“Sombra e luz”: O Porriño convida a vivir o eclipse no Faro de Budiño cunha experiencia única de natureza, ciencia e lecer

  • O Concello organiza unha programación especial o vindeiro 12 de agosto para gozar dun dos fenómenos astronómicos máis destacados do ano desde un dos mellores miradoiros naturais do municipio.

O Porriño, 6 de agosto de 2026.– O Concello do Porriño presentou esta mañá “Sombra e luz. Vive o eclipse no Faro de Budiño”, unha proposta coa que o municipio quere converter o Monte Faro de Budiño nun punto de encontro para veciñanza e visitantes durante a observación do eclipse parcial de Sol do próximo 12 de agosto.

A iniciativa nace co obxectivo de ofrecer unha experiencia que vai máis alá da propia observación do fenómeno astronómico, combinando divulgación científica, posta en valor do patrimonio natural e actividades dirixidas a toda a familia nun dos espazos máis emblemáticos do Concello.

A programación dará comezo ás 17:15 horas cun roteiro circular polo Monte Faro de Budiño, unha actividade guiada con prazas limitadas que permitirá descubrir os valores ambientais, paisaxísticos e xeolóxicos desta contorna singular.

Ás 18:15 horas desenvolverase un obradoiro infantil, tamén con inscrición previa, no que os máis pequenos poderán participar nunha actividade de pintacaras e na elaboración de chapas conmemorativas inspiradas no eclipse.

Posteriormente, entre as 19:00 e as 19:45 horas, realizarase a entrega de lentes homologadas e material divulgativo para garantir unha observación segura do eclipse, antes do inicio do fenómeno astronómico.

As persoas interesadas en participar no roteiro ou no obradoiro deberán formalizar previamente a súa inscrición no Rexistro Xeral do Concello do Porriño, de forma presencial ou telemática para garantir a seguridade e o aforo neste espazo habilitado para ese día.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que esta iniciativa supón “unha oportunidade extraordinaria para seguir dando a coñecer o enorme patrimonio natural do noso municipio a través dunha experiencia diferente, pensada para todas as idades. Queremos que O Porriño sexa un referente para vivir este eclipse e que quen nos visite descubra tamén un espazo único como é o Monte Faro de Budiño. O eclipse convértese nunha magnífica oportunidade para achegar a ciencia á cidadanía dun xeito atractivo e participativo, ao tempo que seguimos promovendo os nosos recursos naturais como espazos de encontro e desfrute responsable “

Pola súa banda, a concelleira de Turismo Vanessa Ucha, explicou que “‘Sombra e luz’ representa a nosa forma de entender a promoción turística: crear experiencias que conecten natureza, divulgación, patrimonio e convivencia. Este evento permitirá descubrir o Faro de Budiño desde unha nova perspectiva e reforza a aposta do Concello por ofrecer actividades de calidade vinculadas ao noso territorio.”

Desde o Concello recoméndase acudir con roupa cómoda e calzado deportivo e lémbrase que a observación do eclipse deberá realizarse exclusivamente mediante lentes homologadas, que serán entregadas gratuitamente durante a actividade.

O Concello do Porriño agradece a colaboración da Deputación de Pontevedra, así como a disposición da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común San Salvador de Budiño, que facilita o desenvolvemento da actividade nun enclave privilexiado para a observación deste fenómeno astronómico.

Con “Sombra e luz. Vive o eclipse no Faro de Budiño”, o Concello reafirma a súa aposta por unha programación que combina natureza, turismo, educación e divulgación científica, ofrecendo unha proposta singular para vivir un acontecemento excepcional nun dos espazos naturais máis representativos do municipio.

O Concello do Porriño inicia as obras de ampliación da rede de saneamento e mellora de infraestruturas no núcleo rural de Budiño-Trapa

  • O alcade, Alejandro Lorenzo, explica que o saneamento integral do municipio é unha prioridade para o goberno municipal
  • No mes de agosto iniciarase un calendario de reunións veciñais polas parroquias para explicar as obas de saneamento en cada unha delas
  • A actuación conta cun orzamento base de licitación de 220.430,31 euros está subvencionada a través da Liña 1 do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

O Porriño, 4 de agosto de 2026. O Concello do Porriño está a acometer novas obras de saneamento no núcleo de Trapa, pertencente á parroquia de San Salvador de Budiño. A nova rede discorrerá ao longo do camiño principal do núcleo rural e conectará co colector existente no núcleo do Mosteiro, incorporando ao sistema xeral de saneamento de xeito directo a un conxunto de vinte vivendas existentes na zona.

Son en total 640 metros de tubaxe. Así mesmo, construirase unha rede de cunetas para optimizar a evacuación das augas pluviais na contorna, reporase un tramo da rede de abastecemento de auga e recreceranse as tapas de rexistro.

Ademais, aproveitarase a apertura de calzadas para renovar a rede de iluminación pública, substituíndo 12 luminarias antigas por novos equipos de tecnoloxía LED de 40 W de baixo consumo enerxético e renovando o tendido aéreo. Ao remate da obra estenderase unha nova capa de rodadura ao longo de todo o vial afectado.

Trátase dunha obra cunha importante inversión de  220.430,31  euros que conta cunha subvención a través da Liña 1 do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, explica que o saneamento integral do municipio é unha prioridade para o goberno municipal. De feito, no mes de agosto iniciarase un calendario de reunións veciñais polas parroquias para explicar as obras de saneamento que se van levar a cabo en cada unha delas que se extenderá ata setembro.

Esas reunións comezarán en Cans, o 4 de agosto, e seguirán todos os martes dese mes e de setembro polas diferentes parroquias: Mosende, 11 de agosto; Pontellas, 18 de agosto: Atios, 25 de agosto; Budiño, 1 de setembro; Chenlo, 8 de setembro; Torneiros, 15 de setembro. Anímase a toda a veciñanza a acudir.

O Concello do Porriño recuperará e musealizará a ponte romana das Amíndoas

  • Esta obra enmárcase dentro dun ambicioso proxecto para evitar as inundacións e que converterá a zona nun gran parque fluvial

 

  • Este novo espazo será unha nova zona verde e unha conexión peonil entre O Porriño e Torneiros

O Porriño, 1 de agosto de 2026. O Concello do Porriño está a elaborar un ambicioso proxecto para recuperar e musealizar a Ponte romana das Amíndoas. Trátase dun importante vestixio histórico polo que discurría a vía romana e que na actualidade está escondido baixo formigón e asfalto. A intención é desfacelo desas capas de modernidade e que volva ao seu estado orixinal. É máis, o redactor do proxecto cre posible atopar e recuperar tamén parte desa vías romana  que comunicaban O Porriño coas Gándaras e tamén con Pontellas no seu camiño entre Astorga e Braga. Por iso esa ponte converterase novamente nunha ponte peonil e construirase unha nova vía paralela á actual para que pasen os vehículos. 

Esta importante intervención patrimonial está enmarcada no proxecto “De minoración das avenidas ordinarias e posta en valor da ponte das Amíndoas”. Un dos grandes proxectos do Concello do Porriño presentados ao Plan de Actuación Integrado (PAI) que cambiará por completo unha contorna que cada inverno sufre importantes inundacións.

“Trátase dun dos proxectos máis ilusionantes e importantes do noso concello”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo, que visitaba xunto a arquitecta municipal e o redactor do proxecto este espazo, engadindo que se trata de “recuperar e manter a nosa historia, cun proxecto que permitirá conectar as parroquias co casco urbano e crear máis zonas verdes que precisa o noso pobo”.

De feito, a principal actuación é aumentar a capacidade de desagüe do río, para que en época de crecida a auga non inunde esta importante zona verde do Porriño e a estrada que discorre por ela. Esta actuación farase na contorna da ponte, que se restaurará para que volva a lucir como na época romana.

Esta contorna, na actualidade cualificada como zona inundable, poderá así ser recuperada para o uso cidadán, posibilitando a creación dunha gran zona verde con acceso ao río e unha nova unión entre Torneiros e o centro urbano.

Trátase dunha aposta pola resiliencia ambiental, adaptar os espazos aos efectos do cambio climático e preparar o territorio para responder con garantías ante episodios de chuvias extremas. É precisamente por esta visión sustentable polo que o proxecto conta co apoio de fondos europeos FEDER. A Unión Europea prioriza este tipo de solucións baseadas na Natureza, que abandonan as canles de formigón para renaturalizar o río Louro, protexer a zona de Atios de futuras inundacións e recuperar o patrimonio histórico e ecolóxico do municipio.




O Concello do Porriño está a rehabilitar o  cruceiro do Ringorrango en Atios

  • A actuación inclúe a reconstrución da cuberta para protexer o conxunto, a mellora do contorno peonil con granito e a instalación de nova iluminación, cun investimento total de 15.724,33 euros.
  • Este cruceiro ten unha iconografia inédita entre os cruceiros do concello: presenta iconografia bizantina de kiriotisa, como trono de sabedoria, e sostén nos seus brazos a Cristo como neno, como explicababan os historiadores José Ramón Iglesias Veiga e Diego Giráldez no libro “O Porriño, arquitectura urbana”.

O Porriño, 24 de xuño de 2026. — O Concello do Porriño está a rehabilitar o cruceiro do Ringorrango, situado no barrio dos Eidos. Trátase dunha pezas importante do patrimonio local, cuxo peto de ánimas, aínda que non puido ser datado, conta a lo menos con  dous séculos de historia.

A intervención ten como obxectivo principal garantir a conservación e protección deste ben coa reconstrución  da súa cuberta, deseñada para protexer a estrutura e os elementos esculpidos das inclemencias do tempo.

Ademais o proxecto contempla unha posta en valor de toda a súa contorna coa ampliación da beirarúa da placeta na que se empraza o monumento. Estes traballos inclúen a substitución dos antigos bordos de formigón por novos bordos e baldosas de granito, un material nobre e tradicional máis acorde co valor patrimonial do conxunto.

A obra, que conta cun orzamento total de 15.724,33 euros,  completaráse coa instalación duns novos puntos de iluminación.

“Esta obra humanizará o entorno pero sobretodo preservará o noso patrimonio”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo, que acudiu ao lugar acompañado do Concelleiro de Obras, Ramón Porto, para recoñecer o avance dos traballos.

O Cruceiro do Ringorrango

Trátase dun cruceiro de ánimas en granito, protexido por un baldaquino amplo con tellado a catro augas sobre catro piares cadrados e rodeado por un enreixado. Ten unha altura de 325 cm, con 54 de perímetro varal sobre un pedestal de 38 cm.

Na súa orixe estaba policromado e na súa cruz, a parte traseira, aparece a Virxe sobre peaña, cunha iconografia inédita entre os cruceiros do concello: presenta iconografia bizantina de kiriotisa, como trono de sabedoria, e sostén nos seus brazos a Cristo como neno, como explicababan os autores David Pérez Rego e Paula Alonso Carrera no libro “Catálogo de cruceiros, cruces e petos de ánimas do Porriño”.

O esmoleiro actual é un bloque de granito independente cunha porta de ferro, pero o pedestal orixinal tiña o seu propio orificio para esmolas. No seu frontal hai un retablo esculpido con tres ánimas entre lapas. Sobre el elévase un varal octogonal que sostén un candil de ferro e un capitel de orde composta con follas de palma e volutas.  No anverso da Cruz está  Cristo crucificado con tres cravos, vivo, sen cartela de INRI e co pano de pureza anoado á dereita. No reverso, a virxe.

Como curiosidade, Ringorrango, é unha palabra que en castelán significa “Rasgo de pluma exagerado e inútil, o, “adorno superfluo y extravagante”.

O Consello da Xunta aproba o escudo e bandeira do Porriño

  • A proposta mantén referencias históricas esenciais e, explica o alcalde, “incorpora elementos identitarios esenciais, como o trigo que simboliza o pan do Porriño, a torre da Casa Consistorial, en homenaxe ao legado que nos deixou Palacios, a roda dentada que representa a nosa forza industrial ou o compás e a chumbada de canteiro sen o que O Porriño non sería o que é” 

O Porriño, 21 de xullo de 2026. O Consello da Xunta de Galicia aprobou o escudo oficial e a bandeira do Concello do Porriño. Este paso supón un fito histórico para o municipio, que ata o momento non contaba cun estudo heráldico rigoroso nin cunha simboloxía recoñecida e validada formalmente de acordo cos principios da heráldica tradicional.

O novo deseño non pretende romper coa tradición local, senón integrar, actualizar e reforzar os elementos que definen O Porriño como comunidade, recoñecendo tanto as súas raíces como a súa evolución contemporánea.

Explica o alcalde, Alejandro Lorenzo, que a proposta aprobada mantén referencias históricas esenciais e moi queridas na memoria colectiva da vila como son a Ponte do Valo e o río Louro, sinais inequívocos do territorio que xa figuraban nos primeiros carimbos municipais documentados antes de 1840, pero ademais “incorpora elementos identitarios esenciais, como o trigo que simboliza o pan do Porriño, a torre da Casa Consistorial, en homenaxe ao legado que nos deixou Palacios, a roda dentada que representa a nosa forza industrial ou o compás e a chumbada de canteiro sen o que O Porriño non sería o que é”

A estes compoñentes tradicionais súmanse dous novos elementos fundamentais que xustifican a realidade histórica, social e económica do Porriño actual. A primeira é a torre da Casa Consistorial, deseñada polo insigne arquitecto Antonio Palacios e inaugurada en 1924. Este emblemático edificio, construído con granito local, substitúe a antiga representación da igrexa parroquial como o gran símbolo civil, integrador e identitario da vila e da súa tradición canteira. Ademais intera as espigas de trigo, un recoñecemento explícito á relevante e prestixiosa tradición panadeira do Porriño, cuxa importancia estratéxica e económica está documentada dende o século XIII e que hoxe en día conta co valor engadido dunha marca protexida.

Ademais, se inclúen unha roda dentada, un engranaxe que repreenta a forza industrial, o desenvolvemento tecnolóxico e a realidade socioeconómica do Porriño de hoxe en día, e as nove parroquias do Porriño.

O compás e a  chumbada de canteiro, fan referencia directa á tradición canteira, ao oficio da construción e á arquitectura, moi ligada á extracción do granito e á figura de Antonio Palacios.

Coa esta validación por parte do Consello da Xunta, O Porriño consolida de forma oficial unha imaxe institucional lexítima e adaptada á ciencia heráldica, poñendo fin a décadas de mudanzas e adaptacións gráficas supeditadas aos diferentes contextos políticos do Estado. “É un fito histórico”, apunta o rexedor.

Tanto o escudo como a bandeira, xa recibiran informe favorable na reunión da Comisión de Heráldica do pasado 11 de xuño.  Este órgano consultivo da Xunta de Galicia, adscrito á consellería competente en materia de réxime local, é o encargado de emitir informes vinculantes de aprobación, modificación ou rehabilitación de escudos heráldicos e bandeiras das entidades locais galegas.

O Goberno galego leva aprobados un total de 291 escudos e bandeiras das entidades locais de Galicia no seo da Comisión Heráldica da Xunta, tras a petición dos respectivos concellos de adoptar, modificar ou rehabilitar os seus símbolos, en aplicación do Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, que os regula.  Os municipios e as demais entidades locais de Galicia poden adoptar escudos heráldicos e bandeiras propios e privativos, modificar os xa existentes ou rehabilitar os que historicamente se empregasen, baseándose sempre en feitos históricos ou xeográficos característicos e peculiares do seu territorio e conforme as normativas de heráldica. Ningunha entidade local de Galicia poderá utilizar escudo heráldico ou bandeira que non fosen aprobados polo Consello da Xunta, sen prexuízo daqueles que foron aprobados pola Administración do Estado con anterioridade á transferencia de competencias a favor da Comunidade Autónoma de Galicia. 

Están en marcha as obras de mellora e modernización do campo de fútbol do Lourambal

  • O proxecto conta cun orzamento de máis de 678.000 euros e un prazo de execución estimado de catro meses.
  • As actuacións inclúen a instalación de céspede artificial de última xeración, a renovación integral do equipamento e un novo sistema de iluminación e rego.

O Porriño, 11 xullo de 2026. O campo de fútbol do Lourambal inicia unha transformación integral co arranque das obras de mellora das súas instalacións. O proxecto, que conta cun orzamento base de licitación de 678.152,05 euros, ten como obxectivo modernizar o espazo para ofrecer unhas condicións óptimas para a práctica deportiva.

A principal actuación será a substitución do actual terreo de xogo de herba natural por céspede artificial de última xeración. O novo campo, cunhas dimensións de 105×67 metros para fútbol 11, estará deseñado de xeito polivalente, permitindo a súa división en dous campos transversais de fútbol 7. A nova superficie contará cunha subbase elástica de escuma de poliolefinas de célula pechada reticulada, unha moqueta bicolor en ton verde e os correspondentes recheos de estabilización para o seu lastrado.

Melloras estruturais e sostibilidade

Para garantir o correcto mantemento e drenaxe das instalacións, o terreo de xogo disporá de pendentes específicas e canles de recollida de augas pluviais nos laterais, delimitando o pavimento cun bordelo de formigón.

Ademais, actuarase de xeito profundo na rede de rego coa instalación de  canóns emerxentes de longo alcance e un depósito enterrado de 20 m3 para asegurar o abastecemento de auga. Tamén se renovarán   por completo os proxectores do campo seguindo un rigoroso estudo lumínico, aproveitando os báculos xa existentes para mellorar a eficiencia enerxética e a visibilidade do recinto.

Renovación do equipamento deportivo

O proxecto tamén inclúe un importante renovación do equipamento deportivo. Instalaranse novas porterías tanto de fútbol 11 como de fútbol 7 , redes, banderíns de córner, varandas perimétricas e novos banquiños cubertos e pechados lateralmente. Así mesmo, dotarase ao espazo dunha nova sinalización.

Cunha duración prevista de catro meses, estas obras dotarán ao Lourambal dunhas instalacións modernas, sostibles e adaptadas ás necesidades dos clubs e deportistas que fan uso do campo a diario.

O Campo do Porriño Industrial

O Lourambal é o campo do Porriño Indusitral, un clube que se fundou  oficialmente o 15 de febreiro de 1933 baixo o nome de Porriño F.C., presidido na súa primeira xunta directiva por Leocadio Lourido e vestindo inicialmente de branco e azul. Un dos seus maiores fitos históricos tivo lugar na tempada 1958-59 cando, co nome do seu patrocinador Zeltia, o equipo proclamouse campión galego de afeccionados e logrou o subcampionato de España. A denominación actual de Porriño Industrial chegou en 1965, froito da fusión entre o Louriña C.F. e o propio Zeltia, sendo Pepe da Morrilleira o seu primeiro presidente nesta nova etapa.

Ao longo da súa traxectoria, o primeiro equipo alternou categorías comarcais e rexionais cun notable paso pola Tercera División. Durante o longo mandato de Santiago Gilsanz de la Aldea nos anos 70 e principios dos 80, o club logrou un importante ascenso a Tercera División. Con todo, o seu maior éxito de liga chegou na tempada 1998-99 baixo a presidencia de José Carlos Díaz Casales, cando o equipo se proclamou campión de Tercera División e disputou a fase de ascenso a Segunda División B contra clubs de renome nacional. Tras esta época dourada, o club sufriu varios ascensos e descensos baixo as directivas de José Lorenzo Pérez e Luis Neira Olive.

A partir da tempada 2010-11, baixo a presidencia de Ramón Bastos, o club iniciou unha fonda remodelación estrutural impulsada pola estrea de modernos campos de herba sintética e a profesionalización do seu corpo técnico e médico. Esta aposta deu os seus froitos na campaña 2011-12 coa chegada do presidente Esteban Cidanes Domínguez, na que as categorías inferiores asinaron unha xesta histórica con catro ascensos simultáneos de xuvenís, cadetes e infantís. Foi precisamente nesta exitosa etapa cando Claudio Giráldez —actual adestrador do Real Club Celta de Vigo en Primera División— comezou a vencellarse á estrutura técnica da base como coordinador de canteira xunto a Humberto Lede, consolidando a cantera do Porriño Industrial na elite do fútbol base galego antes de dar o salto como técnico.

O Concello licita a segunda fase da ampliación do Auditorio que sumará un novo anfiteatro e unha cafetería ao aire libre

  • A actuación, cun prazo de execución máximo de 7 meses, está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
  • O proxecto inclúe a creación dun anfiteatro con 25 novas butacas —que completará o aforo global ata as 350 prazas—, unha sala de exposicións e a urbanización integral da parcela.

O Porriño, 29 de xuño de 2026. O Concello do Porriño continúa a avanzar de xeito firme na modernización e expansión das súas infraestruturas culturais. Así, acabanse de licitar as obras correspondentes ao “Proxecto de ampliación do auditorio para unha nova sala de exposicións e anfiteatro”

Esta importante intervención arquitectónica, que se desenvolverá na rúa Xosé Fernández López , constitúe a segunda fase do gran complexo sociocultural do Porriño.

Máis espazo e mellores dotacións

A finalidade principal desta ampliación é enriquecer a axenda social e cultural do concello dotándoo de espazos versátiles, modernos e accesibles. O novo volume edificado conectará directamente co auditorio que actualmente se atopa en fase de construción.

Entre as principais novidades destaca a creación dun anfiteatro con capacidade para 25 novas butacas orientado cara ao escenario principal, o que permitirá elevar a capacidade total do conxunto ata as 350 prazas. Un deseño que explicou o alcalde, se fixo co asesoramento da artista porriñesa Janeth Novás. Así mesmo, dotarase ao complexo dunha sala de usos múltiples e exposicións na cota superior que servirá de acceso accesible mediante unha rampla , ademais de aseos adaptados, almacén e unha pequena zona de cociña.

Cafetería ao aire libre na cuberta

Outro dos grandes atractivos do deseño arquitectónico, asinado pola arquitecta Estefanía Grandal Leirós , é o aproveitamento da súa cuberta plana. Nela configurarase unha terraza que se converterá nunha gran cafetería ao aire libre. Un espazo único no Porriño, cunhas vistas privilexiadas do centro urbano.  Un entorno que servirá para grandes eventos pero tamén como novo espazo de lecer para a cidadanía.

“Coa licitación desta segunda fase, O Porriño dá un salto cualitativo na súa oferta cultural. Non só ampliamos o espazo físico do Auditorio ata as 350 prazas, senón que creamos un punto de encontro vivo, moderno e accesible para todos os veciños e veciñas”, asegura o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo.

Integración urbana e sostibilidade

O deseño persegue un estrito diálogo visual e volumétrico cos edificios lindeiros (o Centro Cultural e a Biblioteca Municipal, construídos  en Rosa Porriño). Así, para o novo volume utilizarase un revestimento exterior de fachada ventilada en chapa de zinc de cor marrón, logrando unha imaxe limpa e contemporánea.

Ademais, os traballos contemplan a urbanización integral de toda a parcela exterior (duns 500 metros cadrados) para xerar un contorno peonil de calidade, totalmente accesible e que facilitará o acceso ordenado de vehículos para as tarefas de carga e descarga de material escénico , ademais de acondicionar unha nova rúa perpendicular que dará acceso ao montacargas municipal. En materia de sostibilidade, a nova infraestrutura adoptará os máximos criterios de eficiencia enerxética mediante un sistema de climatización por bomba de calor aerotérmica.

Coa apertura deste proceso de licitación pública, a  o municipio prepárase para dar un salto de calidade cualitativo que situará ao Porriño na vangarda das dotacións culturais e de lecer da contorna.

Os traballos, que ascenden a 737.291,87 € ,  licitaranse mediante un procedemento aberto e contarán cun prazo máximo de execución de 7 meses a partir da súa adxudicación. A obra enmárcase dentro dos programas cofinanciados pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Porriño transformará o parque Alcalde Ordóñez nun referente de accesibilidade cun 70 % de financiamento da Xunta de Galicia

  • O proxecto de reforma integral, deseñado pola arquitecta María Fandiño, recuperará 2.280 metros cadrados de espazo público a través do Plan Hurbe, baseándose na economía circular, a eliminación de barreiras e a creación dun novo pulmón verde articulado en torno a unha lámina de auga central.
  • A intervención reordenará todo o enclave salvagardando a memoria histórica e a identidade do parque mediante a restauración e posta en valor de todos os seus elementos artísticos e escultóricos preexistentes.

O Porriño, 22 de xuño de 2026. O ambicioso proxecto de reforma urbana, paisaxística e de accesibilidade do do emblemático parque Alcalde Ordóñez, conta co respaldo económico da Xunta de Galicia: o Consello da Xunta ven de aprobar a súa inclusión no Plan Hurbe, e polo tanto a financiación do 70 por cento do seu coste, logo de comprobar que o proxecto busca, ademais de converter este espazo nun entorno máis verde e humano, eliminar as barreiras arquitectóncias actuais e cohesionalo no espazo no que está emprazado.

A intervención, deseñada pola arquitecta paisaxista galega María Fandiño, expón unha metamorfose integral dun espazo de 2.280 metros cadrados. O núcleo da proposta radica en dar unha resposta contemporánea ás necesidades do centro urbano, pero espectando os seus elementos máis característicos.  Asi, o novo deseño erradica as importantes barreiras arquitectónicas actuais mediante un sistema de ramplas suaves de pendentes controladas (de entre o 0,5% e o 8%), integrando de forma natural os desniveis no percorrido lúdico e de estancia do parque.

Outro dos alicerces fundamentais da obra será a aplicación de criterios de economía circular. O proxecto contempla o desmantelamento de pavimentos obsoletos e da antiga fonte de auga, pero lonxe de refugar os materiais, os formigóns limpos extraídos serán triturados in situ para conformar as novas subbases dos chans.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliña que esta reforma “non só modernizará a estética urbana da vila, senón que será un paso importante na accesibilidade, creando ademais un novo pulmón verde, un novo espazo con vexetación, chorros,  e unha lámina de auga central, salvagardando a memoria histórica do parque”. Elementos de alto valor artístico e identitario, como as dez esculturas dispostas nos muros de cantería exteriores e as dúas esculturas da fonte orixinal, serán minuciosamente protexidas, restauradas e integradas de forma harmoniosa na nova paisaxe, apuntou.

Máis vexetación e conservación de elementos artísticos

O aspecto natural e paisaxístico dará un envorco cualitativo grazas á implantación dunha densa trama de vexetación deseñada especificamente para o clima local. O novo parque contará con parterres xeométricos de plantación, taludes verdes e unha estrutura de mallas para o guiado de especies trepadoras. Este pulmón verde articularase en torno a unha lámina de auga central na que se instalarán os elementos escultóricos a preservar, concibida como o elemento dinamizador e refrescante do espazo público.

De feito, preservarase todo aquelo que caracteriza a este parque, entre elo,as dez pezas escultóricas que actualmente están integradas nos muros exteriores de mampostería. Serán restauradas e reubicadas en paramentos verticais específicos na nova configuración. Tamén as columnas de farolas. Neste caso desmontaranse e restauraranse. Tamén os báculos de iluminación ou os muros perimetrais.

Entre as incorporacións ao proxecto, ademais da eliminacion das barreiras ou aumentar as zonas verdes, está a presencia do granito para as zonas de lecer.

Cohesión urbana

Dende a súa inauguración no ano 1991, o parque experimentou un deterioro progresivo debido en gran parte ao seu deseño pechado. Pola súa ubicación, actúa case como unha barreira física que separa o centro da vila co barrio da Malladoura e xera un entorno inseguro, con baixa visibilidade e áreas de difícil acceso. Por iso, o Concello do Porriño proxectou a súa mellora, recuperando o parque para a veciñanza e convertíndoo nun pulmón verde que impulse a dinamización da zona.

 

O Concello do Porriño entregará este sábado 13 de xuño os III Premios Antonio Palacios nunha gala cargada de emoción

O Porriño, 12 xuño de  2026. A praza do Concello do Porriño vestirase de gala este sábado 13 de xuño ás 21:00h para acoller o acto oficial de entrega dos III Premios Antonio Palacios. Agárdase unha cita profundamente emotiva na que se lembrará a vida, o esforzo e o gran legado que estas persoas, entidades e empresas deixaron e seguen a deixar a súa pegada na historia do municipio.

Esta terceira edición dos galardóns do Concello do Porriño quere servir como unha homenaxe pública e chea de gratitude cara a aqueles que representan o mellor dos valores da vila: a solidariedade, a defensa social, o talento, o dinamismo industrial e o orgullo polas tradicións compartidas.

Unha homenaxe ao compromiso, o talento e a memoria do Porriño

A gala terá momentos de gran carga emocional, destacando especialmente o recordo a Dora Carrera, fundadora da Asociación Érguete, que recibirá a título póstumo o Premio de Honra Antonio Palacios. O acto servirá para poñer en valor a súa loita incansable dende os anos 80 contra a droga, así como o seu labor pioneiro na atención integral das adiccións e o apoio familiar en Galicia.

Xunto a ela, o escenario da praza do Concello acollerá o recoñecemento a outras traxectorias imprescindibles para a comunidade porriñesa:

O Premio á Cultura recae no O Xogo da Ola: Un recoñecemento que vai directo ao corazón da identidade porriñesa. Con este premio lémbrase e apláudese a unión de moitas xeracións de veciños que lograron manter viva unha das tradicións máis singulares e representativas do patrimonio inmaterial da vila. O Xogo da Ola é unha cita única do Entroido porriñés.

O Premio ao Compromiso Social é para Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Rosais: Unha sentida homenaxe a un colectivo que é o piar fundamental da convivencia diaria no Porriño. Dende os anos 80 enroláronse na maioría de loitas sociais no municipio, dende a defensa dos dereitos das mulleres e contra a violencia de xénero ata a recollida de sinaturas para evitar a instalación da empacadora ou a presión social para eliminar o vertedoiro de Cataboi demostran que estas mulleres souberon combinar o acompañamento persoal coa presión estratéxica ante as institucións.O acto lembrará o seu constante labor a prol da igualdade, a integración, o apoio mutuo e a dinamización do lecer local, sempre tras o Entroido ou o Corpus.

O Premio ao Deporte será para  Gabriel Veiga Novás (“Gabri Veiga”): O futbolista profesional será galardoado como un referente de superación, disciplina e humildade para a xuventude. A gala destacará o orgullo de que un veciño que comezou no deporte base sexa hoxe o mellor embaixador do nome do Porriño e de Galicia no fútbol internacional. Un porriñés que non deixa de colleitar éxitos: tras o seu paso polo Al-Ahli saudí (onde se proclamou campión asiático), regresou ao fútbol europeo fichando polo F.C. Porto. Nesta última tempada tivo un papel destacado e acaba de proclamarse campión da Liga de Portugal co conxunto luso a comezos de maio.

Finalmlente, o Premio á Empresa recae na  Compañía Española de Algas Marinas (CEAMSA): Un recoñecemento á excelencia do tecido industrial porriñés. Celebrarase a traxectoria desta firma fundada en 1966, hoxe pioneira e referente mundial na innovación e produción de hidrocoloides naturais, exportando desde O Porriño para os cinco continentes.Foi, ademais a primeira empresa en implantarse no polígono de As Gándaras, un entorno ndustrial que dende aquela implantación non deixou de crecer, ao igual que esta empresa.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, explica que a cita do sábado 13 de xuño será un día para “o agradecemento e a admiración”, poñendo o foco nas historias humanas e colectivas que fan do Porriño un pobo unido e con futuro.

O Centro de día de Atios estará en marcha na antiga unitaria no ano 2027

  • O consello da Xunta aproba a cofinanciación das obras para rehabilitar o edificio cuxa licitación publicarase este mes de xuño

8 de xuño de 2026, O Porriño.- O Centro de Día de Atios está un pouco máis preto de facerse realidade coa aprobación no consello da Xunta do cofinanciamento das obras. Así, do total do investimento, 431.000 euros, a administración autonómica achegará 150.000 euros. Este mesmo mes de xuño publicarase a licitación para transformar o antigo edificio nun servizo de atención a persoas maiores.

“Os investimentos centrados nas persoas son fundamentais para O Porriño”, asegura o alcalde, Alejandro Lorenzo, que ten este proxecto como prioritario entre todas as obras proxectadas polo goberno municipal. “Comprometinme coa veciñanza de Atios a que terían un centro de día e a antiga escola unitaria do Covelo terá ese centro”, apunta Lorenzo, que sentencia ademais que seguirá “traballando e loitando para que todas as parroquias conten con todos e cada un dos servizos que tamén merecen, porque as parroquias tamén son O Porriño”.

Tras a correspondente tramitación administrativa ante a Consellería de Política Social e Igualdade, a administración autonómica cofinanciará o proxecto, o que permitirá que as obras de acondicionamento poidan comezar en breve no lugar do Covelo.

Un proxecto de rehabilitación integral

O proxecto técnico, redactado polo arquitecto Alberto Quintáns Arrondo, prevé a rehabilitación e adecuación funcional da antiga escola unitaria de Atios, un edificio construído orixinalmente en 1985 e que hoxe se atopa en desuso. O solar conta cunha superficie de parcela de máis de 2.700 m² e unha edificación que suma 318,08 m² construídos en planta baixa.

Así, entre as actuacións máis salientables da proposta inclúense espazos diáfanos incorporando o antigo pórtico cuberto da fachada posterior como espazo interior, transformando a nave central en dúas grandes salas totalmente diáfanas destinadas a sala de estar (64 m²) e sala multiusos (108,91 m²). A nave sur albergará catro aseos adaptados para os usuarios e unha sala de fisioterapia e curas de máis de 21 m², e na nave norte situaranse o vestíbulo de entrada (cun sistema de cortaventos), o despacho de administración, os vestiarios para o persoal e unha cociña con despensa e cuarto de lixo.

Para mellorar a accesibilidade, derrubaranse as rampas de acceso actuais para substituílas por unha nova plataforma horizontal. Ademais, modificarase a topografía do terreo para xerar unha pendente suave (inferior ao 6%), garantindo un itinerario totalmente accesible e seguro.

Co visto bo ao cofinanciamento e os plans técnicos listos, a licitación sacarase este mes de xuño para converter a antiga escola de Atios nun equipamento social moderno e de proximidade.