O Porriño conta en todas as súas parroquias con numerosos muíños de auga, edificacións discretas situadas no curso de ríos, regatos e regos e que son unha parte fundamental do noso patrimonio etnográfico e histórico.

Os que durante tempo foron elementos importantes da economía e da sociedade rural galega, pasaron logo ao esquecemento. Os cambios na nosa sociedade deixaron apartadas e abandonadas a maior parte destas construcións, que acabaron parcialmente derruídas e cubertas de silvas e outra vexetación.

Na actualidade estanse poñendo en valor os muíños de auga, ao darlles a importancia que merecen como elementos da nosa memoria histórica. Son edificación sinxelas pero igualmente fermosas, situadas en moitos casos en contornos naturais de gran beleza.

O Concello do Porriño está desenvolvendo nos últimos anos un traballo de recuperación de muíños de auga nas súas parroquias. O obradoiro de emprego “Val da Louriña 11” que se desenvolve entre 2006 e 2007 dálle continuidade ao traballo que se emprendeu cunha escola obradoiro e outro obradoiro de emprego. Estas construcións e os seus contornos están sendo mellorados, ao tempo que corenta persoas desempregadas obteñen cualificación profesional nas especialidades de albanelería, carpintería, canteiría e medio ambiente-forestal.


O Obradoiro de Emprego “Val da Louriña 11” traballa na recuperación de 19 muíños de auga, repartidos en seis conxuntos doutras tantas parroquias. Son catro muíños na Cañota (Mosende), tres muíños na Filgueira (Chenlo), outros tantos nas Laxes (Cans), tres máis en Pousadela (Pontellas) e tres na Laxe (Budiño).

Estes muíños, que se atopan en contornos que poden ser visitados por veciños e veciñas, uniranse aos que se restauraron xa en 2004. Ese ano en Cans recuperáronse tres muíños situados no lugar das Laxes, moi perto do paso do sendeiro das Greas. En Atios, no lugar de Castro, rehabilitáronse o muíño da Coutada e o muíño Novo de Abaixo. A maquinaria do muíño de Castro, que fora recuperado pola Escola Obradoiro, púxose en marcha.

O lugar de Cotiño, en Budiño volveu ver en pé e perfecto estado catro dos seus muíños: o da Balada, o do Toural, o da Coxa e o do Cotiño. Nestes dous últimos, a maquinaria púxose en funcionamento. En Pontellas recuperouse o controno natural e os muíños de lnsua de Arriba e lnsual de Abaixo.

En Chenlo, no lugar de Filgueiras atópase un dos espazos máis sorprendentes do município. Á sombra do arborado do lugar e do regato que o atravesa atópanse sete muíños que presentan case todas as variedades construtivas destes edifícios no concello. O conxunto é un lugar de beleza moi relaxante, de gran interese etnográfico  e medioambiental.

En Mosende, no monte da Cañota do lugar da Costeira, atópase un conxunto de nove muíños de cubo cilíndrico, que, dende o punto de vista arquitectónico, quizais sexan os de maior valor e interese de todos os muíños no Concello do Porriño. Tres deles xa foran rehabilitados pola escola obradoiro. O obradoiro de emprego recuperou dous muíños máis: o de Benxamín e Cristobo e o de Pura e Carme, polo que quedan outros catro muíños deste conxunto por acondicionar.

Se ben a súa función orixinaria, a de moer cereais, non é posible nin ten sentido recuperala nestes momentos, con estas accións si se pode retomar outra función non menos importante: o de lugar de reunión social. Son recuperados para o desfrute dos veciños e veciñas, que poden achegarse a eles para desfrutar dun contorno natural e arquitectónico de beleza singular.

A IMPORTANCIA  HISTÓRICA DOS MUÍÑOS

Os muíños de auga, pola súa sinxeleza, requerían unha infraestructura mínima, pero pola contra precisaba da existencia de cursos de auga que, aínda que non fosen dun caudal importante, posuísen un alto grao de regularidade e rapidez. Este é o caso dos muíños das parroquias do Porriño, onde non hai ríos importantes, pero si nacentes con grandes desniveis, os cales permitían a súa instalación.

Os muíños do Porriño atópanse na maioría dos casos situados en lugares de gran beleza. Non obstante, presentan para os habitantes un relativo illamento debido á separación dos núcleos de poboación, o cal era especialmente grave en tempos pasados, cando os camiños e os medias de transporte eran precarios.

Moitos foron os muíños existentes no Porriño, algúns deles con máis de 300 anos de antigüidade. Os nosos avós posiblemente lembren  os muíños que desapareceron, uns polo seu alto custo de mantemento, outros polo seu abandono e outros substituídos por muíños eléctricos instalados nas súas casas por cuestións de traballo, tempo e comodidade.


Os muiñeiros esforzábanse por manter boas relacións con tódolos membros da comunidade. A consideración reflíctese de modo moi claro na animoloxía popular, expresada entre outras moitas formas a través das cancións, refráns, narracións, contos e fábulas. Muíño e muiñeira foron centro de multitude de tradicións, lendas, historias e cancións populares, como aquela que di: Unha noite no muíño, unha noite non é nada, unha semaniña enteira esa si que é foliada…

Os muíños acostumaban ser ademais centros de relacións entre persoas de distintos lugares, as cales atopábanse neles co fin de moer o gran, intercambiando de paso novas e comentarias. Os muíños servían como punto de encontro para os máis diversos fins, o que constribuía a consolidar a identidade e a integración dunha determinada zona.

Os muíños lograron sobrevivir, non sen dificultades, ata despois da Guerra Civil. Nese momento iníciase un período de expansión, debido á política de racionamento e de control da producción dos cereais e da fariña, ó mesmo que doutros productos de primeira necesidade, establecida polo goberno franquista a través da Fiscalía de Taxas.

Os muíños seguían moendo, nos primeiros anos da posguerra, o escaso gran dos particulares de forma clandestina, trigo, millo ou calquera outro producto co que se puidese facer pan ou algo parecido. Tan acuciante foi a necesidade de aumentar a cantidade de pan da que dispoñía unha família que se chegaron a empregar instrumentos como muíños de man, formados por dúas pezas circulares de pequeno tamaño, movida a superior manualmente por medio dun mango vertical.

Os muíños, hórreos e cruceiros son parte da nosa arquitectura e polo tanto un patrimonio histórico que todos debemos protexer para beneficio das vindeiras xeracións.