A parroquia é atravesada polo río Louro e o regato de Centeáns, hidrografia que concede á parroquia unha gran fertilidade e o seu propio nome, derivado da grande cantidade de pontes e pontellas que salvan o cauce dos ríos.

Entre os monumentos de Pontellas destaca a súa igrexa parroquial, advocada a Santiago.

Foi construída no ano 1600 e reedificada practicamente na súa totalidade en 1775.

Trátase dun edifício moi sobrio con planta de cruz latina e nave única.

 

Nesta parroquia atópanse edifícios nobiliarios de grande importancia histórica. A Quinta do Adro está situada no barrio de Centeáns.

Foi fundada en 1479 e habitada ao longo dos séculos por diversas famílias.

Trátase dun pazo en forma de L que impresiona pola súa fachada-telón pechada, rematada por pináculos e almeas.

 

Pontellas conta con dúas capelas. A de San Paio é quizais a máis antiga da parroquia, anque foi restaurada ampliamente en 1901.

A capela de San Campio, reedificada en 1886 e ampliada en 1917 grazas ás aportacións dos emigrantes en Brasil, conta con grande devoción popular.

Nela celébranse as festas, nas que os fieis recollen a suor do santo nun pano que, segundo se di, ten propiedades curativas para o reuma.

O Pazo de Cadaval foi fundada no século XIV por Don Vasco González de Cadaval. A antiga casa-fortaleza posuía dúas torres, contrafosos e troneras, e foi destruída polo coñecido Pedro Álvarez de Sou tomaior, “Pedro Madruga”.

Cos materiais daquel antigo pazo reconstruíuse o novo edifício en 1842, que aínda conserva unha impresionante torre que preside o conxunto.Existen tamén en Pontellas fermosos cruceiros, como os de Centeáns, Pousadela e San Campio, e muíños de auga.

Barrios: A Abelenda , A Arrotea, A Bouza, Cadaval, A Cantoña, Centeáns, Cochilra, A Igrexa, A Louriña, O Outeiro, A Pousadela, Quintela, Santo André e A Sé.
Advocación: Santiago
  Festas populares:
San Campio, terceiro domingo de xullo.
San Paio, domingo seguinte ao 5 de agosto.