O Porriño celebra os días 10 e 11 de xullo unha das súas festas patronais: a Festa de San Benito.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado por concelleiros/as e veciñas/os do barrio, presentou hoxe a programación e animou a toda a veciñanza do Porriño e dos concellos da contorna a visitar a vila e “disfrutar xunto coa xente de San Benito destas festas tan nosas e con tanto arraigo”.

A programación arrancará o luns 10 de xullo, a partir das 22 h, coa verbena a cargo do grupo Distrito 7 e a Orquestra Miramar. A música continúa o martes 11 de xullo ao mediodía, da man da Agrupación Musical do Porriño e sigue a partir das 20h coa banda de gaitas Os Zoqueiros. Xa pola noite, o Grupo Assia e o Grupo América de Vigo poñen a guinda as festas.

Como é costume, as festas estarán marcadas tamén polos actos relixiosos, que culminan o martes ás 12h na Igrexa Maior Santa María do Porriño coa misa e posterior procesión, amenizada pola banda da Agrupación Musical do Porriño. Unha vez rematada celebrarase a tradicional subasta, desta vez en beneficio da AECC.