En marcha as obras do Parque Eulogio Gómez Franqueira

  • O concello do Porriño informa que o parque estará pechado para o seu uso mentres duren as obras de mellora

O Porriño, 6 de outubro de 2026 — O Concello do Porriño está a levar a cabo un proxecto de mellora e acondicionamento na pista multideporte do Parque Eulogio Gómez, popularmente coñecido como o parque do Matadoiro. As actuacións contan cun orzamento total que ascende a 47.954,98 euros. Así, o Concello informa que mentres duren os traballos o parque estará pechado ao público.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Parques, Marcos Martínez, visitaron as obras, que inclúen distintas actuacións de renovación e acondicionamento da instalación, así como medidas destinadas a mellorar a seguridade do recinto. 

Renovarase o pavimento e o céspede artificial r vaise executar unha nova soleira de formigón armado de 10 cm de espesor sobre unha superficie de 255 m². Sobre esta superficie e áreas contiguas, instalarase un céspede artificial antiestático de alta resistencia. Traslas obras mellorarase tamén o  equipamento deportivo con novas mallas metálicas de fondo nas porterías, paneis de peche en taboleiro HPL e redes antivandálicas de aceiro galvanizado instaladas nas canastras. Ademais colocaranse máis de 230 m² de redes de protección de nylon de alta tenacidade para evitar a saída de balóns do recinto.

Os traballos concluirán coa limpeza integral da pista. Actuarase tamén sobre o parque de calistenia que está xunto a pista de multideportes para garantir o óptimo estado de todo o recinto. 

D. Valentino fai tremer o Porriño no sábado do Cristo

Unha xornada do Cristo inesquecible na que a forza de Sés, a emoción de Fandi e o espectáculo da París de Noia prepararon o terreo para a tolemia final

Emocionante xornada de venres de Festas no Porriño, en especial para os amantes da música, con varios estilos repartidos en diferentes escenarios e diferentes xeracións gozando da música.

A xornada musical arrancou pola porta grande da man de Sés, que ofreceu un concerto vibrante e directo ao corazón do público. Dun xeito próximo, potente e rotundamente reivindicativo, a artista da Coruña deuno absolutamente todo sobre as táboas, conectando desde o primeiro minuto coa praza e despedíndose cunha promesa que fixo aplaudir a todos os presentes: ameazou con volver moi pronto.

A noite continuou polo alto coa orquestra París de Noia. A formación volveu deixar patente a súa enorme profesionalidade e espectáculo, poñendo a bailar ao Porriño como poucas veces se ten visto nunha auténtica ecatombe de ritmo e luz.

Un dos momentos máis emotivos da xornada levou a sinatura de Fandi. O artista encandeou ao público e non puido ocultar a súa emoción ao xogar, literalmente, en casa —cabe lembrar que conta con fondas raíces na parroquia de Carracido—. O punto álxido do seu show chegou coa proxección do vídeo de Juaniña e arrancou coa súa canción favorita, dedicada ao Porriño, un xesto agarimoso que puxo os pelos de punta a máis dun.

Pero a verdadeira tolemia aínda estaba por chegar. Trala presentación sobre o escenario do alcalde, Alejandro Lorenzo, quen xa avisaba ao público cun «preparados porque vén algo moi grande», desatouse a catarse colectiva coa entrada en escena de D. Valentino. A chavalada, móbiles en man para non perder nin un segundo do momento, ruxiu coa saída do artista nun aparcadoiro do Progreso absolutamente entregado.

A xornada completouse coas actuacións de Samu Pexe, Sneaky WH, Pitty e Shameless, que mantiveron o ritmo e o ambiente no máis alto, consolidando unha noite de festa redonda e inesquecible no Louro Valley. Outra edición de 10.

Máis dun milleiro de persoas enchen O Porriño de deporte nunha intensa fin de semana

  • Continúan abertas as inscricións para a Interrunning

O Porriño, 14 de setembro de 2026. O Porriño viviu esta fin de semana unha auténtica festa do deporte coa participación de máis dun milleiro de persoas nas diversas probas celebradas no concello, no marco das Festas do Cristo e da axenda deportiva local.

O atletismo tivo o seu punto forte este domingo 13 de setembro coa disputa da XIV Milla Porriñesa “Festas do Cristo”, organizada polo Concello do Porriño e o Club Atletismo Porriño. Con saída e meta na Praza do Concello,  atletas de todas as idades percorreron o centro urbano nunha xornada festiva na que os gañadores absolutos levaron a tradicional Bola de Pan do Porriño.

O ciclismo tamén foi protagonista o sábado 12 de setembro coa celebración de La Nocturna 2026, organizada polo Master da Louriña C., que reuniu a 300 de deportistas de múltiples categorías polas rúas da vila. De forma paralela, o fútbol base congregou a numerosos afeccionados no Campo de Fútbol de Atios coa disputa da segunda xornada do torneo Atios Cup, dedicada nesta ocasión á categoría benxamín.

Unha semana chea de presentacións, torneos e a Interrunning CAE 2026

A actividade non se detén na vila, que arranca esta semana cunha completa axenda de eventos. A Praza Arquitecto Antonio Palacios acollerá as presentacións do Porriño Baloncesto Base (martes 15) e do Club Deportivo FSV de patín en liña (mércores 16), mentres que a do Club Ximnasia Rítmica Porriño terá lugar o venres 18 no Pavillón Municipal. No eido do fútbol, o mércores 16 disputarase a fase previa do Torneo Fútbol Senior 3X1 en Mosende (entre o CD Pontellas, CD San Salvador de Budiño e A.D. Mosende), e o sábado 19 pecharase o Torneo Atios Cup coa categoría pre-benxamín.

O calendario deportivo  da semana completase cco Torneo de Padel, o Torneo de Tenis Festas do Cristo 2026 

Como broche de ouro, o domingo 20 de setembro celebrarase a agardada Interrunning CAE 2026. A organización lembrou que só quedan 3 días para pechar o prazo de inscrición para as súas modalidades de 10K, 5K, Andaina 8K, carreiras infantís e IV CAE Empresas, con reservas aínda dispoñibles na web emesports.es.

Todo esto ataviado de innumerables citas de lecer e culturais. Toda a información actualizada está en www.ecultura.net.

O Porriño aproba un orzamento ”que combina responsabilidade e ambición” 

Ascende a 26.804.967 euros, o maior da historia económica municipal, cun incremento do 28,66% respecto do exercicio anterior

O Porriño, 7 de setembro de 2026. O Concello do Porriño aprobou inicialmente este luns en pleno o Orzamento Xeral para o exercicio 2026. A cifra alcanza os 26.804.967 euros, o que supón o maior orzamento da historia económica do municipio cunha subida do 28,66% respecto ao ano anterior. Dende o goberno local subliñan que este documento certifica a recuperación da capacidade financeira do municipio despois de varios exercicios centrados na regularización e no saneamento das contas públicas tras a depuración das facturas irregulares deixadas polo anterior goberno municipal e a amortización total dos préstamos da débeda herdada, o que permite á administración local quedar libre de cargas e tutelas.

Isto permitirá, explicou en pleno o voceiro municipal, Carlos Martínez, “poñer os recursos económicos ao servizo da veciñanza”. Faise, explica a súa vez o alcalde, Alejandro Lorenzo,  “cunhas contas realistas, rigorosas e pensadas para que O Porriño siga medrando en mellores servizos, infraestruturas e espazos para a veciñanza”, apuntando que estas contas son “un exercicio de responsabilidade e ambición”. Responsabilidade, porque parte dun Concello que conseguiu sanear as súas contas, reducir as obrigas pendentes e cancelar a súa débeda financeira. E ambición, porque agora esa recuperación permítenos investir máis, mellorar os servizos públicos e atender mellor as necesidades das persoas.

As liñas mestras son claras: garantir os servizos básicos, atender ás persoas e impulsar o investimento e a transformación do municipio.

Máis de 5 millóns de euros para investimentos reais 

O capítulo de investimentos reais supera os 5 millóns de euros. A partida máis significativa, dotada con 3,9 millóns de euros, está destinada de forma íntegra ás obras de saneamento, consideradas unha infraestrutura estratéxica para o desenvolvemento do Porriño. O resto dos fondos reservarase a actuacións en vías públicas, accesibilidade, equipamentos municipais, seguridade, polígonos industriais, instalacións deportivas e educativas, rehabilitación urbana e actuacións directas nas parroquias.

No eido social e dos servizos públicos, o orzamento contempla novidades destacadas como a partida de 40.000 euros para a posta en marcha de tarxetas de alimentos destinadas a familias en situación de vulnerabilidade, ademais doutros 65.000 euros reservados para a construción da futura residencia de maiores de Torneiros.

Tamén se mantén o apoio económico ao asociacionismo, ao deporte, á cultura e ás comunidades de augas. Así, no orzamento destacan tamén as partidas nominais ás asociacións veciñais que dinamizan os diferentes núcleos de poboación do municipio, as parroquias, ou aos clubs deportivos que seguen apostando polo deporte base, inculcando os valores deportivos aos nosos nenos e nenas. Destínanse case 860.000 euros a estas diferentes entidades, entre as que se atopan tamén algunhas de marcado carácter social como COGAMI, a AECC ou DisCamino.

Ademais, o orzamento recolle tamén o novo programa de bolsas a deportistas individuais e as bolsas aos mellores expedientes académicos, “para seguir premiando o esforzo das persoas do Porriño”.

Servizos públicos fortalecidos sen subir impostos 

Pero o investimento social non se queda aquí. A xestión dos servizos municipais e o gasto corrente en bens e servizos absorberá 13,05 millóns de euros, o capítulo de maior peso económico do orzamento. Esta contía permitirá custear e ampliar prestacións como o servizo de axuda no fogar, o mantemento de centros educativos e deportivos, ou o funcionamento das novas escolas infantís. Nesta partida vai tamén a limpeza viaria ou o subministro eléctrico.

Pola súa banda, o capítulo de persoal situarase en 6,52 millóns de euros, manténdose conxeladas as retribucións e dedicacións da Corporación municipal.

Sen subidas de impostos 

Dende o goberno local remarcan que o incremento da capacidade de gasto faise “sen incrementos xeneralizados de impostos e taxas municipais”, mantendo unha fiscalidade competitiva na contorna. “Seguimos tendo as taxas máis baixas de Galicia, apostando polas nosas empresas e apostando pola nosa cidadanía para que non paguen máis pero sigan desfrutando do mellor”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo. Neste senso destaca o importante labor para conseguir captar recursos doutras administracións, explicando que a capacidade económica da vila susténtase na mellora da xestión interna e no incremento das transferencias correntes doutras Administracións -Estado, Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra-, que suman un total de 9,6 millóns de euros.

Un investimento de máis de 460.000 euros permitirá transformar o viario entre San Campio e o Rego das Laxas no Porriño

  • O proxecto contempla unha actuación integral sobre preto de 1,8 quilómetros de estrada, con nova pavimentación, melloras na drenaxe, así como a renovación da sinalización e dos elementos de protección.

O Porriño, 21 de agosto de 2026. O Concello do Porriño acometerá nos próximos meses a mellora da seguridade viaria entre San Campio e o Rego das Laxas, nas parroquias de Pontellas e Atios. Esta intervención permitirá renovar e acondicionar un viario que presenta un notable deterioro e que conecta a contorna de Centeáns e San Campio co Rego das Laxas e as áreas industriais próximas.

Trátase, ademais, dunha vía pola que transita un elevado número de peregrinos, ao formar parte do itinerario do Camiño de Santiago. Dá tamén acceso á contorna do Velódromo Municipal, instalación que proximamente será transformada nun novo espazo de deporte urbano coa incorporación dun skatepark e un pump track.

O proxecto conta cun investimento superior aos 460.000 euros, dos cales preto de 310.000 euros serán financiados con fondos propios do Concello e os máis de 150.000 euros restantes con cargo ao Plan Extraordinario Vía Depo da Deputación de Pontevedra.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “este investimento responde ao compromiso do goberno municipal de seguir mellorando as infraestruturas das parroquias e, especialmente, aquelas que forman parte do día a día da veciñanza”.

“Queremos actuar alí onde hai necesidades reais e seguir mellorando as comunicacións e os servizos nas parroquias. Son intervencións que poden parecer pequenas no conxunto do municipio, pero que teñen un efecto directo na calidade de vida dos veciños e veciñas”, sinalou.

Melloras ao longo de preto de 1,8 quilómetros

A actuación abrangue tres tramos de viario, cunha lonxitude total próxima aos 1,8 quilómetros, e permitirá renovar arredor de 15.800 metros cadrados de pavimento.

Os traballos contemplan o fresado e a regularización do firme existente, a colocación dunha nova capa de rodadura e a ampliación da calzada nos puntos nos que sexa posible.

O proxecto inclúe tamén diferentes actuacións para mellorar a drenaxe da vía, coa limpeza e acondicionamento de cunetas, sumidoiros e arquetas, así como a renovación da sinalización horizontal e vertical.

Na contorna da Rede Natura 2000 das Gándaras de Budiño instalaranse, ademais, preto de 650 metros de barreira de protección. Tamén se adaptarán tapas de rexistro e arquetas e plantaranse varios carballos nas zonas afectadas pola ampliación do firme.

O concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, explicou que a intervención vai máis alá dunha simple renovación do pavimento. “O obxectivo é actuar de maneira integral sobre a vía, mellorando o firme, a drenaxe, a sinalización e os elementos de protección”, indicou.

Porto engadiu que “queremos deixar un viario máis seguro, cómodo e funcional, tanto para a veciñanza da zona como para todas as persoas que empregan esta conexión a diario”.

Tres meses de obras

O prazo de execución previsto é de tres meses. Durante ese tempo desenvolveranse os traballos de pavimentación, drenaxe, sinalización e acondicionamento incluídos no proxecto.

Desde o goberno municipal enmarcan esta actuación na planificación de investimentos que o Concello está a desenvolver nas parroquias e na mellora progresiva da rede viaria municipal.

“Imos seguir destinando recursos ás parroquias e aproveitando todas as vías de financiamento ao noso alcance para sacar adiante actuacións necesarias e útiles para a veciñanza”, concluíu Lorenzo.

Voluntarios e voluntarias de toda España traballan na rexeneración ambiental da ribeira do río Louro

  • O alcalde do Porriño recibiu na casa consistorial aos 11 participantes do campo de voluntariado “Sendeiros do Louro” no seu primeiro día e desprazouse tamén ata o río para coñecer de preto as súas tarefas

O Porriño, 12 de agosto de 2026. A ribeira do río Louro e os seus afluentes contan dende esta semana cun equipo de traballo moi especial. Un grupo de 11 mozos e mozas, de entre 18 e 30 anos e procedentes de diversos puntos da xeografía estatal —como Galicia, Madrid, Andalucía, Comunidade Valenciana, Castela-A Mancha, Aragón ou Estremadura—, que se atopan no Porriño participando no Campo de Voluntariado “Sendeiros do Louro”.

Con motivo do inicio dos traballos, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, recibiunos na casa consistorial o día da súa chegada para darlles a benvida, amosarlles as instalacións municipais e trasladarlles o seu agradecemento polo seu compromiso ambiental e social. Ademais, o rexedor desprazouse ata a contorna do río Louro para visitar aos voluntarios in situ e comprobar de primeira man como se están a desenvolver os traballos de rexeneración.

“O río Louro é un dos nosos bens naturais máis prezados. Con este campo de voluntariado, ‘Sendeiros do Louro’, non só melloramos e protexemos a ribeira e a vexetación autóctona, senón que tamén sensibilizamos sobre a necesidade de manter vivos e limpos os nosos ecosistemas fluviais”, asegurou Lorenzo, quen amosou o seu orgullo por “recibir no Porriño a un grupo de mozas e mozos tan comprometidos co medio ambiente e co ben común”.

Acción directa no contorno natural

O Campo de Voluntariado Internacional “Sendeiros do Louro”, é un proxecto impulsado polo Concello do Porriño a través da Concellería de Voluntariado, coa colaboración das áreas de Cultura, Educación, Deportes e da OMIX.

O obxectivo deste campo de voluntariado é contribuír á conservación e posta en valor da ribeira do Louro mediante accións de eliminación de especies exóticas invasoras, protección da vexetación autóctona, limpeza de residuos e sensibilización ambiental, favorecendo ao mesmo tempo o intercambio cultural entre participantes.

A iniciativa foi deseñada pola cooperativa de educación, lecer e cultura Avada, entidade con cinco anos de experiencia no desenvolvemento de programas educativos e de participación xuvenil, que será a encargada da coordinación e execución da actividade. O proxecto conta ademais coa colaboración da asociación ecoloxista Verdegaia, que achega o seu coñecemento técnico nas actuacións de conservación do río Louro e os seus afluentes.

Durante doce días as e os voluntarios conviven nas instalacións do CEIP Ribeira de Torneiros. Polas mañás desenvolven as accións de voluntariado ambiental e, polas tardes, participarán nun amplo programa de actividades de lecer educativo, excursións, visitas culturais e dinámicas de convivencia organizadas por Avada (@avada.gal), promovendo valores como a cooperación, a participación e o respecto polo patrimonio natural e cultural galego.

Esta actividade inclúese na Campaña de Verán 2026 da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, presentada baixo o lema “Modo Verán Activo”, que este ano oferta máis de 11.900 prazas en toda Galicia para a mocidade.

O Concello do Porriño porá autobuses gratuitos entre o casco urbano e o Monte Faro para ver a eclipse

  • Os autobuses sairán cada 45 minutos dende a Avenida de Galicia e a N-550 ata o Faro de Budiño. Moi preto da zona de avistamento haberá dous aparcamentos para vehículos
  • Repartirase unha primeira remesa de gafas aos nenos e nenas menores de 18 anos empadronados no Porriño o propio mércores en horario de mañá
  • Haberá posto de bebida y comida

O Porriño, 11 de agosto de 2026. Para facilitar a chegada das persoas que queiran contemplar a eclipse desde o Monte Faro de Budiño, o Concello do Porriño habilitará un servizo de transporte en autobús gratuito desde o casco urbano. Debido á orografía do terreo, o transporte deixará ás persoas usuarias a uns dous quilómetros do cumio. Ese último tramo deberá facerse a pé.

Os autobuses sairán desde a Avenida de Galicia e a N-550 ás 17:00, 17:40 e 18:25 h e regresarán desde o Faro, logo da eclipse, ás 22:15, 23:00 e 23:45 h. Trátase de dar servizo ás persoas que non teñan un medio de transporte alternativo. Son 37 prazas en cada viaxe que se encherán por estrita orde de chegada.

No Faro habilitaranse tamén dúas zonas de aparcamento para vehículos para dar cabida a todo aquel que queira subir a este entorno único para contemplar o evento e participar nas actividades programadas polo concello.

Reparto de gafas

O Concello repartirá 1.000 gafas homologadas no Faro de Budiño para as persoas que decidan contemplar desde aí a eclipse, pero ademais repartirá 750 ese mesmo mércores pola mañá aos nenos e nenas menores de 18 anos que estean empadronados no Porriño.

Haberá​ tamén un posto de comida e bebida xestionado pola Comisión de Festas de San Blas.

Esta iniciativa forma parte da programación especial “Sombra e luz. Vive a eclipse no Faro de Budiño”, organizada para o vindeiro 12 de agosto.

Así, quen queira contemplar a eclipse desde un lugar privilexiado pode facelo desde aquí cunha ampla programación que permitirá, máis alá da propia observación do fenómeno astronómico, combinar divulgación científica, posta en valor do patrimonio natural e actividades dirixidas a toda a familia nun dos espazos máis emblemáticos do Concello.

“Esta iniciativa supón unha oportunidade extraordinaria para seguir dando a coñecer o enorme patrimonio natural do noso municipio a través dunha experiencia diferente, pensada para todas as idades”, asegura Alejandro Lorenzo, alcalde do municipio, que cruza os dedos para ter unha tarde despexada: “Queremos que O Porriño sexa un referente para vivir esta eclipse e que quen nos visite descubra tamén un espazo único como é o Monte Faro de Budiño”, apunta tamén a concelleira de Turismo, Vanessa Ucha.

A programación dará comezo ás 17:15 horas cun roteiro circular polo Monte Faro de Budiño, unha actividade guiada con prazas limitadas que permitirá descubrir os valores ambientais, paisaxísticos e xeolóxicos desta contorna singular.

Ás 18:15 horas desenvolverase un obradoiro infantil, tamén con inscrición previa, no que os máis pequenos poderán participar nunha actividade de pintacaras e na elaboración de chapas conmemorativas inspiradas na eclipse.

Posteriormente, entre as 19:00 e as 19:45 horas, realizarase a entrega de lentes homologadas e material divulgativo para garantir unha observación segura da eclipse, antes do inicio do fenómeno astronómico.

As persoas interesadas en participar no roteiro ou no obradoiro deberán formalizar previamente a súa inscrición no Rexistro Xeral do Concello do Porriño, de forma presencial ou telemática para garantir a seguridade e o aforo neste espazo habilitado para ese día.

Desde o Concello recoméndase acudir con roupa cómoda e calzado deportivo e lémbrase que a observación da eclipse deberá realizarse exclusivamente mediante lentes homologadas, que serán entregadas gratuitamente durante a actividade.

O Concello do Porriño agradece a colaboración da Deputación de Pontevedra, así como a disposición da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común San Salvador de Budiño, que facilita o desenvolvemento da actividade nun enclave privilexiado para a observación deste fenómeno astronómico.

“Sombra e luz”: O Porriño convida a vivir o eclipse no Faro de Budiño cunha experiencia única de natureza, ciencia e lecer

  • O Concello organiza unha programación especial o vindeiro 12 de agosto para gozar dun dos fenómenos astronómicos máis destacados do ano desde un dos mellores miradoiros naturais do municipio.

O Porriño, 6 de agosto de 2026.– O Concello do Porriño presentou esta mañá “Sombra e luz. Vive o eclipse no Faro de Budiño”, unha proposta coa que o municipio quere converter o Monte Faro de Budiño nun punto de encontro para veciñanza e visitantes durante a observación do eclipse parcial de Sol do próximo 12 de agosto.

A iniciativa nace co obxectivo de ofrecer unha experiencia que vai máis alá da propia observación do fenómeno astronómico, combinando divulgación científica, posta en valor do patrimonio natural e actividades dirixidas a toda a familia nun dos espazos máis emblemáticos do Concello.

A programación dará comezo ás 17:15 horas cun roteiro circular polo Monte Faro de Budiño, unha actividade guiada con prazas limitadas que permitirá descubrir os valores ambientais, paisaxísticos e xeolóxicos desta contorna singular.

Ás 18:15 horas desenvolverase un obradoiro infantil, tamén con inscrición previa, no que os máis pequenos poderán participar nunha actividade de pintacaras e na elaboración de chapas conmemorativas inspiradas no eclipse.

Posteriormente, entre as 19:00 e as 19:45 horas, realizarase a entrega de lentes homologadas e material divulgativo para garantir unha observación segura do eclipse, antes do inicio do fenómeno astronómico.

As persoas interesadas en participar no roteiro ou no obradoiro deberán formalizar previamente a súa inscrición no Rexistro Xeral do Concello do Porriño, de forma presencial ou telemática para garantir a seguridade e o aforo neste espazo habilitado para ese día.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que esta iniciativa supón “unha oportunidade extraordinaria para seguir dando a coñecer o enorme patrimonio natural do noso municipio a través dunha experiencia diferente, pensada para todas as idades. Queremos que O Porriño sexa un referente para vivir este eclipse e que quen nos visite descubra tamén un espazo único como é o Monte Faro de Budiño. O eclipse convértese nunha magnífica oportunidade para achegar a ciencia á cidadanía dun xeito atractivo e participativo, ao tempo que seguimos promovendo os nosos recursos naturais como espazos de encontro e desfrute responsable “

Pola súa banda, a concelleira de Turismo Vanessa Ucha, explicou que “‘Sombra e luz’ representa a nosa forma de entender a promoción turística: crear experiencias que conecten natureza, divulgación, patrimonio e convivencia. Este evento permitirá descubrir o Faro de Budiño desde unha nova perspectiva e reforza a aposta do Concello por ofrecer actividades de calidade vinculadas ao noso territorio.”

Desde o Concello recoméndase acudir con roupa cómoda e calzado deportivo e lémbrase que a observación do eclipse deberá realizarse exclusivamente mediante lentes homologadas, que serán entregadas gratuitamente durante a actividade.

O Concello do Porriño agradece a colaboración da Deputación de Pontevedra, así como a disposición da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común San Salvador de Budiño, que facilita o desenvolvemento da actividade nun enclave privilexiado para a observación deste fenómeno astronómico.

Con “Sombra e luz. Vive o eclipse no Faro de Budiño”, o Concello reafirma a súa aposta por unha programación que combina natureza, turismo, educación e divulgación científica, ofrecendo unha proposta singular para vivir un acontecemento excepcional nun dos espazos naturais máis representativos do municipio.

O Porriño desborda festa e tradición nas súas parroquias durante todo o mes de agosto

  • O municipio desprega ao longo de todo o mes unha ampla programación con celebracións patronais, obradoiros na rúa, actividades infantís e probas deportivas

O Porriño, 31 de xullo de 2026. O mes de agosto arrinca no Porriño marcado por unha intensa axenda festiva e cultural que se estenderá polas distintas parroquias e polo centro urbano, comezando coas tradicionais festas de San Benito na parroquia de Atios, que se celebrarán durante os días 1, 2 e 3.. 

O calendario festivo continuará espallándose polas distintas parroquias e barrios do municipio ao longo de todo o mes. Tras a cita de Atios, o Centro Recreativo Cultural Mosteiro de Budiño acollerá a Xuntanza de San Salvador do 7 ao 9 de agosto, mentres que Pontellas celebrará as súas festas de Santo Paio entre o 8 e o 10. A mediados de mes, do 14 ao 16 de agosto, a actividade intensificarase coa celebración da Virxe da Guía en Atios e de San Roque en Torneiros. As citas patronais pecharanse coas festas de San Sebastián o 22 e 23 de agosto e a celebración do Neno Xesús de Chenlo o domingo 30.

A Praza Arquitecto Antonio Palacios converterase no principal punto de encontro do centro da vila. Alí, os máis pequenos poderán gozar todos os domingos de agosto, entre as cinco e as oito da tarde, de inchables e dun tobogán de auga. Ademais, quen busque manterse en forma ao ritmo da música poderá participar nas clases gratuítas de zumba que se celebrarán os martes e xoves ás nove da noite. A oferta no centro inclúe tamén outras actividades como a do sábado 22 de agosto ás oito e media da noite co espectáculo de ilusionismo “2 Ilusionistas cunhas maxias subversivas”, a cargo da Maga Fani e Martín Camiña, dentro do ciclo Cultura no Camiño.

Campionato de España de maquetas

Xunto ás opcións de lecer e tradición, o deporte de precisión terá tamén o seu espazo destacado este verán. A pista de aeromodelismo de Pontellas será a sede do Campionato de España de Maquetas nas categorías F4C, F4H e F4 Iniciación, un evento de ámbito estatal que se desenvolverá ao longo dos días 14, 15 e 16 de agosto.

O Concello do Porriño investirá máis de 350.000 euros na renovación das súas áreas infantís

  • Anúnciase a licitación de 11 novos parques por un investimento de 225.000 euros, que se suman aos 125.000 euros dos tres espazos de Torneiros, cuxas obras xa están en marcha

O Porriño, 28 de xullo de 2026. O Concello do Porriño dá un novo paso na modernización dos seus espazos públicos coa próxima licitación das obras de mellora de 11 parques infantís do municipio, cun orzamento total de 225.000 euros. Este novo paquete de actuacións súmase aos 125.000 euros xa licitados para a intervención nos tres parques de Torneiros, elevando o investimento total destinado á renovación e posta a punto das zonas de xogo infantís do municipio a máis de 350.000 euros.

A nova licitación de 225.000 euros permitirá extender a modernización da rede municipal de parques tanto ao casco urbano como ás distintas parroquias. Dependendo do estado das instalacións, contémplase a colocación de novos elementos de xogo ou a reparación dos existentes. Do mesmo xeito, procederase á renovación dos pavimentos continuos por superficies amortecedoras e accesibles, ao tempo que se adecuarán as zonas de descanso.

 As actuacións son diversas: no parque de Mosteiro, por exemplo, resituaranse os elementos existentes, repararase un elemento do parque biosaudable, instalarase un novo multixogo e bancos para o descanso, e cambiarase o pavimento. No parque de Carracido, ademais da instalación dunha mesa de pedra, colocarase unha tirolina e un muro de escalada. No parque de Sanguío, ademais do cambio de pavimento, instalaranse novos xogos infantís: un balancín, un tobogán e unha mesa de xogo. E así, ata 11.

Obras xa en marcha

Mentres se ultiman os trámites para lanzar a licitación dos 11 novos parques, os traballos nos tres espazos infantís de Torneiros xa se atopan en plena execución. O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Parques e Xardíns, Marcos Martínez, visitaron recentemente os avances destas obras, cuxa actuación de maior envergadura se concéntrase na Fase II, cun orzamento específico de 70.234,82 euros.

“Queremos seguir mellorando o que máis nos importa, os mais cativos e cativas”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo durante a visita, engadindo que os de Torneiros son o comezo, os primeiros espazos en mellorar con “espazos máis seguros modernos e accesibles”.

Esta intervención en Torneiros inclúe a creación dunha nova zona de xogo dotada de pavimento de céspede artificial ou a instalación duns estanque ornamental accesible de 38 metros cadrados con iluminación LED subacuática.