Torneiros é a parroquia máis próxima ao núcleo urbano do Porriño e o espazo natural de expansión da vila. De feito conta con servizos comunitarios de grande importancia e cinco polígonos de vivendas que o converten no segundo núcleo de poboación do municipio.
Entre os lugares máis salientables que poderemos visitar nesta parroquia destaca sobre todo a Igrexa de San Salvador, patrón desta, construída no ano 1765 e reedificada en 1801, cunha impoñente fachada coroada por unha soberbia torre con balaustrada.
Tamén destaca a capela de San Roque, cun gran raizame popular, na que se celebra a soada romaría o 16 de agosto de cada ano, e que deu xerme á coñecida copla de “Hei de levarlle unha vela / a San Roque queridiño / e pra o canciño que ten/ un pantrigo do Porriño”.
Por outra banda, tamén sobresae Torneiros polos seus cruceiros, como os da Mota, Celeiro e o dos Matos, que antigamente recibía unha gran cantidade de ofrendas en forma de produtos do campo coas que os veciños lle pedían un ano de boas colleitas.

A historia desta parroquia destaca polos sucesos derivados da Guerra da lndependencia. Nos seus campos librouse a batalla do Fulgueiro, logo do fusilamento do sancristán da parroquia don Manuel de Matos, a tarde do 12 de marzo de 1809, feitos que motivarían a rebelión popular contra os franceses e a posterior liberación de toda a vila do Porriño.

Barrios: Casal de Vello, O Contrasto, A Florida, A Gándara, A Mota, O Naval, A Pereira, A Relva, A Ribeira, O Seixo.

Advocación: San Salvador

 Festas populares:
San Rosendo, primeiro domingo de marzo.
Virxe das Flores, último domingo de maio.
Festa da Xuntanza, outubro.
San Roque, 16 de agosto.