O Porriño vibra con 2.500 afeccionados na vitoria de España na Final do Mundial

  • A afección porriñesa sufriu e gozou a partes iguais antes de celebrar o triunfo por 1-0 na prorroga ante Arxentina.

O Porriño, 20 de xullo de 2026. A rúa Domingo Bueno do Porriño converteuse nunha gran festa do fútbol para seguir a gran Final do Mundial entre España e Arxentina. Preto de 2.000 afeccionados congregáronse diante da pantalla xigante para vivir un encontro cheo de emoción e tensión, no que se sufriu e se gozou a partes iguais durante os 90 minutos regulamentarios e tamén na prórroga.

O momento de máxima euforia chegou, de feito, na prorroga, cando o gol da selección española selou o 1-0 definitivo que deu o título mundial a España, desatando o xúbilo entre o público. Un xúbilo que se desataba tamén co asubio final

 “Queríamos que fose unha gran festa para todos os públicos e así foi. Trasladar a pantalla á rúa Domingo Bueno foi todo un acerto para que estas 2.500 persoas pudesen gozar deste triunfo histórico con comodidade e seguridade”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo.

Abrazos, música e auga para combater a calor

Co apito final, a alegría apoderouse da rúa entre abrazos, cánticos e a música do DJ. A pesar de ser noite avanzada, os termómetros aínda marcaban 24 graos no centro do Porriño, polo que a celebración mantivo a súa enerxía ao máximo coa festa da escuma.

Para refrescar os ánimos e combater as altas temperaturas, os bombeiros sumáronse á cita lanzando auga coas súas mangueras para todos os afeccionados que quixeron sumarse ao remate dunha xornada histórica. Ademais os máis mozos participaron na festa da escuma, nun broche para unha noite única. O vermello inundou así a rúa Domingo Bueno ata a madrugada.

O Porriño volve a instalar unha pantalla xigante para ver o Munidal

  • Xa se fixo nos partidos de cuartos e semifinais cunha gran afluencia de público

O Porriño, 17 de xullo de 2026. A praza Arquitecto Antonio Palacios converterase de novo no epicentro mundialista no Porriño; centenares de persoas acudiron xa á praza para apoiar á selección española no seu partido ante Francia e celebraron o triunfo de La Roja en comunidade. O gran ambiente vivido durante toda a noite confirmou, unha vez máis, o éxito desta iniciativa impulsada polo Concello e por iso, na gran final, repítese fórmula: poderase ver o encontro na praza do Concello este   domingo 19 de xullo ás 21:00 horas. Así, toda a cidadanía terá a oportunidade de seguir en directo a gran final e de apoiar a España en comunidade, con amigos, veciños e familiares.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “Competicións como o Mundial de Fútbol son unha oportunidade para unir á veciñanza e crear momentos inesquecibles. Ver a praza cunha marea vermella animando á selección foi unha imaxe extraordinaria que esperamos repetir este domingo”.

O rexedor convidou a toda a veciñanza a participar na derradeira cita deste Mundial e animou á nosa selección: “Agardamos que o Porriño volva encher a praza para vivir unha final histórica e apoiar á nosa selección! A pola segunda estrela!”

No caso de cuartos, fixerase xa, pero no barrio de San Bieito, coincidindo coas festas.

O I Torneo de Xadrez do Porriño válido para Elo FIDE abre as súas portas a profesionais e afeccionados

  • A competición terá lugar na praza do Concello este venres 17 de xullo a partir das 19:30 horas.

O Porriño, 13 de xullo de 2026 – Este venres, 17 de xullo, as pezas de xadrez tomarán o protagonismo na praza do Concello do Porriño coa celebración do I Torneo Xadrez Concello do Porriño. Organizado en colaboración co Club Xadrez Mos, este evento promete unha tarde-noite de estratexia, emoción e moita participación cidadá.

Así, o  torneo contará con dúas modalidades claramente diferenciadas para que ninguén quede fóra. Na Categoría A será un torneo oficial válido para Elo FIDE Blitz, pensado para os xogadores máis experimentados que buscan puntuar no ránking internacional. Mentres, a Categoría B  está deseñada especialmente para os afeccionados e, de xeito moi particular, para as familias.

“É unha oportunidade xenial para os familiares que son afeccionados ao xadrez e que se pasan todo o ano acompañando aos nenos e nenas de torneo en torneo sen ter nunca a oportunidade de xogar”, explica Brais Otero, o coordinador do Clube.  Pola súa banda, o alcalde do Porriño destacou o impacto positivo que teñen estas actividades no municipio, sinalando que “eventos como este non só dan visibilidade ao xadrez, que destaca como ferramenta educativa e social, senón que tamén fomentan valores como a concentración, a toma de decisións e o respecto polo adversario”. 

Así mesmo, o rexedor reiterou o compromiso do goberno local con estas iniciativas. De feito con esta actividade o Concello da un paso máis no apoio deste deporte. Fai un ano tamén na praza  Arquitecto Antonio Palacios fíxose unha exhibición de partida simultánea. Unha actividade na que xogadores do club se enfrentaban de  maneira simultánea a todas as persoas, pequenos e maiores, que puideron poñer a proba as súas habilidades. 

 “Desde o Concello apoiamos este tipo de iniciativas que unen o deporte, a educación e a participación cidadá, e animamos a todas e todos os porriñeses a achegarse e desfrutar dunha xornada diferente e para todas as idades”. 

Horarios do Torneo

A competición desenvolverase ao longo da tarde e da noite do venres cos seguintes horarios confirmados para as partidas: 19:30, 20:00, 20:30, 21:00, 21:30, 22:00 e 22:30. O acto de clausura terá lugar ás   23:00 h.

As bases completas están na páxina web do concello ( www.oporrino.org ) Ademais, para máis información e inscricións, o club facilita o teléfono 618 873 541 e o correo electrónico clubxadrezmos@gmail.com.

Consulta as bases do torneo premendo aquí.

O Porriño instala unha pantalla xigante na praza do Concello para seguir o España – Francia

O Porriño, 11 de xullo de 2026.  O Porriño segue animando a La Roja. Logo do éxito de convocatoria do España-Bélxica, con varios centos de persoas seguindo e animando á selección, o Concello do Porriño vén de anunciar a instalación dunha pantalla xigante nesta ocasión na Praza do Concello para que toda a veciñanza poida seguir en directo o emocionante encontro do Mundial entre España e Francia.

A cita arrancará a partir das 21:00 do martes 14 na praza Arquitecto Antonio Palacios e o Concello convida a grandes e pequenos a seguir dende alí o encontro de Semifinais dende o asubío inicial. “Estamos seguros que de novo este partido será unha festa do deporte no Porriño”, asegura Alejandro Lorenzo, que destaca a dobre emoción dun encontro destas características cando se vive en comunidade.

Están en marcha as obras de mellora e modernización do campo de fútbol do Lourambal

  • O proxecto conta cun orzamento de máis de 678.000 euros e un prazo de execución estimado de catro meses.
  • As actuacións inclúen a instalación de céspede artificial de última xeración, a renovación integral do equipamento e un novo sistema de iluminación e rego.

O Porriño, 11 xullo de 2026. O campo de fútbol do Lourambal inicia unha transformación integral co arranque das obras de mellora das súas instalacións. O proxecto, que conta cun orzamento base de licitación de 678.152,05 euros, ten como obxectivo modernizar o espazo para ofrecer unhas condicións óptimas para a práctica deportiva.

A principal actuación será a substitución do actual terreo de xogo de herba natural por céspede artificial de última xeración. O novo campo, cunhas dimensións de 105×67 metros para fútbol 11, estará deseñado de xeito polivalente, permitindo a súa división en dous campos transversais de fútbol 7. A nova superficie contará cunha subbase elástica de escuma de poliolefinas de célula pechada reticulada, unha moqueta bicolor en ton verde e os correspondentes recheos de estabilización para o seu lastrado.

Melloras estruturais e sostibilidade

Para garantir o correcto mantemento e drenaxe das instalacións, o terreo de xogo disporá de pendentes específicas e canles de recollida de augas pluviais nos laterais, delimitando o pavimento cun bordelo de formigón.

Ademais, actuarase de xeito profundo na rede de rego coa instalación de  canóns emerxentes de longo alcance e un depósito enterrado de 20 m3 para asegurar o abastecemento de auga. Tamén se renovarán   por completo os proxectores do campo seguindo un rigoroso estudo lumínico, aproveitando os báculos xa existentes para mellorar a eficiencia enerxética e a visibilidade do recinto.

Renovación do equipamento deportivo

O proxecto tamén inclúe un importante renovación do equipamento deportivo. Instalaranse novas porterías tanto de fútbol 11 como de fútbol 7 , redes, banderíns de córner, varandas perimétricas e novos banquiños cubertos e pechados lateralmente. Así mesmo, dotarase ao espazo dunha nova sinalización.

Cunha duración prevista de catro meses, estas obras dotarán ao Lourambal dunhas instalacións modernas, sostibles e adaptadas ás necesidades dos clubs e deportistas que fan uso do campo a diario.

O Campo do Porriño Industrial

O Lourambal é o campo do Porriño Indusitral, un clube que se fundou  oficialmente o 15 de febreiro de 1933 baixo o nome de Porriño F.C., presidido na súa primeira xunta directiva por Leocadio Lourido e vestindo inicialmente de branco e azul. Un dos seus maiores fitos históricos tivo lugar na tempada 1958-59 cando, co nome do seu patrocinador Zeltia, o equipo proclamouse campión galego de afeccionados e logrou o subcampionato de España. A denominación actual de Porriño Industrial chegou en 1965, froito da fusión entre o Louriña C.F. e o propio Zeltia, sendo Pepe da Morrilleira o seu primeiro presidente nesta nova etapa.

Ao longo da súa traxectoria, o primeiro equipo alternou categorías comarcais e rexionais cun notable paso pola Tercera División. Durante o longo mandato de Santiago Gilsanz de la Aldea nos anos 70 e principios dos 80, o club logrou un importante ascenso a Tercera División. Con todo, o seu maior éxito de liga chegou na tempada 1998-99 baixo a presidencia de José Carlos Díaz Casales, cando o equipo se proclamou campión de Tercera División e disputou a fase de ascenso a Segunda División B contra clubs de renome nacional. Tras esta época dourada, o club sufriu varios ascensos e descensos baixo as directivas de José Lorenzo Pérez e Luis Neira Olive.

A partir da tempada 2010-11, baixo a presidencia de Ramón Bastos, o club iniciou unha fonda remodelación estrutural impulsada pola estrea de modernos campos de herba sintética e a profesionalización do seu corpo técnico e médico. Esta aposta deu os seus froitos na campaña 2011-12 coa chegada do presidente Esteban Cidanes Domínguez, na que as categorías inferiores asinaron unha xesta histórica con catro ascensos simultáneos de xuvenís, cadetes e infantís. Foi precisamente nesta exitosa etapa cando Claudio Giráldez —actual adestrador do Real Club Celta de Vigo en Primera División— comezou a vencellarse á estrutura técnica da base como coordinador de canteira xunto a Humberto Lede, consolidando a cantera do Porriño Industrial na elite do fútbol base galego antes de dar o salto como técnico.

Abertas as inscricións para a INTERRUNNING – CAE 2026, unha das maiores carreiras populares de Galicia

  • O Porriño acollerá o próximo 20 de setembro a XV edición da Interrunning e a IV Carreira de Empresas de Galicia.
  • Durante todo este mes de xuño hai unha promoción especial de lanzamento de 6 euros.

O Porriño, 26 xuño de 2026. Xa están abertas as inscricións para a INTERRUNNING – CAE 2026, un dos eventos de running popular máis importantes de Galicia, que se celebrará o próximo 20 de setembro no Porriño. O evento está organizado polo Clube Interrunning en colaboración co Concello do Porriño.

A proba acadará en 2026 dous fitos moi especiais: a XV edición da Interrunning, consolidada como unha das carreiras populares de referencia en Galicia, e a IV edición da Carreira de Empresas de Galicia, unha competición que ano tras ano reúne a centos de traballadores e empresas comprometidas coa saúde, o deporte e o traballo en equipo.

Como promoción especial de lanzamento, a organización estableceu un prezo único de inscrición de tan só 6 euros durante todo o mes de xuño, unha oportunidade única para asegurar o dorsal nunha proba que cada tempada reúne a miles de participantes.

“Estamos ante unha cita única en Galicia que logra fusionar o deporte popular, a cultura empresarial e o compromiso solidario, destinando unha parte dos fondos recadados a apoiar o labor destas tres entidades sen ánimo de lucro”, explica o alcalde, apuntando que a  Interrunning vai moito máis alá dunha simple competición

Un evento para todos os públicos

La INTERRUNNING – CAE 2026 mantén o seu carácter aberto, inclusivo e familiar, ofrecendo modalidades para corredores, caminantes e nenos de todas as idades:

  • Interrunning 10K
  • Interrunning 5K
  • Andaina Popular 8K
  • Carreiras infantís Chupetes
  • Carreiras infantís Pitufos

A proba está aberta tanto a atletas populares experimentados como a persoas que desexan iniciarse no running o desfrutar dunha xornada deportiva en familia.

A gran festa del running popular galego

Ao longo das súas quince edicións, a Interrunning converteuse en moito máis ca unha carreira. O seu espectacular percorrido, o ambiente festivo, a implicación do tecido social e empresarial e a gran participación cidadá situárona entre as carreiras populares máis destacadas de Galicia.

A organización agarda unha importante presenza de corredores procedentes de toda Galicia e do norte de Portugal, consolidando ao Porriño como un dos grandes puntos de encontro do deporte popular na comunidade.

A Carreira de Empresas continúa medrando

A IV Carreira de Empresas de Galicia volverá ser un dos grandes atractivos do evento. Empresas, institucións e organizacións poderán formar equipos e compartir unha experiencia deportiva que fomenta valores como a saúde laboral, a motivación, o compañeirismo e o traballo en equipo.

Cada ano son máis as compañías que apostan por esta iniciativa, convertendo a proba nunha referencia dentro do ámbito do deporte corporativo galego.

Unha carreira comprometida coa solidariedade

Ademais de promover o deporte, os hábitos de vida saudables e a participación cidadá, a INTERRUNNING – CAE 2026 mantén o seu firme compromiso coa solidariedade.

Un ano máis, o evento colaborará con tres entidades de gran relevancia social, contribuíndo a dar visibilidade ao seu labor e apoiando os seus proxectos en favor das persoas que máis o precisan.

No plano solidario, a organización mantén o seu compromiso con:

  • ACEESCA, entidade centrada na inclusión social e a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual.
  • AFAGA, asociación que traballa no apoio e acompañamento de persoas afectadas polo Alzhéimer e outras demencias, así como dos seus familiares e coidadores.
  • AECC (Asociación Española Contra o Cancro), referente nacional en investigación, prevención, atención e acompañamento a pacientes oncolóxicos e as súas familias.

Desta forma, cada inscrición convértese tamén nun xesto de apoio a causas que contribúen a construír unha sociedade máis inclusiva, solidaria e comprometida.

Programa do evento

  • 📍 O Porriño
  • 🕘 09:30 h – Andaina Popular 8K
  • 🏃 11:30 h – Interrunning 5K e 10K
  • 👦 12:45 h – Carreira Pitufos
  • 👶 12:50 h – Carreira Chupetes
  • 🏆 13:00 h – Entrega de premios

Inscricións abertas

As inscricións xa poden formalizarse a través da páxina oficial do evento.

Promoción especial de lanzamento: 6 euros durante todo o mes de xuño.

A organización (Clube Interrunning e Concello do Porriño) anima a corredores, caminantes, familias e empresas a reservar canto antes a súa praza para formar parte dunha edición histórica que celebrará os 15 anos da Interrunning e o crecemento constante da Carreira de Empresas de Galicia. 

Máis información e inscricións: Ligazón de inscrición de Emesports

Podes consultar o regulamento da competición premendo aquí.

Máis de 240 deportistas participan no Porriño este sábado no torneo 3×3 con pase directo ao Marisquiño

  • A cita reunirá a 60 equipos procedentes das catro provincias galegas, con idades comprendidas entre os 12 e os máis de 40 anos.
  • O evento contará coa participación de tres equipos FIBA do circuíto oficial e despregará catro pistas simultáneas, trasladando os concursos de tiro e triples ao centro da vila, diante do Concello.
  • Este sábado o Pavillón do Porriño acolle tamén o Campionato autonómico Show de patíns

O Porriño, 19 de xuño de 2026. O Porriño prepárase para vivir este sábado unha xornada histórica de deporte e cultura urbana coa celebración do Torneo 3×3 de Porriño Baloncesto Base. A vila converterase no epicentro do baloncesto galego cun éxito absoluto de convocatoria: un total de 60 equipos e máis de 240 deportistas inscritos que encherán de ritmo, intensidade e talento as rúas do municipio.

O torneo destaca polo seu carácter integrador e a súa gran proxección autonómica, atraendo a xogadores e xogadoras chegados desde as catro provincias de Galicia. Cunha vertente interxeracional única, a competición abranguerá categorías desde a base ata os veteranos, con idades que van desde os 12 ata os máis de 40 anos. O gran nivel deportivo está máis que garantido grazas á confirmación de tres equipos FIBA de alto nivel que forman parte do circuíto oficial e que elixiron O Porriño como parada estratéxica.

Ademais este ano, os gañadores da categoría Masculina Pro teñen acceso directo ao 3×3 do Festival O Marisquiño que se celebra en agosto. Só hai catro pases directos en toda España para participar nesta proba. E as gañadoras da categoría Sénior Feminina, teñen o pase directo ao 3X3 de Cangas.

Toda a competición da tarde vaise a transmitir polas redes sociais da organización e do Concello do Porriño.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, amosou o seu orgullo por acoller un evento desta magnitude e asegurou que “o noso municipio volve demostrar a súa enorme capacidade para organizar citas deportivas de primeiro nivel que dinamizan a vila e enchen de vida as nosas rúas”. O rexedor subliñou o compromiso total do Concello co deporte base e a cultura urbana, destacando que “este sábado imos vivir unha xornada inesquecible onde os valores do compañeirismo, o esforzo e a saúde serán os grandes protagonistas, consolidando ao Porriño como un referente deportivo en toda Galicia”

Catro pistas simuláneas

Para dar cabida ao intenso calendario de partidos, a organización despregará catro pistas de xogo simultáneas. A pista 2 do  Pavillón Municipal acollerá dúas das canchas, mentres que o ambiente rueiro trasladarase ao exterior cunha pista situada nunha praza interna da rúa Pinar e a gran pista principal emprazada en San Sebastián.

Será precisamente nesta pista central de San Sebastián onde se concentre o momento cumio da xornada. Alí disputaranse as grandes finais das categorías U15, U17, Classic e Pro, asegurando un espectáculo visual e competitivo de primeiro nivel para todo o público asistente.

Concurso de tiro diante do Concello

Co obxectivo de facer partícipe a toda a cidadanía, o evento estenderase máis alá das pistas de competición. Durante todo o día, a praza situada diante do Concello albergará os espectaculares concursos de tiro e de triples. Esta actividade aberta promete converter o corazón do Porriño nunha auténtica festa do basket onde a música e o dinamismo urbano serán os grandes protagonistas.

Desde o Porriño Baloncesto Base convídase a todos os veciños, veciñas e afeccionados ao deporte de Galicia a achegarse este sábado para gozar dunha xornada vibrante, apoiar o talento dos nosos deportistas e vivir en directo a emoción do baloncesto 3×3 na súa máxima expresión.

A proba é posible grazas ao apoio da Xunta, a Diputación e o Concello, así como de diversos colaboradores locais.

Un sábado redondo para o deporte porriñés co Campionato Galego de Patinaxe

A xornada festiva e deportiva do sábado complementarase cunha gran cita sobre rodas. O Pavillón do Porriño (Pista 1) acollerá, a partir das 16:00 h, o Campionato Autonómico Show de Patíns. O espectáculo está máis que asegurado coa participación de 30 grupos de Show chegados de toda Galicia, entre os que destaca o anfitrión, o Club Patín Porriño, que competirá na categoría de grupos pequenos coa ilusión de deixar o pavillón no máis alto ante a súa afección.

Desde o Porriño Baloncesto Base convídase a todos os veciños, veciñas e afeccionados ao deporte a achegarse este sábado para gozar dunha xornada vibrante, apoiar o talento local e vivir en directo o mellor do baloncesto 3×3 e da patinaxe artística.

 

A  Challenge Rías Baixas chega esta fin de semana a súa X Edición

  • A proba percorrerá dende o sábado Mos e Ponteareas ata chegar á meta o domingo no Porriño

O Porriño, 17 de xuño de 2026.- O Concello do Porriño será o peche da X Challenge As Rías Baixas 2026, unha das competicións máis destacadas do calendario ciclista galego, que se disputará os días 20 e 21 de xuño e que volverá percorrer os municipios de Mos, Ponteareas e O Porriño, consolidando a comarca como un territorio de referencia para a práctica deste deporte.

A competición está organizada polo Club Ciclista Máster da Louriña e está reservada para as categorías Máster 30, Máster 40, Máster 50, Máster 60 e Júnior, cun límite máximo de 200 participantes federados.

A Challenge desenvolverase en tres etapas: a primeira delas disputarase en Mos na mañá do sábado 20 de xuño, cun percorrido en liña de preto de 79 quilómetros de competición e un desnivel acumulado de 800 metros.

A segunda etapa terá lugar xusto despois, arredor das 17 horas en Ponteareas: consiste nunha proba contrarreloxo individual de 7,3 quilómetros que servirá para pechar a primeira xornada deste desafío.

Para finalizar a Challenge, o domingo 21 terá lugar o Gran Premio do Porriño, unha etapa en liña de 85 quilómetros e preto de 1.000 metros de desnivel acumulado, que terá saída neutralizada na Avenida Domingo Bueno e meta no municipio porriñés. O percorrido desta última etapa atravesará diferentes puntos emblemáticos da contorna, convertendo as estradas da comarca nun gran escaparate para o deporte e para a promoción do territorio.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo en valor a colaboración institucional que fai posible a celebración da Challenge: Que Mos, Ponteareas e O Porriño sumemos esforzos arredor dunha cita desta magnitude demostra a importancia que lle damos ao deporte como ferramenta de promoción, convivencia e dinamización do territorio. O ciclismo forma parte da identidade desta comarca e seguiremos apoiando eventos que contribúan a fortalecela”.

Durante a presentación da proba, o presidente do Club Ciclista Máster da Louriña, Juan José Álvarez Cerdeira, agradeceu a implicación dos tres concellos e das entidades colaboradoras: “É unha enorme satisfacción volver contar co apoio institucional necesario para sacar adiante esta competición. Traballamos durante todo o ano para ofrecer unha proba atractiva e segura e confiamos en que esta décima edición volva ser un éxito deportivo e organizativo”.

Pola súa banda, o concelleiro e teniente da alcaldesa de Mos, Camilo Grandal, destacou que “é unha satisfacción volver formar parte dunha competición destas características, que permite mostrar o potencial deportivo do noso territorio e achegar o ciclismo á veciñanza. Desde Mos seguiremos apoiando todas aquelas iniciativas que fomenten o deporte e os hábitos de vida saudables”.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 17 de xuño ás 23:59 horas, admitíndose inscricións fóra de prazo ata o 18 de xuño ás 15:00 horas co recargo establecido pola normativa da Federación Galega de Ciclismo.

O Gran Premio Concello do Porriño  2026 determinante para decidir o Campionato Galego de Estrada Élite e Sub23

  • A proba, que chega a súa sexta edición,determinará os gañadores autonómicos das Categorías Élite e Sub 23

O Porriño, 9 de xuño de 2026.  O Concello do Porriño prepárase para acoller este sábado, 13 de xuño, unha das citas máis agardadas do calendario ciclista autonómico: o Gran Premio Concello do Porriño 2026, onde se determinarán os campións galegos da categoría Sub-23 e Élite, ademais do gañador da proba. A carreira, reservada para as categorías Élite e Sub-23, reunirá os mellores talentos do ciclismo nunha xornada que promete espectáculo, velocidade e máxima esixencia.

O alcalde anima a toda a cidadanía a “gozar desta proba referente do ciclismo galego e do ciclismo porriñés” e agradeceu á organización e patrocinadores o “esforzo que fan para que poidamos gozar no pobo de eventos deportivos deste nivel”.

O acto de presentación oficial da proba no Concello do Porriño contou coa intervención de tres figuras clave para o desenvolvemento do evento: Juan José Álvarez Cerdeira, presidente do club organizador Master da Louriña; Jacobo Ucha Rodríguez, director técnico da Federación Galega de Ciclismo (FGC); e o recoñecido ex-ciclista profesional e actual director de equipo, Jesús Blanco Villar.

Acudía tamén Jorge Pérez, un dos favoritos en gañar o Campionato Galego pertencente ao ODL Team Lasal Cociñas.

Detalles da competición

A proba, patrocinada por Lasal Cociñas, chega á súa sétima edición e arrincará oficialmente ás 16:30 horas, tendo como epicentro o concello do Porriño. Son 140 quilómetros de percorrido, nunha ruta que dará a volta ao val: unha ruta habitual dos ciclistas da zona onde o prato forte e a dificultade están nos últimos quilómetros, na subida cara a Chenlo. Os corredores que formalizasen a súa inscrición poderán recoller os seus dorsais o mesmo sábado na zona de saída, nun horario estrito de 15:00 a 16:00 horas.

A organización limitou a participación a un máximo de 150 corredores, garantindo así a seguridade e a calidade organizativa do evento.

Este martes péchase o prazo para o Tríatlon Concello do Porriño

  • A XI edición da proba, que une os concellos de Tui e O Porriño, celebrarase o vindeiro domingo 14 de xuño a partir das 11:30 horas.
  • As inscricións permanecerán abertas na web oficial ata as 23:59 horas deste martes 9 de xuño.

O Porriño, 8 de xuño de 2026. O Tríatlon Concello do Porriño volve este ano con máis forza que nunca. Esta cita é unha das máis agardadas e espectaculares do calendario deportivo galego. Trátase dun evento organizado polo Concello do Porriño, coa colaboración de Tui e a FEGATRI, que conta cun padriño de excepción: Borja Gómez Méndez, recoñecido ciclista e triatleta con síndrome de Down, que é un referente na integración do deporte.

Durante a súa intervención, o alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou: “É un orgullo presentar unha proba que une deporte, colaboración institucional e posta en valor do noso territorio”. Unha proba que, como explica Javier Campos Peña, presidente da Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno (FEGATRI), poderá ter un máximo de 350 participantes, recalcando que o prazo remata este martes 9 de xuño.

O percorrido comezará en augas do Río Miño, con 750 metros de travesía a nado, que partirán da Comandancia Naval, onde xa todo está preparado, segundo explicou na presentación   Víctor García Pozuelo, Comandante Naval do Miño. Sseguirá en bicicleta os 20,2 quilómetros que separan Tui do Porriño e rematará a pé, con 5 quilómetros de circuíto urbano pedestre. A meta estará no centro do Porriño, onde se agarda unha gran presenza de público para recibir aos deportistas.

Inscricións

Os atletas que aínda non formalizasen a súa alta están ante a súa última oportunidade, xa que o prazo de inscrición, aberto dende o pasado 14 de maio, péchase definitivamente este martes 9 de xuño.

Baixo o lema “Atrévete a vivir a aventura”, a competición arrancará o domingo 14 de xuño ás 11:30 horas cun esixente e vistoso percorrido en liña que conectará ambas as dous localidades a través das tres disciplinas.ño.

Baixo o lema “Atrévete a vivir a aventura”, a competición arrancará o domingo 14 de xuño ás 11:30 horas cun esixente e vistoso percorrido en liña que conectará ambas as dúas localidades a través das tres.