Novo itinerario alternativo (500 metros máis longo):

Nas inmediacións de Orbenlle parte o itinerario alternativo que evita o paso do polígono industrial desde setembro de 2013.

A alternativa comeza 300 metros despois do punto quilométrico 106.048 a Santiago. É unha entrada á man esquerda, xunto ao cartel. Esta variante descende lixeiramente entre tupida vexetación ata o vao da Ponte Baranco, sobre o Louro, e cruza posteriormente un paso de inverno. Desde este punto, un camiño de terra entre viñedos e arboredos alcanza unha pista asfaltada, que se interna pola parroquia de San Xurxo de Mosende, visitando os lugares de Monte, Vides e Cruceiro.

Outro posterior paso de inverno, coñecido polos veciños como ‘paso de Botate’, desemboca nun camiño terroso. Despois, unha pista local accede á parroquia de Santiago de Pontellas xunto ás casas de Centeáns. Aquí, unha ‘cruz de mortos’ dá paso a un magnífico cruceiro, situado sobre o antigo Camiño Real a Vigo. Nesta variante agardan aínda máis sorpresas, como a capela de San Campio e o seu cruceiro, así como tamén a Quinta do Adro ou da Inquisición, onde o trazado se separa do Camiño Real.

Unha estrada local con carril peonil para ciclistas conduce desde este punto ao carreiro que segue o ronsel do río Louro (non crucedes o río aínda que vexades frechas, progresade sempre coa canle á dereita!) e que alcanza o mesmo albergue de peregrinos do Porriño (Km 19,2).

Itinerario polo polígono:

Atravesamos Orbenlle por pista asfaltada ata a área de descanso xestionada pola Asociación Cultural A Lagoa (Bar). O escenario torna por completo a partir de aquí xa que se interpón no noso camiño o polígono industrial As Gándaras que, desafiante, nos espera abaixo. Atravesámolo por unha recta anódina e infinita próxima aos tres quilómetros para despedilo xunto a unha pasarela labiríntica que salva as vías do tren e lévanos ao pé da N-550 (km 15,4). Xunto á estrada hai varios bares, cafeterías e empresas de servizos.

Atopámonos na parroquia de Atios, e se a recta do polígono era longa e aburrida non o é menos a que vén a continuación. Superámola e deixamos a N-550 pola esquerda, xunto ao marco 99,408 km, para entrar no Porriño pola rúa Manuel Rodríguez, onde a estrada se bifurca e hai que tomar á dereita para chegar ata a praza de San Sebastián. Nesa zona atópase a capela do mesmo nome, que marca a orixe da zona onde naceu o municipio. Aínda que o seu valor histórico está vinculado ao nacemento do concello, é sinxela en canto a arquitectura, posto que foi construída polos propios veciños para poder oír misa diaria e evitar desprazamentos.

Se o peregrino ten uns minutos é aconsellable desviarse á man dereita ata a zona verde que se ve ao final da rúa. Nela pódese atopar o pavillón de acceso á estación de metro que estaba situado na Gran Vía de Madrid. A compañía do metropolitano decidiu a súa retirada e ante o risco de desaparición foi trasladado en 1971 ao concello do Porriño.

A estrutura foi proxectada polo famoso arquitecto porriñés Antonio Palacios no ano 1919 e estaba composto por dúas estruturas diferentes, unha de granito moi traballado e outra de ferro forxado e cristal. Con todo, no traslado perdeuse a parte de ferro. Regresando ao traxecto orixinal, o peregrino deberá continuar pola mesma rúa ata atoparse coa capela de San Bieito, onde antigamente se realizaba o mercado da vila e onde chegou a situarse unha pequena alameda.

A capela foi levantada a finais do século XIX e posteriormente restaurada e ampliada a comezos do XX. É un edificio de reducidas dimensións con planta de cruz latina. Se o camiñante ten ganas dun pouco de arte urbana, sería posible desviarse á man esquerda pola rúa da Ola, onde se pode ver o gran muro da rúa Cando cheo de graffitis.

Continuando pola zona, na que destaca a pedra en todas as construcións, o peregrino entra no corazón urbano da vila e é recibido pola capela de Santa María. Atópase en pleno cruzamento de Ramón González con Manuel Rodríguez e, segundo parece, foi levantada a mediados do século XVI. Foi cambiando de advocación e estivo dedicada a San Xurxo nun comezo. En 1778 parece que estaba dedicada á nosa Señora da O pero desde 1809 a denominación céntrase en Santa María.

O peregrino pode proseguir o seu percorrido en dirección á praza Arquitecto Antonio Palacios, onde se atopa o edificio do consistorio, obra do porriñés máis famoso. Unha estatua del sentado nun dos bancos da zona rende homenaxe a este prolífico arquitecto, o mellor embaixador do granito do Porriño. Este edificio é a obra máis importante do arquitecto no seu concello e estaba dedicado á súa nai. A edificación, levantada nos anos 20, substituíu o consistorio orixinal, que se atopaba en estado ruinoso. O proxecto foi entregado gratis ao concello grazas á xenerosidade de Ramón González.

O traxecto continúa polas rúas empedradas, que terminan xusto na zona da capela do Cristo e a fonte de Palacios. A fonte foi construída en honor a un antigo cruceiro e ten dous corpos, un primeiro con base octogonal para salvar o desnivel da praza e logo unha parte superior na que se asenta unha base e se erixe a fonte.

Os caños de auga están alternados con elementos ornamentais con motivos florais moi vistosos. Coroa a fonte unha columna de corte clásico que termina nun capitel con decoración vexetal sobre a que se levanta a estatua dun paxe, obra do mestre Cerviño. A fonte data de 1904. Detrás da fonte pódese acceder a través dunha escalinata á capela do Cristo, o cuarto recinto relixioso que apareceu no núcleo urbano. A súa construción foi grazas a Servando Ramilo Neves, que doou o terreo para a capela e o parque, ademais de sufragar os gastos do recinto.

As obras termináronse en 1899 e a súa inauguración, un 17 de setembro, marcou unha cita clave no calendario porriñés, que agora nesas datas celebra as súas populares festas patronais. Os peregrinos decidirán se continúan o traxecto ou se aloxan nun dos albergues de peregrinos, ou outras alternativas de hospedaxe que se ofrecen no municipio. Se o rumbo é en dirección a Redondela, aínda quedará atravesar un pequeno tramo da zona urbana antes de penetrar na N-550.