Comezan os obradoiros duais do Porriño Eco-Necta

  • Vinte persoas, ata agora desempregadas, fórmanse en conservación ambiental e desenvolvemento tecnolóxico para mellorar os servizos do municipio

O Porriño, 9  de xullo de 2026.  Esta semana deron comezo no Porriño os obradoiros duais de emprego “O Porriño Eco-Necta”, un proxecto que busca mellorar a formación e a empregabilidade de 20 veciños e veciñas que estaban en situación de desemprego.

Así, este programa ten dúas vertentes: unha medioambiental e outra dixital. “Eco-Necta” complementa o coidado do entorno grazas a 10 alumnos-traballadores dedicados á conservación de montes e á limpeza de camiños en parroquias como Atios, Budiño, Cans, Chenlo, Mosende, Pontellas e Torneiros. Os outros 10 participantes céntranse na área tecnolóxica para desenvolver unha nova aplicación municipal que mellorará a comunicación veciñal. “E virá complementar a nova e innovadora web que está a pór en marcha o Concello do Porriño”, explicou o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo.

O rexedor acudiu xunto á delegada da Xunta, Ana Ortiz, o concelleiro de Medio Ambiente, Carlos González, e a de Emprego, Teresa Veloso, á xornada inaugural destes obradoiros, onde os docentes marcaron os obxectivos para os vindeiros nove meses (o tempo que durará este programa) para adquirir novas capacitacións e mellorar o proceso de empregabilidade.

A este respecto, Alejandro Lorenzo quixo poñer en valor o dobre beneficio deste programa dual: “Con esta iniciativa non só ofrecemos unha oportunidade de futuro a persoas en desemprego, senón que investimos directamente no coidado do noso patrimonio natural en todas as parroquias e na modernización e dixitalización dos servizos municipais para estar máis preto da veciñanza”.

Melloras directas nas parroquias

Un dos piares fundamentais do obradoiro de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes é a realización de tarefas esenciais para a seguridade e o mantemento do contorno, tales como:

  • Limpeza e accesibilidade: Mantemento de camiños municipais, marxes e drenaxes nas parroquias de Atios, Budiño, Cans, Chenlo, Mosende, Pontellas, Torneiros e O Porriño.
  • Prevención de incendios: Traballos forestais en parcelas municipais e o mantemento das faixas secundarias de titularidade pública en Atios, Budiño e Pontellas.

Novas tecnoloxías ao servizo da cidadanía

Na especialidade de Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web, traballarase na creación dunha nova aplicación municipal para mellorar a comunicación directa entre a cidadanía e o Concello.

O Concello do Porriño presenta unha ampla programación dixital pensada na conciliación e na seguridade

  • A programación estréndese ata setembro en Torneiros cun dobre obxectivo: ofrecer un espazo de lecer intelixente para os máis mozos e dar ferramentas de protección tecnolóxica a toda a veciñanza.
  • A oferta inclúe robótica, impresión 3D e videoxogos para os nenos, mentres que os adultos poderán formarse en ciberseguridade fronte á Intelixencia Artificial ou mellora do emprego.

O Porriño, 06 de xuño 2026. A seguridade nas novas tecnoloxías é posible, só hai que escoitar aos que saben. Durante todo o verán esta información e formación estará na Aula CeMIT do Porriño, emprazada en Torneiros. Ademais os cursos de verán teñen unha ampla oferta para todas as idades pensada na conciliación e no divertimento dos máis mozos da casa que poderán aprender a deseñar videoxogos ou imprimir en 3D.

Unha intensa programación estival deseñada especificamente como un espazo de conciliación familiar, entretemento seguro e protección dixital para todas as idades.

A seguridade nas novas tecnoloxías é posible se escoitamos aos que saben. Por iso, mentres os máis novos da casa se divirten deseñando os seus propios videoxogos ou experimentando coa impresión 3D, os adultos teñen a oportunidade de poñerse ao día en ciberseguridade, protección de datos e habilidades clave para o mercado laboral actual.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “a Aula CeMIT é unha ferramenta fundamental para achegar as tecnoloxías á veciñanza de forma útil, ademais de xeito toalemnte gratuito”. Pola súa banda, a concelleira de Emprego e Formación, Teresa Veloso, subliñou que “Este verán apostamos por dar solucións ás familias para conciliar, ofrecendo un lecer práctico, gratuíto e de calidade para os mozos, ao mesmo tempo que protexemos e formamos aos nosos maiores nas ferramentas do día a día”.

Axenda de cursos e horarios (Xullo – Setembro)

Aínda que as primeiras actividades xa arrincaron, o calendario de vindeiros cursos inclúe opcións atractivas para todos os perfís:

Do 20 ao 24 de xullo (09:00 a 10:30 h): Obradoiro “Ciberseguridade na época da Intelixencia Artificial”. Centrado na protección de datos persoais, navegación segura e os retos da IA.

Do 3 ao 7 de agosto (11:00 a 12:30 h): Curso “Crear un videoxogo con Scratch 3”. Unha cita de lecer intelixente ideal para os máis novos.

Do 3 ao 14 de agosto (09:00 a 10:30 h): Curso “Navegadores de Internet: manexo en Internet e busca de emprego”. Mellora de habilidades dixitais para atopar novas oportunidades laborais.

Do 3 ao 14 de agosto (Dúas quendas): Curso “Seguridade en Internet, buscas e información”. Primeira semana de 12:30 a 14:00 h; segunda semana de 11:00 a 12:30 h.

Do 10 ao 14 de agosto (12:30 a 14:00 h): Curso “Blender e modelado 3D”. Deseño dixital con prácticas directas na impresora 3D da aula.

Do 17 ao 21 de agosto (09:00 a 10:30 h): Curso “Uso dun móbil intelixente e as súas posibilidades”. Clave para mellorar a autonomía tecnolóxica diaria.

Do 17 de agosto ao 4 de setembro (11:00 a 12:30 h): Curso “Scratch Jr., aprender a usar unha tablet e a programar”.

Do 17 ao 28 de agosto (12:30 a 14:00 h na primeira semana; 11:00 a 12:30 h na segunda): Curso “Crear un videoxogo con Arcade MakeCode”.

Do 24 ao 28 de agosto (12:30 a 14:00 h): Curso “Modelado e impresión 3D con Tinkercad”.

Aulas Abertas (Do 24 de agosto ao 4 de setembro, de 09:00 a 10:30 h): Espazo de acceso libre para consultas e titorías dixitais.

Do 31 de agosto ao 4 de setembro (12:30 a 14:00 h): Nova edición de “Blender e modelado 3D”.

O Concello do Porriño acolle unha charla sobre seguridade viaria para persoas maiores

  • A actividade, de carácter preventivo, forma parte do ‘Plan Mayor Seguridad’ da Garda Civil.
  • Terá lugar o vindeiro martes, 7 de xullo, ás 10:30 horas no salón de plenos municipal.

O Porriño, 01 de xullo de 2026.- O Concello do Porriño acollerá o vindeiro martes, 7 de xullo, unha charla informativa sobre seguridade viaria dirixida especificamente ás persoas maiores. O encontro desenvolverase ás 10:30 horas no salón de plenos da casa consistorial e estará impartido por un axente especializado da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra.

Esta iniciativa enmárcase dentro do Plan Mayor Seguridad, unha campaña preventiva impulsada pola Secretaría de Estado de Seguridad do Ministerio do Interior e desenvolvida de forma conxunta pola Garda Civil e a Policía Nacional. O obxectivo xeral deste programa é previr os principais riscos que afectan á seguridade dos maiores, fomentando a súa confianza nas forzas de seguridade e perfeccionando a resposta institucional ante calquera incidente.

Obxectivos principais do plan

Máis alá da seguridade viaria para peóns, o Plan Mayor Seguridad busca protexer de forma integral a este colectivo fronte ás principais ameazas detectadas na actualidade, entre as que destacan:

  • Prevención de estafas: Evitar o uso fraudulento de propiedades, fondos, contas e cartillas de aforro por parte de terceiras persoas.
  • Seguridade contra roubos e furtos: Protexer os maiores tanto nos seus domicilios como na vía pública, poñendo especial atención ao contorno das entidades financeiras.
  • Erradicación do maltrato: Detectar e previr calquera tipo de abuso ou malos tratos nas súas distintas vertentes.

Con esta sesión, o Concello do Porriño e a Garda Civil colaboran de estreita man para ofrecer ferramentas prácticas e consellos clave que garantan o benestar e a tranquilidade dos veciños e veciñas de máis idade do municipio.

O Porriño presenta un novo código QR para chegar a progamación municipal a veciños e visitantes

  • A ferramenta, presentada hoxe xunto a comerciantes e hostaleiros do municipio, permitirá consultar en tempo real toda a actividade cultural, deportiva, turística e de lecer que se desenvolve no concello

O Porriño, 11 de xuño de 2026.- O Concello do Porriño presentou hoxe un novo código QR informativo destinado a facilitar o acceso á programación municipal tanto a veciños como a visitantes e peregrinos. A iniciativa foi dada a coñecer nun encontro celebrado na Sala de Comunicación do Concello no que participaron representantes do sector comercial e hostaleiro do municipio, que ademais recibiron os códigos para a súa instalación nos seus establecementos.

A través desta ferramenta dixital, calquera persoa poderá acceder desde o seu teléfono móbil á programación actualizada das actividades que se celebren no concello, incluíndo eventos culturais, turísticos, deportivos, gastronómicos, comerciais e de lecer.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “seguimos traballando para facer do Porriño un municipio máis accesible, moderno e conectado. Queremos que quen nos visite poida descubrir facilmente todo o que acontece aquí e aproveitar ao máximo a súa estancia no noso concello, pero tamén que a veciñanza participe en todas as nosas actividades”.

O rexedor subliñou ademais a importancia da colaboración co tecido empresarial local, sinalando que “os comerciantes e hostaleiros son os mellores embaixadores do Porriño. A súa implicación neste proxecto é fundamental para que a información chegue a máis persoas e para ofrecer unha mellor experiencia a quen nos visita”.

Pola súa banda, a concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, explicou que o novo sistema permitirá manter a información permanentemente actualizada, ofrecendo unha canle directa e sinxela para coñecer toda a actividade municipal. “O Porriño conta cunha programación moi dinámica ao longo de todo o ano e queremos que veciños e visitantes poidan coñecela en tempo real. Cun simple escaneo do código QR terán acceso inmediato a toda a información e non perderán ningunha actividade que se estea a celebrar no noso concello”, indicou.

Os códigos QR estarán dispoñibles en establecementos hostaleiros, comercios, aloxamentos turísticos e outros puntos estratéxicos do municipio, facilitando o acceso á información desde os lugares que habitualmente frecuentan visitantes e peregrinos.

Con esta iniciativa, o Concello do Porriño reforza a súa aposta pola innovación e a dixitalización como ferramentas ao servizo da promoción turística e da dinamización da vida social, cultural e económica do municipio, permitindo que toda a programación municipal estea ao alcance da man os 365 días do ano.

Industria, automoción, loxística e enxeñería lideran os perfís máis demandados no primeiro Talent Hub de “O Porriño Conecta Talento”

  • O espazo expositivo permanecerá aberto de 09:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas, permitindo ás persoas asistentes contactar directamente coas empresas participantes, coñecer as súas ofertas e participar en procesos de selección
  • Entre as entidades participantes figuran firmas de referencia como Zendal, Magna, BorgWarner, Constellium, Unimate, Maier Ferroplast, Seur, Serveo, Mapfre, Abanca, Aimen, Ceamsa ou Citic Censa, ademais de empresas de traballo temporal
  • O Foro reúne a expertos de Recursos Humanos que darán claves de cómo enfrentarse a unha entrevista de traballo


O Porriño, 17 de maio de 2026. Máis de 50 empresas e entidades participarán o vindeiro 19 de maio no primeiro Talent Hub de O Porriño Conecta Talento, un gran encontro orientado a conectar talento e oportunidades laborais nunha contorna dinámica na que empresas e candidatos poderán establecer contacto directo, realizar entrevistas e explorar novas posibilidades profesionais.

O evento, que se desenvolverá no Polideportivo Municipal ao longo de toda a xornada, reunirá compañías de sectores estratéxicos como a automoción, industria, alimentación, loxística, servizos, banca, recursos humanos e innovación.

Entre as entidades participantes figuran firmas de referencia como Zendal, Magna, BorgWarner, Constellium, Unimate, Maier Ferroplast, Seur, Serveo, Mapfre, Abanca, Aimen, Ceamsa ou Citic Censa, ademais de empresas de traballo temporal …

O espazo expositivo Talent Hub permanecerá aberto de 09:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas, permitindo ás persoas asistentes contactar directamente coas empresas participantes, coñecer as súas ofertas e participar en procesos de selección.

Á súa chegada ao recinto, os asistentes poderán consultar no stand de Porremprego os perfís profesionais demandados por cada unha das empresas participantes e solicitar unha entrevista coa compañía do seu interese.

As citas, que serán limitadas, comezarán a asignarse a partir das 09:30 horas. No caso de non conseguir entrevista, os asistentes poderán igualmente visitar o Talent Hub e remitir directamente a súa candidatura ás empresas expositoras desde o seu dispositivo móbil mediante a captura dos códigos QR que cada compañía terá visibles no seu stand.

Entre os perfís máis demandados destacan postos vinculados á industria, automoción, mantemento industrial, robótica, soldadura, loxística, alimentación, administración, enxeñaría, telecomunicacións, comercio e atención ao cliente, entre outros.

O encontro contará tamén cunha zona de networking destinada a favorecer un contacto máis próximo entre empresas e candidatos nun ambiente distendido, promovendo a creación de conexións profesionais e novas oportunidades de emprego.

A programación complementarase con relatorios, obradoiros e conferencias centradas na orientación laboral, a formación e as necesidades actuais do mercado de traballo, coa participación de profesionais e expertos como Joaquín Dosil, Pedro Rodríguez ou Emilio Duró, que ofrecerán sesións orientadas á motivación, á empregabilidade e ao desenvolvemento persoal e profesional.

Expertos en recursos humanos darán as claves
O mercado laboral actual esixe unha conexión real entre as necesidades das empresas e o potencial dos candidatos. Ademáis da conferencia que impartirá a Universidade de Vigo, haberá unha sesión Coach con Joaquín Dosil sobre “Actitude que transforma: claves para converter metas en logros”; un obradoiro práctico impartido por Pedro Rodríguez sobre “Motivación e Habilidades para a Búsqueda de Emprego: Descubre o teu Oceano”, ou un Talent Pitch: “O teu talento en 2 minutos” . Ademais, claro, a conferencia de Emilio Duro sobre “Vivir con Sentido, Optimismo e Esperanza” .

Ademais celebrarase un Talent Briefing sobre necesidades reais de talento no mercado laboral. Nesta xornada, expertos de primeiro nivel de sectores estratéxicos como o industrial, biotecnolóxico e servizos compartirán a súa visión sobre o que as organizacións buscan hoxe en día e como os profesionais poden destacar nun proceso de selección.

Así, na mesa, que terá lugar o martes 19 de maio ás 12:30 h participarán: Ana Alonso, vicedirectora xeral en CITIC HIC Gándara Censa; Mª Eugenia Blanco, responsable de Recursos Humanos, Prevención e Medio Ambiente en Gonvarri Steel Industries; Cecilia Mariño, directora corporativa de Recursos Humanos en Zendal; Gorka Hermo, HR Manager en Constellium; Pablo Búa, director de Persoas en GANAIN; Cristian Pereyra,, HR Director de Magna e especialista en transformación organizativa e estratexia de talento; Flavia González, técnica de Selección de Persoal en Clece S.A.; Emilio Troncoso, director de Recursos Humanos de Grupo Taprega, e Jorge Trigo, director de Recursos Humanos en CEAMSA – Compañía Española de Algas Mariñas.

O obxectivo principal do encontro é desmitificar a entrevista de traballo e achegar a realidade dos despachos de selección á rúa. “Tamén as claves do que valoran as empresas”, explica Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño. Os relatores abordarán temas como as competencias máis demandadas, a importancia da actitude, a adaptación ás novas contornas dixitais e como construír unha carreira sólida na Galicia de 2026.

Este evento supón unha oportunidade única para que demandantes de emprego, estudantes e profesionais en activo coñezan de primeira man o que as empresas están a buscar “detrás do currículo”, fomentando un diálogo directo entre o talento local e os responsables de contratación.

Os horarios do Porriño Conecta Talento


09:30 h. – Recepción de asistentes
Acreditación, benvida e recollida de documentación.
09:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas. – Talent Hub
10:00 h. – Apertura e inauguración das xornadas
Acto institucional de benvida.
10:30 h. – Relatorio
“Oferta formativa Universidade de Vigo”
Relator: Área de Captación de Alumnado. Universidade de Vigo
11:00 h. – Sesión Coach
“Actitude que transforma: claves para converter metas en logros”
Imparte: Joaquín Dosil
12:30 h. – Talent Briefing: Necesidades reais de talento no mercado laboral
13:30 h. – Espazo de networking con aperitivo
Momento para xerar contactos, intercambiar ideas e oportunidades.
Tarde
16:00 h. – Obradoiro práctico
“Motivación e Habilidades para a Búsqueda de Emprego: Descubre o teu Oceano”
Imparte: Pedro Rodríguez
17:00 h. – Talent Pitch: “O teu talento en 2 minutos”
17:30 h. – Conferencia inspiradora
“Vivir con Sentido, Optimismo e Esperanza”
Relator: Emilio Duró
19.00 h. – Acto de Clausura
Peche institucional da xornada e agradecemento ás persoas participantes.

O comercio do Porriño ten a súa disposición a intelixencia artificial para impulsar as súas vendas

  • A UNED organiza, coa colaboración do Concello do Porriño, unha xornada formativa de balde o vindeiro 10 de xuño para dotar aos negocios locais de ferramentas dixitais de vangarda
  • Xa está aberto o prazo de inscrición

O Porriño, 5 de abril de 2026. O comercio de proximidade do Porriño pode dar un paso cara ao futuro. A UNED pon nas súas mans as ferramentas. O vindeiro mércores 10 de xuño, a aula da UNED do Porriño converterase no epicentro da innovación comercial cunha sesión dedicada á implementación práctica da Intelixencia Artificial (IA) nos negocios locais.

A xornada, que terá lugar de 20:30 a 22:30 horas, para facilitar a asistencia, está deseñada especificamente para autónomos e persoal asalariado que desexen modernizar a súa estratexia de venda sen perder a esencia do trato directo co cliente.

IA para vender máis e mellor

A formación correrá a cargo de Iria Álvarez, consultora estratéxica e experta en crecemento dixital, quen amosará como a IA pode ser a mellor aliada do “tenda de toda a vida”. Entre os obxectivos principais destacan:

  • Marketing sen complicacións: Uso de ferramentas para crear automaticamente publicacións en redes sociais e descricións de produtos atractivas.
  • SEO Local: Estratexias para que os comercios do Porriño aparezan nos primeiros postos de busca cando un veciño busque un produto próximo.
  • Fidelización intelixente: Analizar o comportamento dos clientes para ofrecer promocións personalizadas e garantir que volvan ao establecemento.

Un formato adaptado á axenda comercial

Entendendo as dificultades de conciliación e os horarios do sector, a UNED ofrece tres modalidades de asistencia, todas elas gratuitas:

  1. Presencial: Na sede da UNED Porriño, pero xa fora de horario
  2. Online en directo: A través de Microsoft
  3. En diferido: Para que os comerciantes poidan ver a sesión ao pechar os seus negocios, no momento que mellor lles conveña.

Inscrición aberta: Os interesados deben formalizar a súa matrícula a través da plataforma da UNED. É imprescindible rexistrar correctamente os datos persoais (NIF e nome completo) para obter o certificado de aproveitamento, que require a asistencia ou visionado do 85% das horas lectivas.

Esta iniciativabusca dotar ao tecido comercial porriñés das habilidades necesarias para competir nun mercado cada vez máis dixitalizado, transformando a tecnoloxía nunha oportunidade de crecemento para a economía local.

O Porriño acolle a primeira das xornadas “O Oficio de Producir” que achega o audiovisual galego ao alumnado de Primaria

  • O CEIP Xosé Fernández López foi o escenario inaugural deste proxecto educativo da Deputación de Pontevedra e AGAPI
  • O alcalde, e deputado provincial, Alejandro Lorenzo subliñou a importancia de apostar pola cultura como base para unha educación moderna, integradora e conectada coa realidade do país

O Porriño, 13 de outubro de 2025.- “O Porriño aposta polo poder da cultura como ferramenta educativa e transformadora, e por iso é unha honra sermos o primeiro concello en acoller esta iniciativa tan enriquecedora”. Así o manifestou esta mañá o alcalde do Porriño Alejandro Lorenzo durante a inauguración do programa “O Oficio de Producir”. O CEIP Plurilingüe Xosé Fernández López foi hoxe escenario da primeira sesión desta iniciativa posta en marcha polo Servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI).

O rexedor, e tamén deputado provincial, destacou que esta actividade “non só achega o audiovisual galego ás aulas dun xeito didáctico, educativo e atractivo, senón que tamén amosa ás nosas nenas e nenos que en Galicia existe unha industria creativa viva e con futuro”. Na súa intervención subliñou a importancia de apostar pola cultura como base para unha educación moderna, integradora e conectada coa realidade do país.

A sesión, á que tamén asistiu o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Bienvenido Estévez, estivo a cargo de Alba Prol, produtora executiva da compañía Meteórica e directora da serie documental internacional O gran Camiño. A través dunha presentación participativa e adaptada á idade do alumnado, explicou o proceso de produción dunha serie documental e compartiu anécdotas do seu traballo na televisión, amosando a diversidade de profesionais que participan na creación de contidos audiovisuais.

A actividade, que se desenvolveu de maneira dinámica e participativa, permitiu ao alumnado coñecer como é o traballo dunha produtora, que perfís profesionais existen dentro do sector e como os contidos audiovisuais poden ser tamén unha ferramenta para ensinar historia, xeografía, lingua galega ou valores sociais.

Un proxecto para espertar vocacións e fomentar o coñecemento do audiovisual galego

“O Oficio de Producir” desenvólvese en seis concellos da provincia durante o mes de outubro. Tras esta primeira parada no Porriño, as vindeiras sesións terán lugar en Mondariz-Balneario, Poio, Meaño, A Guarda e Gondomar, con produtoras e produtores como Simone Saibene, Dani Froiz, Gael Herrera, Mercedes García-Nieto, Mónica Hidalgo ou Álvaro Becerra.

O programa nace coa intención de amosar ao alumnado que en Galicia se fai cine, televisión e contidos dixitais de calidade, e que o audiovisual pode ser tamén unha saída profesional para o futuro. Ademais, os centros participantes poderán empregar fragmentos de películas, series e documentais galegos como recurso didáctico nas aulas.

Con esta proposta, a Deputación de Pontevedra e AGAPI consolidan a súa aposta por un modelo educativo que integra a cultura como eixo vertebrador, reforzando a identidade e o coñecemento do territorio a través da creación audiovisual.

 

 

Publicada a listaxe de admitidos no Campamento Dixital: 1ª Quenda

 

Xa está dispoñible a listaxe de nenos e nenas de entre 9 e 13 anos admitidos no Campamento Dixital. Esta primeira quenda terá lugar os días 3, 4 e 5 de marzo de 2025, en horario de 9:00 a 14:00 horas, no Multiusos de Torneiros.

Lembramos que a asistencia a todas as sesións é obrigatoria para obter o Certificado de Competencia Dixital, un documento que acredita os coñecementos adquiridos ao longo desta experiencia formativa.

Información importante para as familias:
• Só poderán entregar e recoller aos participantes as persoas indicadas na solicitude de inscrición.
• En caso de que, por unha causa excepcional, outra persoa teña que facelo, esta deberá ser maior de idade e achegar ao equipo do campamento:
o Unha autorización asinada pola persoa responsable.
o Copia do DNI da persoa que autoriza e da que vai recoller ao menor.

Listaxe de admitidos

A Concellería de Igualdade agradece a colaboración das familias e anima a todos os nenos e nenas admitidos a participar con ilusión e curiosidade, aproveitando esta oportunidade para descubrir o mundo dixital dunha forma divertida, educativa e segura.