O Concello do Porriño vén de incorporar ao seu cadro de persoal a catro novos traballadores que reforzarán as áreas de emprego e formación, atención ao cidadán e administración xeral.
Todos eles son mozos e mozas que remataron os seus estudos hai menos de tres anos e que se atopaban en situación de desemprego.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado pola concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, deulles a benvida no seu primeiro día de traballo e púxose á súa disposición.

“O voso traballo será de gran axuda para nós e tamén para vós, xa que vos permitirá adquirir competencias e experiencia nas áreas nas que desempeñaredes o voso labor, trasmitiulles o alcalde, Benvidos ao equipo do Concello do Porriño.

Trátase de dous graduados en Dereito, unha en Economía e outro en Dirección e Xestión Pública contratados ao amparo do programa da Deputación de Pontevedra Primeira Experiencia Profesional que ten por obxecto dotar ás persoas mozas desempregadas, mediante un contrato de traballo, dunha primeira experiencia para a adquisición de competencias e habilidades sociais e profesionais.