O Patrimonio Cultural do Porriño ten mostras de interese en cada un dos apartados en que o clasificamos, dende o patrimonio dos camiños co paso por este concello do Camiño Portugués ao arqueolóxico coa importancia e a cantidade de restos conservados do xacemento paleolítico de Budiño. O industrial pode representarse pola antiga fábrica de curtidos da Guía, o bibliográfico e documental nos libros parroquiais de nacementos e defuncións dende, o inmaterial pola supervivencia de antigas tradicións como a dos ramos de San Brais de Budiño, o Xogo da ola no Entroido porriñés e as Rondallas ou Ranchos de Reis. Hai un rico patrimonio etnolóxico nos muíños destacando os grupos da Laxe en Cans, do Castro en Atios, os do Cotiño en Budiño, os de Filgueiras en Chenlo, os do monte da Cañota en Mosende e o Muíño de Pousadela en Pontellas; e tamén de cruceiros e petos de ánimas.

Cabe destacar a importancia do patrimonio arquitectónico. Na parte relixiosa, as igrexas e capelas de orixe medieval reconstruídas na Idade Moderna que se espallan por tódalas parroquias conservándose a maior antigüidade no románico de Budiño; na arquitectura civil, os cinco pazos de Mosende, Pontellas e Budiño, e de época máis recente, todo un conxunto de casas, soportais e edificacións diversas da vila do Porriño. O grupo máis sobresaínte ten relación coas obras deseñadas polo arquitecto Antonio Palacios: A Fonte de Palacios, na praza do Cristo, foi inaugurada en 1905; a Botica Nova que proxectou para o seu irmán Pepe Palacios foi rematada en 1912; o Templete de San Luís para o Metro madrileño foi deseñado en 1919 e trasladado en parte ao Porriño en 1971; e o Pazo do Concello construído entre 1919 e 1924 que, sen dúbida, é a obra máis importante das realizadas polo arquitecto na súa vila. Xunto coa casa onde naceu Palacios, estas obras conforman o roteiro local patrimonial do afamado porriñés.

E tamén a rotundidade do patrimonio natural e paisaxístico porriñés brillando especialmente o monte Castelo de Cans onde estivo o castelo de Miravel, o Faro de Budiño e as Gándaras de Budiño. A posta en valor das formacións graníticas e das vistas panorámicas tivo en Ramón Cabanillas e os irmáns José e Antonio Palacios os pioneiros defensores da Ruta dos Penedos, tal como a nomearon en 1930 a Ruta dos Penedos. As Gándaras de Budiño é un espazo dun importante valor natural formado por lagoas, regatos e o propio río Louro, nun terreo de fauna e flora excepcional. Tanto os bosques de ribeira, as turbeiras, como a zona pantanosa aportan datos de grande interese científico que se estenden ás aves migratorias, os réptiles coma o sapoconcho común e outras especies.