O Porriño mellora a seguridade vial e os accesos con novos asfaltados xa en marcha

  • Xa arrancaron as obras no Camiño da Relva, mentres que os traballos no Coto do Muíño, O Regueiro e dous treitos en Contrasto comezarán nos vindeiros días.

O Porriño, 07 de agosto de 2026. O Concello do Porriño continúa avanzando no seu plan de mellora da rede viaria co obxectivo de incrementar a calidade de vida e a seguridade da veciñanza que habita no medio rural. Coa posta en marcha dun novo paquete de asfaltados cun orzamento que supera os 125.500 euros, o Concello transforma vías de terra ou en mal estado en estradas seguras e mellor sinalizadas.

O Camiño da Relva, xa en marcha

As actuacións xa son unha realidade no Camiño da Relva. Ata hai uns días, este treito era un camiño de terra que dificultaba a mobilidade diaria. Coas obras actualmente en execución, o vial pasa a contar cunha superficie asfaltada de 318 metros de lonxitude e un ancho medio de 5 metros, transformándose nun acceso totalmente accesible e cómodo para os veciños.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitou esta mañá esas obras acompañado do concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto. “Coidar as nosas parroquias é seguir traballando por mellorar a calidade de vida de quen habita nelas”, asegurou Alejandro Lorenzo, puntualizando que “isto implica mellorar as súas conexións e a seguridade viaria”. “Este camiño da Relva pasa a ser un vial asfaltado que une lugares, pero tamén persoas”, concluíu.

Próximas actuacións nas parroquias

O plan de asfaltado non se detén na Relva. Nos vindeiros días está previsto o inicio dos traballos en novos puntos clave do municipio, como no Camiño Coto do Muíño, onde se acondicionará unha vía de 368 metros de lonxitude e un ancho medio de 4,5 metros; os Camiños Contrasto 1 e 2 en Torneiros, de 64 e 66 metros respectivamente, con anchos de entre 4 e 5 metros, ou o Camiño O Regueiro, en Mosende, cunha actuación integral nun total de 128 metros, divididos en dous tramos diferenciados segundo a súa anchura.

Con estas intervencións, a intención do Goberno local do Porriño é continuar desenvolvendo este tipo de obras de mellora nas distintas parroquias, avanzando xa na preparación de novos proxectos que se atopan actualmente en fase de licitación.

A Agrupación de Protección Civil do Porriño reforza a súa capacidade de intervención grazas a unha subvención da Deputación de Pontevedra

  • A achega de 5.000 euros permitiu incorporar novo equipamento para emerxencias, rescate, atención sanitaria e formación dos voluntarios

O Porriño, 22 de xullo de 2026.- A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Porriño vén de reforzar os seus medios materiais grazas a unha subvención de 5.000 euros concedida pola Deputación de Pontevedra. Esta actuación, destinada á adquisición de novo equipamento para emerxencias e formación, permite mellorar a capacidade de resposta da agrupación en intervencións de protección civil, rescate e atención sanitaria, reforzando o servizo que presta á veciñanza do municipio.

Entre as adquisicións realizadas, explica Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño, destaca unha bomba portátil Vilpin 75 con motor Briggs XR-2100, especialmente útil para labores de achique e intervención en inundacións, así como dúas lanzas de caudal Viper, que melloran a eficacia en traballos relacionados con incendios e subministración de auga. O rexedor destacau o gran labor que fan os voluntarios desta agrupación.

A subvención tamén serviu para dotala agrupación duns importante lote de material de rescate, inmobilización e formación, entre o que se inclúen un taboleiro espiñal, unha maca plegable de aluminio, unha cadeira de evacuación, un xogo de férulas de baleiro, un inmobilizador de columna e de cabeza, sistemas de correas, un chaleco para manobras de desobstrución da vía aérea, ademais de diverso material didáctico para a formación en reanimación cardiopulmonar, como un conxunto Little Family QCPR, modelos anatómicos e un desfibrilador de adestramento.

A inversión total xustificada ascende a 5.966,80 euros, superando o importe da axuda concedida, o que pon de manifesto o compromiso da Agrupación de Protección Civil do Porriño coa mellora continua dos seus recursos e da atención que presta á cidadanía.

Dende a Agrupación de Protección Civil do Porriño agradecen o respaldo da Deputación de Pontevedra, cuxa colaboración permite seguir modernizando o equipamento co que os voluntarios afrontan actuacións de emerxencia, prevención e apoio a outros servizos públicos. A incorporación destes novos medios redundará naxunha resposta máis rápida, eficaz e segura en beneficio de toda a poboación do Porriño.

O Porriño reforza a prevención de incendios nas parroquias con cinco novos efectivos

  • Catro peóns forestais e un coordinador incorpóranse a xornada completa durante nove meses para traballar na limpeza de montes e na xestión da biomasa dentro do programa “Galicia suma talento rural”.

O Porriño, 10  de xullo de 2026.  Catro peóns forestais e un coordinador, súmanse no Porriño ao  coidado do patrimonio natural e a seguridade das  parroquias. Trátanse de cinco traballadores que se incorporan á plantilla do Porriño a través  do programa “Galicia suma talento rural”.

Este equipo centrarase de xeito prioritario en tarefas vencelladas á prevención de incendios forestais nas faixas secundarias do municipio, tal e como define a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestales de Galicia. Así, farán tarefas de  control e valorización forestal en terreos municipais, e limpieza de montes e xestión da biomasa.

Durante os nove meses de contrato, potenciarase continuamente a formación das persoas contratadas. O equipo recibirá capacitación específica en aspectos clave como as tarefas de prevención, a avaliación do risco de lumes e o manexo profesional das ferramentas e da maquinaria especializada empregada nestes labores.

O alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, acompañado do concelleiro de Medio Ambiente, Carlos González mantivo un encontro cos catro peóns forestais e o coordinador mentres desempeñaban labores de desbroce en Pontellas, xunto ao campo de fútbol para coñecer de primeira man a planificación dos seus primeiros días de traballo.

“A incorporación do equipo de ‘Galicia suma talento rural’ é unha gran nova para as nosas parroquias”, asegurou o rexedor, Alejandro Lorenzo. “Cun contrato de nove meses a tempo completo, este persoal non só accede a unha oportunidade laboral estable, senón que realiza un labor crucial de prevención que nos axudará a manter os nosos montes seguros e protexidos de cara aos incendios forestais”. Tamén o concelleiro de Medio Ambiente, Carlos González, puxo o foco nesta labor de prevención fundamental para a boa saude dos montes.

Un impulso que coincide co inicio do obradoiro “Eco-Necta”

Este reforzo forestal coincide no tempo co arranque  do obradoiro dual de emprego “O Porriño Eco-Necta”, un obradoiro dual que incorpora a dez  alumnos-traballadores dedicados á conservación de montes e á limpeza de camiños en parroquias como Atios, Budiño, Cans, Chenlo, Mosende, Pontellas e Torneiros. Os outros 10 participantes céntranse na área tecnolóxica para desenvolver unha nova App municipal que mellorará a comunicación veciñal.

O Concello do Porriño presenta unha ampla programación dixital pensada na conciliación e na seguridade

  • A programación estréndese ata setembro en Torneiros cun dobre obxectivo: ofrecer un espazo de lecer intelixente para os máis mozos e dar ferramentas de protección tecnolóxica a toda a veciñanza.
  • A oferta inclúe robótica, impresión 3D e videoxogos para os nenos, mentres que os adultos poderán formarse en ciberseguridade fronte á Intelixencia Artificial ou mellora do emprego.

O Porriño, 06 de xuño 2026. A seguridade nas novas tecnoloxías é posible, só hai que escoitar aos que saben. Durante todo o verán esta información e formación estará na Aula CeMIT do Porriño, emprazada en Torneiros. Ademais os cursos de verán teñen unha ampla oferta para todas as idades pensada na conciliación e no divertimento dos máis mozos da casa que poderán aprender a deseñar videoxogos ou imprimir en 3D.

Unha intensa programación estival deseñada especificamente como un espazo de conciliación familiar, entretemento seguro e protección dixital para todas as idades.

A seguridade nas novas tecnoloxías é posible se escoitamos aos que saben. Por iso, mentres os máis novos da casa se divirten deseñando os seus propios videoxogos ou experimentando coa impresión 3D, os adultos teñen a oportunidade de poñerse ao día en ciberseguridade, protección de datos e habilidades clave para o mercado laboral actual.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “a Aula CeMIT é unha ferramenta fundamental para achegar as tecnoloxías á veciñanza de forma útil, ademais de xeito toalemnte gratuito”. Pola súa banda, a concelleira de Emprego e Formación, Teresa Veloso, subliñou que “Este verán apostamos por dar solucións ás familias para conciliar, ofrecendo un lecer práctico, gratuíto e de calidade para os mozos, ao mesmo tempo que protexemos e formamos aos nosos maiores nas ferramentas do día a día”.

Axenda de cursos e horarios (Xullo – Setembro)

Aínda que as primeiras actividades xa arrincaron, o calendario de vindeiros cursos inclúe opcións atractivas para todos os perfís:

Do 20 ao 24 de xullo (09:00 a 10:30 h): Obradoiro “Ciberseguridade na época da Intelixencia Artificial”. Centrado na protección de datos persoais, navegación segura e os retos da IA.

Do 3 ao 7 de agosto (11:00 a 12:30 h): Curso “Crear un videoxogo con Scratch 3”. Unha cita de lecer intelixente ideal para os máis novos.

Do 3 ao 14 de agosto (09:00 a 10:30 h): Curso “Navegadores de Internet: manexo en Internet e busca de emprego”. Mellora de habilidades dixitais para atopar novas oportunidades laborais.

Do 3 ao 14 de agosto (Dúas quendas): Curso “Seguridade en Internet, buscas e información”. Primeira semana de 12:30 a 14:00 h; segunda semana de 11:00 a 12:30 h.

Do 10 ao 14 de agosto (12:30 a 14:00 h): Curso “Blender e modelado 3D”. Deseño dixital con prácticas directas na impresora 3D da aula.

Do 17 ao 21 de agosto (09:00 a 10:30 h): Curso “Uso dun móbil intelixente e as súas posibilidades”. Clave para mellorar a autonomía tecnolóxica diaria.

Do 17 de agosto ao 4 de setembro (11:00 a 12:30 h): Curso “Scratch Jr., aprender a usar unha tablet e a programar”.

Do 17 ao 28 de agosto (12:30 a 14:00 h na primeira semana; 11:00 a 12:30 h na segunda): Curso “Crear un videoxogo con Arcade MakeCode”.

Do 24 ao 28 de agosto (12:30 a 14:00 h): Curso “Modelado e impresión 3D con Tinkercad”.

Aulas Abertas (Do 24 de agosto ao 4 de setembro, de 09:00 a 10:30 h): Espazo de acceso libre para consultas e titorías dixitais.

Do 31 de agosto ao 4 de setembro (12:30 a 14:00 h): Nova edición de “Blender e modelado 3D”.

O Concello do Porriño reforza a vixilancia e prevención de incendios forestais ante a alerta por altas temperaturas

  • A Policía Local empregará un dron para realizar labores de vixilancia nas áreas de difícil acceso ou maior concentración de masa forestal

O Porriño, 3 de xullo de 2026. Ante a nova vaga de calor e coa activación por parte da Xunta de Galicia do nivel 3 (vermello) de alerta por episodio de calor en gran parte da provincia, o Concello do Porriño, a través da Policía Local e de Protección Civil, reforza o dispositivo especial de vixilancia e prevención de incendios forestais no municipio.

O operativo centrarase especialmente nas zonas forestais, espazos periurbanos e áreas de maior risco, co obxectivo de detectar de forma temperá calquera conato de incendio e previr condutas neglixentes ou intencionadas que poidan poñer en risco a contorna natural e a seguridade da cidadanía.

Como parte deste dispositivo, a Policía Local empregará un dron para realizar labores de vixilancia aérea naqueles puntos de difícil acceso ou con maior concentración de masa forestal. Esta ferramenta permitirá ampliar a capacidade de observación dos axentes e facilitar unha resposta máis rápida ante calquera incidencia.

Pola súa banda, Protección Civil do Porriño colaborará nas tarefas preventivas mediante patrullas de vixilancia, apoio loxístico e presenza nos puntos considerados de maior risco, reforzando a coordinación coa Policía Local e co resto dos servizos de emerxencias.

Desde ambos os servizos faise un chamamento á responsabilidade da cidadanía para extremar as precaucións durante estes días de altas temperaturas, evitando calquera actividade que poida provocar un incendio e respectando as recomendacións e restricións vixentes en materia de prevención.

Así mesmo, lémbrase que, ante a presenza de fume, lume ou calquera comportamento sospeitoso en zonas forestais, débese avisar de inmediato ao 112 ou á Policía Local do Porriño, xa que a rapidez na comunicación resulta fundamental para minimizar as consecuencias de calquera emerxencia.

A Policía Local e Protección Civil do Porriño manterán este dispositivo especial mentres persistan as condicións de risco, reafirmando o seu compromiso coa protección do medio natural e coa seguridade de toda a veciñanza.

O Concello do Porriño acolle unha charla sobre seguridade viaria para persoas maiores

  • A actividade, de carácter preventivo, forma parte do ‘Plan Mayor Seguridad’ da Garda Civil.
  • Terá lugar o vindeiro martes, 7 de xullo, ás 10:30 horas no salón de plenos municipal.

O Porriño, 01 de xullo de 2026.- O Concello do Porriño acollerá o vindeiro martes, 7 de xullo, unha charla informativa sobre seguridade viaria dirixida especificamente ás persoas maiores. O encontro desenvolverase ás 10:30 horas no salón de plenos da casa consistorial e estará impartido por un axente especializado da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra.

Esta iniciativa enmárcase dentro do Plan Mayor Seguridad, unha campaña preventiva impulsada pola Secretaría de Estado de Seguridad do Ministerio do Interior e desenvolvida de forma conxunta pola Garda Civil e a Policía Nacional. O obxectivo xeral deste programa é previr os principais riscos que afectan á seguridade dos maiores, fomentando a súa confianza nas forzas de seguridade e perfeccionando a resposta institucional ante calquera incidente.

Obxectivos principais do plan

Máis alá da seguridade viaria para peóns, o Plan Mayor Seguridad busca protexer de forma integral a este colectivo fronte ás principais ameazas detectadas na actualidade, entre as que destacan:

  • Prevención de estafas: Evitar o uso fraudulento de propiedades, fondos, contas e cartillas de aforro por parte de terceiras persoas.
  • Seguridade contra roubos e furtos: Protexer os maiores tanto nos seus domicilios como na vía pública, poñendo especial atención ao contorno das entidades financeiras.
  • Erradicación do maltrato: Detectar e previr calquera tipo de abuso ou malos tratos nas súas distintas vertentes.

Con esta sesión, o Concello do Porriño e a Garda Civil colaboran de estreita man para ofrecer ferramentas prácticas e consellos clave que garantan o benestar e a tranquilidade dos veciños e veciñas de máis idade do municipio.

O Porriño reúne a mesa local contra a violencia de Xénero

  • A reunión técnica tivo como eixe principal a coordinación interprofesional e a análise da efectividade das intervencións. Tras revisar os datos de denuncias e medidas de afastamento, os participantes sinalaron como prioridades a prevención, a detección temperá e o control dos casos de maior vulnerabilidade

O Porriño, 11 de maio de 2026.  A Mesa Local contra a Violencia de Xénero do Porriño, na que se atopan representados todos os axentes que actúan no municipio, reuniuse hoxe para abordar de maneira conxunta diversos temas relacionados coa atención ás vítimas e a prevención da violencia machista.

A mesa estivo presidida polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e integrada por representantes da corporación municipal, corpos e forzas de seguridade adscritos ao sistema VioGén (Garda Civil e Policía Local), do centro de saúde, Subdelegación do Goberno, representantes dos centros educativos, de Servizos Sociais e do CIM.

Esta mesa, que se reunirá polo menos cada seis meses en sesión ordinaria, estará aberta á participación doutro persoal técnico do Concello no caso de que se requira a súa presenza, e tamén a unha persoa en representación de cada un dos partidos políticos con representación na corporación municipal que amosen interese e soliciten a súa participación na mesma.

A reunión técnica tivo como eixe principal a coordinación interprofesional e a análise da efectividade das intervencións. Tras revisar os datos de denuncias e medidas de afastamento, os participantes sinalaron como prioridades a prevención, a detección temperá e o control dos casos de maior vulnerabilidade.

Neste sentido, no municipio, dentro do Programa VioGén existen 55 casos activos (6 en risco medio e o resto en baixo), con 28 ordes de protección. Na provincia de Pontevedra son 1935 casos activos. Explicouse que no último ano aumentou en todo o partido xudicial o número de denuncias, de 94 a 115, “o que é un bo dato, xa que quere dicir que a información e os medios de protección están chegando ás vítimas”.

Alejandro Lorenzo, rexedor do Porriño, definiu este espazo de traballo como unha ferramenta clave para “adaptar os procedementos ás necesidades reais das vítimas”. O alcalde fixo un chamamento á implicación colectiva e á importancia de denunciar, “non só se sofren violencia machista, senón se coñecen algún caso na súa contorna”, e recoñeceu o labor fundamental que desenvolven diariamente os sectores sanitario, educativo e policial na protección das mulleres.

O Concello do Porriño licita o servizo integral de mantemento e vixilancia para centros educativos e instalacións deportivas

  • O contrato divídese en dous lotes cun orzamento base que supera os 250.000 euros anuais.
  • O obxectivo é garantir o perfecto estado dos colexios e o control de accesos nos pavillóns e centros municipais as 24 horas en eventos especiais.

O Porriño, 07 de maio de 2026. O Concello do Porriño anuncia a licitación do novo contrato para a prestación de servizos integrais de mantemento, reparación, vixilancia e conserxería. Este contrato ten como finalidade asegurar que os centros educativos e as instalacións deportivas do municipio conten cun funcionamento óptimo e seguro para todos os usuarios.

Así, o contrato sae a licitación dividido en dous bloques: o primeiro para o mantement integral dos centros educativos, que comprende o CEIP Plurilingüe Xosé Fernández López, Antonio Palacios, da Ribeira, Atios e Da Cruz Budiño. Este primeiro lote ten un orzamento de 150.000 euros anuais, para un servizo que cubrirá o mantemento preventivo e arranxos de fontanaría, electricidade e carpintaría, o coidado de xardíns, patios e zonas comúns durante a xornada escolar, e o servizo de conserxería con apertura, peche, control de accesos e vixilancia das alarmas.

O segundo lote, cun orzamento máximo de 101.000 euros ao ano, está destinado á vixilancia e control de accesos en instalacións como o Pavillón Municipal, os campos de fútbol de Atios, Mosende, Lourambal, Budiño e Pontellas, o Velódromo e o Centro Multiusos de Torneiros, entre outros. Este servizo inclúe a xestión de entradas, aluguer de pistas ou a vixilanza e custodia das instalacións, tamén o control e bo funcionamento de todos os servicios ou recepción e distribución de material.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, explica que con esta nova contratación, o Concello  do  Porriño  reafirma  a  súa  aposta  pola  mellora  e  mantemento das infraestruturas públicas, garantindo espazos máis limpos, seguros e mellor atendidos para toda a cidadanía.

O Porriño achega a formación en primeiros auxilios á veciñanza con novas charlas de Protección Civil en Pontellas e Budiño

  • Dúas sesións gratuítas en maio permitirán aprender a actuar ante situacións de emerxencia como paradas cardiorrespiratorias, afogamentos ou ictus

O Porriño,  2 de maio de 2026.– Saber como actuar nos primeiros minutos dunha emerxencia pode marcar a diferenza. Con esta premisa, o Concello do Porriño, a través de Protección Civil, segue a impulsar unha iniciativa formativa aberta á cidadanía: un ciclo de charlas de primeiros auxilios que xa teñen pasado por diferentes parroquias e que  se desenvolverá durante o mes de maio en Pontellas e Budiño.

En concreto, as charlas, de carácter gratuíto, celebraranse o martes 5 de maio a partir das 17:00 horas na Asociación Cultural de Pontellas e o martes 19 de maio, tamén desde as 17:00 horas, na Asociación Cultural O Mosteiro de Budiño. Dous espazos de encontro nos que o coñecemento se compartirá de maneira práctica e participativa, facilitando que calquera persoa poida adquirir habilidades fundamentais para actuar ante unha emerxencia.

Baixo o lema “Aprende a salvar vidas”, estas sesións teñen como obxectivo dotar á veciñanza de coñecementos básicos e ferramentas prácticas para responder con seguridade ante situacións críticas como unha parada cardiorrespiratoria, un atragoamento, queimaduras, cortes ou un posible ictus. Unha formación accesible e útil que busca achegar a prevención e a intervención básica ao día a día da cidadanía.

A través desta iniciativa, o Concello do Porriño reforza o seu compromiso coa seguridade e o benestar da súa veciñanza, promovendo a formación como ferramenta clave para salvar vidas. “Unha aposta por unha cidadanía máis preparada, consciente e capaz de responder con eficacia nos momentos nos que cada segundo conta”, apunta o alcalde, Alejando Lorenzo.

Máis de 400 persoas renovan no Porriño o seu documento de identidade no primeiro ano de funcionamento da VIDOC

  • O VIDOC consolídase no seu primeiro ano facilitando trámites inmediatos sen saír do municipio
  • O servizo móbil da Policía Nacional, que permite expedir documentos no acto, regresará á Praza Antonio Palacios o 18 e o 27 de maio

O Porriño, 28 abril de 2026. Máis de 400 persoas puideron renovar o seu DNI e pasaporte sen desprazarse do Porriño grazas ao Vehículo Integral de Documentación (VIDOC) da Policía Nacional que dende fai un ano realiza parada na Praza Antonio Palacios. Este servizo, dependente da Comisaría de Vigo-Redondela pero con cita previa na Policía Local do Porriño, permite realizar toda a tramitación, tanto do DNI como do pasaporte, no momento e nun único desprazamento grazas á súa capacidade tecnolóxica para a emisión instantánea dos documentos.

No ano que se leva tramitando esta iniciativa, a nova unidade móbil xa facilitou a renovación do DNI a máis de 400 persoas no Porriño. O alcalde, Alejandro Lorenzo, que volveu esta semana a visitar a unidade móvil, destacou que este tipo de servizos “melloran a calidade de vida da veciñanza e afondan na igualdade de acceso aos recursos públicos, especialmente para as persoas maiores ou con dificultades de mobilidade”. De feito, Alejandro Lorenzo, foi un dos primeiros en renovar o seu DNI na unidade móbil fai agora un ano, no mes de maio de 2025. Ata entón, a expedición do pasaporte só se realizaba en dependencias policiais, e para o DNI era necesario acudir en dúas fases a unidades móbiles que logo se desprazaban novamente para a entrega dos documentos xa emitidos. O rexedor agradecía na súa ultima visita á Policía Nacional este traballo, e tamén a colaboración da Policía Local.

As persoas interesadas en renovar ou expedir os seus documentos a través desta unidade deben solicitar cita previa nas dependencias da Policía Local do Porriño. O vehículo regresará ao municipio os próximos 18 e 27 de maio.