O Concello do Porriño licita as obras de mellora dos polígonos de A Casilla e As Gándaras

  • Ambas actuacións supoñen un investimento de  303.818,69 euros para a mellora das infraestruturas industriais do municipio e contan co   financiamento da Consellería de Economía e Industria

O Porriño, 25 de agosto de 2026. O Concello do Porriño acaba de sacar a licitación o proxecto de mellora integral dos viais e servizos básicos do Polígono Industrial A Casilla, en Atios. Unha importante obra cun orzamento de 153.842,69 euros que non só mellorará o viario desta contorna con novo aparcadoiro e zona de circulación peonil, senón que ademais actuará na rede de saneamento, abastecemento e alumeado público.

A esta actuación súmase unha obra de asfaltado no Polígono das Gándaras, cun investimento de 149.976,00 euros, destinada á mellora do firme e das condicións de circulación nos seus viais. En total, ambas actuacións supoñen un investimento de  303.818,69 euros para a mellora das infraestruturas industriais do municipio.

Así, o ámbito de actuación da primeira obra de mellora comprende dous viais que se emprazan dentro do Polígono Industrial A Casilla, actualmente con firme en mal estado, e, no caso do vial 2, sen recollida de augas pluviais e cunha rede de abastecemento en mal estado ou inexistente. Por iso a mellora inclúe, ademais da pavimentación, a renovación da condución de abastecemento e de saneamento de pluviais con novos sumidoiros e unha nova conexión coas tubaxes de PVC.

Do mesmo xeito, na marxe de ambos os viais proxéctase unha canalización nova para a instalación do alumeado público.

“Os polígonos son o motor económico deste municipio, fonte de traballo, de innovación, de riqueza”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo, lembrando que a industria supón o 50,1% do PIB municipal, a porcentaxe máis alta de Galicia con máis de 2.200 empresas activas e máis de 3,5 millóns de metros cadrados de solo industrial ocupado. Por iso a industria e os polígonos son tamén unha prioridade para o seu goberno.

O rexedor engadiu: “A nosa prioridade é facilitar a actividade económica. Por iso, os novos orzamentos non inclúen subas de taxas tampouco para as empresas e manteñen as bonificacións fiscais de ata o 95% para todas aquelas que decidan apostar polo Porriño para instalar os seus proxectos”. Para promover a implantación de novas empresas e o crecemento das que xa están instaladas, existen, de feito, bonificacións fiscais de ata o 95% nos impostos, sendo os máis baixos de Galicia. Tamén para promover a creación de emprego. “Apostamos pola nosa industria para seguir xerando emprego”, conclúe destacando que O Porriño é un concello emprendedor.

Esta obra conta cunha importante subvención de 120.000 euros concedida pola Consellería de Economía e Industria ao abeiro da orde de axudas destinadas á habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais de Galicia. A contía restante, que ascende a 33.842,69 euros, será financiada con fondos propios municipais. Ten un prazo de execución de catro meses, unha vez estea adxudicada a obra que sae a licitación por vía de urxencia.

Do orzamento total do proxecto, a partida máis relevante correspóndese cos traballos de pavimentación e mellora dos firmes, aos que se destinan 59.468,77 euros. A esta cantidade súmanse 15.511,34 euros dedicados ás actuacións previas e demolicións indispensables, así como 15.058,33 euros destinados á renovación da rede de saneamento de augas pluviais.

Pola súa banda, a actuación no Polígono das Gándaras conta cun orzamento de 149.976 euros e permitirá renovar o firme dos viais, mellorando as condicións de circulación e o acceso ás empresas instaladas nesta área industrial. A obra conta cunha subvención de 119.980,80 euros por parte da Xunta de Galicia, ao abeiro do programa Mellora da Infraestrutura dos Parques Empresariais 2026. A contía restante de 29.995,20 euros será asumida mediante fondos municipais.

As obras por realizar consisten na mellora do firme, na sinalización horizontal e vertical e actuacións puntuais na drenaxe.

A lonxitude da actuación é de 2.600 m, cunha anchura media de 7,5 m. Realízase a demolición e a parcheaxe en dúas zonas puntuais, o que supón unha superficie de 37 m². Esténdese unha capa de rodaxe nunha superficie de 10.164,9 m². Elevaranse dous pasos de peóns existentes nos PK 1+857 e 1+984. Execútanse catro novos sumidoiros, para evitar a acumulación de auga nos dous novos pasos de peóns elevados e noutros dous pasos de peóns elevados existentes que carecen deles. Por último, realizarase a sinalización horizontal e vertical.

Con estas dúas actuacións o Concello do Porriño reforza o seu compromiso co tecido coa mellora e modernización dos seus polígonos industriais, reforzando unhas infraestructuras fundamentais para o tecido comercial do Porriño e para seguir consolidando o municipio como un referente industrial e económico de Galicia.

O Concello aproveita o verán para realizar obras de mellora nas galiñas azuis de Torneiros e O Porriño

  •  O investimento ascende a 60.000 euros

    O Porriño, 24 de agosto de 2026.- O Concello do Porriño está aproveitando o período estival e o consecuente peche das instalacións durante o mes de agosto para acometer diversas obras de mantemento e mellora nas galiñas azuis de Torneiros e Doantes de Sangue, esta última situada no centro urbano. O obxectivo desta planificación é garantir que os traballos estean listos de cara ao inicio do novo curso, evitando así calquera molestia ou interferencia na actividade diaria da cativada e do persoal educativo.

    Estas actuacións, que teñen como finalidade realizar as reparacións necesarias para garantir o bo estado e a seguridade de ambos os dous edificios públicos, suman un investimento conxunto de 60.000 euros.

    O alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, visitou esas obras esta mañá xunto o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, a concelleira de Coidados e Benestar, Bárbara Troncoso e o concelleiro de Obras, Ramón Porto. Alí asegurou que “con este investimento en infraestruturas, o goberno local reafirma o seu compromiso coa calidade do ensino dende as etapas máis temperás, aproveitando as vacacións para poñer a punto os centros educativos”, lembrando ademais que este ano entrarán en funcionamento as dúas novas escolas infantís municipais en Budiño e Pontellas. 

    Do mesmo xeito, o xerente do Consorcio agradecía ao Concello a súa “implicación na educación de 0 a 3 porque tamén vai poñer en marcha esas dúas novas escolas infantís polo que O Porriño se converte nun dos concellos que máis traballa na conciliación das familias que é fundamental tamén para seguir fixando poboación e que os veciños do Porriño teñan servizos públicos de calidade”

    No caso do centro de Doantes de Sangue, as tarefas centraranse en mellorar a hixiene e seguridade das instalacións mediante a substitución do pavimento actual por un novo chan antideslizante nas zonas do comedor, a cociña e a despensa. Así mesmo, procederase ao pintado de paredes e teitos nunha das aulas e á colocación dunha mosquiteira na porta de acceso á cociña.

    Pola súa banda, a escola infantil de Torneiros será obxecto dunha reforma de maior envergadura para solucionar problemas de humidade e mellorar a eficiencia enerxética e o confort das instalacións.  Os traballos consistirán na retirada da cuberta actual e a eliminación das ventás de dita estrutura para dar paso a un novo tellado a dúas augas, que se completará coa instalación de novos canalóns e baixantes exteriores. No interior do centro, procederase ao lixado e saneamento das partes do teito deterioradas por antigas filtracións de auga e colocarase un novo falso teito con paneis acústicos. Finalmente, renovarase a instalación eléctrica coa colocación de 22 novos paneis de iluminación con tecnoloxía LED.

    Ademais nesta escola, en Torneiros, instalarase un sistema de climatización. Neste caso as obras realizaranse no 2027, sempre antes do mes de maio. 

    O Porriño contará ademais desde este mes de setembro con dúas novas escolas infantís municipais en Pontellas e Budiño.  A vindeira semana, celebrarase en ambas unha xornada de portas abertas para que a cidadanía poida ver estas novas instalacións. En ambos casos son escolas totalmente gratuitas, cos mesmos servizos que as Galiñas Azuis. 

    A escola infantil de Pontellas está situada no lugar da Igrexa, na antiga escola unitaria desta parroquia, que foi rehabilitada e ampliada para albergar así cinco aulas ademais dun vestíbulo, oficina, sala multiusos, aseos, vestiario, despensa e cociña. A superficie construída é de 442,56 metros cadrados, dentro dun solar cunha superficie bruta total de 4.321,98 metros cadrados.

    Pola súa banda, a escola infantil da parroquia de Budiño é de nova construción: levantouse nun solar cunha superficie total de 2.982,41 metros cadrados, que na actualidade se atopaba sen edificar. A nova escola sitúase na zona do polígono das Gándaras, nunha área de transición entre a industria e o núcleo rural adxacente.

    O goberno municipal do Porriño presenta un orzamento récord de 26,8 millóns de euros

    • Trátase do maior orzamento da historia da vila cunha forte aposta polo gasto social e o saneamento das parroquias
    • O Concello segue mantendo as taxas e impostos tras amortizar toda a débeda herdada do anterior goberno e eliminar as facturas irregulares

    O Porriño, luns, 24 de agosto de 2026. O goberno municipal do Porriño presentará para a súa aprobación nun pleno extraordinario o orzamento máis alto da historia da vila  que ascende a 26.804.967,94 euros. Tamén o capítulo de investimentos é de récord, con máis de cinco millóns de euros, sen aumentar a carga fiscal da cidadanía, é dicir, mantendo as taxas conxeladas.

    Este orzamento, explica o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, é froito dunhas contas saneadas e recolle un importante investimento en política social, así como en obras fundamentais para o municipio, como o saneamento nas parroquias, sen subir as taxas municipais, un compromiso irrenunciable para o rexedor. “Seguimos tendo as taxas máis baixas de Galicia, apostando polas nosas empresas e apostando pola nosa cidadanía para que non paguen máis pero sigan desfrutando do mellor”, explica. 

    Así, a proposta orzamentaria reforza o compromiso do Goberno local cunha xestión económica responsable, que permite incrementar o gasto en servizos públicos e infraestruturas clave sen aumentar a carga fiscal sobre os veciños e veciñas.

    Esta operación é posible, explica o rexedor, grazas ao saneamento integral das contas municipais, a depuración das facturas irregulares do anterior goberno e a amortización total dos préstamos da débeda herdada, o que permite á administración local quedar libre de cargas e tutelas para aprobar un novo orzamento. “O Concello volve ter capacidade e autonomía financeira para aprobar este orzamento sen restricións, sen subir impostos e elixindo as súas prioridades”, explica. Apuntando que no Porriño esas prioridades están nas persoas.

    Son unhas contas, engade Lorenzo en rolda de prensa, “realistas, rigorosas e pensadas para que O Porriño siga medrando en mellores servizos, infraestruturas e espazos para a veciñanza”.

    Un orzamento social

    Cada partida crece, pero faino especialmente a destinada a servizos sociais para que ningunha familia do Porriño se quede atrás. Así, o alcalde, Alejandro Lorenzo, vén de anunciar a creación dunha nova tarxeta social, a “tarxeta familia”, para as persoas máis desfavorecidas do municipio. Unha ferramenta que substituirá o actual banco de alimentos, para que estas familias poidan, a través dos servizos sociais municipais, adquirir produtos de primeira necesidade directamente no supermercado e así desestigmatizalas. “Non queremos colas de pobreza”, apuntou Lorenzo, explicando que o seu goberno quere tender a man a aqueles que máis o precisan, con axudas de emerxencia, pero tamén con programas de inclusión e emprego.

    Na partida de servizos sociais,  inclúese tamén a xestión das novas escolas infantís municipais —dúas—, que son totalmente gratuítas para os nenos e as nenas do Porriño e que se veñen sumar este ano á oferta pública das dúas Galiñas Azuis que existen no municipio. Inclúense tamén o Centro de Día e o programa “Xantar na casa”.

    Hai partidas tamén para outros grandes proxectos sociais como a nova residencia de maiores que proxecta a Comunidade de Montes de Torneiros.

    Subvencións a clubs e asociacións

     O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que todas as partidas medran neste orzamento, con especial atención ao asociacionismo -as diferentes asociacións de todo o concello- e, moi especialmente, aos clubs deportivos, que traballan a diario polo deporte base.

    Así, no orzamento destacan tamén as partidas nominais ás asociacións veciñais que dinamizan os diferentes núcleos de poboación do municipio, as parroquias, ou aos clubs deportivos que seguen apostando polo deporte base, “inculcando os valores deportivos aos nosos nenos e nenas”. Destínanse case 860.000 euros a estas diferentes entidades, entre as que se atopan tamén algunhas de marcado carácter social como COGAMI, a AECC ou DisCamino.

    Ademais, o orzamento recolle tamén o novo programa de bolsas a deportistas individuais e as bolsas aos mellores expedientes académicos, “para seguir premiando o esforzo das persoas do Porriño”.

    Un Porriño máis humanizado

     No apartado de investimentos, o alcalde destaca a existencia de grandes proxectos para seguir facendo “Un Porriño pensado para as persoas, pois a intención deste goberno municipal é seguir transformando o municipio e as súas parroquias en mellores lugares para vivir, con mellores servizos e espazos máis amplos e verdes”.

    Ademais, o orzamento recolle case 4 millóns de euros para seguir co saneamento integral da vila. Cos proxectos xa elaborados, explica o rexedor, seguiranse executando estas obras alí onde sexa necesario e se conte con todos os permisos.  Priorizaranse aqueles proxectos que teñan unha maior ratio de vivendas e nos que se posibilite a conexión.

    Ademais, inclúe proxectos de vital importancia que transformarán o concello nun municipio máis humanizado e pensado para as persoas, atendendo a cada unha das súas parroquias.

    O orzamento aprobarase inicialmente no pleno extraordinario que se convocará para a primeira semana de setembro.

    Un investimento de máis de 460.000 euros permitirá transformar o viario entre San Campio e o Rego das Laxas no Porriño

    • O proxecto contempla unha actuación integral sobre preto de 1,8 quilómetros de estrada, con nova pavimentación, melloras na drenaxe, así como a renovación da sinalización e dos elementos de protección.

    O Porriño, 21 de agosto de 2026. O Concello do Porriño acometerá nos próximos meses a mellora da seguridade viaria entre San Campio e o Rego das Laxas, nas parroquias de Pontellas e Atios. Esta intervención permitirá renovar e acondicionar un viario que presenta un notable deterioro e que conecta a contorna de Centeáns e San Campio co Rego das Laxas e as áreas industriais próximas.

    Trátase, ademais, dunha vía pola que transita un elevado número de peregrinos, ao formar parte do itinerario do Camiño de Santiago. Dá tamén acceso á contorna do Velódromo Municipal, instalación que proximamente será transformada nun novo espazo de deporte urbano coa incorporación dun skatepark e un pump track.

    O proxecto conta cun investimento superior aos 460.000 euros, dos cales preto de 310.000 euros serán financiados con fondos propios do Concello e os máis de 150.000 euros restantes con cargo ao Plan Extraordinario Vía Depo da Deputación de Pontevedra.

    O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “este investimento responde ao compromiso do goberno municipal de seguir mellorando as infraestruturas das parroquias e, especialmente, aquelas que forman parte do día a día da veciñanza”.

    “Queremos actuar alí onde hai necesidades reais e seguir mellorando as comunicacións e os servizos nas parroquias. Son intervencións que poden parecer pequenas no conxunto do municipio, pero que teñen un efecto directo na calidade de vida dos veciños e veciñas”, sinalou.

    Melloras ao longo de preto de 1,8 quilómetros

    A actuación abrangue tres tramos de viario, cunha lonxitude total próxima aos 1,8 quilómetros, e permitirá renovar arredor de 15.800 metros cadrados de pavimento.

    Os traballos contemplan o fresado e a regularización do firme existente, a colocación dunha nova capa de rodadura e a ampliación da calzada nos puntos nos que sexa posible.

    O proxecto inclúe tamén diferentes actuacións para mellorar a drenaxe da vía, coa limpeza e acondicionamento de cunetas, sumidoiros e arquetas, así como a renovación da sinalización horizontal e vertical.

    Na contorna da Rede Natura 2000 das Gándaras de Budiño instalaranse, ademais, preto de 650 metros de barreira de protección. Tamén se adaptarán tapas de rexistro e arquetas e plantaranse varios carballos nas zonas afectadas pola ampliación do firme.

    O concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, explicou que a intervención vai máis alá dunha simple renovación do pavimento. “O obxectivo é actuar de maneira integral sobre a vía, mellorando o firme, a drenaxe, a sinalización e os elementos de protección”, indicou.

    Porto engadiu que “queremos deixar un viario máis seguro, cómodo e funcional, tanto para a veciñanza da zona como para todas as persoas que empregan esta conexión a diario”.

    Tres meses de obras

    O prazo de execución previsto é de tres meses. Durante ese tempo desenvolveranse os traballos de pavimentación, drenaxe, sinalización e acondicionamento incluídos no proxecto.

    Desde o goberno municipal enmarcan esta actuación na planificación de investimentos que o Concello está a desenvolver nas parroquias e na mellora progresiva da rede viaria municipal.

    “Imos seguir destinando recursos ás parroquias e aproveitando todas as vías de financiamento ao noso alcance para sacar adiante actuacións necesarias e útiles para a veciñanza”, concluíu Lorenzo.

    ​O Concello do Porriño inviste 75.000 euros en obras de mantemento de todos os colexios públicos

    • As actuacións inclúen a reparación de tellados e canalóns, melloras na accesibilidade, renovación de pistas deportivas e parques infantís, e traballos de fontanaría e electricidade.
    • ​Os traballos estanse a executar durante o descanso académico no Colexio Ribeira, CEIP Cruz-Budiño, CEIP Xosé Fernández López, CEIP Plurilingüe Antonio Palacios e CEIP Plurilingüe de Atios.

    ​O Porriño, 17 de agosto de 2026. – O Porriño está a executar un completo plan de obras de mellora e mantemento en todos os centros educativos públicos do municipio. Unha posta a punto coordinada para responder ás demandas prioritarias de cada colexio e garantir que o alumnado atope unhas instalacións seguras, renovadas e funcionais á volta das vacacións.

    Así, no CEIP Ribeira, as intervencións inclúen a eliminación das filtracións detectadas no corredor do terceiro andar e o desatasco de canalóns. No exterior, construíuse unha nova rampa no patio traseiro para mellorar a accesibilidade e estase a proceder á limpeza do patio e da entrada principal, á retirada de malas herbas e á reparación dos elementos do parque infantil. Tamén se repararon as plaquetas danadas, así como os desagües.

    No CEIP Cruz-Budiño destacan os traballos de fontanaría para aumentar a presión da auga nos baños do comedor e a instalación de novas luminarias, tanto nas aulas como no ximnasio. Ademais, as obras neste centro inclúen a rehabilitación de baños, e estase a acondicionar o patio infantil, a zona exterior da pista superior e a verxa entre patios, ademais de aplicar unha nova capa de pintura na verxa exterior.

    No CEIP Xosé Fernández López instalaranse equipos de climatización para garantir o confort térmico. Estase a realizar tamén a limpeza e revisión de canalóns e tellado, substituíndose o valado do parque infantil na fachada principal por malla Hércules. Ademais, cambiouse a chave de auga xeral do colexio para unha localización máis accesible e vaise repoñer a grava no patio de infantil. Tamén se rehabilitaron baños e se puxo a punto o chan de madeira do ximnasio con un novo pulido cun barniz especial que fai que as instalacións gañen unha calidade similar á do pavillón municipal.

    No CEIP Plurilingüe Antonio Palacios estanse reparando elementos deteriorados do parque infantil de primaria, os baños do ximnasio e se reparou o piso dunha das aulas de primaria.

    No CEIP Plurilingüe de Atios as obras céntranse no illamento e confort térmico, coa reparación de goteiras e filtracións en diversas zonas, a limpeza integral do tellado e canaletas, e a reparación ou cambio das caixas de persianas para evitar perdas de calor.

    “A nosa prioridade é ofrecer unha educación pública de calidade en espazos dignos e seguros”, explica o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, tras visitar as obras en diferentes centros educativos xunto coa concelleira de Educación, Carolina González, e o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto. Todas as actuacións son froito, explicou, das peticións da propia comunidade educativa.

    As obras que se están a acometer son as máis urxentes, aínda que non as únicas. O goberno municipal tramita xa un plan de melloras nos parques infantís dos colexios, con traballos de pintura e accesibilidade que conlevan tramitación administrativa para a súa licitación e que se desenvolverán ao longo do ano.

    Todas as actuacións están programadas para rematar antes do inicio oficial do curso escolar 2026/2027, asegurando un regreso ás aulas nas mellores condicións para alumnado, profesorado e familias do Porriño.

    O Porriño suma máis de 28.000 metros cadrados de aparcamento gratuíto para dinamizar o comercio e a hostalería local

    • Desde hai cinco anos creáronse 8 aparcadoiros gratuitos dentro do casco urbano, cada un deles preto dalgún servizo ou equipación municipal
    • “A intención é que a xente poida, se quere, chegar en coche e desfrutar a pé”, asegura o alcalde que apunta que “queremos un Porriño máis peonil, pensado para as persoas”.

    O Porriño, 15 de agosto de 2026. – O Concello do Porriño conta xa con máis de 28.000 metros cadrados de aparcamento gratuíto distribuídos polo municipio para dinamizar o comercio e a hostalería local, respondendo así a un dos problemas históricos da vila. Esta medida supón a creación de máis de 1.100 novas prazas de estacionamento divididas en oito parcelas estratéxicas situadas ao carón de equipamentos públicos, centros educativos, áreas deportivas e zonas de lecer.

    A rede de aparcadoiros gratuítos desprégase en contornas clave para facilitar o acceso da veciñanza e visitantes aos principais puntos de interese da localidade. O máis amplo destes espazos atópase na rúa Progreso, con 10.000 metros cadrados e capacidade para uns 450 vehículos, ao que se suma moi preto unha parcela de 1.000 metros cadrados xunto ao paso a nivel, clave para a mobilidade no casco urbano. Así mesmo, na rúa Leandro Diz habilitáronse 4.200 metros cadrados ao lado da capela e do barrio de San Sebastián, área que inclúe tamén un espazo acondicionado para o estacionamento de caravanas.

    A oferta completa de aparcamento distribúese tamén preto de servizos e equipamentos fundamentais da vila. É o caso da parcela de 3.000 metros cadrados na prolongación de Fernández Areal, emprazada fronte ás pistas de tenis e xunto ao centro de saúde, os xulgados e o pavillón municipal de deportes. Precisamente na contorna deportiva e escolar somáronse outros 6.100 metros cadrados —repartidos en dúas parcelas de 3.700 e 2.400 metros cadrados— ao carón dos colexios CEIP Fernández López e CEIP Quiroga, tamén moi preto do polideportivo municipal. A estes espazos engádense os 3.500 metros cadrados dispoñibles na Avenida de Galicia, en pleno casco urbano, e unha área de 500 metros cadrados nas inmediacións do cemiterio municipal.

    Con este amplo despregamento, o goberno local busca mellorar a mobilidade diaria dos porriñeses e facilitar a chegada de visitantes. Máis alá de desconxestionar o tráfico no centro urbano, a iniciativa ten como obxectivo prioritario servir de impulso para o tecido socioeconómico da vila, incentivando o consumo no comercio de proximidade e na hostalería local, dous dos sectores clave na economía do Porriño.

    “A falta de estacionamento era unha das principais eivas do noso municipio e un obstáculo directo para o crecemento do noso comercio e hostalería. Coa posta en marcha destes máis de 28.000 metros cadrados gratuítos, damos resposta a unha demanda histórica da veciñanza, facilitando o día a día dos porriñeses e facendo O Porriño moito máis atractivo para quen nos visita a mercar ou gozar da nosa vila”, destaca o alcalde, Alejandro Lorenzo, poñendo en valor o modelo de vila humanizada con rúas peonís pensadas para as persoas e alternativas reais de aparcamento a poucos pasos do centro. “A intención é que a xente poida, se quere, chegar en coche e desfrutar a pé”, asegura o alcalde que apunta que “queremos un Porriño máis peonil, pensado para as persoas”.

    O Concello ven de deseñar un mapa co emprazamento de todos estes aparcamentos para que as persoas de fóra que queiran visitar a vila poidan atopar de xeito doado estos aparcadoiros.

    O Concello do Porriño investirá máis de 188.000 euros na mellora de firmes, pavimentos e prazas en seis zonas do municipio

    • O proxecto contempla humanización da Costeira en Mosende e actuacións na Rúa Coruña, Cans, Atios-Rocha, Abelenda, e San Diego cun prazo de execución estimado de catro meses.

    O Porriño, 13 de agosto de 2026. —O Concello do Porriño segue a investir na mellora da seguridade viaria, a mobilidade e a accesibilidade cun novo paquete de asfaltados en diferentes puntos do municipio, en concreto na Rúa Coruña, Cans, Atios-Rocha, Abelenda, Mosende-Costeira e San Diego. Trátase dunha intervención que acaba de saír a licitación e que suporá un investimento total de 188.407,74 euros cun prazo de execución previsto de catro meses.

    O obxectivo principal destas obras é renovar o pavimento e rehabilitar os firmes en seis espazos públicos e vías do municipio que precisaban dunha posta a punto, pero tamén humanizar espazos da veciñanza. De feito, a maior actuación realizarase no Campo da Festa de Mosende-Costeira, cun investimento de 70.353,53 € onde, ademais do asfaltado, humanizarase este espazo reordenando a praza, dotándoa de zonas verdes e pavimento en formigón e granito.

    Ademais, na Rúa Coruña investiranse 13.824,94 € para rozamento de marxes, fresado do firme actual, aplicación de rego de adherencia e a extensión dunha nova capa de asfalto. A intervención completarase coa posta a cota de pozos e arquetas, xunto coa renovación da sinalización viaria. Actuacións similares realizaranse no Camiño en Cans, Camiño en Atios-Rocha, Camiño en Abelenda e Campo da Festa de San Diego.

    “Seguimos a mellorar as nosas zonas rurais, porque investir nos camiños é investir en seguridade”, asegura o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, puntualizando que “o noso compromiso é clave: atender as necesidades de todas as parroquias e de toda a veciñanza”.

    O Porriño mellora a seguridade vial e os accesos con novos asfaltados xa en marcha

    • Xa arrancaron as obras no Camiño da Relva, mentres que os traballos no Coto do Muíño, O Regueiro e dous treitos en Contrasto comezarán nos vindeiros días.

    O Porriño, 07 de agosto de 2026. O Concello do Porriño continúa avanzando no seu plan de mellora da rede viaria co obxectivo de incrementar a calidade de vida e a seguridade da veciñanza que habita no medio rural. Coa posta en marcha dun novo paquete de asfaltados cun orzamento que supera os 125.500 euros, o Concello transforma vías de terra ou en mal estado en estradas seguras e mellor sinalizadas.

    O Camiño da Relva, xa en marcha

    As actuacións xa son unha realidade no Camiño da Relva. Ata hai uns días, este treito era un camiño de terra que dificultaba a mobilidade diaria. Coas obras actualmente en execución, o vial pasa a contar cunha superficie asfaltada de 318 metros de lonxitude e un ancho medio de 5 metros, transformándose nun acceso totalmente accesible e cómodo para os veciños.

    O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitou esta mañá esas obras acompañado do concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto. “Coidar as nosas parroquias é seguir traballando por mellorar a calidade de vida de quen habita nelas”, asegurou Alejandro Lorenzo, puntualizando que “isto implica mellorar as súas conexións e a seguridade viaria”. “Este camiño da Relva pasa a ser un vial asfaltado que une lugares, pero tamén persoas”, concluíu.

    Próximas actuacións nas parroquias

    O plan de asfaltado non se detén na Relva. Nos vindeiros días está previsto o inicio dos traballos en novos puntos clave do municipio, como no Camiño Coto do Muíño, onde se acondicionará unha vía de 368 metros de lonxitude e un ancho medio de 4,5 metros; os Camiños Contrasto 1 e 2 en Torneiros, de 64 e 66 metros respectivamente, con anchos de entre 4 e 5 metros, ou o Camiño O Regueiro, en Mosende, cunha actuación integral nun total de 128 metros, divididos en dous tramos diferenciados segundo a súa anchura.

    Con estas intervencións, a intención do Goberno local do Porriño é continuar desenvolvendo este tipo de obras de mellora nas distintas parroquias, avanzando xa na preparación de novos proxectos que se atopan actualmente en fase de licitación.

    O Concello do Porriño inicia as obras de ampliación da rede de saneamento e mellora de infraestruturas no núcleo rural de Budiño-Trapa

    • O alcade, Alejandro Lorenzo, explica que o saneamento integral do municipio é unha prioridade para o goberno municipal
    • No mes de agosto iniciarase un calendario de reunións veciñais polas parroquias para explicar as obas de saneamento en cada unha delas
    • A actuación conta cun orzamento base de licitación de 220.430,31 euros está subvencionada a través da Liña 1 do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

    O Porriño, 4 de agosto de 2026. O Concello do Porriño está a acometer novas obras de saneamento no núcleo de Trapa, pertencente á parroquia de San Salvador de Budiño. A nova rede discorrerá ao longo do camiño principal do núcleo rural e conectará co colector existente no núcleo do Mosteiro, incorporando ao sistema xeral de saneamento de xeito directo a un conxunto de vinte vivendas existentes na zona.

    Son en total 640 metros de tubaxe. Así mesmo, construirase unha rede de cunetas para optimizar a evacuación das augas pluviais na contorna, reporase un tramo da rede de abastecemento de auga e recreceranse as tapas de rexistro.

    Ademais, aproveitarase a apertura de calzadas para renovar a rede de iluminación pública, substituíndo 12 luminarias antigas por novos equipos de tecnoloxía LED de 40 W de baixo consumo enerxético e renovando o tendido aéreo. Ao remate da obra estenderase unha nova capa de rodadura ao longo de todo o vial afectado.

    Trátase dunha obra cunha importante inversión de  220.430,31  euros que conta cunha subvención a través da Liña 1 do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

    O alcalde, Alejandro Lorenzo, explica que o saneamento integral do municipio é unha prioridade para o goberno municipal. De feito, no mes de agosto iniciarase un calendario de reunións veciñais polas parroquias para explicar as obras de saneamento que se van levar a cabo en cada unha delas que se extenderá ata setembro.

    Esas reunións comezarán en Cans, o 4 de agosto, e seguirán todos os martes dese mes e de setembro polas diferentes parroquias: Mosende, 11 de agosto; Pontellas, 18 de agosto: Atios, 25 de agosto; Budiño, 1 de setembro; Chenlo, 8 de setembro; Torneiros, 15 de setembro. Anímase a toda a veciñanza a acudir.

    O Concello do Porriño constrúe un novo muro na Estrada de Torneiros

    • Esta obra posibilitará a ampliación da beirarrúa

    O Porriño, 29 de xullo de 2026. O Concello do Porriño atópase executando as obras de construción dun novo muro de contención na estrada de San Salvador de Torneiros. Esta intervención ten como obxectivo principal solucionar o mal estado de conservación no que se atopaba a antiga estrutura, que representaba un risco para a seguridade da zona.

    Para levar a cabo esta actuación, o goberno local acadou un acordo coa Comunidade de Montes, propietaria dos terreos, que cedeu a superficie necesaria onde se localizaba a antiga construción, sobre a que se empraza a Asociación de Veciños. 

    As tarefas, que visitou o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, xunto ao concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, consisten no desmonte e escavación da antiga estrutura para erguer un novo muro de mampostaría. O orzamento total destinado a estes traballos ascende a 14.700 euros, unha inversión que servirá ademais para liberar espazo e posibilitar a posterior ampliación da beirarrúa, mellorando así a seguridade e o tránsito peonil dos veciños e veciñas de Torneiros.