O Porriño vibra con 2.500 afeccionados na vitoria de España na Final do Mundial

  • A afección porriñesa sufriu e gozou a partes iguais antes de celebrar o triunfo por 1-0 na prorroga ante Arxentina.

O Porriño, 20 de xullo de 2026. A rúa Domingo Bueno do Porriño converteuse nunha gran festa do fútbol para seguir a gran Final do Mundial entre España e Arxentina. Preto de 2.000 afeccionados congregáronse diante da pantalla xigante para vivir un encontro cheo de emoción e tensión, no que se sufriu e se gozou a partes iguais durante os 90 minutos regulamentarios e tamén na prórroga.

O momento de máxima euforia chegou, de feito, na prorroga, cando o gol da selección española selou o 1-0 definitivo que deu o título mundial a España, desatando o xúbilo entre o público. Un xúbilo que se desataba tamén co asubio final

 “Queríamos que fose unha gran festa para todos os públicos e así foi. Trasladar a pantalla á rúa Domingo Bueno foi todo un acerto para que estas 2.500 persoas pudesen gozar deste triunfo histórico con comodidade e seguridade”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo.

Abrazos, música e auga para combater a calor

Co apito final, a alegría apoderouse da rúa entre abrazos, cánticos e a música do DJ. A pesar de ser noite avanzada, os termómetros aínda marcaban 24 graos no centro do Porriño, polo que a celebración mantivo a súa enerxía ao máximo coa festa da escuma.

Para refrescar os ánimos e combater as altas temperaturas, os bombeiros sumáronse á cita lanzando auga coas súas mangueras para todos os afeccionados que quixeron sumarse ao remate dunha xornada histórica. Ademais os máis mozos participaron na festa da escuma, nun broche para unha noite única. O vermello inundou así a rúa Domingo Bueno ata a madrugada.

Continúa a Caravana Municipal con parada en Pontellas este xoves

●        A vindeira semana rematará esta etapa con parada en Chenlo

O Porriño, 14 de xullo de 2026. O Concello do Porriño continúa a avanzar no seu obxectivo de achegar a administración local a todas as parroquias a través da Caravana Municipal de Atención Cidadá. Esta oficina móbil, que iniciou a súa andaina na parroquia de Cans, ten programada para este xoves, 16 de xullo, a súa penúltima parada na parroquia de Pontellas, antes de poñer o broche final a esta rolda de visitas a vindeira semana en Chenlo, o xoves 23 de xullo.

Esta iniciativa, impulsada directamente polo goberno local do Porriño, busca facilitar que a veciñanza poida realizar trámites administrativos directamente desde a súa contorna, evitando así desprazamentos innecesarios ata o centro urbano.

Unha oficina integral á porta da casa

A caravana funciona como unha extensión real do propio consistorio. Grazas a ela, os residentes de cada parroquia poden realizar diversas xestións administrativas e tramitar solicitudes oficiais; acceder de forma áxil a información municipal de interese, ou presentar demandas e suxestións sen necesidade de coller o coche, coa gran vantaxe de que o equipo de goberno pode desprazarse no mesmo momento a revisar o espazo concreto obxecto da petición.

O propio alcalde, Alejandro Lorenzo, está a participar activamente nestes encontros para recoller de primeira man as necesidades de cada veciño e veciña con diversas reunións e citas en cada parroquia. Nesta campaña, o rexedor está acompañado por un amplo equipo de goberno para dar resposta inmediata ás distintas áreas.

Os veciños e veciñas poden acudir con cita previa para ter prioridade, ou achegarse ata os centros culturais onde se aparca a caravana.

Recta final do calendario de visitas

Coa parada deste xoves en Pontellas e a da vindeira semana en Chenlo, a oficina itinerante completa un intenso percorrido en horario de mañá que xa a levou a visitardesde xuño as parroquias de Cans, Atios, Mosende, Carracido , Budiño e Torneiros.

O Concello do Porriño convida a toda a veciñanza de Pontellas a achegarse este xoves á caravana para trasladar as súas consultas, propostas e xestións de maneira directa e sen intermediarios.

Centos de persoas acudiron á cita coa tradición: recadación récord na poxa de San Bieito

  •  Centos de persoas acudiron á cita coa tradición no Porriño. 

O Porriño, 11 de xullo de 2026.   O Porriño, 11 de xullo de 2026.Este 11 de xullo, día de San Bieito, celebrouse unha das datas con máis historia e devoción no municipio. A xornada estivo marcada, un ano máis, polos actos relixiosos e por unha intensa poxa que tivo lugar xusto despois da procesión.

Xunto á imaxe do santo, veciños e veciñas poxaron con entusiasmo, chegando a pagar ata 120 euros polo elemento máis prezado deste día: os acios de uvas. Estas uvas, maduras a principios do mes de xullo, representan o carácter milagreiro dun santo ao que se lle atribúe, sobre todo, a cura de afeccións da pel.

Nesta ocasión, a solidariedade tamén tivo un papel protagonista para axudar na loita contra o cancro e apoiar os pacientes que sofren esta enfermidade, xa que todo o recadado na poxa do Porriño doarase integramente á Asociación Española Contra o Cancro (AECC).

Malia que as uvas son o produto máis tradicional, este ano unha tarta que emulaba a capela de San Bieito tivo un gran éxito entre os asistentes. Grazas á xenerosidade do público, a recadación total da poxa ascendeu este ano a 886 euros.

“É unha das tradicións máis arraigadas do Porriño”, explicou o alcalde da localidade tras participar na procesión e destacar o gran ambiente e a implicación dos veciños.

Pese a intensa calor, foron moitas as persoas as que se quedaron a puxar: aceites, ovos, prantas…. Unha xornada tamén para gozar da música da Coral e da Banda que celebraban o seu 30 e 10 aniversario respectivamente.

A programación continúa  

Sábado 11 de xullo

    • 20:00 h – Misa na igrexa de Santa María.
  • 20:00 h – Concerto especial polo 30º Aniversario da Coral Polifónica EMMUS e o 10º Aniversario da Agrupación Musical do Porriño.
  • 21:30 h – Actuación da orquestra Salsarena na Praza de San Sebastián.
  • 23:45 h – Sesión discoteca a cargo de Disquetoca e DJ Places.

Domingo 12 de xullo

  • 20:00h Consertasso na horta con Brais das Hortas para toda a familia
  • 21:30 h – Actuación da orquestra Miramar para pechar as festas.

O Concello do Porriño convida a toda a cidadanía a participar activamente nestas festas, agradecendo a colaboración da Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián e de todas as entidades que fan posible esta celebración ano tras ano.

 

Sindicatos e concesionaria do lixo do Porriño alcanzan un preacordo e suspenden a folga prevista para esta semana

  • Tras semanas de mediación, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, asegura que é unha boa nova para a cidadanía e tamén para os traballadores

O Porriño, 8 de xullo de 2026. Suspendida a folga do lixo no Porriño tras un preacordo asinado entre a empresa concesionaria e os sindicatos, e tras semanas de mediación por parte do Concello que, malia tratarse dun problema estritamente interno da empresa, decidiu interceder para defender o interese xeral da cidadanía e evitar o grave prexuízo que un paro de cinco días suporía para a salubridade das rúas. Así, o alcalde mantivo reunións tanto coa empresa como con representantes sindicais ata acadar este compromiso.

“En xeral é unha boa nova para a cidadanía do Porriño e tamén para os traballadores”, declarou Alejandro Lorenzo, alcalde do municipio, “satisfeito porque isto supón poder evitar unha folga e tamén poder mellorar os salarios dos traballadores e traballadoras nun servizo que non se vai interromper”. Neste senso, agradeceu á plantilla que traballa no servizo e á empresa o achegamento de posturas.

O Concello licita a segunda fase da ampliación do Auditorio que sumará un novo anfiteatro e unha cafetería ao aire libre

  • A actuación, cun prazo de execución máximo de 7 meses, está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
  • O proxecto inclúe a creación dun anfiteatro con 25 novas butacas —que completará o aforo global ata as 350 prazas—, unha sala de exposicións e a urbanización integral da parcela.

O Porriño, 29 de xuño de 2026. O Concello do Porriño continúa a avanzar de xeito firme na modernización e expansión das súas infraestruturas culturais. Así, acabanse de licitar as obras correspondentes ao “Proxecto de ampliación do auditorio para unha nova sala de exposicións e anfiteatro”

Esta importante intervención arquitectónica, que se desenvolverá na rúa Xosé Fernández López , constitúe a segunda fase do gran complexo sociocultural do Porriño.

Máis espazo e mellores dotacións

A finalidade principal desta ampliación é enriquecer a axenda social e cultural do concello dotándoo de espazos versátiles, modernos e accesibles. O novo volume edificado conectará directamente co auditorio que actualmente se atopa en fase de construción.

Entre as principais novidades destaca a creación dun anfiteatro con capacidade para 25 novas butacas orientado cara ao escenario principal, o que permitirá elevar a capacidade total do conxunto ata as 350 prazas. Un deseño que explicou o alcalde, se fixo co asesoramento da artista porriñesa Janeth Novás. Así mesmo, dotarase ao complexo dunha sala de usos múltiples e exposicións na cota superior que servirá de acceso accesible mediante unha rampla , ademais de aseos adaptados, almacén e unha pequena zona de cociña.

Cafetería ao aire libre na cuberta

Outro dos grandes atractivos do deseño arquitectónico, asinado pola arquitecta Estefanía Grandal Leirós , é o aproveitamento da súa cuberta plana. Nela configurarase unha terraza que se converterá nunha gran cafetería ao aire libre. Un espazo único no Porriño, cunhas vistas privilexiadas do centro urbano.  Un entorno que servirá para grandes eventos pero tamén como novo espazo de lecer para a cidadanía.

“Coa licitación desta segunda fase, O Porriño dá un salto cualitativo na súa oferta cultural. Non só ampliamos o espazo físico do Auditorio ata as 350 prazas, senón que creamos un punto de encontro vivo, moderno e accesible para todos os veciños e veciñas”, asegura o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo.

Integración urbana e sostibilidade

O deseño persegue un estrito diálogo visual e volumétrico cos edificios lindeiros (o Centro Cultural e a Biblioteca Municipal, construídos  en Rosa Porriño). Así, para o novo volume utilizarase un revestimento exterior de fachada ventilada en chapa de zinc de cor marrón, logrando unha imaxe limpa e contemporánea.

Ademais, os traballos contemplan a urbanización integral de toda a parcela exterior (duns 500 metros cadrados) para xerar un contorno peonil de calidade, totalmente accesible e que facilitará o acceso ordenado de vehículos para as tarefas de carga e descarga de material escénico , ademais de acondicionar unha nova rúa perpendicular que dará acceso ao montacargas municipal. En materia de sostibilidade, a nova infraestrutura adoptará os máximos criterios de eficiencia enerxética mediante un sistema de climatización por bomba de calor aerotérmica.

Coa apertura deste proceso de licitación pública, a  o municipio prepárase para dar un salto de calidade cualitativo que situará ao Porriño na vangarda das dotacións culturais e de lecer da contorna.

Os traballos, que ascenden a 737.291,87 € ,  licitaranse mediante un procedemento aberto e contarán cun prazo máximo de execución de 7 meses a partir da súa adxudicación. A obra enmárcase dentro dos programas cofinanciados pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O Xoán, Marlen Soto e Hermen & Gildo protagonizan o Porriño Orgulloso 2026

  • A bandeira arcoiris luce xa na fachada da Casa Consistorial
  • A programación inclúe a charla “Diversidade para todes”

O Porriño, 24 de xuño de 2026. A bandeira do Orgullo luce xa na fachada da Casa do Concello do Porriño. Un xesto de visbilidade aínda importante e sinal de que estamos na semana de O Porriño Orgulloso, que se celebrará  os días 28 e 30 de xuño de 2026, con unha programación que combina celebración, arte e reflexión en torno á diversidade e aos dereitos LGTBI+.

Así o propio domingo 28 de xuño a partir das 20:30 h, a praza Antonio Palacios acollerá unha noite especial con tres propostas escénicas: o espectáculo de Marlen Soto, humor con Hermen & Gildo e música con O Xoán.

A drag queen Marlen Soto abrirá a velada cunha actuación que mestura espectáculo, humor e reivindicación. Cando non está en escea é Oliver Santiago, un mozo de 31 anos que leva 12 no mundo do transformismos nun dos lugares onde máis triunfan, en Canarias, onde gañou diversos conrusos.

O dúo Hermen & Gildo presentará un monólogo sobre a igualdade, unha peza que aborda con intelixencia e humor a diversidade afectivo-sexual e os retos que aínda persisten.

O peche musical correrá a cargo de O Xoán, artista galego recoñecido recentemente co Premio Mestre Mateo a Mellor Actor polo seu traballo en Antes de Nós, onde deu vida a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Lonxe de contradicirse, O Xoán expande o seu universo artístico desde un pop emocional, performativo e profundamente contemporáneo.

O artista presenta en directo “Fállame a chola”, single de pop electrónico en galego sobre o desexo, a contradición e a liberdade de deixar de esconderse. A canción, lanzada ás portas do Mes do Orgullo, xa conta cun videoclip que mestura camp, humor e emoción, protagonizado xunto a seis drag queens galegas — Moira Lutar, Yasmine Lutar, Syndra, Liteah, La Kristopher e Ashley Ferreira — nunha viaxe de transformación persoal entre o exceso e a vulnerabilidade. O single foi presentado en directo no escenario de Los40 Pop Santiago antes do seu lanzamento.

O martes, o Orgullo toma forma de diálogo. A charla “Diversidade para todes” propón un espazo de reflexión e debate sobre identidade, diversidade e dereitos, dirixida a toda a cidadanía.

“Con esta programación, o Concello de O Porriño reafirma o seu compromiso cunha sociedade máis inclusiva, plural e libre”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo, que lembra que o orgullo non só e festa é  reivindicación e é visibilidade.

 

O Porriño convoca as becas Antonio Palacios á excelencia académica para os mellores expedientes da PAU

  • O Concello destinará un total de 4.500 euros para recoñecer o esforzo e o talento do alumnado empadroado no municipio que acade as mellores cualificacións nas probas de acceso á universidade.

O Porriño, 22 de xuño de 2026 – O Concello do Porriño volve apostar polo recoñecemento ao talento e ao esforzo dos seus mozos e mozas. O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) publicou hoxe a nova convocatoria de premios dirixidos aos estudantes do municipio que obteñan un rendemento excelente nas Probas de Acceso á Universidade (PAU) deste ano 2026.

Cun investimento total de 4.500 euros, a administración local concederá un total de 15 premios de 300 euros cada un para as notas máis destacadas do expediente académico.

Requisitos para os aspirantes

Para poder optar a un destes recoñecementos, o alumnado debe cumprir os seguintes requisitos:

  • Empadroamento: Estar empadroado/a no termo municipal do Porriño.
  • Nota mínima: Ter participado na presente convocatoria da PAU 2026 e acadar unha nota mínima de 8,50 puntos na fase xeral (obrigatoria) do exame.

Prazo e presentación de solicitudes

O prazo para presentar a documentación e o anexo incluído na convocatoria será de quince días hábiles, contados a partir   deste martes 23 de xuño (o día seguinte ao da publicación do extracto no BOPPO).

As solicitudes deberán tramitarse xunto co correspondente modelo oficial que aparece nas bases:

BASES REGULADORAS – BILINGUE

Listaxe definitiva de admitidos e admitidas no Campamento de Verán 

Podes consultar a continuación a listaxe de admitidos e admitidas nas diferentes quendas do Campamento de Verán do Concello do Porriño.

LISTADO 10 ª SEMANA CAMPAMENTO DE VERÁN

LISTADO 9ª SEMANA CAMPAMENTO DE VERÁN

LISTADO 8ª SEMANA CAMPAMENTO DE VERÁN (1)

LISTADO 7ªSEMANA CAMPAMENTO VERÁN

LISTADO 6ª SEMANA CAMPAMENTO DE VERÁN

LISTADO 5ª SEMANA CAMPAMENTO VERÁN

LISTADO 4ª SEMANA CAMPAMENTO DE VERÁN

LISTADO 3ª SEMANA DO CAMPAMENTO DE VERÁN

LISTADO 2ª SEMANA CAMPAMENTO VERÁNLISTADO

1ª SEMANA CAMPAMENTO DE VERÁN (2)

O Concello abre o prazo para solicitar postos de venda e nas Festas de San Bieito e Porrigalia

  • Poderán presentarse solicitudes de participación do 15 ao 26 de xuño ás 14:00 horas no caso de San Bieito, ata o 3 de xullo ás 14:00 horas no caso de Porrigalia para participar no gran mercado temático da festa

O Porriño, 12 de xuño de 2026.- O Concello do Porriño afronta un mes de xullo cheo de actividades: entre elas San Bieito que se celebrará a fin de semana do 10 ao 12 de xullo, e de Porrigalia que se desenvolverá do 24 ao 26.

Así, acaban de publicarse as bases que regulan a adxudicación, instalación e funcionamento temporal de postos de venda, atraccións e casetas con motivo das Festas de San Bieito 2026, abrindo o prazo para que as persoas e empresas interesadas poidan presentar as súas solicitudes.

O período de presentación permanecerá aberto desde o 15 de xuño ata o 26 de xuño ás 14:00 horas, ambos incluídos, podendo realizarse a través do Rexistro Xeral do Concello, da sede electrónica municipal ou por calquera dos medios previstos na normativa administrativa vixente.

As autorizacións permitirán a instalación de atraccións, quioscos, postos de alimentación, artesanía e venda variada durante a celebración das festas, que terán lugar entre os días 10 e 12 de xullo de 2026.

No caso de Porrigalia, ábrese tamén  o prazo para a presentación de solicitudes para a instalación de postos de venda no recinto de Porrigalia 2026, que terá lugar os días 24, 25 e 26 de xullo. O período de presentación permanecerá aberto desde o 15 de xuño ata o 3 de xullo ás 14:00 horas, ambos incluídos.

Postos dispoñibles e adxudicación

O Concello porá á disposición dos solicitantes 10 carpas e 20 postos de madeira, que serán adxudicados por rigorosa orde de entrada no rexistro. As solicitudes que non obteñan posto inicialmente pasarán a formar parte dunha listaxe de reserva para cubrir posibles vacantes. A relación provisional de admitidos publicarase o 3 de xullo e a listaxe definitiva farase pública a partir do 8 de xullo.

Os postos autorizados poderán ofrecer produtos de alimentación tradicional, artesanía, demostracións de oficios artesanais e antigüidades, sempre respectando o carácter histórico e cultural da celebración.

Como presentar a documentación

A documentación poderá entregarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica municipal. O Concello lembra que as solicitudes deberán estar correctamente cubertas para seren admitidas.

Podes acceder ás bases de presentación para as solicitudes dos postos de venda de Porrigalia premendo aquí.

Preme aquí para acceder ás bases para a instalación de postos de venda e atraccións en San Bieito 2026.

O Concello abre o prazo para solicitar os postos de venda de Porrigalia 2026 

  • As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes entre o 15 de xuño e o 3 de xullo ás 14:00 horas para participar no gran mercado temático da festa 

O Concello do Porriño abre o prazo para a presentación de solicitudes para a instalación de postos de venda no recinto de Porrigalia 2026, que terá lugar os días 24, 25 e 26 de xullo. O período de presentación permanecerá aberto desde o 15 de xuño ata o 3 de xullo ás 14:00 horas, ambos incluídos.

Postos dispoñibles e adxudicación

O Concello porá á disposición dos solicitantes 10 carpas e 20 postos de madeira, que serán adxudicados por rigorosa orde de entrada no rexistro. As solicitudes que non obteñan posto inicialmente pasarán a formar parte dunha listaxe de reserva para cubrir posibles vacantes. A relación provisional de admitidos publicarase o 3 de xullo e a listaxe definitiva farase pública a partir do 8 de xullo.

Os postos autorizados poderán ofrecer produtos de alimentación tradicional, artesanía, demostracións de oficios artesanais e antigüidades, sempre respectando o carácter histórico e cultural da celebración.

Horario de funcionamento

Os postos de venda desenvolverán a súa actividade durante os días 24, 25 e 26 de xullo de 2026. O horario de funcionamento establecido será de 10:00 a 01:00 horas o venres 24 sábado 25 e de 10:00 a 00:00 horas o domingo 26, debendo permanecer abertos durante todo o horario autorizado para garantir a correcta dinamización do recinto e a oferta comercial do evento. 

Como presentar a documentación

A documentación poderá entregarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica municipal. O Concello lembra que as solicitudes deberán estar correctamente cubertas para seren admitidas. 

Podes acceder ás bases de presentación para as solicitudes dos postos de venda de Porrigalia premendo aquí.