986335000 Ext O.

DATOS CAMPAMENTO

FOLLA DE INSCRICIÓN

 

 

O Porriño busca espazos de recreo máis inclusivos, libres de violencias e igualitarios, a través do proxecto Patios Coeducativos

  • A iniciatia realizouse en todos os colexios públicos e concertados do municipio implicando a alumnado, profesorado e familias

O Porriño, 20 de maio de 2026.  O Concello do Porriño vén de completar no CEIP Ribeira o desenvolvemento do proxecto “Patios coeducativos”, unha iniciativa que xa foi implantada nos centros nos centros educativos de Atios, Antonio Palacios, Budiño, Fernández López, Santo Tomás e Hermanos Quiroga, acadando así a súa extensión a todos os colexios do municipio.

Este programa ten como obxectivo principal transformar os patios escolares en espazos máis inclusivos, diversos e igualitarios, favorecendo unha convivencia máis respectuosa e promovendo a cultura dos bos tratos entre o alumnado. A través dunha metodoloxía participativa, o proxecto implica á comunidade educativa no seu conxunto -alumnado, profesorado e familias- para repensar os usos do patio e romper cos estereotipos de xénero que tradicionalmente condicionan estes espazos.

Entre as actuacións desenvolvidas inclúense obradoiros de sensibilización co alumnado, actividades formativas coas familias e procesos de análise e redeseño dos patios, co fin de convertelos en lugares polivalentes onde teñan cabida diferentes formas de xogo e relación.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, que participou no obradoiro que se desenvolveu na biblioteca do CEIP da Ribeira, destacou a importancia desta iniciativa “para avanzar cara unha educación en igualdade real desde as primeiras idades”. “Estamos a falar de transformar espazos cotiáns como os patios escolares en lugares que fomenten o respecto, a convivencia e a igualdade de oportunidades para todos os nenos e nenas”, sinalou.

Pola súa banda, a concelleira de Educación, Carolina González, puxo en valor o carácter participativo do proxecto: “Este programa non só cambia os patios, senón tamén a maneira de relacionarse do alumnado. Implica a toda a comunidade educativa e contribúe a construír unha sociedade máis xusta desde a base”.

O proxecto “Patios coeducativos” enmárcase nas políticas municipais de promoción da igualdade e prevención das violencias, apostando pola educación como ferramenta clave para combater estereotipos e fomentar valores como o respecto, a empatía e a inclusión.

 

Industria, automoción, loxística e enxeñería lideran os perfís máis demandados no primeiro Talent Hub de “O Porriño Conecta Talento”

  • O espazo expositivo permanecerá aberto de 09:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas, permitindo ás persoas asistentes contactar directamente coas empresas participantes, coñecer as súas ofertas e participar en procesos de selección
  • Entre as entidades participantes figuran firmas de referencia como Zendal, Magna, BorgWarner, Constellium, Unimate, Maier Ferroplast, Seur, Serveo, Mapfre, Abanca, Aimen, Ceamsa ou Citic Censa, ademais de empresas de traballo temporal
  • O Foro reúne a expertos de Recursos Humanos que darán claves de cómo enfrentarse a unha entrevista de traballo


O Porriño, 17 de maio de 2026. Máis de 50 empresas e entidades participarán o vindeiro 19 de maio no primeiro Talent Hub de O Porriño Conecta Talento, un gran encontro orientado a conectar talento e oportunidades laborais nunha contorna dinámica na que empresas e candidatos poderán establecer contacto directo, realizar entrevistas e explorar novas posibilidades profesionais.

O evento, que se desenvolverá no Polideportivo Municipal ao longo de toda a xornada, reunirá compañías de sectores estratéxicos como a automoción, industria, alimentación, loxística, servizos, banca, recursos humanos e innovación.

Entre as entidades participantes figuran firmas de referencia como Zendal, Magna, BorgWarner, Constellium, Unimate, Maier Ferroplast, Seur, Serveo, Mapfre, Abanca, Aimen, Ceamsa ou Citic Censa, ademais de empresas de traballo temporal …

O espazo expositivo Talent Hub permanecerá aberto de 09:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas, permitindo ás persoas asistentes contactar directamente coas empresas participantes, coñecer as súas ofertas e participar en procesos de selección.

Á súa chegada ao recinto, os asistentes poderán consultar no stand de Porremprego os perfís profesionais demandados por cada unha das empresas participantes e solicitar unha entrevista coa compañía do seu interese.

As citas, que serán limitadas, comezarán a asignarse a partir das 09:30 horas. No caso de non conseguir entrevista, os asistentes poderán igualmente visitar o Talent Hub e remitir directamente a súa candidatura ás empresas expositoras desde o seu dispositivo móbil mediante a captura dos códigos QR que cada compañía terá visibles no seu stand.

Entre os perfís máis demandados destacan postos vinculados á industria, automoción, mantemento industrial, robótica, soldadura, loxística, alimentación, administración, enxeñaría, telecomunicacións, comercio e atención ao cliente, entre outros.

O encontro contará tamén cunha zona de networking destinada a favorecer un contacto máis próximo entre empresas e candidatos nun ambiente distendido, promovendo a creación de conexións profesionais e novas oportunidades de emprego.

A programación complementarase con relatorios, obradoiros e conferencias centradas na orientación laboral, a formación e as necesidades actuais do mercado de traballo, coa participación de profesionais e expertos como Joaquín Dosil, Pedro Rodríguez ou Emilio Duró, que ofrecerán sesións orientadas á motivación, á empregabilidade e ao desenvolvemento persoal e profesional.

Expertos en recursos humanos darán as claves
O mercado laboral actual esixe unha conexión real entre as necesidades das empresas e o potencial dos candidatos. Ademáis da conferencia que impartirá a Universidade de Vigo, haberá unha sesión Coach con Joaquín Dosil sobre “Actitude que transforma: claves para converter metas en logros”; un obradoiro práctico impartido por Pedro Rodríguez sobre “Motivación e Habilidades para a Búsqueda de Emprego: Descubre o teu Oceano”, ou un Talent Pitch: “O teu talento en 2 minutos” . Ademais, claro, a conferencia de Emilio Duro sobre “Vivir con Sentido, Optimismo e Esperanza” .

Ademais celebrarase un Talent Briefing sobre necesidades reais de talento no mercado laboral. Nesta xornada, expertos de primeiro nivel de sectores estratéxicos como o industrial, biotecnolóxico e servizos compartirán a súa visión sobre o que as organizacións buscan hoxe en día e como os profesionais poden destacar nun proceso de selección.

Así, na mesa, que terá lugar o martes 19 de maio ás 12:30 h participarán: Ana Alonso, vicedirectora xeral en CITIC HIC Gándara Censa; Mª Eugenia Blanco, responsable de Recursos Humanos, Prevención e Medio Ambiente en Gonvarri Steel Industries; Cecilia Mariño, directora corporativa de Recursos Humanos en Zendal; Gorka Hermo, HR Manager en Constellium; Pablo Búa, director de Persoas en GANAIN; Cristian Pereyra,, HR Director de Magna e especialista en transformación organizativa e estratexia de talento; Flavia González, técnica de Selección de Persoal en Clece S.A.; Emilio Troncoso, director de Recursos Humanos de Grupo Taprega, e Jorge Trigo, director de Recursos Humanos en CEAMSA – Compañía Española de Algas Mariñas.

O obxectivo principal do encontro é desmitificar a entrevista de traballo e achegar a realidade dos despachos de selección á rúa. “Tamén as claves do que valoran as empresas”, explica Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño. Os relatores abordarán temas como as competencias máis demandadas, a importancia da actitude, a adaptación ás novas contornas dixitais e como construír unha carreira sólida na Galicia de 2026.

Este evento supón unha oportunidade única para que demandantes de emprego, estudantes e profesionais en activo coñezan de primeira man o que as empresas están a buscar “detrás do currículo”, fomentando un diálogo directo entre o talento local e os responsables de contratación.

Os horarios do Porriño Conecta Talento


09:30 h. – Recepción de asistentes
Acreditación, benvida e recollida de documentación.
09:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas. – Talent Hub
10:00 h. – Apertura e inauguración das xornadas
Acto institucional de benvida.
10:30 h. – Relatorio
“Oferta formativa Universidade de Vigo”
Relator: Área de Captación de Alumnado. Universidade de Vigo
11:00 h. – Sesión Coach
“Actitude que transforma: claves para converter metas en logros”
Imparte: Joaquín Dosil
12:30 h. – Talent Briefing: Necesidades reais de talento no mercado laboral
13:30 h. – Espazo de networking con aperitivo
Momento para xerar contactos, intercambiar ideas e oportunidades.
Tarde
16:00 h. – Obradoiro práctico
“Motivación e Habilidades para a Búsqueda de Emprego: Descubre o teu Oceano”
Imparte: Pedro Rodríguez
17:00 h. – Talent Pitch: “O teu talento en 2 minutos”
17:30 h. – Conferencia inspiradora
“Vivir con Sentido, Optimismo e Esperanza”
Relator: Emilio Duró
19.00 h. – Acto de Clausura
Peche institucional da xornada e agradecemento ás persoas participantes.

O Porriño reúne a mesa local contra a violencia de Xénero

  • A reunión técnica tivo como eixe principal a coordinación interprofesional e a análise da efectividade das intervencións. Tras revisar os datos de denuncias e medidas de afastamento, os participantes sinalaron como prioridades a prevención, a detección temperá e o control dos casos de maior vulnerabilidade

O Porriño, 11 de maio de 2026.  A Mesa Local contra a Violencia de Xénero do Porriño, na que se atopan representados todos os axentes que actúan no municipio, reuniuse hoxe para abordar de maneira conxunta diversos temas relacionados coa atención ás vítimas e a prevención da violencia machista.

A mesa estivo presidida polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e integrada por representantes da corporación municipal, corpos e forzas de seguridade adscritos ao sistema VioGén (Garda Civil e Policía Local), do centro de saúde, Subdelegación do Goberno, representantes dos centros educativos, de Servizos Sociais e do CIM.

Esta mesa, que se reunirá polo menos cada seis meses en sesión ordinaria, estará aberta á participación doutro persoal técnico do Concello no caso de que se requira a súa presenza, e tamén a unha persoa en representación de cada un dos partidos políticos con representación na corporación municipal que amosen interese e soliciten a súa participación na mesma.

A reunión técnica tivo como eixe principal a coordinación interprofesional e a análise da efectividade das intervencións. Tras revisar os datos de denuncias e medidas de afastamento, os participantes sinalaron como prioridades a prevención, a detección temperá e o control dos casos de maior vulnerabilidade.

Neste sentido, no municipio, dentro do Programa VioGén existen 55 casos activos (6 en risco medio e o resto en baixo), con 28 ordes de protección. Na provincia de Pontevedra son 1935 casos activos. Explicouse que no último ano aumentou en todo o partido xudicial o número de denuncias, de 94 a 115, “o que é un bo dato, xa que quere dicir que a información e os medios de protección están chegando ás vítimas”.

Alejandro Lorenzo, rexedor do Porriño, definiu este espazo de traballo como unha ferramenta clave para “adaptar os procedementos ás necesidades reais das vítimas”. O alcalde fixo un chamamento á implicación colectiva e á importancia de denunciar, “non só se sofren violencia machista, senón se coñecen algún caso na súa contorna”, e recoñeceu o labor fundamental que desenvolven diariamente os sectores sanitario, educativo e policial na protección das mulleres.

A maxistrada María Belén Rubido de la Torre falará da violencia dixital e os riscos dos deepfakesna vindeira xornada de Igualdade do Concello do Porriño

  • Será o xoves, 23 de abril ás 17 horas no salón de Plenos do Concello do Porriño

O Porriño, 17 de abril de 2026.– O Concello do Porriño dá continuidade ao ciclo de xornadas “Igualdade, muller e dereitos: realidades e desafíos” coa celebración da súa segunda sesión, “Mulleres novas, violencia dixital e deepfakes” que terá lugar o vindeiro 23 de abril no Salón de Plenos municipal entre as 17:00 e as 19:30 horas.

A xornada, que correrá a cargo da maxistrada María Belén Rubido de la Torre, abordará unha das problemáticas máis actuais en materia de igualdade: o impacto das novas tecnoloxías nas novas formas de violencia de xénero, especialmente entre a mocidade. Trataranse cuestións como a proliferación dos deepfakes, o acoso dixital e os retos que supón a protección dos dereitos das mulleres no ámbito tecnolóxico.

María Belén Rubido de la Torre

Maxistrada da Audiencia Provincial de Pontevedra e especializada en violencia sobre a muller, conta cunha ampla carreira xudicial desde o ano 2000. Ao longo da súa traxectoria desempeñou funcións en distintos xulgados, entre eles o Xulgado de Instrución nº 4 de Vigo e o Xulgado do Penal nº 4 de Pontevedra, este último especializado en violencia de xénero.

Ademais, foi decana dos xulgados de Pontevedra e parte da Rede de Especialistas en Igualdade do Consello Xeral do Poder Xudicial. A súa actividade profesional complétase cunha intensa labor docente e divulgativa en materia de igualdade, perspectiva de xénero, violencia sexual e trata de seres humanos, participando en cursos, congresos e formacións tanto a nivel estatal como internacional. A súa traxectoria consolídaa como a poñente ideal para esta xornada, adicada á concienciación sobre as novas formas de violencia contra a muller.

O Porriño, comprometido cos dereitos das mulleres

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou que “é fundamental abrir espazos de reflexión sobre os novos retos que afronta a igualdade, especialmente nun contexto no que as tecnoloxías están a transformar tamén as formas de violencia”. Lorenzo tamén recalcou a aposta do municipio pola divulgación e o debate nestes encontros “desde o Concello queremos pór a disposición da cidadanía todas as ferramentas de coñecemento e sensibilización que estean ao noso alcance”.

Mediante esta iniciativa o Concello do Porriño enmárcase no compromiso coa igualdade de xénero, creando espazos de concienciación nos que a cidadanía pode participar libremente. Estes encontros achegan múltiples puntos de vista que permiten afondar na desigualdade e debater sobre como afrontar os desafíos actuais nesta materia.

A participación é aberta ao público, previa inscrición, e poderá formalizarse no rexistro do Concello ou a través do correo electrónico igualdade@oporrino.org.

Con esta nova xornada, O Porriño reafirma a súa aposta por abordar cuestións clave para avanzar cara a unha sociedade máis xusta, igualitaria e respectuosa.

O Concello do Porriño organiza un curso gratuíto de defensa persoal feminina e aspectos xurídicos co maxistrado Juan José Trashorras

  • Celebrarase o vindeiro sábado 11 de abril entre as 10:00 e ás 14:00h no pavillón do CEIP Xosé Fernández López e abordará estratexias de prevención, seguridade e autoconfianza

O Porriño, 9 de abril de 2026. O Concello do Porriño, a través da concellería de Igualdade, celebra un curso de defensa persoal feminina e aspectos xurídicos, unha iniciativa gratuíta e aberta a todas as mulleres do municipio, sen necesidade de inscrición previa, co obxectivo de reforzar a súa seguridade, autonomía e benestar.

A formación desenvolverase o vindeiro sábado 11 de abril, en horario de 10:00 a 14:00 horas, no pavillón do CEIP Xosé Fernández López, e contará cunha destacada participación, a do maxistrado D. Juan José Trashorras, que achegará a súa visión experta sobre os aspectos legais vinculados á autoprotección e á violencia de xénero.

O curso está deseñado para que as mulleres desenvolvan máis confianza en si mesmas, ao tempo que aprenden a implementar estratexias de prevención e detección de situacións de perigo, integrando na súa vida diaria hábitos de seguridade que lles permitan actuar con maior tranquilidade e capacidade de resposta.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia desta iniciativa: “Este curso non só ofrece ferramentas prácticas de defensa persoal, senón que tamén nos achega coñecementos xurídicos e estratexias de prevención. O saber é poder en calquera ámbito, e nós queremos poñer a disposicion das mulleres todas as ferramentas posibles”.

O Porriño arranca a semana da Camelia coa inauguración da “Exposición A Camelia Flor das galegas e galegos”

  • A exposición estará na praza Antonio Palacios ata o 14 de abril
  • Esta fin de semana celebrarase a II Mostra da Camelia no Parque do Cristo

Martes, 7 de abril. O Concello do Porriño ven de inaugurar a mostra “A Camelia Flor das galegas e galegos”, a última oportunidade este ano de apreciar a historia e a linguaxe desta especie. Unha mostra que pode verse ata o 14 de abril na praza Antonio Palacios e na que podemos atopar múltiples curiosidades sobre esta flor unida a múltiples efemérides a nivel mundial: vencellada ao sufraxio feminino, a loita contra a escravitude no Brasil, ou, no mundo da moda, á emperatriz Sisí e a propia Channel.

Nesta exposición, a través de 16 expositores podemos adentrarnos en todas estas historias e tamén aos fermosos xardíns da Ruta da Camelia, iniciada fai 20 anos pola SEC, pola Sociedade Española da Camelia, que ademáis este 2026 está de aniversario, cumpren 25.

Na inauguración estiveron presentes o deputado provincial, Javier Tourís, Carmen Salinero, presidenta da Sociedade Española da Camelia e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo que destacou a importante tradición da Camelia na comunidade, “a súa profunda pegada cultural, histórica e mesmo social”. Neste senso agradeceu á Sociedade Española da Camelia o seu traballo incansable durante estas dúas décadas, e felicitounos polo seu 25 aniversario, que celebran este ano, “e O Porriño é o mellor lugar para celebrar unhas vodas de plata”- engadiu- convidando a toda a veciñanza “ a achegarse a esta exposicion e a descubrir as historias que agochan estas flores, así como a gozar da II Mostra da Camelia que celebraremos esta fin de semana. O Porriño segue apostando pola cultura, pola divulgación e polo orgullo do noso.”

Agradecía o rexedor tamén a colaboración da Deputacción de Pontevedra, ”polo seu apoio constante e por iniciativas tan singulares como o TéAreeiro, que demostran que Galicia pode innovar desde o que é propio” e lembraba tamén que Xunto á Deputación celébrase esta fin de semana a II Mostra da Camelia.

Neste mesmo senso Javier Tourís puña en valor o TéAreeiro que se degustou tras a presentación, “un té natural que está xa nas cartas de algún chef con Estrella Michelín”, apuntando que se asinará un convenio coa Xunta de Galicia para seguir potenciándoo. “A camelia engancha”, aseguraba Carmen Salinero, apuntando que non só é a fermosura da flor, senón os productos que dela se derivan. O té, pero tamén o aceite.

II Mostra da Camelia

A inauguración, de feito, é a antesala da A II Mostra da Camelia que terá lugar o sábado 11 de abril, de 16:00 a 20:00 h; e o domingo 12 de abril, de 10:30 a 14:00 h e de 16:00 a 20:00 h. na praza do Cristo, de novo cunha mostra de flor de diferentes expositores, a meirande parte particulares.

A inauguración oficial desta segunda edición terá lugar o propio sábado ás 12 da mañá e polo momento hai xa máis de medio cento de inscritos, de xeito que “agardamos que a mostra sexa aínda máis concurrida que a do ano pasado”, explica o concelleiro de Cultura e Fernas, Bienvenido Estévez. O prazo de inscripción estará aberto ata o xoves no departamento de cultura, no 986 33 76 24.