Lume pon o foco no talento e a inclusión laboral tras tres anos de Formación Dual Adaptada

A Xornada de Talento e Inclusión Laboral reuniu no Porriño a aprendices, empresas, CEEIs e representantes institucionais para compartir experiencias e favorecer novas oportunidades laborais.

O Porriño, 7 de outubro de 2026. Lume e Aceesca celebraron este mércores, en colaboración con IN-REDE, a “Xornada de Talento e Inclusión Laboral: Encontros colaborativos entre CEEIs e Empresas”, un encontro enmarcado no programa da Rede Eusumo que reuniu a aprendices, profesionais, empresas, entidades e representantes das administracións para poñer o foco no talento e avanzar na xeración de novas oportunidades laborais.

A xornada enmárcase na recta final das Formacións Duais Adaptadas de Lume, nas que participan 17 aprendices con discapacidade intelectual e que continuarán ata xaneiro de 2027. Durante estes case tres anos desenvolvéronse dous itinerarios formativos (Operacións Básicas de Restaurante e Bar e Actividades Auxiliares de Viveiros, Xardíns e Centros de Xardinería), baixo unha metodoloxía baseada en aprender facendo e no contacto con contornas reais de traballo.

Esa aprendizaxe ten agora a mirada posta no futuro laboral. Fabián Fernández, un dos aprendices, resúmeo cunha petición directa ao tecido empresarial: “Gustaríame traballar nunha empresa ordinaria. Diríalles ás empresas que confíen en nós”.

Da formación ao emprego

Un dos momentos centrais do encontro foi a mesa redonda “A experiencia en primeira persoa: da formación ao emprego”, na que aprendices, profesionais e familias compartiron diferentes perspectivas sobre estes tres anos de Formación Dual Adaptada e sobre o paso da formación ao mercado laboral.

O diálogo permitiu poñer sobre a mesa o valor dos apoios, a experiencia adquirida en contextos laborais reais e a importancia da colaboración coas empresas para que as competencias desenvolvidas durante a formación poidan transformarse en oportunidades de emprego.

A Xornada contou tamén coas intervencións de Dolores Fernández, presidenta de IN-REDE; Doménico Tinelli, xerente de IN-REDE; e Ángeles Leirós, xerente de Lume e Aceesca.

Empresas, entidades e administracións, ante un reto común

A xornada reuniu a representantes do tecido empresarial e social e das diferentes administracións, con presenza de alcaldes e alcaldesas de municipios da contorna.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “a formación abre portas”, augurando que “con este compromiso, dedicatoria e sobre todo con este talento, esas portas se abrirán de par en par”, desexando que tamén, coa axuda das administracións, se sigan abrindo vías para todos os proxectos que teñen Aceesca e Lume. Neste sentido, apuntou que xa non se estaba a falar de “aprendices, senón de profesionais” e animou ás empresas presentes a apostar por eles.

O encontro contou así mesmo coa presenza de Ana Ortiz, delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, e Marta Mariño, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, xunto a representantes doutras institucións, reforzando a importancia da colaboración entre administracións, entidades e empresas para avanzar cara a un mercado laboral con máis oportunidades para as persoas con discapacidade intelectual.

Desde Lume aproveitouse ademais a xornada para reivindicar a necesidade de dar continuidade a iniciativas como a Formación Dual Adaptada e facer un chamamento ás administracións para que este modelo poida seguir desenvolvéndose no futuro.

Neste sentido, Ángeles Leirós, xerente de Lume e Aceesca, sinalou que “non basta con falar de inclusión laboral. Para que exista de verdade necesitamos oportunidades, empresas comprometidas e administracións que aposten por dar continuidade a modelos de formación que están a demostrar o seu valor”.

Porque avanzar cara á inclusión laboral require algo máis que compartir un obxectivo común: require recursos, políticas e accións concretas que permitan xerar oportunidades e soster no tempo os proxectos que as fan posibles.

Máis aló de facer balance do camiño percorrido, Lume quixo aproveitar o encontro para mirar cara ao seguinte paso: achegar o talento das persoas participantes ao tecido empresarial e seguir construíndo, xunto a empresas e administracións, novas oportunidades de inclusión laboral.

O Concello do Porriño pon a disposición da veciñanza un modelo de alegacións contra o proxecto da liña de alta tensión

O Porriño, 6 de outubro de 2026. O Concello do Porriño pon a disposición da veciñanza os medios para achegar as alegación á  alternativa elexida da nova liña eléctrica de alta tensión a 220 kV “Atios-Pazos de Borbén”, promovida por Red Eléctrica de España. Un trazado que discurre case na  súa totalidade por monte comunal e parcelas rústicas entre Cans e Santa María do Porriño, no entorno da Risca. 

Esta medida ten como obxectivo facilitar que os particulares e colectivos do municipio poidan formalizar o seu rexeitamento ao trazado aéreo proxectado. O modelo de alegacións está dispoñible en formato descargable aquí:

Para resolver calquera dúbida sobre a cumprimentación ou presentación do documento, o Concello organizará unha xuntanza informativa o vindeiro mércores 14 de outubro na Asociación de Veciños de Cans. Na xuntanza participarán técnicos municipais para prestar asesoramento directo á veciñanza. O prazo para a presentación de alegacións permanecerá aberto ata o 20 de outubro.

O Concello do Porriño acondiciona o entorno do Complexo Deportivo e cobre as súas pistas de pádel para garantir o seu uso durante todo o ano

  • A actuación supuxo a construción duna nova estrutura de cuberta de 634 m2 para protexer as dúas pistas exteriores e as súas zonas de paso.
  • Coa nova iluminación as pistas amplían o seu horario ata ás 23h
  • Creáronse novos espazos verdes, a instalación duna fachada vexetal na piscina para gañar eficiencia enerxética e a mellora da accesibilidade.

O Porriño, 5 de outubro de 2026. — O Concello do Porriño rematou as obras de remodelación e mellora do entorno do Complexo Deportivo Municipal na Rúa Doadores de Sangue, así como os traballos de cubrición das súas pistas de pádel exteriores, permitindo dende agora a súa utilización polos veciños e veciñas en calquera época do ano e independentemente das condicións meteorolóxicas. Esta obra incluiu ademais nova iluminación o que permitirá a partires de xa ampliar o horario das pistas deportivas ata ás 23h (ata o de agora o horario remataba ás 21:30h).

A intervención, contou investimento de contrata de 448.968,48 euros conta cun cofinanciamiento a través do II PEID da Deputación de Pontevedra e  tivo como obxectivo principal optimizar o uso das instalacións deportivas municipais e modernizar o seu contorno.

“Seguimos mellorando os espazos deportivos do centro e das parroquias. Esta obra súmase ás que estamos acometendo no campo do Pontellas, ou no Lourambal,  facendo que o deporte base teña ferramentas pero tamén aquelas persoas que queren practicar deporte”. As pistas, informou o alcalde, seguirán sendo gratuítas. 

A través do teléfono 986.34.44.20, pódense reservar as pistas de pádel, ou presencialmente na Piscina municipal.

 Cuberta integral para o uso continuado do pádel

A principal actuación consistiu na instalación duna nova estrutura metálica e panel que cobre unha superficie total de 634 m2. Esta cuberta protexe integralmente as dúas pistas de pádel (de 287,80 m2 cada unha) e os seus corredores perimetrais de circulación. O deseño mantén o carácter ventilado e ao aire libre das pistas, pero protexe aos xogadores e xogadoras da choiva e das condicións adversas, incrementando de xeito notable as horas de utilización das pistas ao longo do ano.

Ademais a nova iluminación colocada nestas cubertas permite o seu uso máis alá do solpor, e o Concello do Porriño marcou xa un novo horario que se extende ata ás 23:00h.

As obras inclúen tamén o acondicionamento do chan do ximnasio e a mellora do teito do pavillón 2, optimizando as condicións de seguridade e confort nunhas instalacións moi utilizadas por usuarios de todas as idades

Fachada vexetal e mellora do contorno urbano

En canto á reordenación exterior, levouse a cabo a rexeneración das zonas axardinadas e a reestruturación dalgunhas prazas de aparcadoiro para crear novos espazos verdes e zonas de descanso dotadas de bancos. “Queremos humanizar cada espazo do Porriño, para que as persoas poidan desfrutar deles, non é só un lugar de paso, é o sitio onde pais e nais agardan a que rematen os entrenos”.

Entre as novidades destaca a instalación duna fachada ou muro vexetal na cristalera da fachada sur da piscina municipal. Este xardín vertical conta con sistema de rego propio e cumpre unha dobre función: actuar como barreira de control solar e térmico para mellorar a eficiencia enerxética do recinto da piscina, ao tempo que garante unha maior intimidade protexendo o interior da vista dos espectadores.Prantáronse tamén sobre xardiñeiras árbores que dean sombra a este espazo.

Accesibilidade garantida

Para facilitar un acceso cómodo e sen barreiras ás novas pistas e ao resto do complexo, executouse un novo pavimento continuo de formigón e habilitouse unha rampla accesible cun 8% de pendente, equipada con dobre pasamáns e zócalo de protección.

Coa conclusión destas obras, o Concello pon a disposición da cidadanía un complexo deportivo máis moderno, sostible e adaptado ás necesidades de práctica deportiva durante os doce meses do ano.

A antiga escola unitaria de Chenlo reabre as súas portas transformada nun novo espazo cultural e comunitario

O Porriño, 5 de outubro de 2026. — A antiga escola unitaria de Chenlo xa está lista para volver a acoller vida no seu interior. Tras a finalización dos traballos de rehabilitación e mellora, o histórico inmoble reabre oficialmente as súas portas convertido nun espazo cultural e social de uso comunitario ao servizo de toda a veñanza.

A intervención, que contou cun investimento municipal de case 50.000 euros, permitiu recuperar e modernizar un edificio clave para a memoria colectiva do Porriño, adaptándoo ás necesidades actuais e garantindo a súa plena accesibilidade e eficiencia.

Unha instalación moderna, accesible e eficiente

Coa conclusión das obras, o inmoble conta agora cun salón de actos ampliado e acondicionado para acoller eventos de gran formato, reunións e actividades multitudinarias. Así mesmo, os traballos permitiron renovar por completo a instalación eléctrica, as canalizacións e a fontanaría interior, ademais de impermeabilizar o tellado e eliminar as vellas humidades.

A reforma inclúe tamén a eliminación de todas as barreiras arquitectónicas nos accesos e no interior do local, garantindo un espazo cen por cento inclusivo. Os baños foron completamente reformados e adaptados á normativa vixente de accesibilidade e confort.

Reencontro interxeneracional e dinamización veciñal

Coa súa reapertura, o novo centro social de Chenlo volverá reunir a nenos, nenas, mozos e maiores. A partir de agora, as instalacións acollerán unha ampla programación de cursos, obradoiros, exposicións e encontros veciñais destinados a dinamizar a vida social e cultural da parroquia.

Desde o Concello do Porriño destacan que a finalización desta obra cumpre co obxectivo de devolverlle o protagonismo a un patrimonio fundamental da parroquia, dándolle un novo uso público sen perder a súa esencia comunitaria.

Esta actuación súmase a outras iniciativas de recuperación de escolas unitarias do municipio, como a de Pontellas —rehabilitada como escola infantil— ou a de Covelo, en Atios, destinada a centro de día, consolidando a aposta municipal pola posta en valor do patrimonio e os servizos de proximidade nas parroquias.

O Porriño pecha as Festas do Cristo revalidando o éxito da Festa dos Callos 

Servíronse  de racións na XXXIII edición nun domingo cheo de música, ciclismo e actividades para todos os públicos que puxo o broche de ouro ás celebracións da vila

O Porriño, 4 de outubro de 2026.- Sabor, tradición e o mellor ambiente nas rúas. O Porriño viviu este domingo unha das súas xornadas máis agardadas coa celebración da XXXIII Festa dos Callos, organizada por Ahospor en colaboración co Concello do Porriño. Dende o mediodía, a hostalaría local volveu ser a gran protagonista, ofrecendo a veciños e visitantes este prato emblemático con receitas únicas que volveron encher os locais da vila.

A xornada comezou ben cedo pola mañá, ás 9:00 h, coa saída da xa habitual Ruta Ciclista do Día do Ciclismo dende a Praza Arquitecto Antonio Palacios. A música non tardou en tomar o relevo coas sesións de DJs nas distintas prazas entre as 11:00 e as 15:00 h, creando o ambiente perfecto para gozar da cita gastronómica.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou o gran compromiso do sector hostaleiro e o excelente comportamento da veciñanza: “A Festa dos Callos é moito máis ca unha cita no calendario: é o gran punto de encontro do Porriño, onde se xunta a nosa gastronomía, a nosa xente e a nosa hospitalidade. Quero felicitar a Ahospor e a todos os establecementos polo seu enorme traballo para que hoxe sexa, un ano máis, un día inesquecible”.

Persoas de  Vigo, Tui ou Ponteareas, achegáronse a degustar o prato típico da capital da Louriña, unha cita indispensable do calendario gastronómico galego. 33 locais sumáronse de novo a esta iniciativa con máis de tres décadas de historia e tradición.

“Despedimos estas festas coa satisfacción do traballo ben feito e coa alegría de ver as nosas rúas cheas de vida. Grazas a todas as entidades, asociacións e participantes que fan posible que O Porriño siga a ser un referente festivo e cultural”, concluíu o rexedor.

O Concello do Porriño distribuirá 1.000 pulseiras  para previr submisións químicas e garantir uns festexos seguros

  • O dispositivo permite detectar en segundos se unha bebida foi adulterada con substancias como GHB, ketamina, burundanga ou MDMA.
  • As pulseiras repartiranse de xeito gratuíto no Punto Violeta instalado durante a fin de semana.

O Porriño, 1 de outubro de 2026. Co obxectivo de seguir garantindo que a veciñanza e os visitantes poidan gozar duns festexos tranquilos e seguros, o Concello do Porriño distribuirá esta fin de semana un total de 1.000 pulseiras durante a celebración do Recristo. Esta iniciativa busca previr posibles casos de submisión química e ofrecer unha ferramenta rápida de detección ante calquera sospeita porque, explica o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo,  ” queremos unhas festas seguras e queremos que poidan ser desfrutadas con tranquilidade”. 

Trátase duns dispositivos de protección e alerta deseñados para comprobar se unha bebida foi adulterada con algunha substancia estupefaciente. Porque ainda que a primeira fin de semana de festas non tivo ningún incidente, explica o xefe da policía local, Daniel Rodríguez, a prevención e a mellor arma. 

Cada pulseira conta con dous sensores independentes deseñados para reaccionar ante diferentes tipos de drogas:o primeiro  sensor está deseñado especificamente para a detección de GHB (éxtase líquido); e o segundo sensor reacciona ante a presenza de substancias como ketamina, burundanga ou MDMA.

O seu uso é sinxelo e rápido: basta con mollar lixeiramente a punta do dedo na bebida e depositar unha gota sobre cada un dos sensores. Se o papel reactivo cambia de forma evidente cara a unha cor máis escura, é un indicador claro de que a bebida foi adulterada.

Atención e soporte no Punto Violeta

As persoas interesadas en conseguir estas pulseiras poderán atopalas na Policía Local e no  Punto Violeta habilitado no recinto festivo. Estará o venres en Antonio Palacios, o sábado na zona de San Sebastián, e o domingo en Antonio Palacios. 

 Desde o goberno municipal apunta que ante calquera dúbida, sospeita ou situación de risco, pódese acudir directamente aos profesionais do Punto Violeta ou contactar de inmediato coa Policía Local ou co servizo de emerxencias 112.

Coa posta en marcha desta medida, o Concello reafirma o seu compromiso coa seguridade de todas as persoas que participen na festa, lanzando unha mensaxe clara e directa a toda a veciñanza: “Querémosvos seguras”.

Celta Integra Zelnova crea unha nova escola no Porriño

Este mércores presentouse no campo de fútbol Lourambal a nova Escola Celta Integra Zelnova de Aceesca, unha iniciativa orientada a promover a inclusión social, a saúde e a autonomía persoal das persoas con discapacidade intelectual a través do fútbol. O acto comezou cunha sesión de adestramento das persoas participantes, seguida da presentación institucional da nova escola.

Esta iniciativa xorde do acordo de colaboración entre a Fundación Celta e a Asociación Empresarial da Discapacidade IN-RED, entidade da que Aceesca forma parte. Ademais, o proxecto encádrase dentro da programación conmemorativa con motivo do 10º aniversario do programa Celta Integra.

Unha nova aposta polo fútbol inclusivo

A Escola Celta Integra Zelnova contará coa participación de 18 persoas de Aceesca, con idades comprendidas entre os 15 e os 53 anos. Ao longo do ciclo 2026-2027, as persoas participantes realizarán unha sesión de adestramento semanal no Campo Municipal do Lourambal, dirixida de forma integral polo equipo de técnicos deportivos da Fundación Celta de Vigo.

A experiencia supón tamén unha oportunidade para gozar do deporte e reforzar as relacións dentro do grupo. “Gústame moito, pásoo moi ben e axúdame a relacionarme cos meus compañeiros”, explica Laura Ferreira, participante da Escola Celta Integra Zelnova.

A iniciativa pretende xerar espazos de participación a través do deporte e contribuír a eliminar barreiras e transformar a percepción social da discapacidade, poñendo en valor as capacidades e o dereito de todas as persoas a participar activamente no seu contorno.

Presentación da nova escola no Porriño

Tralo adestramento tivo lugar o acto de presentación, que contou coas intervencións de representantes da Fundación Celta, IN-RED, Zelnova Zeltia e o Concello do Porriño.

Durante a súa intervención, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo en valor a chegada do proxecto ao municipio e a traxectoria de ACEESCA: “É un orgullo ver como un proxecto tan sólido como o do Celta Integra Zelnova crece aquí, a través dunha asociación como Aceesca, que leva máis de 40 anos demostrando que esa integración é posible”.

Este modelo de colaboración impulsado no marco da alianza con IN-RED esténdese tamén á comarca do Val Miñor coa posta en marcha dunha escola similar no Centro Juan María de Nigrán.

O Concello do Porriño consegue a  titularidade da N-120 ao seu paso por Cans

  • Esta transferencia  permitirá executar obras clave de saneamento, seguridade viaria e a humanización ata a rúa Antonio Palacios
  • O acordo aprobouse no pleno ordinario deste luns

O Porriño, 30 de setembro de 2026. Tras anos de traballo e xestión, o Concello do Porriño vén de conseguir que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana lle traspase a titularidade da N-120 ao seu paso por Cans o que posibilitará ao Gobeno Municipal actuar nunha estrada que atravesa o centro da parroquia e que presenta importantes deficiencias en materia de seguridade viaria. 

Trátase do treito comprendido entre o P.K.651+200, no límite con Ponteareas, e o P.K. 653+400 que agora pasará a ser municipal. Son algo máis de dous quilómetros, unha cesión que fora solicitada formalmente xa en febreiro de 2023 e ratificada polo Pleno municipal este mesmo ano ante a falta de resposta inicial da Administración central.

Logo de máis de tres anos e diversas xestións coa Demarcación de Carreteras, o alcalde do Porriño conseguiu que o Goberno Central aceptase esta proposta de transferencia de titularidade.

Que este vial pase a ter titularidade municipal permitirá, explica Alejandro Lorenzo, acometer actuacións necesarias para mellorar os servizos básicos e a calidade de vida da veciñanza de Cans,   poderanse executar actuacións prioritarias para a seguridade viaria como a construción de beirarrúas, a creación de pasos peonís ou a mellora da iluminación pública, medidas fundamentais para garantir un tránsito seguro nunha vía cun elevado nivel de tráfico.

Ademais, permitirá  axilizar as autorizacións e coordinar mellor as obras de saneamento. Son proxectos que xa están redactados: na Graña e Sequeiras, por valor de 742.000 euros, e nos Eidos, un proxecto que ascende a 128.000 euros.

“´É unha boa nova para todas e todos os veciños de Cans e para todos os que circulan pola N-120, que o tramo sexa do Concello do Porriño permitiranos actuar nesta vía durante tanto tempo esquecida, vai ser fundamental para o desenvolvemento da zona”

Este treito precisamente é a continuidade da rúa Antonio Palacios, un espazo que o Concello proxecta humanizar coa creación dun carril bici, entre outras actuacións. 

O acordo de cesión foi ratificado este mércore  s polo pleno do Concello do Porriño.

“Seguimos mellorando a seguridade via das nosas parroquias, seguimos traballando por un Porriño mellor”, asegurou o  alcalde.

O Porriño esixe a Red Eléctrica o soterramento da nova liña de alta tensión e advirte do risco para as augas subterráneas

  • O Alcalde, Alejandro Lorenzo, presenta alegacións formais contra o proxecto da liña a 220 kV ao seu paso polo municipio, que contempla case dous quilómetros aéreos mentres que en Mos e Vigo estará soterrada e anuncia que tamén se presentarán alegacións dende o Consorcio de Augas do Louro
  • O goberno local alerta do impacto sobre o xa degradado acuífero Aluvial do Louro e sobre 17 captacións de auga potable, unha delas situada en plena zona de obras.

O Concello do Porriño amosou o seu rexeitamento frontal ao trazado aéreo da nova liña eléctrica de alta tensión a 220 kV “Atios-Pazos de Borbén”, promovida por Red Eléctrica de España  O alcalde, Alejandro Lorenzo, en representación da administración local, presentou un completo escrito de alegacións ante o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria no que solicita a paralización da autorización previa e esixe o soterramento integral do tramo de 1,89 quilómetros que discorre polo termo municipal.

Segundo recolle o documento municipal, a solución técnica actual resulta discriminatoria e incoherente xa que contempla que a totalidade da liña ao seu paso polo Porriño (entre os apoios T-50 Bis e T-7N) discorra por vía aérea afectando a parcelas de Santa María do Porriño e Cans, mentres que nos municipios veciños de Mos e Vigo o proxecto ten preto de 13 quilómetros de tramos soterrados.

Risco grave para a auga potable e o acuífero

O principal argumento técnico e ambiental esgrimido polo Concello fundamentase no impacto sobre os recursos hídricos da zona.  Así  o trazado aéreo proxectado afecta directamente a un total de 17 captacións de auga subterránea para abastecemento humano nun radio de 100 metros arredor das torres de alta tensión. O caso máis grave dáse na captación denominada Carreira 2, que se atopa fisicamente dentro da propia zona de ocupación temporal e de obras do vano entre os apoios T-50 Bis e T-1N.

Dende a Casa do Concello denúnciase que a promotora seleccionou a “Alternativa 1”, recoñecida no propio estudo como a peor opción en termos hidrolóxicos e de impacto en captacións, sen realizar unha análise hidroxeolóxica específica nin xustificar tecnicamente a ausencia de perigo para o abastecemento veciñais.

Por este mesmo motivo, Lorenzo, que é tamén Presidente do Consorcio de Augas do Louro, adiantou que dende esta entidad preesntaranse tamén alegacións.

Amparo legal na xurisprudencia europea

O escrito de alegacións fai valer a doutrina do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE), que obriga ás administracións a denegar calquera autorizacion previa cando exista risco de deterioro ou se poña en perigo a recuperación dunha masa de auga xa degradada, aplicando estritamente o principio de precaución.

Així mesmo, a administración local lembra que a xurisprudencia do Tribunal Supremo e dos Tribunais Superiores de Xustiza avala a nulidade de procedementos ambientais cando se omite un estudo real e comparativo de alternativas viables como o soterramento, ou cando se pretende diferir a avaliación do impacto hídrico a fases posteriores á aprobación do proxecto.

Apoio  ás comunidades de montes e veciños

O rexedor porriñés quixo manifestar tamén o apoio institucional expreso do Concello ás reivindicacións e alegacións que poidan presentar pola súa conta os propietarios particulares e entidades colectivas afectadas, entre as que se atópanse a Comunidade de Montes de Cans-Porriño, os Montes Veciñais de Santa María-Porriño ou a  Comunidade de Augas de Cans.

“Este Concello ten constancia da inquietude manifestada polos propietarios particulares e polas entidades representativas de intereses colectivos antes citadas. Na medida en que, como se acredita ao longo do presente escrito, tal inquietude resulta plenamente xustificada en motivos técnicos e xurídicos de peso, este Concello manifesta o seu apoio institucional expreso ás reivindicacións que aqueles veñan a formular en relación con este proxecto, comprometéndose a manter, durante o tempo que reste do período de información pública, unha canle de comunicación e colaboración activa cos propietarios, veciños e entidades afectadas, co obxecto de contribuír, na medida das súas competencias, a que as alegacións que estes formulen resulten o máis completas e fundamentadas posible.

O Concello comprométese a manter unha canle de colaboración directa cos veciños e advirte de que se reserva o exercicio de cantas accións e recursos administrativos e xudiciais sexan precisos en defensa do territorio e da calidade de vida dos veciños do Porriño.

Panorama puxo esta noite o broche de ouro á fin de semana das Festas do Cristo 

O Porriño foi esta fin de semana o epicentro da cultura, a festa e o lecer nunhas Festas do Cristo que congregaron a milleiros de persoas atraídas pola música, o humor, a programación infantil e os actos relixiosos. Unha fin de semana longa que rematou a golpe de luns —festivo na localidade— coa Orquestra Panorama dando o do de peito no aparcadoiro do Progreso, xusto no mesmo lugar onde, durante todas as xornadas, distintas xeracións se xuntaron para ver a Kate Ryan, D. Valentino ou Gabriel Fandi.

Tamén a praza do Concello foi un fervedoiro de xente cos concertos de Sés ou de Gisela, así como co espectáculo de Queimán Folk. Mentres tanto, as charangas e os cabezudos levaron o ambiente día e noite por unhas rúas ateigadas de persoas: grandes e pequenos que demostraron que setembro tamén é un mes para gozar.

A presentación do libro As aventuras de Coralita, os obradoiros infantís, Gisela que ateiguou por completo a praza do Concello, foron algunhas das citas máis destacadas para a cativada.

A procesión do domingo, coa presenza do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; a delegada da Xunta, Ana Ortiz, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, entre outras autoridades, foi o culmen dos actos relixiosos, os cales continuaron este luns coa misa de campaña.

A Coral Polifónica da EMMUS do Porriño, a Banda de Guerra da BRILAT, a Banda de Música do Porriño e o Grupo de Gaitas Arume de Malvas acompañaron a imaxe do Cristo durante os actos.

As actividades continúan

Catro intensas xornadas para gozar das actividades e das orquestras que pasaron polo Porriño, cumprindo a máxima que deixou Janet Novás no seu pregón: “que o bailar sexa o noso acto de resistencia a todo aquilo que nos quere separados, distraídos ou insensibles”.

E esa máxima continúa, porque O Porriño vive sempre dúas semanas grandes co denominado “Recristo”, que se celebrará a vindeira fin de semana cun elemento central: a gastronomía. A Festa dos Callos presentarase este martes ás 11:00 h na praza do Concello, coa presenza dos hostaleiros da vila, principal baluarte desta celebración.