O Porriño mellora a seguridade vial e os accesos con novos asfaltados xa en marcha

  • Xa arrancaron as obras no Camiño da Relva, mentres que os traballos no Coto do Muíño, O Regueiro e dous treitos en Contrasto comezarán nos vindeiros días.

O Porriño, 07 de agosto de 2026. O Concello do Porriño continúa avanzando no seu plan de mellora da rede viaria co obxectivo de incrementar a calidade de vida e a seguridade da veciñanza que habita no medio rural. Coa posta en marcha dun novo paquete de asfaltados cun orzamento que supera os 125.500 euros, o Concello transforma vías de terra ou en mal estado en estradas seguras e mellor sinalizadas.

O Camiño da Relva, xa en marcha

As actuacións xa son unha realidade no Camiño da Relva. Ata hai uns días, este treito era un camiño de terra que dificultaba a mobilidade diaria. Coas obras actualmente en execución, o vial pasa a contar cunha superficie asfaltada de 318 metros de lonxitude e un ancho medio de 5 metros, transformándose nun acceso totalmente accesible e cómodo para os veciños.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitou esta mañá esas obras acompañado do concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto. “Coidar as nosas parroquias é seguir traballando por mellorar a calidade de vida de quen habita nelas”, asegurou Alejandro Lorenzo, puntualizando que “isto implica mellorar as súas conexións e a seguridade viaria”. “Este camiño da Relva pasa a ser un vial asfaltado que une lugares, pero tamén persoas”, concluíu.

Próximas actuacións nas parroquias

O plan de asfaltado non se detén na Relva. Nos vindeiros días está previsto o inicio dos traballos en novos puntos clave do municipio, como no Camiño Coto do Muíño, onde se acondicionará unha vía de 368 metros de lonxitude e un ancho medio de 4,5 metros; os Camiños Contrasto 1 e 2 en Torneiros, de 64 e 66 metros respectivamente, con anchos de entre 4 e 5 metros, ou o Camiño O Regueiro, en Mosende, cunha actuación integral nun total de 128 metros, divididos en dous tramos diferenciados segundo a súa anchura.

Con estas intervencións, a intención do Goberno local do Porriño é continuar desenvolvendo este tipo de obras de mellora nas distintas parroquias, avanzando xa na preparación de novos proxectos que se atopan actualmente en fase de licitación.

“Sombra e luz”: O Porriño convida a vivir o eclipse no Faro de Budiño cunha experiencia única de natureza, ciencia e lecer

  • O Concello organiza unha programación especial o vindeiro 12 de agosto para gozar dun dos fenómenos astronómicos máis destacados do ano desde un dos mellores miradoiros naturais do municipio.

O Porriño, 6 de agosto de 2026.– O Concello do Porriño presentou esta mañá “Sombra e luz. Vive o eclipse no Faro de Budiño”, unha proposta coa que o municipio quere converter o Monte Faro de Budiño nun punto de encontro para veciñanza e visitantes durante a observación do eclipse parcial de Sol do próximo 12 de agosto.

A iniciativa nace co obxectivo de ofrecer unha experiencia que vai máis alá da propia observación do fenómeno astronómico, combinando divulgación científica, posta en valor do patrimonio natural e actividades dirixidas a toda a familia nun dos espazos máis emblemáticos do Concello.

A programación dará comezo ás 17:15 horas cun roteiro circular polo Monte Faro de Budiño, unha actividade guiada con prazas limitadas que permitirá descubrir os valores ambientais, paisaxísticos e xeolóxicos desta contorna singular.

Ás 18:15 horas desenvolverase un obradoiro infantil, tamén con inscrición previa, no que os máis pequenos poderán participar nunha actividade de pintacaras e na elaboración de chapas conmemorativas inspiradas no eclipse.

Posteriormente, entre as 19:00 e as 19:45 horas, realizarase a entrega de lentes homologadas e material divulgativo para garantir unha observación segura do eclipse, antes do inicio do fenómeno astronómico.

As persoas interesadas en participar no roteiro ou no obradoiro deberán formalizar previamente a súa inscrición no Rexistro Xeral do Concello do Porriño, de forma presencial ou telemática para garantir a seguridade e o aforo neste espazo habilitado para ese día.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que esta iniciativa supón “unha oportunidade extraordinaria para seguir dando a coñecer o enorme patrimonio natural do noso municipio a través dunha experiencia diferente, pensada para todas as idades. Queremos que O Porriño sexa un referente para vivir este eclipse e que quen nos visite descubra tamén un espazo único como é o Monte Faro de Budiño. O eclipse convértese nunha magnífica oportunidade para achegar a ciencia á cidadanía dun xeito atractivo e participativo, ao tempo que seguimos promovendo os nosos recursos naturais como espazos de encontro e desfrute responsable “

Pola súa banda, a concelleira de Turismo Vanessa Ucha, explicou que “‘Sombra e luz’ representa a nosa forma de entender a promoción turística: crear experiencias que conecten natureza, divulgación, patrimonio e convivencia. Este evento permitirá descubrir o Faro de Budiño desde unha nova perspectiva e reforza a aposta do Concello por ofrecer actividades de calidade vinculadas ao noso territorio.”

Desde o Concello recoméndase acudir con roupa cómoda e calzado deportivo e lémbrase que a observación do eclipse deberá realizarse exclusivamente mediante lentes homologadas, que serán entregadas gratuitamente durante a actividade.

O Concello do Porriño agradece a colaboración da Deputación de Pontevedra, así como a disposición da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común San Salvador de Budiño, que facilita o desenvolvemento da actividade nun enclave privilexiado para a observación deste fenómeno astronómico.

Con “Sombra e luz. Vive o eclipse no Faro de Budiño”, o Concello reafirma a súa aposta por unha programación que combina natureza, turismo, educación e divulgación científica, ofrecendo unha proposta singular para vivir un acontecemento excepcional nun dos espazos naturais máis representativos do municipio.

O Porriño estrea unha ruta cicloturista circular de 30 km entre o río Louro, o Faro de Budiño e o Castelo de Cans

  • O percorrido conta cun tótem informativo e unha estación de autoreparación para bicicletas situados na Fonte de San Sebastián destinado tanto aos turistas como aos deportistas.

O Porriño, 5 de agosto de 2026. O Concello do Porriño suma un novo recurso ao seu catálogo de turismo sostible e deportivo coa posta en marcha da nova Ruta Cicloturista O Porriño. Trátase dun percorrido circular deseñado co asesoramento dun equipo técnico especializado, no que colaboraron activamente o deportista Guti Martín e o clube local Master Louriña.

“No Porriño sabemos e podemos unir o deporte co turismo, cuns entornos únicos ademais adaptados para as dúas rodas”, apunta o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, que destaca a forte presencia dos aficionados ao ciclismo no municipio, e tamén a importancia dos monumentos arquitectónicos e naturais que esta ruta percorre.  Así, a ruta ten o seu punto de partida e chegada no centro da vila, na contorna do Templete de San Luís, obra do arquitecto Antonio Palacios. O trazado discorre inicialmente xunto ao río Louro e as Gándaras de Budiño, unha zona integrada na Red Natura 2000 e refuxio de fauna, para iniciar despois o ascenso cara ao Faro de Budiño. Trátase dunha impresionante formación rochosa no alto da montaña onde se atopan vestixios arqueolóxicos que evidencian a ocupación humana desde tempos remotos.

Ademais a ruta pasa polas ruínas do  Castelo de Cans, unha antiga fortaleza medieval que vixiaba o paso polo val desde a súa privilexiada posición a 358 metros sobre o nivel do mar. A panorámica desde o alto do monte ofrece vistas impresionantes do val do río Couso e do Val do Louro, revelando tamén a presenza de outras fortalezas antigas e desaparecidas na rexión.

Destaca tamén o Rexedor que a Fonte de San Sebastián se converta en punto de encontro desta ruta onde  ademais dun tótem informativo co trazado, hai unha estación de auto-reparación e mantemento de bicicletas. Este novo punto conta con soporte para colgar a bici, bomba de inflado e ferramentas básicas para realizar pequenas reparacións no momento.

Acudía a este entorno xunto á concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, que puña en valor o turismo de natureza e calide nun municipio, punto de partida do Camiño de Santiago, con grandes atractivos no entorno.

Plan de sostibilitade turística

A actuación inscríbese no proxecto “Creación de rutas cicloturistas en contornas enogastronómicas”, impulsado desde o GDR Galicia Suroeste no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.

Esta liña de actuación está financiada pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU (Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España). Coa súa posta en marcha, preténdese fomentar o uso da bicicleta, reducir a pegada de carbono, desestacionalizar a oferta turística da contorna e ofrecer novas opcións de ocio saudable tanto para a veciñanza como para os visitantes.

A ruta xa se atopa dispoñible para a súa consulta e descarga dixital nas principais plataformas de navegación e sendeirismo (Wikiloc, Komoot e galiciasuroeste.gal).

Características técnicas do percorrido

Cunha lonxitude total de 30,87 quilómetros e un desnivel acumulado de 594 metros, o percorrido está clasificado como de dificultade media, cunha duración estimada de 3 horas e media. A ruta está pensada especialmente para bicicletas de montaña (BTT) ou gravel, transcorrendo nun 48% por pistas sen asfaltar, un 23% por estrada, un 16% por pista asfaltada e o 13% restante por camiños e sendas.

O Concello do Porriño inicia as obras de ampliación da rede de saneamento e mellora de infraestruturas no núcleo rural de Budiño-Trapa

  • O alcade, Alejandro Lorenzo, explica que o saneamento integral do municipio é unha prioridade para o goberno municipal
  • No mes de agosto iniciarase un calendario de reunións veciñais polas parroquias para explicar as obas de saneamento en cada unha delas
  • A actuación conta cun orzamento base de licitación de 220.430,31 euros está subvencionada a través da Liña 1 do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

O Porriño, 4 de agosto de 2026. O Concello do Porriño está a acometer novas obras de saneamento no núcleo de Trapa, pertencente á parroquia de San Salvador de Budiño. A nova rede discorrerá ao longo do camiño principal do núcleo rural e conectará co colector existente no núcleo do Mosteiro, incorporando ao sistema xeral de saneamento de xeito directo a un conxunto de vinte vivendas existentes na zona.

Son en total 640 metros de tubaxe. Así mesmo, construirase unha rede de cunetas para optimizar a evacuación das augas pluviais na contorna, reporase un tramo da rede de abastecemento de auga e recreceranse as tapas de rexistro.

Ademais, aproveitarase a apertura de calzadas para renovar a rede de iluminación pública, substituíndo 12 luminarias antigas por novos equipos de tecnoloxía LED de 40 W de baixo consumo enerxético e renovando o tendido aéreo. Ao remate da obra estenderase unha nova capa de rodadura ao longo de todo o vial afectado.

Trátase dunha obra cunha importante inversión de  220.430,31  euros que conta cunha subvención a través da Liña 1 do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, explica que o saneamento integral do municipio é unha prioridade para o goberno municipal. De feito, no mes de agosto iniciarase un calendario de reunións veciñais polas parroquias para explicar as obras de saneamento que se van levar a cabo en cada unha delas que se extenderá ata setembro.

Esas reunións comezarán en Cans, o 4 de agosto, e seguirán todos os martes dese mes e de setembro polas diferentes parroquias: Mosende, 11 de agosto; Pontellas, 18 de agosto: Atios, 25 de agosto; Budiño, 1 de setembro; Chenlo, 8 de setembro; Torneiros, 15 de setembro. Anímase a toda a veciñanza a acudir.

O Concello do Porriño recuperará e musealizará a ponte romana das Amíndoas

  • Esta obra enmárcase dentro dun ambicioso proxecto para evitar as inundacións e que converterá a zona nun gran parque fluvial

 

  • Este novo espazo será unha nova zona verde e unha conexión peonil entre O Porriño e Torneiros

O Porriño, 1 de agosto de 2026. O Concello do Porriño está a elaborar un ambicioso proxecto para recuperar e musealizar a Ponte romana das Amíndoas. Trátase dun importante vestixio histórico polo que discurría a vía romana e que na actualidade está escondido baixo formigón e asfalto. A intención é desfacelo desas capas de modernidade e que volva ao seu estado orixinal. É máis, o redactor do proxecto cre posible atopar e recuperar tamén parte desa vías romana  que comunicaban O Porriño coas Gándaras e tamén con Pontellas no seu camiño entre Astorga e Braga. Por iso esa ponte converterase novamente nunha ponte peonil e construirase unha nova vía paralela á actual para que pasen os vehículos. 

Esta importante intervención patrimonial está enmarcada no proxecto “De minoración das avenidas ordinarias e posta en valor da ponte das Amíndoas”. Un dos grandes proxectos do Concello do Porriño presentados ao Plan de Actuación Integrado (PAI) que cambiará por completo unha contorna que cada inverno sufre importantes inundacións.

“Trátase dun dos proxectos máis ilusionantes e importantes do noso concello”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo, que visitaba xunto a arquitecta municipal e o redactor do proxecto este espazo, engadindo que se trata de “recuperar e manter a nosa historia, cun proxecto que permitirá conectar as parroquias co casco urbano e crear máis zonas verdes que precisa o noso pobo”.

De feito, a principal actuación é aumentar a capacidade de desagüe do río, para que en época de crecida a auga non inunde esta importante zona verde do Porriño e a estrada que discorre por ela. Esta actuación farase na contorna da ponte, que se restaurará para que volva a lucir como na época romana.

Esta contorna, na actualidade cualificada como zona inundable, poderá así ser recuperada para o uso cidadán, posibilitando a creación dunha gran zona verde con acceso ao río e unha nova unión entre Torneiros e o centro urbano.

Trátase dunha aposta pola resiliencia ambiental, adaptar os espazos aos efectos do cambio climático e preparar o territorio para responder con garantías ante episodios de chuvias extremas. É precisamente por esta visión sustentable polo que o proxecto conta co apoio de fondos europeos FEDER. A Unión Europea prioriza este tipo de solucións baseadas na Natureza, que abandonan as canles de formigón para renaturalizar o río Louro, protexer a zona de Atios de futuras inundacións e recuperar o patrimonio histórico e ecolóxico do municipio.




O Concello do Porriño constrúe un novo muro na Estrada de Torneiros

  • Esta obra posibilitará a ampliación da beirarrúa

O Porriño, 29 de xullo de 2026. O Concello do Porriño atópase executando as obras de construción dun novo muro de contención na estrada de San Salvador de Torneiros. Esta intervención ten como obxectivo principal solucionar o mal estado de conservación no que se atopaba a antiga estrutura, que representaba un risco para a seguridade da zona.

Para levar a cabo esta actuación, o goberno local acadou un acordo coa Comunidade de Montes, propietaria dos terreos, que cedeu a superficie necesaria onde se localizaba a antiga construción, sobre a que se empraza a Asociación de Veciños. 

As tarefas, que visitou o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, xunto ao concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, consisten no desmonte e escavación da antiga estrutura para erguer un novo muro de mampostaría. O orzamento total destinado a estes traballos ascende a 14.700 euros, unha inversión que servirá ademais para liberar espazo e posibilitar a posterior ampliación da beirarrúa, mellorando así a seguridade e o tránsito peonil dos veciños e veciñas de Torneiros.

O Porriño pecha a X edición de Porrigalia cunha gran participación nas rúas e o récord nos seus Xogos Olímpicos

  • O espectáculo SubUmbra de Troula Animación puxo o fin de festa coa devolución do bastón de mando ao alcalde, Alejandro Lorenzo.
  • Galos, castrexos, romanos, exipcios e gregos voltaron tomar as rúas nunha edición que superou os rexistros de inscritos nas probas olímpicas de adultos e no Gladiator Kids.
  • Os pregoeiros desta edición, os creadores de contido Galidrone, xa publicaron nas súas redes o reel oficial do evento.

O Porriño, 27 de xullo de 2026.— O Porriño volve á rutina semanal despois de revivir a Gran Batalla das Civilizacións durante este fin de semana. A décima edición de Porrigalia despediuse este domingo cun balance moi positivo, destacando o gran ambiente nas rúas e a alta participación da veciñanza e visitantes que se caracterizaron de galos, castrexos, romanos, exipcios e gregos.

O broche de ouro da celebración tivo lugar o domingo pola noite na Praza Arquitecto Antonio Palacios coa representación do espectáculo SubUmbra, a cargo da compañía Troula Animación. Trala actuación, celebrouse o acto simbólico de Entrega do bastón de mando, no que o Rei Castrexo (interpretado polo actor Pepo Suevos) lle devolveu o poder ao alcalde, Alejandro Lorenzo, quen o sábado fora “destronado” para dar paso á comedia e ao espírito olímpico.

Unha fin de semana de olimpíadas, historia e música

A esencia da festa volveu ser a recreación histórica combinada co deporte e a comedia. As Probas Olímpicas, motor principal do evento, acadaron este ano un récord de participacións. As diferentes delegacións mediron as súas forzas en probas de habelencia e resistencia tanto o sábado como o domingo na Praza do Cristo e na rúa Ramón González, contando ademais coa participación do propio rexedor local. 

O público infantil tamén tivo un protagonismo especial coa proba de obstáculos Gladiator Kids na Praza 8 de Marzo, que completou o seu cupo de inscritos, ademais dos obradoiros, pases de cetrería e o programa de animación ao longo da fin de semana.

No apartado social e dixital, os creadores de contido Sergio e Daya (Galidrone), encargados de dar o pregón o sábado, xa compartiron nas súas redes sociais o reel resumo cos mellores momentos da festa, levando as imaxes do Porriño a unha comunidade de máis de 200.000 seguidores. . Durante o seu discurso expresaron o orgullo de levar o nome do Porriño por todo o mundo e destacaron a calidez da súa xente. “Para nós é un orgullo enorme estar hoxe aquí. Porque vemos a sorte de percorrer medio mundo contando historias. Coñecemos lugares impresionantes. Paisaxes únicas. Cidades cheas de historia. Pero hai unha historia que sempre contamos con máis orgullo ca ningunha outra. A do Porriño”, dixeron

Trala lectura do pregón, e antes de decretar o inicio oficial dos X Xogos Olímpicos de Porrigalia, gravaron o primeiro plano dun reel que de seguro xa suma milleiros de reproduccións. Foi no momento en que o alcalde, Alejandro Lorenzo, como última vontade concedida polo Rei Casrtexo, deu paso a Charanga Caliqueños que interpretaron o Himno de Galicia para celebrar o Día de Galicia tamén na localidade. 

O Concello do Porriño está a rehabilitar o  cruceiro do Ringorrango en Atios

  • A actuación inclúe a reconstrución da cuberta para protexer o conxunto, a mellora do contorno peonil con granito e a instalación de nova iluminación, cun investimento total de 15.724,33 euros.
  • Este cruceiro ten unha iconografia inédita entre os cruceiros do concello: presenta iconografia bizantina de kiriotisa, como trono de sabedoria, e sostén nos seus brazos a Cristo como neno, como explicababan os historiadores José Ramón Iglesias Veiga e Diego Giráldez no libro “O Porriño, arquitectura urbana”.

O Porriño, 24 de xuño de 2026. — O Concello do Porriño está a rehabilitar o cruceiro do Ringorrango, situado no barrio dos Eidos. Trátase dunha pezas importante do patrimonio local, cuxo peto de ánimas, aínda que non puido ser datado, conta a lo menos con  dous séculos de historia.

A intervención ten como obxectivo principal garantir a conservación e protección deste ben coa reconstrución  da súa cuberta, deseñada para protexer a estrutura e os elementos esculpidos das inclemencias do tempo.

Ademais o proxecto contempla unha posta en valor de toda a súa contorna coa ampliación da beirarúa da placeta na que se empraza o monumento. Estes traballos inclúen a substitución dos antigos bordos de formigón por novos bordos e baldosas de granito, un material nobre e tradicional máis acorde co valor patrimonial do conxunto.

A obra, que conta cun orzamento total de 15.724,33 euros,  completaráse coa instalación duns novos puntos de iluminación.

“Esta obra humanizará o entorno pero sobretodo preservará o noso patrimonio”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo, que acudiu ao lugar acompañado do Concelleiro de Obras, Ramón Porto, para recoñecer o avance dos traballos.

O Cruceiro do Ringorrango

Trátase dun cruceiro de ánimas en granito, protexido por un baldaquino amplo con tellado a catro augas sobre catro piares cadrados e rodeado por un enreixado. Ten unha altura de 325 cm, con 54 de perímetro varal sobre un pedestal de 38 cm.

Na súa orixe estaba policromado e na súa cruz, a parte traseira, aparece a Virxe sobre peaña, cunha iconografia inédita entre os cruceiros do concello: presenta iconografia bizantina de kiriotisa, como trono de sabedoria, e sostén nos seus brazos a Cristo como neno, como explicababan os autores David Pérez Rego e Paula Alonso Carrera no libro “Catálogo de cruceiros, cruces e petos de ánimas do Porriño”.

O esmoleiro actual é un bloque de granito independente cunha porta de ferro, pero o pedestal orixinal tiña o seu propio orificio para esmolas. No seu frontal hai un retablo esculpido con tres ánimas entre lapas. Sobre el elévase un varal octogonal que sostén un candil de ferro e un capitel de orde composta con follas de palma e volutas.  No anverso da Cruz está  Cristo crucificado con tres cravos, vivo, sen cartela de INRI e co pano de pureza anoado á dereita. No reverso, a virxe.

Como curiosidade, Ringorrango, é unha palabra que en castelán significa “Rasgo de pluma exagerado e inútil, o, “adorno superfluo y extravagante”.

O Concello do Porriño transformará o Velódromo nun gran complexo de deporte urbano cun investimento de case 600.000 euros

  • O proxecto inclúe a construción dun skatepark inspirado no “Falcón Milenario” e un pumptrack para todos os niveis.
  • As obras actuarán sobre unha superficie de 2.774 m² e incluirán a reforma integral, impermeabilización e cubrición das gradas do edificio municipal.
  • O granito rosa Porriño será o material protagonista dunhas instalacións deseñadas para converter a vila nun referente dos deportes alternativos en Galicia.

O Porriño, 23 xullo de 2026 . O Concello do Porriño ven de sacar a licitación por 599.985,80 o gran proxecto de deporte urbano do Porriño. Trátase dun ambicioso proxecto para modernizar e remodelar o Velódromo Municipal, que  transformará estas instalacións -inauguradas en 1993- nunha área de deporte urbano punteira en Galicia, que combinará un skatepark, un pumptrack de última xeración e zonas de descanso integradas paisaxisticamente.

A súa construcción é, explica o alcalde, “a resposta da demanda crecente da veciñanza, especialmente da xente moza, de espazos públicos de calidade para a práctica de disciplinas alternativas, e tamén  unha aposta decidida polo turismo deportivo”

A execución deste proxecto conta cunha subvención 205.230,37 €  con cargo ao III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra. O prazo de execución será de seis meses.

Un skatepark circular de granito rosa e un pumptrack con “Wallride”

O novo complexo deportivo, cunha superficie de actuación de 2.774 m², está deseñado para garantir a evolución segura dos usuarios, desde a iniciación ata o nivel experto, en modalidades como skate, bmx, scooter e roller:

Así, construirase un Skatepark “galáctico”, con inspiración na mítica nave do “Falcón Milenario”. Trátase dunha pista circular con diferentes alturas e ramplas. O circuíto integrará de forma identitaria o granito rosa Porriño en elementos como quarters, hubbas, caixóns e pirámides, simulando os obstáculos da rúa con varandas de diversas alturas.

Ademais disporá dun Pumptrack para todos os niveis, dende iniciación ata experto en dúas liñas cheas de dubbies, mesetas e peraltes pronunciados para coller altas velocidades mediante inercias. O seu elemento máis espectacular será un “Wallride” de madeira con estrutura de aceiro nunha das curvas. Estará situado na zona sur das instalacións.

“O trazado da pista de skatepark e do pumptrack buscarán a integración de todos os usuarios  segundo a idade, modalidade e experiencia”, apunta Lorenzo. Incluirá elementos innovadores de tal modo que unha persoa menos experimentada poda acadar unha evolución superando diversas etapas dunha forma segura, ademais se aumentan as superficies de espazos públicos de calidade do Concello do Porriño.

Mellora integral do edificio e das gradas do Velódromo

O proxecto non só se centra nas pistas, senón que corrixirá os problemas de filtracións do edificio principal do Velódromo, explica o alcalde que acudiu a visitar as instalacións xunto ao concelleiro de Parques e Xardíns, Marcos Martínez. As actuacións inclúen a renovación da fachada cun sistema suspendido de placas de policarbonato celular en tres cores, a reparación dos paramentos interiores e a  impermeabilización das gradas así como a súa cubrición cunha  nova estrutura metálica e panel sándwich.

Máis espazos verdes e zonas de descanso para o acougo

O deseño tivo moi en conta a necesidade de ofrecer espazos de desconexión e convivencia. No centro das pistas situarase unha zona de descanso de 185 m2  con dúas áreas circulares, bancos corridos de formigón e fontes.

A sustentabilidade ambiental estará garantida coa creación de 185 m2 de novas zonas verdes, onde se plantarán exemplares arbóreos de gran valor estético como o arce real, carballo vermello, carballo dos pantanos, bidueiro e liquidámbar, acompañados de especies arbustivas como lavanda ou pitosporo anano. Os accesos ocuparán os 546 m2 restantes.

Con esta intervención, o Concello do Porriño non só revitaliza unha instalación histórica, senón que se ratifica con forza na ruta das áreas urbanas de referencia, ofrecendo un espazo integrador, seguro e dinamizador para todas as idades.

O Porriño vibra con 2.500 afeccionados na vitoria de España na Final do Mundial

  • A afección porriñesa sufriu e gozou a partes iguais antes de celebrar o triunfo por 1-0 na prorroga ante Arxentina.

O Porriño, 20 de xullo de 2026. A rúa Domingo Bueno do Porriño converteuse nunha gran festa do fútbol para seguir a gran Final do Mundial entre España e Arxentina. Preto de 2.000 afeccionados congregáronse diante da pantalla xigante para vivir un encontro cheo de emoción e tensión, no que se sufriu e se gozou a partes iguais durante os 90 minutos regulamentarios e tamén na prórroga.

O momento de máxima euforia chegou, de feito, na prorroga, cando o gol da selección española selou o 1-0 definitivo que deu o título mundial a España, desatando o xúbilo entre o público. Un xúbilo que se desataba tamén co asubio final

 “Queríamos que fose unha gran festa para todos os públicos e así foi. Trasladar a pantalla á rúa Domingo Bueno foi todo un acerto para que estas 2.500 persoas pudesen gozar deste triunfo histórico con comodidade e seguridade”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo.

Abrazos, música e auga para combater a calor

Co apito final, a alegría apoderouse da rúa entre abrazos, cánticos e a música do DJ. A pesar de ser noite avanzada, os termómetros aínda marcaban 24 graos no centro do Porriño, polo que a celebración mantivo a súa enerxía ao máximo coa festa da escuma.

Para refrescar os ánimos e combater as altas temperaturas, os bombeiros sumáronse á cita lanzando auga coas súas mangueras para todos os afeccionados que quixeron sumarse ao remate dunha xornada histórica. Ademais os máis mozos participaron na festa da escuma, nun broche para unha noite única. O vermello inundou así a rúa Domingo Bueno ata a madrugada.