A Escola Municipal de Música do Porriño abriu o prazo de inscrición previa de novo alumnado para o curso 2023/24. Así, poderase solicitar praza ata o 19 de xullo de modo presencial, no Rexistro Xeral do Concello do Porriño, ou ben de modo telemático, a través da Sede Electrónica. A folla de solicitude, que se debe entregar cuberta, pode descargarse da web municipal ou ben recollela no Centro Cultural, de 9 a 14 h.

Cabe destacar que a orde de entrega da inscrición será determinante na orde de matrícula e que a matrícula definitiva formalizarase no mes de setembro, despois da publicación das listas das persoas admitidas.

A oferta da Escola Municipal de Música do Porriño é ampla, incluíndo música e movemento para nenas e nenos dende os 4 anos, linguaxe musical para todas as idades e as especialidades de violín, viola, violonchelo, percusión, guitarra, piano, canto, gaita, clarinete, frauta traveseira, saxofón, oboe, fagot, trompa, trompeta, bombardino, trombón, tuba e percusión tradicional.

Tamén conta con agrupacións como a coral infantil, a coral polifónica, o grupo de música tradicional, a orquestra de corda e a banda.