O alcalde do Porriño oficia a súa voda número 500

  • Alejandro Lorenzo sopra as velas tras anos unindo parellas en hospitais, fincas e emblemáticos espazos do municipio de xeito gratuíto
  • Chegou a casar a sete parellas en 24h

O Porriño, 8 de agosto de 2026.-  Hai pouco máis dun ano, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, oficiaba 15 vodas en 15 días. Se ben é certo que aquel mes de xullo foi de récord, non hai semana na que o rexedor non case a, polo menos, unha parella. “Normalmente son máis”, explica Lorenzo, que ten como récord diario 7 vodas en 24 horas, así que non sorprende que esta fin de semana teña chegado á súa “voda 500”. Unha cifra que lle fai ilusión, porque “facer feliz á xente é unha máxima” e “que tantas parellas confíen en min para acompañalas nun momento tan especial segue a ser un orgullo persoal e institucional”, apunta. Por iso, tamén el celebrou esta cifra soprando as velas dunha torta.

Foi logo de casar a María e Gabriel. Dous mozos que se coñeceron fai cinco anos nunha asociación de Torneiros, no Porriño, e que agora emprenden unha nova etapa da súa vida. O fan “o 8 do 8, unha data que me parece máxica porque é o número infinito”, di María, aínda emocionada, asegurando que ese infinito representa o seu amor.

O que non chega ao infinito, senón que seguirá sumando, é Lorenzo, que ten programadas sete vodas máis nos próximos 15 días, rebasando axiña esta cifra redonda, a das 500 vodas, logo de casar en practicamente todos os lugares posibles. Unha das máis emocionantes e cheas de amor, explica o rexedor, foi hai pouco, no hospital Povisa. Unha parella cumpría os desexos da nai del cando apenas lle quedaban unhas horas de vida. A voda foi na habitación do hospital, ante a mirada atenta desa muller que  levou consigo o gozo de ver ao seu fillo e á súa parella unidos.

O certo é que dende que asumiu a Alcaldía en 2022, Lorenzo casou moitos lugares: en restaurantes, en fincas particulares, no concello ou baixo o Templete de San Luis, un lugar único, esencia de Antonio Palacios e unha zona recén humanizada no municipio, ideal tamén para as reportaxes fotográficas.

Tamén hai que sumar a estas 500 vodas civís a renovación dos votos, cada vez máis habitual no municipio.

Casarse no Porriño é sinxelo e gratuíto

En 2022, o Concello aprobou a supresión da taxa de 100 euros por oficiar vodas, o que facilitou o acceso a este servizo a todas as parellas. Desde entón, o número de expedientes tramitados non deixou de medrar.

“Non cremos que deban existir taxas por formalizar o amor”, explica o rexedor que, dende que entrou na alcaldía, eliminou estes impostos e deixou conxelados o resto. “A felicidade non consiste en facer o que un quere, senón en querer o que un fai”, é unha das frases que habitualmente lles lanza ás parellas, pero tamén unha premisa do propio rexedor, que este sábado, na súa voda 500, asegurou sentirse así, feliz.

O Porriño mellora a seguridade vial e os accesos con novos asfaltados xa en marcha

  • Xa arrancaron as obras no Camiño da Relva, mentres que os traballos no Coto do Muíño, O Regueiro e dous treitos en Contrasto comezarán nos vindeiros días.

O Porriño, 07 de agosto de 2026. O Concello do Porriño continúa avanzando no seu plan de mellora da rede viaria co obxectivo de incrementar a calidade de vida e a seguridade da veciñanza que habita no medio rural. Coa posta en marcha dun novo paquete de asfaltados cun orzamento que supera os 125.500 euros, o Concello transforma vías de terra ou en mal estado en estradas seguras e mellor sinalizadas.

O Camiño da Relva, xa en marcha

As actuacións xa son unha realidade no Camiño da Relva. Ata hai uns días, este treito era un camiño de terra que dificultaba a mobilidade diaria. Coas obras actualmente en execución, o vial pasa a contar cunha superficie asfaltada de 318 metros de lonxitude e un ancho medio de 5 metros, transformándose nun acceso totalmente accesible e cómodo para os veciños.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitou esta mañá esas obras acompañado do concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto. “Coidar as nosas parroquias é seguir traballando por mellorar a calidade de vida de quen habita nelas”, asegurou Alejandro Lorenzo, puntualizando que “isto implica mellorar as súas conexións e a seguridade viaria”. “Este camiño da Relva pasa a ser un vial asfaltado que une lugares, pero tamén persoas”, concluíu.

Próximas actuacións nas parroquias

O plan de asfaltado non se detén na Relva. Nos vindeiros días está previsto o inicio dos traballos en novos puntos clave do municipio, como no Camiño Coto do Muíño, onde se acondicionará unha vía de 368 metros de lonxitude e un ancho medio de 4,5 metros; os Camiños Contrasto 1 e 2 en Torneiros, de 64 e 66 metros respectivamente, con anchos de entre 4 e 5 metros, ou o Camiño O Regueiro, en Mosende, cunha actuación integral nun total de 128 metros, divididos en dous tramos diferenciados segundo a súa anchura.

Con estas intervencións, a intención do Goberno local do Porriño é continuar desenvolvendo este tipo de obras de mellora nas distintas parroquias, avanzando xa na preparación de novos proxectos que se atopan actualmente en fase de licitación.

O Concello do Porriño intensifica as medidas aforro de auga

  • O municipio limita os regos non esenciais, intensifica o control de fugas e pide a colaboración de veciños e empresas ante a prealerta

O Porriño, 6 de agosto de 2026. O Concello do Porriño ven de intensificar as medidas para protexer as reservas de auga do municipio. Ante a escaseza de precipitacións e altas temperaturas, o Concello puxo en marcha xa fai semanas diferentes medidas centradas na vixilanza e na xestión da rede de abastecemento, que se intensifican agora. Así, incrementouse  o control para detectar usos inadecuados ou captacións ilegais e reduciuse as presións de subministración en diversos sectores e campañas específicas para a detección e reparación de fugas. Pero ademais, deuse orde xa de limitar os regos  en parques, xardíns ou campos de fútbol xunto con outros usos considerados non esenciais.

Pediuse tamén aos grandes consumidores do municipio para que apliquen plans de redución de consumo nas súas instalacións.

Desde o Concello insístese en que a prevención e a concienciación son a clave nas vindeiras semanas se non hai precipitacións. Por iso, pídese a colaboración directa tanto das empresas como dos veciños e veciñas para adoptar hábitos de uso responsable: evitar ou limitar o rego de xardíns e zonas verdes privadas, pospoñer o lavado innecesario de vehículos, evitar o enchido de piscinas particulares ou reutilizar a auga sempre que sexa sobrible e revisar as instalacións propias para corrixir calquera pequena fuga doméstica.

As medidas adoptadas en situación de prealerta buscan anticiparse a un posible episodio de escasez máis severo, así como concienciar a empresas e cidadanía sobre a necesidade de realizar un uso eficiente e sostible da auga. Ademais, o Consorcio de Augas do Louro realizará un seguimento permanente da evolución dos recursos hídricos dispoñibles e adoptará, en coordinación coas administracións competentes, cantas medidas adicionais resulten necesarias para meirande garantía do abastecemento á poboación.

Así, trasladan consellos báiscos para a cidadanía.

  • Asegúrate de pechar ben as mecheiras/grifos e evitar goteos. Aforro estimado: ata 30 litros ao día.
  • Escolle a ducha en lugar do baño. Aforro estimado: ata 60 litros.
  • Recolle a auga mentres esperas a que saia quente ou fría e reutilízaa para outros usos. Aforro estimado: entre 15 e 25 litros por minuto.
  • Pecha a auga mentres te ensaboas ou lavas o cabelo.
  • Pecha a mecheira/grifo mentres te meadas os dentes. Aforro estimado: entre 5 e 10 litros por minuto.
  • Lava froitas e verduras nun recipiente en lugar de facelo baixo a auga corrente.
  • Utiliza a lavadora a plena carga. Aforro estimado: ata 200 litros por lavado.
  • Non utilices o inodoro como papeleira e meuda descargas innecesarias.
  • Minimiza a rega de xardíns e adapta o consumo ás necesidades reais das plantas.

“Sombra e luz”: O Porriño convida a vivir o eclipse no Faro de Budiño cunha experiencia única de natureza, ciencia e lecer

  • O Concello organiza unha programación especial o vindeiro 12 de agosto para gozar dun dos fenómenos astronómicos máis destacados do ano desde un dos mellores miradoiros naturais do municipio.

O Porriño, 6 de agosto de 2026.– O Concello do Porriño presentou esta mañá “Sombra e luz. Vive o eclipse no Faro de Budiño”, unha proposta coa que o municipio quere converter o Monte Faro de Budiño nun punto de encontro para veciñanza e visitantes durante a observación do eclipse parcial de Sol do próximo 12 de agosto.

A iniciativa nace co obxectivo de ofrecer unha experiencia que vai máis alá da propia observación do fenómeno astronómico, combinando divulgación científica, posta en valor do patrimonio natural e actividades dirixidas a toda a familia nun dos espazos máis emblemáticos do Concello.

A programación dará comezo ás 17:15 horas cun roteiro circular polo Monte Faro de Budiño, unha actividade guiada con prazas limitadas que permitirá descubrir os valores ambientais, paisaxísticos e xeolóxicos desta contorna singular.

Ás 18:15 horas desenvolverase un obradoiro infantil, tamén con inscrición previa, no que os máis pequenos poderán participar nunha actividade de pintacaras e na elaboración de chapas conmemorativas inspiradas no eclipse.

Posteriormente, entre as 19:00 e as 19:45 horas, realizarase a entrega de lentes homologadas e material divulgativo para garantir unha observación segura do eclipse, antes do inicio do fenómeno astronómico.

As persoas interesadas en participar no roteiro ou no obradoiro deberán formalizar previamente a súa inscrición no Rexistro Xeral do Concello do Porriño, de forma presencial ou telemática para garantir a seguridade e o aforo neste espazo habilitado para ese día.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que esta iniciativa supón “unha oportunidade extraordinaria para seguir dando a coñecer o enorme patrimonio natural do noso municipio a través dunha experiencia diferente, pensada para todas as idades. Queremos que O Porriño sexa un referente para vivir este eclipse e que quen nos visite descubra tamén un espazo único como é o Monte Faro de Budiño. O eclipse convértese nunha magnífica oportunidade para achegar a ciencia á cidadanía dun xeito atractivo e participativo, ao tempo que seguimos promovendo os nosos recursos naturais como espazos de encontro e desfrute responsable “

Pola súa banda, a concelleira de Turismo Vanessa Ucha, explicou que “‘Sombra e luz’ representa a nosa forma de entender a promoción turística: crear experiencias que conecten natureza, divulgación, patrimonio e convivencia. Este evento permitirá descubrir o Faro de Budiño desde unha nova perspectiva e reforza a aposta do Concello por ofrecer actividades de calidade vinculadas ao noso territorio.”

Desde o Concello recoméndase acudir con roupa cómoda e calzado deportivo e lémbrase que a observación do eclipse deberá realizarse exclusivamente mediante lentes homologadas, que serán entregadas gratuitamente durante a actividade.

O Concello do Porriño agradece a colaboración da Deputación de Pontevedra, así como a disposición da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común San Salvador de Budiño, que facilita o desenvolvemento da actividade nun enclave privilexiado para a observación deste fenómeno astronómico.

Con “Sombra e luz. Vive o eclipse no Faro de Budiño”, o Concello reafirma a súa aposta por unha programación que combina natureza, turismo, educación e divulgación científica, ofrecendo unha proposta singular para vivir un acontecemento excepcional nun dos espazos naturais máis representativos do municipio.

Bases para montar puestos de venta e atraccións para as festas do Cristo 2026

Xa está dispoñible a información oficial e a documentación requirida para a solicitude de autorizacións de postos de venda e atraccións no Porriño.

Podes acceder aos modelos e ás bases reguladoras a través das seguintes ligazóns:

 

Preme aquí para acceder ao modelo do ANEXO I, solicitude de autorización para participar na festa do Cristo 2026.

Preme aquí para acceder ás bases para montar postos de venta e atraccións para as festas do Cristo 2026 no Porriño.

O Porriño estrea unha ruta cicloturista circular de 30 km entre o río Louro, o Faro de Budiño e o Castelo de Cans

  • O percorrido conta cun tótem informativo e unha estación de autoreparación para bicicletas situados na Fonte de San Sebastián destinado tanto aos turistas como aos deportistas.

O Porriño, 5 de agosto de 2026. O Concello do Porriño suma un novo recurso ao seu catálogo de turismo sostible e deportivo coa posta en marcha da nova Ruta Cicloturista O Porriño. Trátase dun percorrido circular deseñado co asesoramento dun equipo técnico especializado, no que colaboraron activamente o deportista Guti Martín e o clube local Master Louriña.

“No Porriño sabemos e podemos unir o deporte co turismo, cuns entornos únicos ademais adaptados para as dúas rodas”, apunta o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, que destaca a forte presencia dos aficionados ao ciclismo no municipio, e tamén a importancia dos monumentos arquitectónicos e naturais que esta ruta percorre.  Así, a ruta ten o seu punto de partida e chegada no centro da vila, na contorna do Templete de San Luís, obra do arquitecto Antonio Palacios. O trazado discorre inicialmente xunto ao río Louro e as Gándaras de Budiño, unha zona integrada na Red Natura 2000 e refuxio de fauna, para iniciar despois o ascenso cara ao Faro de Budiño. Trátase dunha impresionante formación rochosa no alto da montaña onde se atopan vestixios arqueolóxicos que evidencian a ocupación humana desde tempos remotos.

Ademais a ruta pasa polas ruínas do  Castelo de Cans, unha antiga fortaleza medieval que vixiaba o paso polo val desde a súa privilexiada posición a 358 metros sobre o nivel do mar. A panorámica desde o alto do monte ofrece vistas impresionantes do val do río Couso e do Val do Louro, revelando tamén a presenza de outras fortalezas antigas e desaparecidas na rexión.

Destaca tamén o Rexedor que a Fonte de San Sebastián se converta en punto de encontro desta ruta onde  ademais dun tótem informativo co trazado, hai unha estación de auto-reparación e mantemento de bicicletas. Este novo punto conta con soporte para colgar a bici, bomba de inflado e ferramentas básicas para realizar pequenas reparacións no momento.

Acudía a este entorno xunto á concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, que puña en valor o turismo de natureza e calide nun municipio, punto de partida do Camiño de Santiago, con grandes atractivos no entorno.

Plan de sostibilitade turística

A actuación inscríbese no proxecto “Creación de rutas cicloturistas en contornas enogastronómicas”, impulsado desde o GDR Galicia Suroeste no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.

Esta liña de actuación está financiada pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU (Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España). Coa súa posta en marcha, preténdese fomentar o uso da bicicleta, reducir a pegada de carbono, desestacionalizar a oferta turística da contorna e ofrecer novas opcións de ocio saudable tanto para a veciñanza como para os visitantes.

A ruta xa se atopa dispoñible para a súa consulta e descarga dixital nas principais plataformas de navegación e sendeirismo (Wikiloc, Komoot e galiciasuroeste.gal).

Características técnicas do percorrido

Cunha lonxitude total de 30,87 quilómetros e un desnivel acumulado de 594 metros, o percorrido está clasificado como de dificultade media, cunha duración estimada de 3 horas e media. A ruta está pensada especialmente para bicicletas de montaña (BTT) ou gravel, transcorrendo nun 48% por pistas sen asfaltar, un 23% por estrada, un 16% por pista asfaltada e o 13% restante por camiños e sendas.

O Concello do Porriño inicia as obras de ampliación da rede de saneamento e mellora de infraestruturas no núcleo rural de Budiño-Trapa

  • O alcade, Alejandro Lorenzo, explica que o saneamento integral do municipio é unha prioridade para o goberno municipal
  • No mes de agosto iniciarase un calendario de reunións veciñais polas parroquias para explicar as obas de saneamento en cada unha delas
  • A actuación conta cun orzamento base de licitación de 220.430,31 euros está subvencionada a través da Liña 1 do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

O Porriño, 4 de agosto de 2026. O Concello do Porriño está a acometer novas obras de saneamento no núcleo de Trapa, pertencente á parroquia de San Salvador de Budiño. A nova rede discorrerá ao longo do camiño principal do núcleo rural e conectará co colector existente no núcleo do Mosteiro, incorporando ao sistema xeral de saneamento de xeito directo a un conxunto de vinte vivendas existentes na zona.

Son en total 640 metros de tubaxe. Así mesmo, construirase unha rede de cunetas para optimizar a evacuación das augas pluviais na contorna, reporase un tramo da rede de abastecemento de auga e recreceranse as tapas de rexistro.

Ademais, aproveitarase a apertura de calzadas para renovar a rede de iluminación pública, substituíndo 12 luminarias antigas por novos equipos de tecnoloxía LED de 40 W de baixo consumo enerxético e renovando o tendido aéreo. Ao remate da obra estenderase unha nova capa de rodadura ao longo de todo o vial afectado.

Trátase dunha obra cunha importante inversión de  220.430,31  euros que conta cunha subvención a través da Liña 1 do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, explica que o saneamento integral do municipio é unha prioridade para o goberno municipal. De feito, no mes de agosto iniciarase un calendario de reunións veciñais polas parroquias para explicar as obras de saneamento que se van levar a cabo en cada unha delas que se extenderá ata setembro.

Esas reunións comezarán en Cans, o 4 de agosto, e seguirán todos os martes dese mes e de setembro polas diferentes parroquias: Mosende, 11 de agosto; Pontellas, 18 de agosto: Atios, 25 de agosto; Budiño, 1 de setembro; Chenlo, 8 de setembro; Torneiros, 15 de setembro. Anímase a toda a veciñanza a acudir.

O Porriño estrea a Tarxeta Activa Comercio O Porriño, unha nova campaña de importantes descontos no comercio local

  • A iniciativa, impulsada polos comerciantes locais, foi presentada xunto ao alcalde e o director xeral de Comercio e Consumo

A Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR), pon en marcha unha innovadora campaña de descontos coa que os clientes podrán aforrar ata 10 euros por 40 euros de compra, o que supón un desconto efectivo do 25%.

O máis innovador é o xeito de levalo a cabo: trátase dunha tarxeta con validez en todos os establecimentos asociados a Acipor, que ten un custe de 30 euros para o cliente, pero un saldo de 40€.

Esta nova campaña que se activa o día 5 de agosto e se prolongará ata o 30 de setembro foi presentada no concello do Porriño por Juana Pérez, Presidenta de Acipor e a Directiva da asociación xunto ao alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo xunto ao director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Gabriel Alén Castro, o Presidente da Federación de Comercio de Pontevedra, Iván Iglesias, e a Concelleira de Comercio do Municipio, Rosa Isabel Alonso.

Condicións de uso para o cliente

O saldo total de 40€ divídese en dúas partes de 20€ cada unha, sendo esta a compra mínima permitida. O cliente poderá optar por gastar os 40€ nun único comercio ou repartir o saldo (20€ e 20€) en dous establecementos diferentes asociados a ACIPOR, dos que figuran no listado accesible ao escanear o código QR que aparece no cartel.

Nunha primeira fase, as tarxetas estarán a venda nos establecementos Peluquería Rocío Lemos, Mapa Porriño, Zafiro Moda, Rayuela Moda Infantil e Puericultura, e Lola Moda. 

Con esta campaña, o Concello e ACIPOR reforzan o seu compromiso coa dinamización e o apoio ao comercio de proximidade do municipio. 

O Concello do Porriño recuperará e musealizará a ponte romana das Amíndoas

  • Esta obra enmárcase dentro dun ambicioso proxecto para evitar as inundacións e que converterá a zona nun gran parque fluvial

 

  • Este novo espazo será unha nova zona verde e unha conexión peonil entre O Porriño e Torneiros

O Porriño, 1 de agosto de 2026. O Concello do Porriño está a elaborar un ambicioso proxecto para recuperar e musealizar a Ponte romana das Amíndoas. Trátase dun importante vestixio histórico polo que discurría a vía romana e que na actualidade está escondido baixo formigón e asfalto. A intención é desfacelo desas capas de modernidade e que volva ao seu estado orixinal. É máis, o redactor do proxecto cre posible atopar e recuperar tamén parte desa vías romana  que comunicaban O Porriño coas Gándaras e tamén con Pontellas no seu camiño entre Astorga e Braga. Por iso esa ponte converterase novamente nunha ponte peonil e construirase unha nova vía paralela á actual para que pasen os vehículos. 

Esta importante intervención patrimonial está enmarcada no proxecto “De minoración das avenidas ordinarias e posta en valor da ponte das Amíndoas”. Un dos grandes proxectos do Concello do Porriño presentados ao Plan de Actuación Integrado (PAI) que cambiará por completo unha contorna que cada inverno sufre importantes inundacións.

“Trátase dun dos proxectos máis ilusionantes e importantes do noso concello”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo, que visitaba xunto a arquitecta municipal e o redactor do proxecto este espazo, engadindo que se trata de “recuperar e manter a nosa historia, cun proxecto que permitirá conectar as parroquias co casco urbano e crear máis zonas verdes que precisa o noso pobo”.

De feito, a principal actuación é aumentar a capacidade de desagüe do río, para que en época de crecida a auga non inunde esta importante zona verde do Porriño e a estrada que discorre por ela. Esta actuación farase na contorna da ponte, que se restaurará para que volva a lucir como na época romana.

Esta contorna, na actualidade cualificada como zona inundable, poderá así ser recuperada para o uso cidadán, posibilitando a creación dunha gran zona verde con acceso ao río e unha nova unión entre Torneiros e o centro urbano.

Trátase dunha aposta pola resiliencia ambiental, adaptar os espazos aos efectos do cambio climático e preparar o territorio para responder con garantías ante episodios de chuvias extremas. É precisamente por esta visión sustentable polo que o proxecto conta co apoio de fondos europeos FEDER. A Unión Europea prioriza este tipo de solucións baseadas na Natureza, que abandonan as canles de formigón para renaturalizar o río Louro, protexer a zona de Atios de futuras inundacións e recuperar o patrimonio histórico e ecolóxico do municipio.




O Porriño desborda festa e tradición nas súas parroquias durante todo o mes de agosto

  • O municipio desprega ao longo de todo o mes unha ampla programación con celebracións patronais, obradoiros na rúa, actividades infantís e probas deportivas

O Porriño, 31 de xullo de 2026. O mes de agosto arrinca no Porriño marcado por unha intensa axenda festiva e cultural que se estenderá polas distintas parroquias e polo centro urbano, comezando coas tradicionais festas de San Benito na parroquia de Atios, que se celebrarán durante os días 1, 2 e 3.. 

O calendario festivo continuará espallándose polas distintas parroquias e barrios do municipio ao longo de todo o mes. Tras a cita de Atios, o Centro Recreativo Cultural Mosteiro de Budiño acollerá a Xuntanza de San Salvador do 7 ao 9 de agosto, mentres que Pontellas celebrará as súas festas de Santo Paio entre o 8 e o 10. A mediados de mes, do 14 ao 16 de agosto, a actividade intensificarase coa celebración da Virxe da Guía en Atios e de San Roque en Torneiros. As citas patronais pecharanse coas festas de San Sebastián o 22 e 23 de agosto e a celebración do Neno Xesús de Chenlo o domingo 30.

A Praza Arquitecto Antonio Palacios converterase no principal punto de encontro do centro da vila. Alí, os máis pequenos poderán gozar todos os domingos de agosto, entre as cinco e as oito da tarde, de inchables e dun tobogán de auga. Ademais, quen busque manterse en forma ao ritmo da música poderá participar nas clases gratuítas de zumba que se celebrarán os martes e xoves ás nove da noite. A oferta no centro inclúe tamén outras actividades como a do sábado 22 de agosto ás oito e media da noite co espectáculo de ilusionismo “2 Ilusionistas cunhas maxias subversivas”, a cargo da Maga Fani e Martín Camiña, dentro do ciclo Cultura no Camiño.

Campionato de España de maquetas

Xunto ás opcións de lecer e tradición, o deporte de precisión terá tamén o seu espazo destacado este verán. A pista de aeromodelismo de Pontellas será a sede do Campionato de España de Maquetas nas categorías F4C, F4H e F4 Iniciación, un evento de ámbito estatal que se desenvolverá ao longo dos días 14, 15 e 16 de agosto.