O Porriño aproba un orzamento ”que combina responsabilidade e ambición” 

Ascende a 26.804.967 euros, o maior da historia económica municipal, cun incremento do 28,66% respecto do exercicio anterior

O Porriño, 7 de setembro de 2026. O Concello do Porriño aprobou inicialmente este luns en pleno o Orzamento Xeral para o exercicio 2026. A cifra alcanza os 26.804.967 euros, o que supón o maior orzamento da historia económica do municipio cunha subida do 28,66% respecto ao ano anterior. Dende o goberno local subliñan que este documento certifica a recuperación da capacidade financeira do municipio despois de varios exercicios centrados na regularización e no saneamento das contas públicas tras a depuración das facturas irregulares deixadas polo anterior goberno municipal e a amortización total dos préstamos da débeda herdada, o que permite á administración local quedar libre de cargas e tutelas.

Isto permitirá, explicou en pleno o voceiro municipal, Carlos Martínez, “poñer os recursos económicos ao servizo da veciñanza”. Faise, explica a súa vez o alcalde, Alejandro Lorenzo,  “cunhas contas realistas, rigorosas e pensadas para que O Porriño siga medrando en mellores servizos, infraestruturas e espazos para a veciñanza”, apuntando que estas contas son “un exercicio de responsabilidade e ambición”. Responsabilidade, porque parte dun Concello que conseguiu sanear as súas contas, reducir as obrigas pendentes e cancelar a súa débeda financeira. E ambición, porque agora esa recuperación permítenos investir máis, mellorar os servizos públicos e atender mellor as necesidades das persoas.

As liñas mestras son claras: garantir os servizos básicos, atender ás persoas e impulsar o investimento e a transformación do municipio.

Máis de 5 millóns de euros para investimentos reais 

O capítulo de investimentos reais supera os 5 millóns de euros. A partida máis significativa, dotada con 3,9 millóns de euros, está destinada de forma íntegra ás obras de saneamento, consideradas unha infraestrutura estratéxica para o desenvolvemento do Porriño. O resto dos fondos reservarase a actuacións en vías públicas, accesibilidade, equipamentos municipais, seguridade, polígonos industriais, instalacións deportivas e educativas, rehabilitación urbana e actuacións directas nas parroquias.

No eido social e dos servizos públicos, o orzamento contempla novidades destacadas como a partida de 40.000 euros para a posta en marcha de tarxetas de alimentos destinadas a familias en situación de vulnerabilidade, ademais doutros 65.000 euros reservados para a construción da futura residencia de maiores de Torneiros.

Tamén se mantén o apoio económico ao asociacionismo, ao deporte, á cultura e ás comunidades de augas. Así, no orzamento destacan tamén as partidas nominais ás asociacións veciñais que dinamizan os diferentes núcleos de poboación do municipio, as parroquias, ou aos clubs deportivos que seguen apostando polo deporte base, inculcando os valores deportivos aos nosos nenos e nenas. Destínanse case 860.000 euros a estas diferentes entidades, entre as que se atopan tamén algunhas de marcado carácter social como COGAMI, a AECC ou DisCamino.

Ademais, o orzamento recolle tamén o novo programa de bolsas a deportistas individuais e as bolsas aos mellores expedientes académicos, “para seguir premiando o esforzo das persoas do Porriño”.

Servizos públicos fortalecidos sen subir impostos 

Pero o investimento social non se queda aquí. A xestión dos servizos municipais e o gasto corrente en bens e servizos absorberá 13,05 millóns de euros, o capítulo de maior peso económico do orzamento. Esta contía permitirá custear e ampliar prestacións como o servizo de axuda no fogar, o mantemento de centros educativos e deportivos, ou o funcionamento das novas escolas infantís. Nesta partida vai tamén a limpeza viaria ou o subministro eléctrico.

Pola súa banda, o capítulo de persoal situarase en 6,52 millóns de euros, manténdose conxeladas as retribucións e dedicacións da Corporación municipal.

Sen subidas de impostos 

Dende o goberno local remarcan que o incremento da capacidade de gasto faise “sen incrementos xeneralizados de impostos e taxas municipais”, mantendo unha fiscalidade competitiva na contorna. “Seguimos tendo as taxas máis baixas de Galicia, apostando polas nosas empresas e apostando pola nosa cidadanía para que non paguen máis pero sigan desfrutando do mellor”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo. Neste senso destaca o importante labor para conseguir captar recursos doutras administracións, explicando que a capacidade económica da vila susténtase na mellora da xestión interna e no incremento das transferencias correntes doutras Administracións -Estado, Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra-, que suman un total de 9,6 millóns de euros.

O goberno municipal do Porriño presenta un orzamento récord de 26,8 millóns de euros

  • Trátase do maior orzamento da historia da vila cunha forte aposta polo gasto social e o saneamento das parroquias
  • O Concello segue mantendo as taxas e impostos tras amortizar toda a débeda herdada do anterior goberno e eliminar as facturas irregulares

O Porriño, luns, 24 de agosto de 2026. O goberno municipal do Porriño presentará para a súa aprobación nun pleno extraordinario o orzamento máis alto da historia da vila  que ascende a 26.804.967,94 euros. Tamén o capítulo de investimentos é de récord, con máis de cinco millóns de euros, sen aumentar a carga fiscal da cidadanía, é dicir, mantendo as taxas conxeladas.

Este orzamento, explica o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, é froito dunhas contas saneadas e recolle un importante investimento en política social, así como en obras fundamentais para o municipio, como o saneamento nas parroquias, sen subir as taxas municipais, un compromiso irrenunciable para o rexedor. “Seguimos tendo as taxas máis baixas de Galicia, apostando polas nosas empresas e apostando pola nosa cidadanía para que non paguen máis pero sigan desfrutando do mellor”, explica. 

Así, a proposta orzamentaria reforza o compromiso do Goberno local cunha xestión económica responsable, que permite incrementar o gasto en servizos públicos e infraestruturas clave sen aumentar a carga fiscal sobre os veciños e veciñas.

Esta operación é posible, explica o rexedor, grazas ao saneamento integral das contas municipais, a depuración das facturas irregulares do anterior goberno e a amortización total dos préstamos da débeda herdada, o que permite á administración local quedar libre de cargas e tutelas para aprobar un novo orzamento. “O Concello volve ter capacidade e autonomía financeira para aprobar este orzamento sen restricións, sen subir impostos e elixindo as súas prioridades”, explica. Apuntando que no Porriño esas prioridades están nas persoas.

Son unhas contas, engade Lorenzo en rolda de prensa, “realistas, rigorosas e pensadas para que O Porriño siga medrando en mellores servizos, infraestruturas e espazos para a veciñanza”.

Un orzamento social

Cada partida crece, pero faino especialmente a destinada a servizos sociais para que ningunha familia do Porriño se quede atrás. Así, o alcalde, Alejandro Lorenzo, vén de anunciar a creación dunha nova tarxeta social, a “tarxeta familia”, para as persoas máis desfavorecidas do municipio. Unha ferramenta que substituirá o actual banco de alimentos, para que estas familias poidan, a través dos servizos sociais municipais, adquirir produtos de primeira necesidade directamente no supermercado e así desestigmatizalas. “Non queremos colas de pobreza”, apuntou Lorenzo, explicando que o seu goberno quere tender a man a aqueles que máis o precisan, con axudas de emerxencia, pero tamén con programas de inclusión e emprego.

Na partida de servizos sociais,  inclúese tamén a xestión das novas escolas infantís municipais —dúas—, que son totalmente gratuítas para os nenos e as nenas do Porriño e que se veñen sumar este ano á oferta pública das dúas Galiñas Azuis que existen no municipio. Inclúense tamén o Centro de Día e o programa “Xantar na casa”.

Hai partidas tamén para outros grandes proxectos sociais como a nova residencia de maiores que proxecta a Comunidade de Montes de Torneiros.

Subvencións a clubs e asociacións

 O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que todas as partidas medran neste orzamento, con especial atención ao asociacionismo -as diferentes asociacións de todo o concello- e, moi especialmente, aos clubs deportivos, que traballan a diario polo deporte base.

Así, no orzamento destacan tamén as partidas nominais ás asociacións veciñais que dinamizan os diferentes núcleos de poboación do municipio, as parroquias, ou aos clubs deportivos que seguen apostando polo deporte base, “inculcando os valores deportivos aos nosos nenos e nenas”. Destínanse case 860.000 euros a estas diferentes entidades, entre as que se atopan tamén algunhas de marcado carácter social como COGAMI, a AECC ou DisCamino.

Ademais, o orzamento recolle tamén o novo programa de bolsas a deportistas individuais e as bolsas aos mellores expedientes académicos, “para seguir premiando o esforzo das persoas do Porriño”.

Un Porriño máis humanizado

 No apartado de investimentos, o alcalde destaca a existencia de grandes proxectos para seguir facendo “Un Porriño pensado para as persoas, pois a intención deste goberno municipal é seguir transformando o municipio e as súas parroquias en mellores lugares para vivir, con mellores servizos e espazos máis amplos e verdes”.

Ademais, o orzamento recolle case 4 millóns de euros para seguir co saneamento integral da vila. Cos proxectos xa elaborados, explica o rexedor, seguiranse executando estas obras alí onde sexa necesario e se conte con todos os permisos.  Priorizaranse aqueles proxectos que teñan unha maior ratio de vivendas e nos que se posibilite a conexión.

Ademais, inclúe proxectos de vital importancia que transformarán o concello nun municipio máis humanizado e pensado para as persoas, atendendo a cada unha das súas parroquias.

O orzamento aprobarase inicialmente no pleno extraordinario que se convocará para a primeira semana de setembro.

O Porriño intensifica os labores de limpeza no cemiterio municipal de cara ao Día de Todos os Santos

  • O Concello realiza unha posta a punto especial de cara á festividade do 1 de novembro, reforzando os traballos habituais de mantemento que se desenvolven durante todo o ano.

O Porriño, 28 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño está a levar a cabo labores de limpeza e acondicionamento no cemiterio municipal e nas súas inmediacións de cara á celebración do Día de Todos os Santos, o vindeiro 1 de novembro.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, explicou que “estes traballos de limpeza realízanse de maneira habitual ao longo de todo o ano, cunha frecuencia semanal, para garantir o correcto mantemento das instalacións”. Porén, segundo engadiu, “chegadas estas datas, nas que o cemiterio recibe unha maior afluencia de veciños e visitantes, intensificamos as tarefas para que todo estea a punto e o recinto presente o mellor aspecto posible”.

Xunto co concelleiro de Limpeza e Cemiterios, Carlos González, o rexedor supervisou estes días os traballos que están a desenvolver os operarios municipais. As actuacións inclúen limpeza xeral, retirada de maleza, varrido de accesos, mellora das zonas axardinadas e mantemento das instalacións, tanto no interior do cemiterio como nas zonas circundantes. Ademais, dende o Concello tamén colabora co acondicionamento e posta a punto dos cemiterios situados nas diferentes parroquias.

Alejandro Lorenzo destacou que “non se trata dunha actuación puntual, senón dun labor continuo que se vén realizando ao longo de todo o ano para manter o cemiterio nas mellores condicións posibles”.

“Queremos que as persoas que se acheguen estes días a lembrar aos seus seres queridos atopen un espazo coidado e digno, acorde coa importancia desta celebración”, engadiu o alcalde.

O Concello agradece tamén a colaboración e o respecto da veciñanza no coidado e mantemento das instalacións nestas datas de especial afluencia.

 

O novo goberno municipal potenciará a atención cidadá e a transparencia, e dedicará unha concellería á terceira idade

 

O alcalde Alejandro Lorenzo fixo público hoxe o reparto de responsabilidades e delegacións entre os seus concelleiros. Destaca a creación das áreas de Atención Cidadá e Transparencia que dependerán da concelleira Antía Carrera.

A subliñar tamén a creación da área de Terceira Idade que desenvolverá Ascensión Rosario Costas. Trátase dunha concellería específica para dar resposta ás necesidades dos nosos maiores e garantir que a nosa vila ofreza a calidade de vida que merecen, traballando conxuntamente co resto de departamentos.

DISTRIBUCIÓN DE ÁREAS E DELEGACIÓNS 

O propio alcalde, Manuel Alejandro Lorenzo levará tamén as áreas de Economía e Persoal.

Abel Estévez, que será o primeiro tenente de alcalde dirixirá Seguridade, Policía Local, Protección Civil, Voluntariado, Deportes e Benestar Social.

Carolina González, segunda tenente alcalde, desenvolverá as delegacións de Educación, Uned e Programas Europeos; Igualdade; Sanidade e Normalización Lingüística.

Ramón Porto será o concelleiro responsable de Vías, Obras e Servizos

Antía Carrera levará Urbanismo, Patrimonio Municipal do Solo, Contratación, Comercio, Mercado, Atención Cidadá e Transparencia, e Medio Ambiente.

José Carlos González terá as competencias de Parques e Xardíns; Limpeza; Lixo e Cemiterios.

Bienvenido Estévez colle as competencias de Traída de Augas Veciñais; Asociacións; Parroquias; Novas Tecnoloxías; Xuventude; Cultura e Festas.

Por último, Ascensión Rosario Costas asume a nova área de Terceira Idade e ademais as deegacións de Industria, Turismo, Formación e Emprego.

“EQUIPO POR E PARA PORRIÑO”

As competencias repártense entre os oito concelleiros do equipo. A idea é desenvolver un traballo transversal e coordinado que beneficie á cidadanía”, explicou o alcalde.

Trátase de “un equipo por e para Porriño”, afirmou Alejandro Lorenzo como síntese do esquema de traballo que propón.

“Xorden problemas e demandas cotiáns que non afectan só a un ámbito senón ao conxunto do Concello e tamén a diversos sectores da poboación e por iso son necesarias actuacións integrais para optimizar os recursos dos que dispoñemos, aproveitar as sinerxías, e dar unha maior eficiencia e eficacia. calidade do servizo que prestamos”, engadiu o rexedor municipal.

Alejandro Lorenzo mostrouse satisfeito de ter un equipo cohesionado que traballe xunto e témolo“. E citou como proba diso” o traballo da brigada de Deportes que se encarga de arranxar os parques infantís; ou a cooperación das concellerías de Vías e Obras, Servizos, Limpeza Viaria, Parroquias e Asociacións nas actuacións urxentes de lavado e limpeza como a que hoxe se leva a cabo no entorno da Igrexa de Santa María”, concluíu Alejandro Lorenzo.

Amplíase tres meses máis o prazo para regularizar a ocupación de nichos de titularidade municipal no Cemiterio

A Concellería de Cemiterios que dirixe Sergio Casal comunica á veciñanza que amplía o prazo para regularizar a ocupación de nichos de titularidade municipal, por tres meses máis. O prazo anterior vencía mañá, día 5 e polo tanto agora amplíase ata o 6 de agosto.
Esta decisión está baseada no problema de falta de espazo no Cemiterio Municipal cos nichos de titularidade do Concello que levaban ocupados máis de 10 anos.
O bando da Alcaldía que reproducimos indica que se lle solicita á veciñanza que teñan inhumados nos nichos de propiedade municipal a familiares e que tiveran transcorrido máis de 10 anos, procedan a retirada dos restos e a limpeza para poñelos a disposición do Concello.
Durante o primeiro prazo baleiráronse 25 nichos e están en trámite outras 15 exhumacións máis.