O Concello do Porriño abre a veciñanza a nova área multideportiva do Campo da Feira cun torneo de fútbol e baloncesto

  • A actuación, realizada sobre unha superficie de 557 metros cadrados na Rúa Parque Infantil, inclúe pistas de fútbol, baloncesto 3×3 e zona biosaudable.
  • A apertura do recinto coincidiu co inicio dos torneos do campionato das Festas do Cristo.

O Porriño, 9 de outubro de 2026. — O Concello do Porriño ven de completar a posta en marcha do novo espazo público de lecer e deporte situado na Rúa Parque Infantil, na contorna do Campo da Feira. A instalación, que conta cunha superficie total de 557 metros cadrados, quedou oficialmente dispoñible para o uso da veciñanza no marco do campionato das Festas do Cristo, nun encontro no que participaron xogadores do UD Atios e do Porriño Baloncesto Base (PBB).

A intervención permitiu reconfigurar de maneira integral esta parcela municipal para poñela ao servizo da cidadanía. O recinto conta cunha pista de fútbol equipada con novas porterías de fútbol sala e balonmán, así como unha pista destinada á práctica de baloncesto 3×3 dotada dunha canastra antivandálica.

Xunto ás pistas de xogo, acondicionouse a zona biosaudable mediante a restauración e posta a punto dos elementos xa existentes, aos que se sumou unha rede perimetral de seguridade para protexer o perímetro da área deportiva.

Mellora ambiental e novos servizos

Os traballos de mellora non se limitaron á parte deportiva, senón que incluíron a instalación de novas redes de drenaxe para a evacuación pluvial, subministro de auga para rego e a colocación dunha fonte pública. Do mesmo xeito, dotouse á zona de novo mobiliario urbano —bancos e papeleiras— e cartelaría informativa.

A actuación completouse con traballos de xardinaría e paisaxismo, incorporando arborado, sebes e especies ornamentais para mellorar a integración ambiental do conxunto.

“Este proxecto forma parte dun plan máis amplo para a recuperación e ampliación progresiva do ámbito do Campo da Feira mediante a adquisición de novos terreos, co obxectivo final de dotar ao municipio de cada vez máis áreas verdes, de lecer e convivencia familiar”.

Tamén está dentro da folla de ruta de modernización das instalacións deportivas. 

En marcha as obras do Parque Eulogio Gómez Franqueira

  • O concello do Porriño informa que o parque estará pechado para o seu uso mentres duren as obras de mellora

O Porriño, 6 de outubro de 2026 — O Concello do Porriño está a levar a cabo un proxecto de mellora e acondicionamento na pista multideporte do Parque Eulogio Gómez, popularmente coñecido como o parque do Matadoiro. As actuacións contan cun orzamento total que ascende a 47.954,98 euros. Así, o Concello informa que mentres duren os traballos o parque estará pechado ao público.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Parques, Marcos Martínez, visitaron as obras, que inclúen distintas actuacións de renovación e acondicionamento da instalación, así como medidas destinadas a mellorar a seguridade do recinto. 

Renovarase o pavimento e o céspede artificial r vaise executar unha nova soleira de formigón armado de 10 cm de espesor sobre unha superficie de 255 m². Sobre esta superficie e áreas contiguas, instalarase un céspede artificial antiestático de alta resistencia. Traslas obras mellorarase tamén o  equipamento deportivo con novas mallas metálicas de fondo nas porterías, paneis de peche en taboleiro HPL e redes antivandálicas de aceiro galvanizado instaladas nas canastras. Ademais colocaranse máis de 230 m² de redes de protección de nylon de alta tenacidade para evitar a saída de balóns do recinto.

Os traballos concluirán coa limpeza integral da pista. Actuarase tamén sobre o parque de calistenia que está xunto a pista de multideportes para garantir o óptimo estado de todo o recinto. 

O Porriño aproba un orzamento ”que combina responsabilidade e ambición” 

Ascende a 26.804.967 euros, o maior da historia económica municipal, cun incremento do 28,66% respecto do exercicio anterior

O Porriño, 7 de setembro de 2026. O Concello do Porriño aprobou inicialmente este luns en pleno o Orzamento Xeral para o exercicio 2026. A cifra alcanza os 26.804.967 euros, o que supón o maior orzamento da historia económica do municipio cunha subida do 28,66% respecto ao ano anterior. Dende o goberno local subliñan que este documento certifica a recuperación da capacidade financeira do municipio despois de varios exercicios centrados na regularización e no saneamento das contas públicas tras a depuración das facturas irregulares deixadas polo anterior goberno municipal e a amortización total dos préstamos da débeda herdada, o que permite á administración local quedar libre de cargas e tutelas.

Isto permitirá, explicou en pleno o voceiro municipal, Carlos Martínez, “poñer os recursos económicos ao servizo da veciñanza”. Faise, explica a súa vez o alcalde, Alejandro Lorenzo,  “cunhas contas realistas, rigorosas e pensadas para que O Porriño siga medrando en mellores servizos, infraestruturas e espazos para a veciñanza”, apuntando que estas contas son “un exercicio de responsabilidade e ambición”. Responsabilidade, porque parte dun Concello que conseguiu sanear as súas contas, reducir as obrigas pendentes e cancelar a súa débeda financeira. E ambición, porque agora esa recuperación permítenos investir máis, mellorar os servizos públicos e atender mellor as necesidades das persoas.

As liñas mestras son claras: garantir os servizos básicos, atender ás persoas e impulsar o investimento e a transformación do municipio.

Máis de 5 millóns de euros para investimentos reais 

O capítulo de investimentos reais supera os 5 millóns de euros. A partida máis significativa, dotada con 3,9 millóns de euros, está destinada de forma íntegra ás obras de saneamento, consideradas unha infraestrutura estratéxica para o desenvolvemento do Porriño. O resto dos fondos reservarase a actuacións en vías públicas, accesibilidade, equipamentos municipais, seguridade, polígonos industriais, instalacións deportivas e educativas, rehabilitación urbana e actuacións directas nas parroquias.

No eido social e dos servizos públicos, o orzamento contempla novidades destacadas como a partida de 40.000 euros para a posta en marcha de tarxetas de alimentos destinadas a familias en situación de vulnerabilidade, ademais doutros 65.000 euros reservados para a construción da futura residencia de maiores de Torneiros.

Tamén se mantén o apoio económico ao asociacionismo, ao deporte, á cultura e ás comunidades de augas. Así, no orzamento destacan tamén as partidas nominais ás asociacións veciñais que dinamizan os diferentes núcleos de poboación do municipio, as parroquias, ou aos clubs deportivos que seguen apostando polo deporte base, inculcando os valores deportivos aos nosos nenos e nenas. Destínanse case 860.000 euros a estas diferentes entidades, entre as que se atopan tamén algunhas de marcado carácter social como COGAMI, a AECC ou DisCamino.

Ademais, o orzamento recolle tamén o novo programa de bolsas a deportistas individuais e as bolsas aos mellores expedientes académicos, “para seguir premiando o esforzo das persoas do Porriño”.

Servizos públicos fortalecidos sen subir impostos 

Pero o investimento social non se queda aquí. A xestión dos servizos municipais e o gasto corrente en bens e servizos absorberá 13,05 millóns de euros, o capítulo de maior peso económico do orzamento. Esta contía permitirá custear e ampliar prestacións como o servizo de axuda no fogar, o mantemento de centros educativos e deportivos, ou o funcionamento das novas escolas infantís. Nesta partida vai tamén a limpeza viaria ou o subministro eléctrico.

Pola súa banda, o capítulo de persoal situarase en 6,52 millóns de euros, manténdose conxeladas as retribucións e dedicacións da Corporación municipal.

Sen subidas de impostos 

Dende o goberno local remarcan que o incremento da capacidade de gasto faise “sen incrementos xeneralizados de impostos e taxas municipais”, mantendo unha fiscalidade competitiva na contorna. “Seguimos tendo as taxas máis baixas de Galicia, apostando polas nosas empresas e apostando pola nosa cidadanía para que non paguen máis pero sigan desfrutando do mellor”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo. Neste senso destaca o importante labor para conseguir captar recursos doutras administracións, explicando que a capacidade económica da vila susténtase na mellora da xestión interna e no incremento das transferencias correntes doutras Administracións -Estado, Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra-, que suman un total de 9,6 millóns de euros.

O Concello do Porriño recuperará e musealizará a ponte romana das Amíndoas

  • Esta obra enmárcase dentro dun ambicioso proxecto para evitar as inundacións e que converterá a zona nun gran parque fluvial

 

  • Este novo espazo será unha nova zona verde e unha conexión peonil entre O Porriño e Torneiros

O Porriño, 1 de agosto de 2026. O Concello do Porriño está a elaborar un ambicioso proxecto para recuperar e musealizar a Ponte romana das Amíndoas. Trátase dun importante vestixio histórico polo que discurría a vía romana e que na actualidade está escondido baixo formigón e asfalto. A intención é desfacelo desas capas de modernidade e que volva ao seu estado orixinal. É máis, o redactor do proxecto cre posible atopar e recuperar tamén parte desa vías romana  que comunicaban O Porriño coas Gándaras e tamén con Pontellas no seu camiño entre Astorga e Braga. Por iso esa ponte converterase novamente nunha ponte peonil e construirase unha nova vía paralela á actual para que pasen os vehículos. 

Esta importante intervención patrimonial está enmarcada no proxecto “De minoración das avenidas ordinarias e posta en valor da ponte das Amíndoas”. Un dos grandes proxectos do Concello do Porriño presentados ao Plan de Actuación Integrado (PAI) que cambiará por completo unha contorna que cada inverno sufre importantes inundacións.

“Trátase dun dos proxectos máis ilusionantes e importantes do noso concello”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo, que visitaba xunto a arquitecta municipal e o redactor do proxecto este espazo, engadindo que se trata de “recuperar e manter a nosa historia, cun proxecto que permitirá conectar as parroquias co casco urbano e crear máis zonas verdes que precisa o noso pobo”.

De feito, a principal actuación é aumentar a capacidade de desagüe do río, para que en época de crecida a auga non inunde esta importante zona verde do Porriño e a estrada que discorre por ela. Esta actuación farase na contorna da ponte, que se restaurará para que volva a lucir como na época romana.

Esta contorna, na actualidade cualificada como zona inundable, poderá así ser recuperada para o uso cidadán, posibilitando a creación dunha gran zona verde con acceso ao río e unha nova unión entre Torneiros e o centro urbano.

Trátase dunha aposta pola resiliencia ambiental, adaptar os espazos aos efectos do cambio climático e preparar o territorio para responder con garantías ante episodios de chuvias extremas. É precisamente por esta visión sustentable polo que o proxecto conta co apoio de fondos europeos FEDER. A Unión Europea prioriza este tipo de solucións baseadas na Natureza, que abandonan as canles de formigón para renaturalizar o río Louro, protexer a zona de Atios de futuras inundacións e recuperar o patrimonio histórico e ecolóxico do municipio.




O Concello do Porriño investirá máis de 350.000 euros na renovación das súas áreas infantís

  • Anúnciase a licitación de 11 novos parques por un investimento de 225.000 euros, que se suman aos 125.000 euros dos tres espazos de Torneiros, cuxas obras xa están en marcha

O Porriño, 28 de xullo de 2026. O Concello do Porriño dá un novo paso na modernización dos seus espazos públicos coa próxima licitación das obras de mellora de 11 parques infantís do municipio, cun orzamento total de 225.000 euros. Este novo paquete de actuacións súmase aos 125.000 euros xa licitados para a intervención nos tres parques de Torneiros, elevando o investimento total destinado á renovación e posta a punto das zonas de xogo infantís do municipio a máis de 350.000 euros.

A nova licitación de 225.000 euros permitirá extender a modernización da rede municipal de parques tanto ao casco urbano como ás distintas parroquias. Dependendo do estado das instalacións, contémplase a colocación de novos elementos de xogo ou a reparación dos existentes. Do mesmo xeito, procederase á renovación dos pavimentos continuos por superficies amortecedoras e accesibles, ao tempo que se adecuarán as zonas de descanso.

 As actuacións son diversas: no parque de Mosteiro, por exemplo, resituaranse os elementos existentes, repararase un elemento do parque biosaudable, instalarase un novo multixogo e bancos para o descanso, e cambiarase o pavimento. No parque de Carracido, ademais da instalación dunha mesa de pedra, colocarase unha tirolina e un muro de escalada. No parque de Sanguío, ademais do cambio de pavimento, instalaranse novos xogos infantís: un balancín, un tobogán e unha mesa de xogo. E así, ata 11.

Obras xa en marcha

Mentres se ultiman os trámites para lanzar a licitación dos 11 novos parques, os traballos nos tres espazos infantís de Torneiros xa se atopan en plena execución. O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Parques e Xardíns, Marcos Martínez, visitaron recentemente os avances destas obras, cuxa actuación de maior envergadura se concéntrase na Fase II, cun orzamento específico de 70.234,82 euros.

“Queremos seguir mellorando o que máis nos importa, os mais cativos e cativas”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo durante a visita, engadindo que os de Torneiros son o comezo, os primeiros espazos en mellorar con “espazos máis seguros modernos e accesibles”.

Esta intervención en Torneiros inclúe a creación dunha nova zona de xogo dotada de pavimento de céspede artificial ou a instalación duns estanque ornamental accesible de 38 metros cadrados con iluminación LED subacuática.

O Concello do Porriño transformará o Velódromo nun gran complexo de deporte urbano cun investimento de case 600.000 euros

  • O proxecto inclúe a construción dun skatepark inspirado no “Falcón Milenario” e un pumptrack para todos os niveis.
  • As obras actuarán sobre unha superficie de 2.774 m² e incluirán a reforma integral, impermeabilización e cubrición das gradas do edificio municipal.
  • O granito rosa Porriño será o material protagonista dunhas instalacións deseñadas para converter a vila nun referente dos deportes alternativos en Galicia.

O Porriño, 23 xullo de 2026 . O Concello do Porriño ven de sacar a licitación por 599.985,80 o gran proxecto de deporte urbano do Porriño. Trátase dun ambicioso proxecto para modernizar e remodelar o Velódromo Municipal, que  transformará estas instalacións -inauguradas en 1993- nunha área de deporte urbano punteira en Galicia, que combinará un skatepark, un pumptrack de última xeración e zonas de descanso integradas paisaxisticamente.

A súa construcción é, explica o alcalde, “a resposta da demanda crecente da veciñanza, especialmente da xente moza, de espazos públicos de calidade para a práctica de disciplinas alternativas, e tamén  unha aposta decidida polo turismo deportivo”

A execución deste proxecto conta cunha subvención 205.230,37 €  con cargo ao III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra. O prazo de execución será de seis meses.

Un skatepark circular de granito rosa e un pumptrack con “Wallride”

O novo complexo deportivo, cunha superficie de actuación de 2.774 m², está deseñado para garantir a evolución segura dos usuarios, desde a iniciación ata o nivel experto, en modalidades como skate, bmx, scooter e roller:

Así, construirase un Skatepark “galáctico”, con inspiración na mítica nave do “Falcón Milenario”. Trátase dunha pista circular con diferentes alturas e ramplas. O circuíto integrará de forma identitaria o granito rosa Porriño en elementos como quarters, hubbas, caixóns e pirámides, simulando os obstáculos da rúa con varandas de diversas alturas.

Ademais disporá dun Pumptrack para todos os niveis, dende iniciación ata experto en dúas liñas cheas de dubbies, mesetas e peraltes pronunciados para coller altas velocidades mediante inercias. O seu elemento máis espectacular será un “Wallride” de madeira con estrutura de aceiro nunha das curvas. Estará situado na zona sur das instalacións.

“O trazado da pista de skatepark e do pumptrack buscarán a integración de todos os usuarios  segundo a idade, modalidade e experiencia”, apunta Lorenzo. Incluirá elementos innovadores de tal modo que unha persoa menos experimentada poda acadar unha evolución superando diversas etapas dunha forma segura, ademais se aumentan as superficies de espazos públicos de calidade do Concello do Porriño.

Mellora integral do edificio e das gradas do Velódromo

O proxecto non só se centra nas pistas, senón que corrixirá os problemas de filtracións do edificio principal do Velódromo, explica o alcalde que acudiu a visitar as instalacións xunto ao concelleiro de Parques e Xardíns, Marcos Martínez. As actuacións inclúen a renovación da fachada cun sistema suspendido de placas de policarbonato celular en tres cores, a reparación dos paramentos interiores e a  impermeabilización das gradas así como a súa cubrición cunha  nova estrutura metálica e panel sándwich.

Máis espazos verdes e zonas de descanso para o acougo

O deseño tivo moi en conta a necesidade de ofrecer espazos de desconexión e convivencia. No centro das pistas situarase unha zona de descanso de 185 m2  con dúas áreas circulares, bancos corridos de formigón e fontes.

A sustentabilidade ambiental estará garantida coa creación de 185 m2 de novas zonas verdes, onde se plantarán exemplares arbóreos de gran valor estético como o arce real, carballo vermello, carballo dos pantanos, bidueiro e liquidámbar, acompañados de especies arbustivas como lavanda ou pitosporo anano. Os accesos ocuparán os 546 m2 restantes.

Con esta intervención, o Concello do Porriño non só revitaliza unha instalación histórica, senón que se ratifica con forza na ruta das áreas urbanas de referencia, ofrecendo un espazo integrador, seguro e dinamizador para todas as idades.

O Concello do Porriño licita as obras de mellora integral do entorno do local social do Casal en Budiño

  • A intervención transformará unha superficie de 3.460 metros cadrados para priorizar o uso peonil, crear un novo parque infantil, ordenar o tráfico e potenciar as zonas verdes.
  • O proxecto sae a licitación por 210,11 con IVE e un prazo de execución de seis meses.

O Porriño, 14 de xullo de 2026. O Concello do Porriño vén de sacar a licitación as obras de “Mellora do contorno do Local Social do Casal, Budiño”. Esta ambiciosa actuación supón un investimento total de  250.210,11 con IVE (subvencionado Plan+Provincia 2026-2027 da Deputación de Pontevedra) e suporá un cambio radical na contorna deste centro social, que é lugar de encontro habitual da veciñanza. Un lugar e unha asociación que levan moito tempo traballando polas persoas e cuxa contorna pasará, explica o alcalde, “a ser tamén na súa ordenación e no seu deseño, un lugar pensado para as persoas”.

Por iso, unha das principais actuacións ten que ver coa mobilidade, mellorando a seguridade viaria e gañando espazo para os peóns. Así, co obxectivo de eliminar o paso de vehículos por diante do centro social e das zonas de xogos, o tráfico rodado concentrarase de forma ordenada exclusivamente a través do camiño de Chan do Casal, na zona norte da parcela.

“Esta medida non só protexe o espazo peonil, senón que mellora substancialmente o acceso rodado diario que os veciños e veciñas teñen ás súas vivendas e propiedades particulares”, aclara o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto. O vial pavimentarase con formigón coloreado e contará con medidas de calmado de tráfico  para garantir a seguridade. Así mesmo, mellorarase notablemente a seguridade viaria no entronque coa estrada provincial EP-2405 co uso de lastras de granito silvestre, que servirán de aviso visual e sonoro para que os condutores reduzan a velocidade ao entrar na zona residencial.

Parque infantil e zona deportiva

Así mesmo, nun municipio cunha importante natalidade, prevese a adecuación dunha área de xogos infantís que dea resposta ás necesidades da poboación máis nova. En continuidade co centro social, crearanse uns 150 m² de parque de xogos. O espazo peonil ampliarase en 281 m² integrando o arborado existente con alcorques e bancos de pedra para xerar zonas de sombra. 

Ademais, renovarase a área deportiva coa substitución do pavimento da pista de deportes para garantir a seguridade na súa práctica e dotarase dun perímetro axardinado con árbores dispostas en paralelo ás vías.

Substituiranse superficies duras sen uso por novas zonas axardinadas con especies autóctonas e frondosas  de baixo consumo hídrico, mellorando así a xestión das augas pluviais.

Posta en valor do patrimonio

Ademais da reordenación urbanística, o proxecto contempla a posta en valor dos elementos senlleiros do lugar. Así dignificarase todo o contorno da igrexa e os seus elementos senlleiros.   Crearase un perímetro axardinado específico arredor do cruceiro para resgardalo do tráfico rodado, potenciando a súa visibilidade e poñéndoo en valor. Actuarase no palco da música mellorando os seus acabados e pintura, integrando todo o conxunto relixioso e festivo cun deseño harmónico.

Tamén se executará o retranqueo do muro de peche existente para ampliar a beirarrúa en coordinación cos plans da Deputación.

 “Con esta licitación, o Goberno local do Porriño quere dar resposta a unha demanda histórica da veciñanza do Casal, transformando un espazo desestruturado nun punto neurálxico de convivencia accesible, seguro, sustentable e integrador”, conclúe  o alcalde do Porriño.

O Porriño reforza a prevención de incendios nas parroquias con cinco novos efectivos

  • Catro peóns forestais e un coordinador incorpóranse a xornada completa durante nove meses para traballar na limpeza de montes e na xestión da biomasa dentro do programa “Galicia suma talento rural”.

O Porriño, 10  de xullo de 2026.  Catro peóns forestais e un coordinador, súmanse no Porriño ao  coidado do patrimonio natural e a seguridade das  parroquias. Trátanse de cinco traballadores que se incorporan á plantilla do Porriño a través  do programa “Galicia suma talento rural”.

Este equipo centrarase de xeito prioritario en tarefas vencelladas á prevención de incendios forestais nas faixas secundarias do municipio, tal e como define a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestales de Galicia. Así, farán tarefas de  control e valorización forestal en terreos municipais, e limpieza de montes e xestión da biomasa.

Durante os nove meses de contrato, potenciarase continuamente a formación das persoas contratadas. O equipo recibirá capacitación específica en aspectos clave como as tarefas de prevención, a avaliación do risco de lumes e o manexo profesional das ferramentas e da maquinaria especializada empregada nestes labores.

O alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, acompañado do concelleiro de Medio Ambiente, Carlos González mantivo un encontro cos catro peóns forestais e o coordinador mentres desempeñaban labores de desbroce en Pontellas, xunto ao campo de fútbol para coñecer de primeira man a planificación dos seus primeiros días de traballo.

“A incorporación do equipo de ‘Galicia suma talento rural’ é unha gran nova para as nosas parroquias”, asegurou o rexedor, Alejandro Lorenzo. “Cun contrato de nove meses a tempo completo, este persoal non só accede a unha oportunidade laboral estable, senón que realiza un labor crucial de prevención que nos axudará a manter os nosos montes seguros e protexidos de cara aos incendios forestais”. Tamén o concelleiro de Medio Ambiente, Carlos González, puxo o foco nesta labor de prevención fundamental para a boa saude dos montes.

Un impulso que coincide co inicio do obradoiro “Eco-Necta”

Este reforzo forestal coincide no tempo co arranque  do obradoiro dual de emprego “O Porriño Eco-Necta”, un obradoiro dual que incorpora a dez  alumnos-traballadores dedicados á conservación de montes e á limpeza de camiños en parroquias como Atios, Budiño, Cans, Chenlo, Mosende, Pontellas e Torneiros. Os outros 10 participantes céntranse na área tecnolóxica para desenvolver unha nova App municipal que mellorará a comunicación veciñal.

O Concello do Porriño licita por máis de 23.800 € o servizo de control e esterilización de colonias felinas

  • O prego recolle a posibilidade de prorrogar o contrato de forma anual por dous anos máis , ascendendo o valor estimado total do servizo ata os 59.100,00 € sen IVE.
  • Na actuaidade o concello ten un total de 286 pasaportes felinos, expedidos dende o ano 2024

O Porriño, 01 de xullo de 2026 – O Concello do Porriño volve licitar o servizo para a xestión, control sanitario e aplicación do método C.E.S. (Captura, Esterilización e Solta) nas colonias felinas do municipio. O obxectivo prioritario desta actuación é garantir o benestar animal e supervisar de xeito ético as poboacións de felinos locais.

O orzamento base de licitación aprobado ascende exactamente a 23.837,00 € co IVE incluído  para o primeiro ano de duración. O prego recolle a posibilidade de prorrogar o contrato de forma anual por dous anos máis , ascendendo o valor estimado total do servizo ata os 59.100,00 € sen IVE.

O Concello do Porriño con esta licitación non soamente está aplicando o método C.E.S. senón que da un paso máis cara ao benestar animal. E dicir, ademais de incluír a captura dos felinos para proceder a súa esterilización e posteriormente a súa devolución a colonia ou calquera outro punto determinado para a súa solta, inclúe tamén a atención veterinaria dos gatos e gatas que aparecen feridos ou enfermos. Pero isto non é todo, xa que este concello quere seguir mellorando polo que tamén inclúe a organización de talleres formativos anuais  para concienciar e informar á poboación local. “Para controlar a estas colonias é importante a colaboración de todas e de todos por iso non me quero esquecer da gran labor que fan os voluntarios e voluntarias deste municipio”, explica o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacando a importancia de esta labor de concienciación e asimilación de boas prácticas.

286 pasaportes

Explica o Concelleiro de Medio Ambiente, Carlos Porto,  que na actualidade o concello ten un total de  286 pasaportes felinos, expedidos dende o ano 2024.Isto significa que o municipio xa ten identificados, rexistrados e censados un número importante de gatos a través deste documento oficial, o cal facilita o seguimento sanitario e o control das colonias sobre o terreo dentro do marco legal de benestar animal.

De feito, no municipio están identificados os emprazamentos das principais colonias, e alí colocaranse as casetas felinas que se realizaron durante o festival “O Porriño Animal Fest”.   Os creadores Eva Casais, Emma Suárez, Anxo Facal, Xabela García Rionegro, Sheila Viqueira, Miriam Benítez, El Taller de la Musa e Bruno Vázquez xunto aos seus alumnos da Escola de Arte de Ponteareas plasmaron o seu talento sobre seis colectores que foron adaptados e transformados en casetas de refuxio para as colonias felinas do municipio. Estas pezas artísticas non só embelecerán a vila, senón que garantirán un espazo digno e seguro para os gatos comunitarios. Colocaranse nas inmediacións do Centro de saíde, na rúa Ourense (xa colocado), na zona de caravanas de Leandro Diz (xa colocado) e no Multiusos de Torneiros.

Porriño transformará o parque Alcalde Ordóñez nun referente de accesibilidade cun 70 % de financiamento da Xunta de Galicia

  • O proxecto de reforma integral, deseñado pola arquitecta María Fandiño, recuperará 2.280 metros cadrados de espazo público a través do Plan Hurbe, baseándose na economía circular, a eliminación de barreiras e a creación dun novo pulmón verde articulado en torno a unha lámina de auga central.
  • A intervención reordenará todo o enclave salvagardando a memoria histórica e a identidade do parque mediante a restauración e posta en valor de todos os seus elementos artísticos e escultóricos preexistentes.

O Porriño, 22 de xuño de 2026. O ambicioso proxecto de reforma urbana, paisaxística e de accesibilidade do do emblemático parque Alcalde Ordóñez, conta co respaldo económico da Xunta de Galicia: o Consello da Xunta ven de aprobar a súa inclusión no Plan Hurbe, e polo tanto a financiación do 70 por cento do seu coste, logo de comprobar que o proxecto busca, ademais de converter este espazo nun entorno máis verde e humano, eliminar as barreiras arquitectóncias actuais e cohesionalo no espazo no que está emprazado.

A intervención, deseñada pola arquitecta paisaxista galega María Fandiño, expón unha metamorfose integral dun espazo de 2.280 metros cadrados. O núcleo da proposta radica en dar unha resposta contemporánea ás necesidades do centro urbano, pero espectando os seus elementos máis característicos.  Asi, o novo deseño erradica as importantes barreiras arquitectónicas actuais mediante un sistema de ramplas suaves de pendentes controladas (de entre o 0,5% e o 8%), integrando de forma natural os desniveis no percorrido lúdico e de estancia do parque.

Outro dos alicerces fundamentais da obra será a aplicación de criterios de economía circular. O proxecto contempla o desmantelamento de pavimentos obsoletos e da antiga fonte de auga, pero lonxe de refugar os materiais, os formigóns limpos extraídos serán triturados in situ para conformar as novas subbases dos chans.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliña que esta reforma “non só modernizará a estética urbana da vila, senón que será un paso importante na accesibilidade, creando ademais un novo pulmón verde, un novo espazo con vexetación, chorros,  e unha lámina de auga central, salvagardando a memoria histórica do parque”. Elementos de alto valor artístico e identitario, como as dez esculturas dispostas nos muros de cantería exteriores e as dúas esculturas da fonte orixinal, serán minuciosamente protexidas, restauradas e integradas de forma harmoniosa na nova paisaxe, apuntou.

Máis vexetación e conservación de elementos artísticos

O aspecto natural e paisaxístico dará un envorco cualitativo grazas á implantación dunha densa trama de vexetación deseñada especificamente para o clima local. O novo parque contará con parterres xeométricos de plantación, taludes verdes e unha estrutura de mallas para o guiado de especies trepadoras. Este pulmón verde articularase en torno a unha lámina de auga central na que se instalarán os elementos escultóricos a preservar, concibida como o elemento dinamizador e refrescante do espazo público.

De feito, preservarase todo aquelo que caracteriza a este parque, entre elo,as dez pezas escultóricas que actualmente están integradas nos muros exteriores de mampostería. Serán restauradas e reubicadas en paramentos verticais específicos na nova configuración. Tamén as columnas de farolas. Neste caso desmontaranse e restauraranse. Tamén os báculos de iluminación ou os muros perimetrais.

Entre as incorporacións ao proxecto, ademais da eliminacion das barreiras ou aumentar as zonas verdes, está a presencia do granito para as zonas de lecer.

Cohesión urbana

Dende a súa inauguración no ano 1991, o parque experimentou un deterioro progresivo debido en gran parte ao seu deseño pechado. Pola súa ubicación, actúa case como unha barreira física que separa o centro da vila co barrio da Malladoura e xera un entorno inseguro, con baixa visibilidade e áreas de difícil acceso. Por iso, o Concello do Porriño proxectou a súa mellora, recuperando o parque para a veciñanza e convertíndoo nun pulmón verde que impulse a dinamización da zona.