24 de febreiro, Día de Rosalía. O Concello adicará un video mapping á escritora referente absoluta da cultura galega

A Concellería de Cultura e Normalización Lingüística anuncia que este mércores, 24 de febreiro, día de Rosalía de Castro, con motivo do 184 aniversario do seu nacemento, realizarase un vídeo mapping na praza do Concello, adicado á escritora e poeta, referencia absoluta da cultura galega.
A actividade desenvolverase a partir das 19.30 horas.
Deixamos ligazón coa web de Cultura para máis detalles.

Día de Rosalía de Castro. Video Mapping adicado á escritora e poeta galega

“Rap con Rosalía”, actividade desenvolvida nos institutos do Porriño

O Concello do Porriño súmase á celebración do Día de Rosalía, 24 de febreiro, co fin de homenaxear o nacemento da figura máis relevante da literatura galega no seu 182º aniversario.

A Oficina Municipal de Información a Xuventude (OMIX) xunto coa Concellería de Cultura do Porriño coordinaron unha acción divulgativa nos centros de educación secundaria para que se escoite a poesía de Rosalía transformada en rap.

“RAP CON ROSALÍA”  é o nome do proxecto desenvolvido nos centros de ensino secundario do Concello do Porriño durante os días 22 e 23 febreiro en horario lectivo e nas que participaron as mozas/os de 1º e 2º da ESO

Ofrecéronse catro obradoiros formativos de Rap en galego, de 90 minutos por sesión, nos que se traballaron diferentes recursos didácticos para aprender a escribir e interpretar rimas en galego e con temáticas de interese para a mocidade combinadas con diferentes textos e poesías de Rosalía de Castro, adaptándoos a ritmos de 4×4 para poder “rapealos” colectivamente sobre unha base musical urbana.

Porriño esixe á Xunta que amplíe a súa participación en sufragar o custe do SAF

O Porriño trasladoulle á Consellería de Política Social “a urxente necesidade” de que a Xunta de Galicia amplíe a súa participación para sufragar os gastos do SAF (Servizo de Axuda no Fogar). 

“Na actualidade, este gasto que asumimos supón unha carga extraordinaria para o Concello do Porriño, polo que precisamos que a administración autonómica revise e aumente a súa contribución como demandan, tamén, outros concellos”, dixo David Alonso, concelleiro de Servizos Sociais.

David Alonso mantivo hoxe unha reunión telemática con Fernando González Abeijón, director xeral de Maiores “que me recoñeceu que a actualización é necesaria, dános a razón pero que, para este ano, a Xunta non poderá acometela por motivos orzamentarios, “, dixo Alonso Bargiela.

Na mesma videoconferencia, o concelleiro de Servizos Sociais propuxo ao responsable autonómico “traballar xuntos para lograr unha residencia xeriátrica no Porriño que actualmente carecemos para satisfacer as necesidades dese sector da poboación”.  David Alonso sinalou que o primeiro paso será unha próxima reunión co Consorcio Galego de Benestar Social para avaliar as posibilidades “, dixo.

O persoal da Unidade Asistencial de Drogodependencias vacinouse hoxe

O persoal da Unidade Asistencial de Drogodependencias (U.A.D) do Concello do Porriño informa que acudiu hoxe ao Hospital Alvaro Cunqueiro para vacinarse coa primeira dose do inxectable de “Pfizer”. 
Os cinco traballadores da unidade municipal deberán recibir o 16 de de marzo, a segunda dose para a súa plena inmunización. 

Actualmente nesta unidade recíbense uns vinte pacientes por dia, xa sexa para consulta, tratamento ou control. Antes da pandemia, a media de persoas que acudían a esta unidade eran ó redor de 60 diarios pero os protocolos de seguridade anti-covid establecidos polo Servizo Galego de Saúde obrigaron a reducir.

A UAD do Porriño ten a súa dirección na rúa Domingo Bueno, 15- sótano, atende diariamente de luns a venres en horario matinal e de xeito gratuíto. Ofrece tratamento integral personalizado e multidisciplinar.

Atende a persoas con calquera tipo de adicción, xa sexa de sustancias legais (tabaco, alcohol) ou ilegais (cocaína, cannabis, opiáceos, etc) así como ludopatias e outras adiccións e que pertenzan a calquera concello da nosa área sanitaria.

 

 

68 vendedores instaláronse hoxe no mercado ambulante que se restaurou

Hoxe instaláronse 68 postos de venda na zona peonil de Porriño con motivo da reanudación do mercado ambulante que levaba tres semanas suspendido por decisión municipal.

Só instalaron vendedores con postos impares.  O vindeiro martes 2 de marzo corresponderá aos que teñan un número par. O acordo do goberno municipal é que o mercado volva celebrarse con 50% dps vendedores de cada quenda.

Sergio Casal, concelleiro de mercados, valorou “o resultado da reanudación dun xeito satisfactorio”. Considerou “moi positivo que os vendedores ambulantes poidan volver ao traballo e a vila se revitalice de novo” e eloxiou “a colaboración dos vendedores na observación das medidas de seguridade e distancia “, concluíu Casal Quintas.

O Concello pretende crear unha bolsa de emprego regular co sector da automoción local

David Alonso, concelleiro de Emprego está a manter reunións telemáticas con empresas do sector da auto moción con diversas propostas de colaboración que inclúen o establecemento dunha bolsa de emprego regular en atención ás necesidades do sector da automoción na comarca.

Asistiron á primeira reunión representantes das empresas “Ti Automotive”, “Tbsi Injectión”, “Magna Seating” e “Gestamp.”

Os contactos estabelecense a través do programa “Porriño Accede” aproveitando a colaboración mutua que manteñen desde hai tempo o Concello e este sector tan importante na economía local.

“Porriño Accede” é un programa dirixido a persoas desempregadas que ten como obxectivo proporcionar formación e prácticas en empresas cara a súa inserción laboral.

Dende o ano 2017 e por quinto ano consecutivo, empresas da automoción e o Concello colaboran con este cometido. A Concellería de Emprego e Formación propuxo un ciclo de reunións virtuais para tratar cuestións relativas ao Programa, que inclúen  a creación desa bolsa de emprego regular.

O Concello decide restaurar o mercado ambulante a partir deste martes

O Concello do Porriño anuncia que a partir de mañá martes restaurarase o mercado ambulante que leva tres semanas suspendido.

Segundo a decisión adoptada e comunicada hoxe aos restantes grupos da corporación local presentes na Comisión de Seguimento Municipal da Covid, o mercado restablecerase coa metade dos postos para garantir o cumprimento dos protocolos de seguridade e distancia.

Sergio Casal, concelleiro de mercados indicou que a Policía Local patrullará durante a mañá para garantir o cumprimento das medidas de seguridade.

O Concello agradece a colaboración e comprensión da veciñanza coa campaña de vacinación anti-Covid

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Seguridade, agradece “a colaboración e a paciencia dos cidadáns para que a campaña de vacinación para maiores de 80 anos que comezou hoxe no Centro de Saúde transcorra sen aglomeracións”, segundo a concelleira, Lourdes Moure.

No Centro de Saúde están convocados dende hoxe e nos vindeiros días, veciños de Porriño, Mos e Salceda, maiores de 80 anos, para vacinarse coa primeira dose.

A Policía Local habilitou a marxe dereita da rúa Doutor Paz Varela para o estacionamento de coches que transportan a estas persoas e que poden esperar a que remate o proceso de vacinación.  Esta circunstancia facilitou hoxe a espera que tiveron que manter os convocados para vacinarse, xa que o camión frigorífico que traía as vacinas chegou tarde e o proceso de vacinación comezou unha hora despois.

A este respecto, a concelleira de Seguridade “agradeceu a comprensión e a paciencia das persoas convocadas para ser vacinadas, así como das súas familias e acompañantes”, dixo Lourdes Moure.

Nova convocatoria de subvencións municipais ás comunidades de augas de consumo do Porriño


O Concello do Porriño anuncia as bases e convocatoria para a concesión de subvencións municipais ás comunidades de augas de consumo para o control sanitario, mantemento de instalacións e reparacións na rede de distribución durante o presente ano 2021.

A convocatoria, a través da Concellería de Infraestruturas e Urbanismo que dirixe Pedro Pereira, ten por obxecto apoiar e promover, en réxime de concorrencia competitiva, a concesión de subvencións entre as comunidades de usuarios de augas de consumo do Porriño que reúnan os requisitos establecidos nas bases.

O obxecto das axudas comprenderá a contratación de obras de reparación, substitución de redes de distribución cando non superen os 20 metros, así como os gastos correspondentes a analíticas de control sanitario e os gastos de mantemento e conservación en captación de augas, sistemas de almacenamento e potabilización e mantemento das instalacións.Para estas axudas estableceuse un importe máximo de 95.000 euros cun límite de máximo de 8.000 euros por asociación.

Nas bases establécense os requisitos a cumprimentar polos solicitantes, a documentación que se achegará, os criterios para a concesión das subvencións e a comisión técnica que avaliará as solicitudes. Coa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOPDEPO) ábrese o prazo para presentar as solicitudes.

No ano 2020 repartíronse un total 59.976 euros nas achegas municipais que acadaron dez comunidades solicitantes, conforme a resolución final da comisión de avaliación que presidiu o concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira asistido por tres técnicos municipais.