O Concello do Porriño intensifica as medidas aforro de auga

  • O municipio limita os regos non esenciais, intensifica o control de fugas e pide a colaboración de veciños e empresas ante a prealerta

O Porriño, 6 de agosto de 2026. O Concello do Porriño ven de intensificar as medidas para protexer as reservas de auga do municipio. Ante a escaseza de precipitacións e altas temperaturas, o Concello puxo en marcha xa fai semanas diferentes medidas centradas na vixilanza e na xestión da rede de abastecemento, que se intensifican agora. Así, incrementouse  o control para detectar usos inadecuados ou captacións ilegais e reduciuse as presións de subministración en diversos sectores e campañas específicas para a detección e reparación de fugas. Pero ademais, deuse orde xa de limitar os regos  en parques, xardíns ou campos de fútbol xunto con outros usos considerados non esenciais.

Pediuse tamén aos grandes consumidores do municipio para que apliquen plans de redución de consumo nas súas instalacións.

Desde o Concello insístese en que a prevención e a concienciación son a clave nas vindeiras semanas se non hai precipitacións. Por iso, pídese a colaboración directa tanto das empresas como dos veciños e veciñas para adoptar hábitos de uso responsable: evitar ou limitar o rego de xardíns e zonas verdes privadas, pospoñer o lavado innecesario de vehículos, evitar o enchido de piscinas particulares ou reutilizar a auga sempre que sexa sobrible e revisar as instalacións propias para corrixir calquera pequena fuga doméstica.

As medidas adoptadas en situación de prealerta buscan anticiparse a un posible episodio de escasez máis severo, así como concienciar a empresas e cidadanía sobre a necesidade de realizar un uso eficiente e sostible da auga. Ademais, o Consorcio de Augas do Louro realizará un seguimento permanente da evolución dos recursos hídricos dispoñibles e adoptará, en coordinación coas administracións competentes, cantas medidas adicionais resulten necesarias para meirande garantía do abastecemento á poboación.

Así, trasladan consellos báiscos para a cidadanía.

  • Asegúrate de pechar ben as mecheiras/grifos e evitar goteos. Aforro estimado: ata 30 litros ao día.
  • Escolle a ducha en lugar do baño. Aforro estimado: ata 60 litros.
  • Recolle a auga mentres esperas a que saia quente ou fría e reutilízaa para outros usos. Aforro estimado: entre 15 e 25 litros por minuto.
  • Pecha a auga mentres te ensaboas ou lavas o cabelo.
  • Pecha a mecheira/grifo mentres te meadas os dentes. Aforro estimado: entre 5 e 10 litros por minuto.
  • Lava froitas e verduras nun recipiente en lugar de facelo baixo a auga corrente.
  • Utiliza a lavadora a plena carga. Aforro estimado: ata 200 litros por lavado.
  • Non utilices o inodoro como papeleira e meuda descargas innecesarias.
  • Minimiza a rega de xardíns e adapta o consumo ás necesidades reais das plantas.

“Sombra e luz”: O Porriño convida a vivir o eclipse no Faro de Budiño cunha experiencia única de natureza, ciencia e lecer

  • O Concello organiza unha programación especial o vindeiro 12 de agosto para gozar dun dos fenómenos astronómicos máis destacados do ano desde un dos mellores miradoiros naturais do municipio.

O Porriño, 6 de agosto de 2026.– O Concello do Porriño presentou esta mañá “Sombra e luz. Vive o eclipse no Faro de Budiño”, unha proposta coa que o municipio quere converter o Monte Faro de Budiño nun punto de encontro para veciñanza e visitantes durante a observación do eclipse parcial de Sol do próximo 12 de agosto.

A iniciativa nace co obxectivo de ofrecer unha experiencia que vai máis alá da propia observación do fenómeno astronómico, combinando divulgación científica, posta en valor do patrimonio natural e actividades dirixidas a toda a familia nun dos espazos máis emblemáticos do Concello.

A programación dará comezo ás 17:15 horas cun roteiro circular polo Monte Faro de Budiño, unha actividade guiada con prazas limitadas que permitirá descubrir os valores ambientais, paisaxísticos e xeolóxicos desta contorna singular.

Ás 18:15 horas desenvolverase un obradoiro infantil, tamén con inscrición previa, no que os máis pequenos poderán participar nunha actividade de pintacaras e na elaboración de chapas conmemorativas inspiradas no eclipse.

Posteriormente, entre as 19:00 e as 19:45 horas, realizarase a entrega de lentes homologadas e material divulgativo para garantir unha observación segura do eclipse, antes do inicio do fenómeno astronómico.

As persoas interesadas en participar no roteiro ou no obradoiro deberán formalizar previamente a súa inscrición no Rexistro Xeral do Concello do Porriño, de forma presencial ou telemática para garantir a seguridade e o aforo neste espazo habilitado para ese día.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que esta iniciativa supón “unha oportunidade extraordinaria para seguir dando a coñecer o enorme patrimonio natural do noso municipio a través dunha experiencia diferente, pensada para todas as idades. Queremos que O Porriño sexa un referente para vivir este eclipse e que quen nos visite descubra tamén un espazo único como é o Monte Faro de Budiño. O eclipse convértese nunha magnífica oportunidade para achegar a ciencia á cidadanía dun xeito atractivo e participativo, ao tempo que seguimos promovendo os nosos recursos naturais como espazos de encontro e desfrute responsable “

Pola súa banda, a concelleira de Turismo Vanessa Ucha, explicou que “‘Sombra e luz’ representa a nosa forma de entender a promoción turística: crear experiencias que conecten natureza, divulgación, patrimonio e convivencia. Este evento permitirá descubrir o Faro de Budiño desde unha nova perspectiva e reforza a aposta do Concello por ofrecer actividades de calidade vinculadas ao noso territorio.”

Desde o Concello recoméndase acudir con roupa cómoda e calzado deportivo e lémbrase que a observación do eclipse deberá realizarse exclusivamente mediante lentes homologadas, que serán entregadas gratuitamente durante a actividade.

O Concello do Porriño agradece a colaboración da Deputación de Pontevedra, así como a disposición da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común San Salvador de Budiño, que facilita o desenvolvemento da actividade nun enclave privilexiado para a observación deste fenómeno astronómico.

Con “Sombra e luz. Vive o eclipse no Faro de Budiño”, o Concello reafirma a súa aposta por unha programación que combina natureza, turismo, educación e divulgación científica, ofrecendo unha proposta singular para vivir un acontecemento excepcional nun dos espazos naturais máis representativos do municipio.

O Porriño estrea unha ruta cicloturista circular de 30 km entre o río Louro, o Faro de Budiño e o Castelo de Cans

  • O percorrido conta cun tótem informativo e unha estación de autoreparación para bicicletas situados na Fonte de San Sebastián destinado tanto aos turistas como aos deportistas.

O Porriño, 5 de agosto de 2026. O Concello do Porriño suma un novo recurso ao seu catálogo de turismo sostible e deportivo coa posta en marcha da nova Ruta Cicloturista O Porriño. Trátase dun percorrido circular deseñado co asesoramento dun equipo técnico especializado, no que colaboraron activamente o deportista Guti Martín e o clube local Master Louriña.

“No Porriño sabemos e podemos unir o deporte co turismo, cuns entornos únicos ademais adaptados para as dúas rodas”, apunta o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, que destaca a forte presencia dos aficionados ao ciclismo no municipio, e tamén a importancia dos monumentos arquitectónicos e naturais que esta ruta percorre.  Así, a ruta ten o seu punto de partida e chegada no centro da vila, na contorna do Templete de San Luís, obra do arquitecto Antonio Palacios. O trazado discorre inicialmente xunto ao río Louro e as Gándaras de Budiño, unha zona integrada na Red Natura 2000 e refuxio de fauna, para iniciar despois o ascenso cara ao Faro de Budiño. Trátase dunha impresionante formación rochosa no alto da montaña onde se atopan vestixios arqueolóxicos que evidencian a ocupación humana desde tempos remotos.

Ademais a ruta pasa polas ruínas do  Castelo de Cans, unha antiga fortaleza medieval que vixiaba o paso polo val desde a súa privilexiada posición a 358 metros sobre o nivel do mar. A panorámica desde o alto do monte ofrece vistas impresionantes do val do río Couso e do Val do Louro, revelando tamén a presenza de outras fortalezas antigas e desaparecidas na rexión.

Destaca tamén o Rexedor que a Fonte de San Sebastián se converta en punto de encontro desta ruta onde  ademais dun tótem informativo co trazado, hai unha estación de auto-reparación e mantemento de bicicletas. Este novo punto conta con soporte para colgar a bici, bomba de inflado e ferramentas básicas para realizar pequenas reparacións no momento.

Acudía a este entorno xunto á concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, que puña en valor o turismo de natureza e calide nun municipio, punto de partida do Camiño de Santiago, con grandes atractivos no entorno.

Plan de sostibilitade turística

A actuación inscríbese no proxecto “Creación de rutas cicloturistas en contornas enogastronómicas”, impulsado desde o GDR Galicia Suroeste no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.

Esta liña de actuación está financiada pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU (Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España). Coa súa posta en marcha, preténdese fomentar o uso da bicicleta, reducir a pegada de carbono, desestacionalizar a oferta turística da contorna e ofrecer novas opcións de ocio saudable tanto para a veciñanza como para os visitantes.

A ruta xa se atopa dispoñible para a súa consulta e descarga dixital nas principais plataformas de navegación e sendeirismo (Wikiloc, Komoot e galiciasuroeste.gal).

Características técnicas do percorrido

Cunha lonxitude total de 30,87 quilómetros e un desnivel acumulado de 594 metros, o percorrido está clasificado como de dificultade media, cunha duración estimada de 3 horas e media. A ruta está pensada especialmente para bicicletas de montaña (BTT) ou gravel, transcorrendo nun 48% por pistas sen asfaltar, un 23% por estrada, un 16% por pista asfaltada e o 13% restante por camiños e sendas.

O Concello do Porriño recuperará e musealizará a ponte romana das Amíndoas

  • Esta obra enmárcase dentro dun ambicioso proxecto para evitar as inundacións e que converterá a zona nun gran parque fluvial

 

  • Este novo espazo será unha nova zona verde e unha conexión peonil entre O Porriño e Torneiros

O Porriño, 1 de agosto de 2026. O Concello do Porriño está a elaborar un ambicioso proxecto para recuperar e musealizar a Ponte romana das Amíndoas. Trátase dun importante vestixio histórico polo que discurría a vía romana e que na actualidade está escondido baixo formigón e asfalto. A intención é desfacelo desas capas de modernidade e que volva ao seu estado orixinal. É máis, o redactor do proxecto cre posible atopar e recuperar tamén parte desa vías romana  que comunicaban O Porriño coas Gándaras e tamén con Pontellas no seu camiño entre Astorga e Braga. Por iso esa ponte converterase novamente nunha ponte peonil e construirase unha nova vía paralela á actual para que pasen os vehículos. 

Esta importante intervención patrimonial está enmarcada no proxecto “De minoración das avenidas ordinarias e posta en valor da ponte das Amíndoas”. Un dos grandes proxectos do Concello do Porriño presentados ao Plan de Actuación Integrado (PAI) que cambiará por completo unha contorna que cada inverno sufre importantes inundacións.

“Trátase dun dos proxectos máis ilusionantes e importantes do noso concello”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo, que visitaba xunto a arquitecta municipal e o redactor do proxecto este espazo, engadindo que se trata de “recuperar e manter a nosa historia, cun proxecto que permitirá conectar as parroquias co casco urbano e crear máis zonas verdes que precisa o noso pobo”.

De feito, a principal actuación é aumentar a capacidade de desagüe do río, para que en época de crecida a auga non inunde esta importante zona verde do Porriño e a estrada que discorre por ela. Esta actuación farase na contorna da ponte, que se restaurará para que volva a lucir como na época romana.

Esta contorna, na actualidade cualificada como zona inundable, poderá así ser recuperada para o uso cidadán, posibilitando a creación dunha gran zona verde con acceso ao río e unha nova unión entre Torneiros e o centro urbano.

Trátase dunha aposta pola resiliencia ambiental, adaptar os espazos aos efectos do cambio climático e preparar o territorio para responder con garantías ante episodios de chuvias extremas. É precisamente por esta visión sustentable polo que o proxecto conta co apoio de fondos europeos FEDER. A Unión Europea prioriza este tipo de solucións baseadas na Natureza, que abandonan as canles de formigón para renaturalizar o río Louro, protexer a zona de Atios de futuras inundacións e recuperar o patrimonio histórico e ecolóxico do municipio.




O Concello do Porriño investirá máis de 350.000 euros na renovación das súas áreas infantís

  • Anúnciase a licitación de 11 novos parques por un investimento de 225.000 euros, que se suman aos 125.000 euros dos tres espazos de Torneiros, cuxas obras xa están en marcha

O Porriño, 28 de xullo de 2026. O Concello do Porriño dá un novo paso na modernización dos seus espazos públicos coa próxima licitación das obras de mellora de 11 parques infantís do municipio, cun orzamento total de 225.000 euros. Este novo paquete de actuacións súmase aos 125.000 euros xa licitados para a intervención nos tres parques de Torneiros, elevando o investimento total destinado á renovación e posta a punto das zonas de xogo infantís do municipio a máis de 350.000 euros.

A nova licitación de 225.000 euros permitirá extender a modernización da rede municipal de parques tanto ao casco urbano como ás distintas parroquias. Dependendo do estado das instalacións, contémplase a colocación de novos elementos de xogo ou a reparación dos existentes. Do mesmo xeito, procederase á renovación dos pavimentos continuos por superficies amortecedoras e accesibles, ao tempo que se adecuarán as zonas de descanso.

 As actuacións son diversas: no parque de Mosteiro, por exemplo, resituaranse os elementos existentes, repararase un elemento do parque biosaudable, instalarase un novo multixogo e bancos para o descanso, e cambiarase o pavimento. No parque de Carracido, ademais da instalación dunha mesa de pedra, colocarase unha tirolina e un muro de escalada. No parque de Sanguío, ademais do cambio de pavimento, instalaranse novos xogos infantís: un balancín, un tobogán e unha mesa de xogo. E así, ata 11.

Obras xa en marcha

Mentres se ultiman os trámites para lanzar a licitación dos 11 novos parques, os traballos nos tres espazos infantís de Torneiros xa se atopan en plena execución. O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Parques e Xardíns, Marcos Martínez, visitaron recentemente os avances destas obras, cuxa actuación de maior envergadura se concéntrase na Fase II, cun orzamento específico de 70.234,82 euros.

“Queremos seguir mellorando o que máis nos importa, os mais cativos e cativas”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo durante a visita, engadindo que os de Torneiros son o comezo, os primeiros espazos en mellorar con “espazos máis seguros modernos e accesibles”.

Esta intervención en Torneiros inclúe a creación dunha nova zona de xogo dotada de pavimento de céspede artificial ou a instalación duns estanque ornamental accesible de 38 metros cadrados con iluminación LED subacuática.

O Porriño reforza a prevención de incendios nas parroquias con cinco novos efectivos

  • Catro peóns forestais e un coordinador incorpóranse a xornada completa durante nove meses para traballar na limpeza de montes e na xestión da biomasa dentro do programa “Galicia suma talento rural”.

O Porriño, 10  de xullo de 2026.  Catro peóns forestais e un coordinador, súmanse no Porriño ao  coidado do patrimonio natural e a seguridade das  parroquias. Trátanse de cinco traballadores que se incorporan á plantilla do Porriño a través  do programa “Galicia suma talento rural”.

Este equipo centrarase de xeito prioritario en tarefas vencelladas á prevención de incendios forestais nas faixas secundarias do municipio, tal e como define a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestales de Galicia. Así, farán tarefas de  control e valorización forestal en terreos municipais, e limpieza de montes e xestión da biomasa.

Durante os nove meses de contrato, potenciarase continuamente a formación das persoas contratadas. O equipo recibirá capacitación específica en aspectos clave como as tarefas de prevención, a avaliación do risco de lumes e o manexo profesional das ferramentas e da maquinaria especializada empregada nestes labores.

O alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, acompañado do concelleiro de Medio Ambiente, Carlos González mantivo un encontro cos catro peóns forestais e o coordinador mentres desempeñaban labores de desbroce en Pontellas, xunto ao campo de fútbol para coñecer de primeira man a planificación dos seus primeiros días de traballo.

“A incorporación do equipo de ‘Galicia suma talento rural’ é unha gran nova para as nosas parroquias”, asegurou o rexedor, Alejandro Lorenzo. “Cun contrato de nove meses a tempo completo, este persoal non só accede a unha oportunidade laboral estable, senón que realiza un labor crucial de prevención que nos axudará a manter os nosos montes seguros e protexidos de cara aos incendios forestais”. Tamén o concelleiro de Medio Ambiente, Carlos González, puxo o foco nesta labor de prevención fundamental para a boa saude dos montes.

Un impulso que coincide co inicio do obradoiro “Eco-Necta”

Este reforzo forestal coincide no tempo co arranque  do obradoiro dual de emprego “O Porriño Eco-Necta”, un obradoiro dual que incorpora a dez  alumnos-traballadores dedicados á conservación de montes e á limpeza de camiños en parroquias como Atios, Budiño, Cans, Chenlo, Mosende, Pontellas e Torneiros. Os outros 10 participantes céntranse na área tecnolóxica para desenvolver unha nova App municipal que mellorará a comunicación veciñal.

Sindicatos e concesionaria do lixo do Porriño alcanzan un preacordo e suspenden a folga prevista para esta semana

  • Tras semanas de mediación, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, asegura que é unha boa nova para a cidadanía e tamén para os traballadores

O Porriño, 8 de xullo de 2026. Suspendida a folga do lixo no Porriño tras un preacordo asinado entre a empresa concesionaria e os sindicatos, e tras semanas de mediación por parte do Concello que, malia tratarse dun problema estritamente interno da empresa, decidiu interceder para defender o interese xeral da cidadanía e evitar o grave prexuízo que un paro de cinco días suporía para a salubridade das rúas. Así, o alcalde mantivo reunións tanto coa empresa como con representantes sindicais ata acadar este compromiso.

“En xeral é unha boa nova para a cidadanía do Porriño e tamén para os traballadores”, declarou Alejandro Lorenzo, alcalde do municipio, “satisfeito porque isto supón poder evitar unha folga e tamén poder mellorar os salarios dos traballadores e traballadoras nun servizo que non se vai interromper”. Neste senso, agradeceu á plantilla que traballa no servizo e á empresa o achegamento de posturas.

Comezan os obradoiros duais do Porriño Eco-Necta

  • Vinte persoas, ata agora desempregadas, fórmanse en conservación ambiental e desenvolvemento tecnolóxico para mellorar os servizos do municipio

O Porriño, 9  de xullo de 2026.  Esta semana deron comezo no Porriño os obradoiros duais de emprego “O Porriño Eco-Necta”, un proxecto que busca mellorar a formación e a empregabilidade de 20 veciños e veciñas que estaban en situación de desemprego.

Así, este programa ten dúas vertentes: unha medioambiental e outra dixital. “Eco-Necta” complementa o coidado do entorno grazas a 10 alumnos-traballadores dedicados á conservación de montes e á limpeza de camiños en parroquias como Atios, Budiño, Cans, Chenlo, Mosende, Pontellas e Torneiros. Os outros 10 participantes céntranse na área tecnolóxica para desenvolver unha nova aplicación municipal que mellorará a comunicación veciñal. “E virá complementar a nova e innovadora web que está a pór en marcha o Concello do Porriño”, explicou o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo.

O rexedor acudiu xunto á delegada da Xunta, Ana Ortiz, o concelleiro de Medio Ambiente, Carlos González, e a de Emprego, Teresa Veloso, á xornada inaugural destes obradoiros, onde os docentes marcaron os obxectivos para os vindeiros nove meses (o tempo que durará este programa) para adquirir novas capacitacións e mellorar o proceso de empregabilidade.

A este respecto, Alejandro Lorenzo quixo poñer en valor o dobre beneficio deste programa dual: “Con esta iniciativa non só ofrecemos unha oportunidade de futuro a persoas en desemprego, senón que investimos directamente no coidado do noso patrimonio natural en todas as parroquias e na modernización e dixitalización dos servizos municipais para estar máis preto da veciñanza”.

Melloras directas nas parroquias

Un dos piares fundamentais do obradoiro de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes é a realización de tarefas esenciais para a seguridade e o mantemento do contorno, tales como:

  • Limpeza e accesibilidade: Mantemento de camiños municipais, marxes e drenaxes nas parroquias de Atios, Budiño, Cans, Chenlo, Mosende, Pontellas, Torneiros e O Porriño.
  • Prevención de incendios: Traballos forestais en parcelas municipais e o mantemento das faixas secundarias de titularidade pública en Atios, Budiño e Pontellas.

Novas tecnoloxías ao servizo da cidadanía

Na especialidade de Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web, traballarase na creación dunha nova aplicación municipal para mellorar a comunicación directa entre a cidadanía e o Concello.

O Concello do Porriño reforza a vixilancia e prevención de incendios forestais ante a alerta por altas temperaturas

  • A Policía Local empregará un dron para realizar labores de vixilancia nas áreas de difícil acceso ou maior concentración de masa forestal

O Porriño, 3 de xullo de 2026. Ante a nova vaga de calor e coa activación por parte da Xunta de Galicia do nivel 3 (vermello) de alerta por episodio de calor en gran parte da provincia, o Concello do Porriño, a través da Policía Local e de Protección Civil, reforza o dispositivo especial de vixilancia e prevención de incendios forestais no municipio.

O operativo centrarase especialmente nas zonas forestais, espazos periurbanos e áreas de maior risco, co obxectivo de detectar de forma temperá calquera conato de incendio e previr condutas neglixentes ou intencionadas que poidan poñer en risco a contorna natural e a seguridade da cidadanía.

Como parte deste dispositivo, a Policía Local empregará un dron para realizar labores de vixilancia aérea naqueles puntos de difícil acceso ou con maior concentración de masa forestal. Esta ferramenta permitirá ampliar a capacidade de observación dos axentes e facilitar unha resposta máis rápida ante calquera incidencia.

Pola súa banda, Protección Civil do Porriño colaborará nas tarefas preventivas mediante patrullas de vixilancia, apoio loxístico e presenza nos puntos considerados de maior risco, reforzando a coordinación coa Policía Local e co resto dos servizos de emerxencias.

Desde ambos os servizos faise un chamamento á responsabilidade da cidadanía para extremar as precaucións durante estes días de altas temperaturas, evitando calquera actividade que poida provocar un incendio e respectando as recomendacións e restricións vixentes en materia de prevención.

Así mesmo, lémbrase que, ante a presenza de fume, lume ou calquera comportamento sospeitoso en zonas forestais, débese avisar de inmediato ao 112 ou á Policía Local do Porriño, xa que a rapidez na comunicación resulta fundamental para minimizar as consecuencias de calquera emerxencia.

A Policía Local e Protección Civil do Porriño manterán este dispositivo especial mentres persistan as condicións de risco, reafirmando o seu compromiso coa protección do medio natural e coa seguridade de toda a veciñanza.

O Concello do Porriño licita por máis de 23.800 € o servizo de control e esterilización de colonias felinas

  • O prego recolle a posibilidade de prorrogar o contrato de forma anual por dous anos máis , ascendendo o valor estimado total do servizo ata os 59.100,00 € sen IVE.
  • Na actuaidade o concello ten un total de 286 pasaportes felinos, expedidos dende o ano 2024

O Porriño, 01 de xullo de 2026 – O Concello do Porriño volve licitar o servizo para a xestión, control sanitario e aplicación do método C.E.S. (Captura, Esterilización e Solta) nas colonias felinas do municipio. O obxectivo prioritario desta actuación é garantir o benestar animal e supervisar de xeito ético as poboacións de felinos locais.

O orzamento base de licitación aprobado ascende exactamente a 23.837,00 € co IVE incluído  para o primeiro ano de duración. O prego recolle a posibilidade de prorrogar o contrato de forma anual por dous anos máis , ascendendo o valor estimado total do servizo ata os 59.100,00 € sen IVE.

O Concello do Porriño con esta licitación non soamente está aplicando o método C.E.S. senón que da un paso máis cara ao benestar animal. E dicir, ademais de incluír a captura dos felinos para proceder a súa esterilización e posteriormente a súa devolución a colonia ou calquera outro punto determinado para a súa solta, inclúe tamén a atención veterinaria dos gatos e gatas que aparecen feridos ou enfermos. Pero isto non é todo, xa que este concello quere seguir mellorando polo que tamén inclúe a organización de talleres formativos anuais  para concienciar e informar á poboación local. “Para controlar a estas colonias é importante a colaboración de todas e de todos por iso non me quero esquecer da gran labor que fan os voluntarios e voluntarias deste municipio”, explica o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacando a importancia de esta labor de concienciación e asimilación de boas prácticas.

286 pasaportes

Explica o Concelleiro de Medio Ambiente, Carlos Porto,  que na actualidade o concello ten un total de  286 pasaportes felinos, expedidos dende o ano 2024.Isto significa que o municipio xa ten identificados, rexistrados e censados un número importante de gatos a través deste documento oficial, o cal facilita o seguimento sanitario e o control das colonias sobre o terreo dentro do marco legal de benestar animal.

De feito, no municipio están identificados os emprazamentos das principais colonias, e alí colocaranse as casetas felinas que se realizaron durante o festival “O Porriño Animal Fest”.   Os creadores Eva Casais, Emma Suárez, Anxo Facal, Xabela García Rionegro, Sheila Viqueira, Miriam Benítez, El Taller de la Musa e Bruno Vázquez xunto aos seus alumnos da Escola de Arte de Ponteareas plasmaron o seu talento sobre seis colectores que foron adaptados e transformados en casetas de refuxio para as colonias felinas do municipio. Estas pezas artísticas non só embelecerán a vila, senón que garantirán un espazo digno e seguro para os gatos comunitarios. Colocaranse nas inmediacións do Centro de saíde, na rúa Ourense (xa colocado), na zona de caravanas de Leandro Diz (xa colocado) e no Multiusos de Torneiros.