O goberno municipal do Porriño, que preside Alejandro Lorenzo, levará a pleno este venres a súa proposta de Orzamento para o que resta de exercicio. Unhas contas de transición que definen marco de estabilidade que pretende ofrecer o executivo local, cunha xestión previsible e unha planificación ordenada de gastos e ingresos.

“Actuamos con responsabilidade e fuxindo de calquera populismo económico”, apuntou o alcalde, “O Porriño necesita un orzamento que atenda ás súas necesidades actuais e permita unha xestión eficiente, algo que non cumpría o prorrogado do 2018 co que traballabamos”. Puntualiza Lorenzo que, se ben falamos unhas contas realistas, tamén son ambiciosas e de marcado carácter expansivo xa que “experimentan un crecemento do 36,23% respecto do orzamento vixente. Ascenden a 19 M o que o sitúa como o máis elevado da historia deste concello”.

Este marco de estabilidade permitirá poder facer uso o que queda de ano do remanente acumulado para inversións tan necesarias como a execución de proxectos de saneamento nas parroquias, adquisición de parcelas para a creación de parques, zonas verdes ou o auditorio municipal e tamén  bonificación de impostos para que O Porriño se consolide como Concello emprendedor.

Con todo, o rexedor insistiu en que a finais deste ano presentaranse o orzamento correspondente ao exercicio 2024, no que poder dar cabida a todas as necesidades da veciñanza do Porriño.

Estabilidade e recuperación económica

As contas públicas que presenta o executivo ofrecen seguridade e estabilidade, centrándonse en consignar a dotación necesaria para poder atender os compromisos adquiridos. Trátase como xa dixemos dun orzamento de transición que contempla un incremento substancial na prestación de servizos, de maneira regulada e legal, logo de moitos anos cunha situación de ausencia total de contratos regulados, especialmente grave no caso dos servizos obrigatorios con maior custe, como son a recollida de lixo, mantemento de xardíns e desbroces, xestión da piscina ou servizo de axuda no fogar. Neste documento contémplase  un gasto corrente para atender aos contratos de servizos formalizados que representa un 57,54% do mesmo.

En canto ao gasto en persoal, hai que ter en conta que no ano 2019 aprobouse a Relación de Postos de Traballo sen contar con crédito suficiente no orzamento inicial para dar cobertura á mesma. Este orzamento recolle por fin a dotación necesaria para atender ás retribucións do persoal ao servizo do Concello incrementando esta partida nun 33,95%.

Un Goberno que coida

Desde o Goberno local seguiranse tomando todas as medidas necesarias, dentro das súas competencias, para axudar ás persoas, familias e empresas que están a ter dificultades.  Manter e reforzar os servizos sociais dotando esta área de máis persoal e orzamento para cumprir na prevención de axuda no coidado dos nosos maiores creando unha área propia ou a atención e integración social das persoas menos favorecidas, o que supón a dotación orzamentaria na asistencia social de máis 2,2 M de euros. Isto supón un incremento do 94% nesta partida.

Coidar tamén é coidarnos, polo que a aposta polo Deporte tamén se reforza cun incremento do 42,32 %.

Concello que integra cultura, educación, xuventude e infancia

Resalta na folla de ruta económica a área de Cultura. “Trátase dun valor esencial e un recurso imprescindible do desenvolvemento intelectual”, apuntou Lorenzo, “Polo que seguiremos desenvolvendo unha programación atractiva e moi pendentes da xuventude e das súas necesidades”. A tal fin esta partida increméntase nun 18,38%. Tamén se reforza o eido da Educación cun aumento do  31,25%.

Inclúense tamén novas subvencións nominativas a asociacións do eido veciñal e social que ata o de agora non contaban con achega municipal directa, como é o caso de COGAMI, AFAGA ou OSÍLICE.  Destacar neste punto que a maiores se dará cobertura a outras asociacións locais con modificacións orzamentariasque se levarán a pleno nas próximas semanas.

Sete dedicacións e soldos conxelados toda a lexislatura

No que atinxe ás retribucións dos membros do goberno local mantéñense os soldos conxelados dende o 2021, sumándose o compromiso do rexedor de non subir as súas retribucións nin as dos seus concelleiros no que resta de lexislatura, renunciando á subida que conlevaría a subida do IPC. Así, Alejandro Lorenzo seguirá a ser o alcalde con menor retribución da área metropolitana de Vigo.

Así, establécense sete dedicacións exclusivas, cun importe anual de 34.700,54 euros, ademais da alcaldía, cun importe de 39.540,20 euros.  Estes son os En canto ao persoal eventual, o rexedor configura o seu gabinete con tres prazas eventuais: Secretaria de Alcaldía e Relacións institucionais, protocolo e prensa, cun importe cada unha de 33.217,52 euros e unha de Asesoría Xurídica, cunha dotación anual de 59.830 euros. Esta nova asesoría non incrementará o gasto pois se trata dun funcionario que continuará co seu labor na administración local tras a súa xubilación no gabinete de Alcaldía.