O Porriño entregou as súas primeiras bolsas municipais a 14 deportistas de élite da localidade

  • Durante o acto, o alcalde do Porriño expresou o orgullo que supón para o municipio contar con estes deportistas, subliñando que “é  un orgullo que O Porriño luza nos vosos currículums, nas vosas camisetas e nos vosos triunfos, e que a nosa cativada vos teña como referentes.

O Porriño, 26 de agosto de 2026. O Concello do Porriño fixo entrega das súas primeiras bolsas municipais destinadas a deportistas individuais federados. Trátase dunhas axudas pioneiras na localidade que contaron cunha partida orzamentaria de 25.000 euros co obxectivo de recoñecer publicamente o esforzo e apoiar economicamente os atletas locais que acadaron os maiores éxitos deportivos nos últimos anos.

Durante o acto, o alcalde do Porriño expresou o orgullo que supón para o municipio contar con estes deportistas, subliñando que “é  un orgullo que O Porriño luza nos vosos currículums, nas vosas camisetas e nos vosos triunfos, e que a nosa cativada vos teña como referentes. Por iso, sabendo o esforzo —non só físico, senón tamén económico— que supón a alta competición, queremos achegar a nosa parte para que sigades acadando éxitos”.

O rexedor destacou  que con este empurróno concello busca  axudar a «seguir impulsando a estes deportistas  nas pistas e nos podios  antes de facer entrega dos diplomas acreditativos a cada un dos premiados.

As contías, que se distribuíron en bolsas de entre 1.000 € e 1.500 € por atleta, premiaron os méritos acadados desde o 1 de xaneiro de 2021 por un total de 14 deportistas de élite de diversas disciplinas. Todas de caracter individual, xa que o concello dispón tamén de axudas aos clubes deportivos.

Esta liña de axudas supón a primeira convocatoria destas características posta en marcha na localidade. Segundo destacou o alcalde do Porriño, o goberno local busca axudar aos deportistas ao ser plenamente conscientes do enorme sacrificio que supón dedicarse ao deporte de alta competición, especialmente cando se compite de xeito individual, un esforzo que é tanto físico como económico. Por este motivo, dende o concello decidouse sacar adiante esta primeira liña de axudas específicas para eles.

As contías distribúense en bolsas de entre 1.000 € e 1.500 € por atleta, destinadas a premiar os méritos acadados desde o 1 de xaneiro de 2021. Entre a nómina de deportistas locais galardoados atópanse importantes figuras da localidade en diversas disciplinas. En boxeo serán recoñecidos David Álvarez Domínguez, campión galego en 2022; Álex Manuel Castro Alonso, campión galego Élite en 2026; e Manuel Hermida, campión galego categoría Xove en -75kg en 2026. No ámbito do ciclismo e BTT destacan Laura M. Mira Juárez, campiona galega de Ciclocross sub-23 en 2025; Aroa Otero Táboas, campiona galega de BTT-XCO en 2025; Jorge Pérez Cuña, campión galego de BTT Resistencia en 2026; Santos Lemos, campión de España Enduro en categoría Máster 30B en 2022; e Ana María González Cuña, campioa de España de Maratón Máster 40B en 2021.

A lista de premiados complétase con destacados nomes noutras modalidades individuais como a golfista Alba González Fernández, campiona galega absoluta en 2022; o atleta Sergio Rodríguez Teixeira, dobre campión de España máster 35 nas probas de 200 e 400 metros en 2026; o ximnasta Hernán Sío Trillo, campión de España individual junior en 2022; a corredora María Martínez González, campiona de España de Trail Running en 2026; a triatleta Carla Guisande Vieito, campiona galega sub-23 de Triatlón de Estrada en 2025; e a ximnasta Lucía Casilla Maceira, campiona galega xuvenil base de ximnasia rítmica en 2024.

Para optaren a estas axudas de concorrencia non competitiva, que serán anuais, os solicitantes debían cumprir condicionantes como ser maiores de idade, estaren empadroados no Porriño cunha antigüidade mínima de dous anos ou ser Deportistas Galegos de Alto Nivel nados no municipio, ademais de ter a licenza federativa vixente e non estar cumprindo ningunha sanción deportiva.

As bolsas foron deseñadas para cubrir gastos derivados directamente da actividade deportiva profesional ou de alto rendemento, tales como a adquisición de material, indumentaria, inscricións en campionatos e desprazamentos ou carburante para asistir a competicións oficiais, quedando excluídas as disciplinas por equipos, parellas, dobres ou relevos, así como as probas populares ou escolares.

O Concello aproveita o verán para realizar obras de mellora nas galiñas azuis de Torneiros e O Porriño

  •  O investimento ascende a 60.000 euros

    O Porriño, 24 de agosto de 2026.- O Concello do Porriño está aproveitando o período estival e o consecuente peche das instalacións durante o mes de agosto para acometer diversas obras de mantemento e mellora nas galiñas azuis de Torneiros e Doantes de Sangue, esta última situada no centro urbano. O obxectivo desta planificación é garantir que os traballos estean listos de cara ao inicio do novo curso, evitando así calquera molestia ou interferencia na actividade diaria da cativada e do persoal educativo.

    Estas actuacións, que teñen como finalidade realizar as reparacións necesarias para garantir o bo estado e a seguridade de ambos os dous edificios públicos, suman un investimento conxunto de 60.000 euros.

    O alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, visitou esas obras esta mañá xunto o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, a concelleira de Coidados e Benestar, Bárbara Troncoso e o concelleiro de Obras, Ramón Porto. Alí asegurou que “con este investimento en infraestruturas, o goberno local reafirma o seu compromiso coa calidade do ensino dende as etapas máis temperás, aproveitando as vacacións para poñer a punto os centros educativos”, lembrando ademais que este ano entrarán en funcionamento as dúas novas escolas infantís municipais en Budiño e Pontellas. 

    Do mesmo xeito, o xerente do Consorcio agradecía ao Concello a súa “implicación na educación de 0 a 3 porque tamén vai poñer en marcha esas dúas novas escolas infantís polo que O Porriño se converte nun dos concellos que máis traballa na conciliación das familias que é fundamental tamén para seguir fixando poboación e que os veciños do Porriño teñan servizos públicos de calidade”

    No caso do centro de Doantes de Sangue, as tarefas centraranse en mellorar a hixiene e seguridade das instalacións mediante a substitución do pavimento actual por un novo chan antideslizante nas zonas do comedor, a cociña e a despensa. Así mesmo, procederase ao pintado de paredes e teitos nunha das aulas e á colocación dunha mosquiteira na porta de acceso á cociña.

    Pola súa banda, a escola infantil de Torneiros será obxecto dunha reforma de maior envergadura para solucionar problemas de humidade e mellorar a eficiencia enerxética e o confort das instalacións.  Os traballos consistirán na retirada da cuberta actual e a eliminación das ventás de dita estrutura para dar paso a un novo tellado a dúas augas, que se completará coa instalación de novos canalóns e baixantes exteriores. No interior do centro, procederase ao lixado e saneamento das partes do teito deterioradas por antigas filtracións de auga e colocarase un novo falso teito con paneis acústicos. Finalmente, renovarase a instalación eléctrica coa colocación de 22 novos paneis de iluminación con tecnoloxía LED.

    Ademais nesta escola, en Torneiros, instalarase un sistema de climatización. Neste caso as obras realizaranse no 2027, sempre antes do mes de maio. 

    O Porriño contará ademais desde este mes de setembro con dúas novas escolas infantís municipais en Pontellas e Budiño.  A vindeira semana, celebrarase en ambas unha xornada de portas abertas para que a cidadanía poida ver estas novas instalacións. En ambos casos son escolas totalmente gratuitas, cos mesmos servizos que as Galiñas Azuis. 

    A escola infantil de Pontellas está situada no lugar da Igrexa, na antiga escola unitaria desta parroquia, que foi rehabilitada e ampliada para albergar así cinco aulas ademais dun vestíbulo, oficina, sala multiusos, aseos, vestiario, despensa e cociña. A superficie construída é de 442,56 metros cadrados, dentro dun solar cunha superficie bruta total de 4.321,98 metros cadrados.

    Pola súa banda, a escola infantil da parroquia de Budiño é de nova construción: levantouse nun solar cunha superficie total de 2.982,41 metros cadrados, que na actualidade se atopaba sen edificar. A nova escola sitúase na zona do polígono das Gándaras, nunha área de transición entre a industria e o núcleo rural adxacente.

    O goberno municipal do Porriño presenta un orzamento récord de 26,8 millóns de euros

    • Trátase do maior orzamento da historia da vila cunha forte aposta polo gasto social e o saneamento das parroquias
    • O Concello segue mantendo as taxas e impostos tras amortizar toda a débeda herdada do anterior goberno e eliminar as facturas irregulares

    O Porriño, luns, 24 de agosto de 2026. O goberno municipal do Porriño presentará para a súa aprobación nun pleno extraordinario o orzamento máis alto da historia da vila  que ascende a 26.804.967,94 euros. Tamén o capítulo de investimentos é de récord, con máis de cinco millóns de euros, sen aumentar a carga fiscal da cidadanía, é dicir, mantendo as taxas conxeladas.

    Este orzamento, explica o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, é froito dunhas contas saneadas e recolle un importante investimento en política social, así como en obras fundamentais para o municipio, como o saneamento nas parroquias, sen subir as taxas municipais, un compromiso irrenunciable para o rexedor. “Seguimos tendo as taxas máis baixas de Galicia, apostando polas nosas empresas e apostando pola nosa cidadanía para que non paguen máis pero sigan desfrutando do mellor”, explica. 

    Así, a proposta orzamentaria reforza o compromiso do Goberno local cunha xestión económica responsable, que permite incrementar o gasto en servizos públicos e infraestruturas clave sen aumentar a carga fiscal sobre os veciños e veciñas.

    Esta operación é posible, explica o rexedor, grazas ao saneamento integral das contas municipais, a depuración das facturas irregulares do anterior goberno e a amortización total dos préstamos da débeda herdada, o que permite á administración local quedar libre de cargas e tutelas para aprobar un novo orzamento. “O Concello volve ter capacidade e autonomía financeira para aprobar este orzamento sen restricións, sen subir impostos e elixindo as súas prioridades”, explica. Apuntando que no Porriño esas prioridades están nas persoas.

    Son unhas contas, engade Lorenzo en rolda de prensa, “realistas, rigorosas e pensadas para que O Porriño siga medrando en mellores servizos, infraestruturas e espazos para a veciñanza”.

    Un orzamento social

    Cada partida crece, pero faino especialmente a destinada a servizos sociais para que ningunha familia do Porriño se quede atrás. Así, o alcalde, Alejandro Lorenzo, vén de anunciar a creación dunha nova tarxeta social, a “tarxeta familia”, para as persoas máis desfavorecidas do municipio. Unha ferramenta que substituirá o actual banco de alimentos, para que estas familias poidan, a través dos servizos sociais municipais, adquirir produtos de primeira necesidade directamente no supermercado e así desestigmatizalas. “Non queremos colas de pobreza”, apuntou Lorenzo, explicando que o seu goberno quere tender a man a aqueles que máis o precisan, con axudas de emerxencia, pero tamén con programas de inclusión e emprego.

    Na partida de servizos sociais,  inclúese tamén a xestión das novas escolas infantís municipais —dúas—, que son totalmente gratuítas para os nenos e as nenas do Porriño e que se veñen sumar este ano á oferta pública das dúas Galiñas Azuis que existen no municipio. Inclúense tamén o Centro de Día e o programa “Xantar na casa”.

    Hai partidas tamén para outros grandes proxectos sociais como a nova residencia de maiores que proxecta a Comunidade de Montes de Torneiros.

    Subvencións a clubs e asociacións

     O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que todas as partidas medran neste orzamento, con especial atención ao asociacionismo -as diferentes asociacións de todo o concello- e, moi especialmente, aos clubs deportivos, que traballan a diario polo deporte base.

    Así, no orzamento destacan tamén as partidas nominais ás asociacións veciñais que dinamizan os diferentes núcleos de poboación do municipio, as parroquias, ou aos clubs deportivos que seguen apostando polo deporte base, “inculcando os valores deportivos aos nosos nenos e nenas”. Destínanse case 860.000 euros a estas diferentes entidades, entre as que se atopan tamén algunhas de marcado carácter social como COGAMI, a AECC ou DisCamino.

    Ademais, o orzamento recolle tamén o novo programa de bolsas a deportistas individuais e as bolsas aos mellores expedientes académicos, “para seguir premiando o esforzo das persoas do Porriño”.

    Un Porriño máis humanizado

     No apartado de investimentos, o alcalde destaca a existencia de grandes proxectos para seguir facendo “Un Porriño pensado para as persoas, pois a intención deste goberno municipal é seguir transformando o municipio e as súas parroquias en mellores lugares para vivir, con mellores servizos e espazos máis amplos e verdes”.

    Ademais, o orzamento recolle case 4 millóns de euros para seguir co saneamento integral da vila. Cos proxectos xa elaborados, explica o rexedor, seguiranse executando estas obras alí onde sexa necesario e se conte con todos os permisos.  Priorizaranse aqueles proxectos que teñan unha maior ratio de vivendas e nos que se posibilite a conexión.

    Ademais, inclúe proxectos de vital importancia que transformarán o concello nun municipio máis humanizado e pensado para as persoas, atendendo a cada unha das súas parroquias.

    O orzamento aprobarase inicialmente no pleno extraordinario que se convocará para a primeira semana de setembro.

    A Caravana de Saneamento do Porriño chegará este martes á parroquia de Mosende

    • Concello iniciou en Cans un novo percorrido informativo en horario de tarde que percorrerá todas as parroquias do municipio para atender de primeira man as dúbidas e necesidades da veciñanza

    O Porriño, 10 de agosto. O Concello do Porriño continúa a avanzar no seu compromiso coa mellora das infraestruturas básicas do municipio. Co saneamento integral como unha das máximas prioridades do goberno local, arrincou en Cans a Caravana de Saneamento, unha iniciativa itinerante deseñada para achegar a xestión municipal ás distintas parroquias e atender de xeito individualizado aos veciños e veciñas. A vindeira parada desta rolda informativa terá lugar este martes, 11 de agosto, en Mosende.

    Este calendario de visitas nace co obxectivo de garantir que toda a cidadanía teña acceso directo á información sobre o estado dos proxectos nas súas zonas. Durante o primeiro encontro celebrado en Cans, no que participou o concelleiro de Saneamento, Marcos Martínez, explicáronse actuacións clave e irrenunciables para a zona, como os proxectos previstos nos Eidos e na Graña-Sequeiras.

    “Cada parroquia, cada veciño e veciña son prioridade”, asegura o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, destacando a importancia non só de ter o concello aberto á veciñanza, senón de achegarse a ela con estas iniciativas.

    Atención personalizada e servizos municipais

    A iniciativa destaca pola súa proximidade, resolvendo cuestións específicas que afectan ao día a día da veciñanza. No encontro de Cans, ademais de abordar os plans de saneamento e as xestións para a solicitude de enganches á rede xa executada, tratáronse asuntos como as axudas para sistemas de bombeo e servizos de baleirado de fosas sépticas, o estado dos  permisos solicitados ao Ministerio de Fomento; a reformado lavadoiro, o desenvolvemento do novo carril bici, a instalación dun asador no parque do río ou o proxecto da casa parroquial cedida ao Concello.

    Calendario de visitas nas parroquias

    O goberno municipal manterá estas xuntanzas en horario de tarde ao longo das vindeiras semanas para acadar unha cobertura completa do municipio. O calendario previsto para as vindeiras datas é o seguinte:

    • Mosende: 11 de agosto
    • Pontellas: 18 de agosto
    • Atios: 25 de agosto
    • Budiño: 1 de setembro
    • Chenlo: 8 de setembro
    • Torneiros: 15 de setembro

    O Concello do Porriño colabora coa Federación Venezolana en Galicia no envío de axuda de primeira necesidade a Venezuela

    • A recepción de material está a ser xestionado pola Hermandad de Galicia en Venezuela

    O Porriño, 30 de xullo de 2026. Máis dun mes despois do terremoto, Venezuela segue a precisar axuda urxente e o Concello do Porriño quere sumarse de xeito activo á iniciativa organizada pola Federación Venezolana en Galicia (FEVEGA). A emerxencia orixinou un elevado número de persoas afectadas e agravou a falla de recursos básicos no país, que persiste aínda pese a que o foco informativo non estea sobre elo. Por este motivo, faise un chamamento prioritario á colaboración económica, xa que as doazóns en cartos  permiten adquirir de xeito directo e áxil todo tipo de produtos e subministros de primeira necesidade segundo a demanda real sobre o terreo.

    Co lema “Cada medicamento, cada insumo y cada aporte cuentan”, a campaña levada a cabo por FEVEGA desde Galicia en coordinación coa Hermandad Gallega en Venezuela ten como obxectivo recadar fondos tanto para a compra de material esencial como para financiar o transporte da axuda, que supón un custo de 11 euros por cada quilo de mercancía.

    Nunha xuntanza de traballo mantida entre o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, a concelleira de Inmigación, Vanessa Ucha e o presidente de FEVEGA, Manuel Pérez —na que tamén participou por videoconferencia o presidente da Hermandad Gallega en Venezuela, Alberto Bello—, o rexedor comprometeuse a financiar o envío de  axuda e a poñer en marcha unha campaña de visibilización tamén coa organización dunha gala solidaria para facilitar que calquera veciño ou veciña poida achegar a súa doazón económica.

    O rexedor porriñés, Alejandro Lorenzo, subliñou a importancia de manter o apoio nestes momentos tan difíciles. “É fundamental actuar agora porque, aínda que o terremoto xa non abra os informativos nin estea na primeira liña dos medios de comunicación, os seus efectos seguen sendo devastadores e a poboación precisará dunha axuda sostida no tempo”, concluíu o alcalde.

    A Federación ten activo xa un número de conta: ES21 0049 0170 5829 1030 7885. O concepto da transferencia debe ser “ayuda humanitaria venezuela 2026”.

    O Concello do Porriño licita as obras de mellora integral do entorno do local social do Casal en Budiño

    • A intervención transformará unha superficie de 3.460 metros cadrados para priorizar o uso peonil, crear un novo parque infantil, ordenar o tráfico e potenciar as zonas verdes.
    • O proxecto sae a licitación por 210,11 con IVE e un prazo de execución de seis meses.

    O Porriño, 14 de xullo de 2026. O Concello do Porriño vén de sacar a licitación as obras de “Mellora do contorno do Local Social do Casal, Budiño”. Esta ambiciosa actuación supón un investimento total de  250.210,11 con IVE (subvencionado Plan+Provincia 2026-2027 da Deputación de Pontevedra) e suporá un cambio radical na contorna deste centro social, que é lugar de encontro habitual da veciñanza. Un lugar e unha asociación que levan moito tempo traballando polas persoas e cuxa contorna pasará, explica o alcalde, “a ser tamén na súa ordenación e no seu deseño, un lugar pensado para as persoas”.

    Por iso, unha das principais actuacións ten que ver coa mobilidade, mellorando a seguridade viaria e gañando espazo para os peóns. Así, co obxectivo de eliminar o paso de vehículos por diante do centro social e das zonas de xogos, o tráfico rodado concentrarase de forma ordenada exclusivamente a través do camiño de Chan do Casal, na zona norte da parcela.

    “Esta medida non só protexe o espazo peonil, senón que mellora substancialmente o acceso rodado diario que os veciños e veciñas teñen ás súas vivendas e propiedades particulares”, aclara o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto. O vial pavimentarase con formigón coloreado e contará con medidas de calmado de tráfico  para garantir a seguridade. Así mesmo, mellorarase notablemente a seguridade viaria no entronque coa estrada provincial EP-2405 co uso de lastras de granito silvestre, que servirán de aviso visual e sonoro para que os condutores reduzan a velocidade ao entrar na zona residencial.

    Parque infantil e zona deportiva

    Así mesmo, nun municipio cunha importante natalidade, prevese a adecuación dunha área de xogos infantís que dea resposta ás necesidades da poboación máis nova. En continuidade co centro social, crearanse uns 150 m² de parque de xogos. O espazo peonil ampliarase en 281 m² integrando o arborado existente con alcorques e bancos de pedra para xerar zonas de sombra. 

    Ademais, renovarase a área deportiva coa substitución do pavimento da pista de deportes para garantir a seguridade na súa práctica e dotarase dun perímetro axardinado con árbores dispostas en paralelo ás vías.

    Substituiranse superficies duras sen uso por novas zonas axardinadas con especies autóctonas e frondosas  de baixo consumo hídrico, mellorando así a xestión das augas pluviais.

    Posta en valor do patrimonio

    Ademais da reordenación urbanística, o proxecto contempla a posta en valor dos elementos senlleiros do lugar. Así dignificarase todo o contorno da igrexa e os seus elementos senlleiros.   Crearase un perímetro axardinado específico arredor do cruceiro para resgardalo do tráfico rodado, potenciando a súa visibilidade e poñéndoo en valor. Actuarase no palco da música mellorando os seus acabados e pintura, integrando todo o conxunto relixioso e festivo cun deseño harmónico.

    Tamén se executará o retranqueo do muro de peche existente para ampliar a beirarrúa en coordinación cos plans da Deputación.

     “Con esta licitación, o Goberno local do Porriño quere dar resposta a unha demanda histórica da veciñanza do Casal, transformando un espazo desestruturado nun punto neurálxico de convivencia accesible, seguro, sustentable e integrador”, conclúe  o alcalde do Porriño.

    As novas escolas infantís municipais de Pontellas e Budiño comezarán a funcionar en setembro logo da adxudicación do servizo por máis de 3,1 millóns de euros

    • O prazo de prematrícula continúa aberto ata o 31 de xullo, con 132 novas prazas públicas de Educación Infantil de 0 a 3 anos

    O Porriño, 15 de xullo  de 2026, O Pleno do Concello do Porriño aprobou este mércores en sesión extraordinaria   a adxudicación do servizo público das escolas infantís municipais de Pontellas e Budiño. Este contrato é clave para a conciliación familiar no municipio e conta cun orzamento total de 3.179.098,24 € € (IVE incluído) para os vindeiros catro anos, coa posibilidade de prorrogarse por un ano máis. Garantízase así a posta en marcha destas dúas infraestruturas municipais.

    Estas novas escolas permitirán ofrecer 132 novas prazas públicas para nenos e nenas de 0 a 3 anos, reforzando a rede municipal e apoiando a conciliación da vida familiar e laboral.

    “O noso compromiso de dotar a todas e cada unha das parroquias do Porriño de servizos públicos e de calidade segue sendo firme e materializándose nestes proxectos, ou no futuro centro de día de Atios”, asegura o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, apuntando que o municipio prioriza os servizos de conciliación e a educación de calidade que deben chegar a todas as familias, vivan onde vivan”.

    Neste senso, animou a cidadanía a que elixan estas novas instalacións para dar os primeiros pasos educativos dos seus fillos e fillas, subliñando que “estas escolas son ao mesmo tempo un espazo de aprendizaxe e unha ferramenta de conciliación”.

    En ambas escolas infantís, permanecen abertos os prazos de prematrícula. As familias interesadas poderán presentar a súa solicitude a través do Rexistro Xeral do Concello do Porriño ou da Sede Electrónica municipal.

    As dúas escolas infantís municipais ofrecerán unha atención educativa dirixida a nenos e nenas de entre 0 e 3 anos, contribuíndo á conciliación da vida familiar e laboral e garantindo un servizo educativo de proximidade e calidade. Coa incorporación das novas escolas de Pontellas e Budiño, o Concello amplía de maneira significativa a oferta pública de prazas para o primeiro ciclo de Educación Infantil.

     Escola Infantil de Pontellas

    No caso da nova escola infantil de Pontellas, crearanse 66 novas prazas públicas de Educación Infantil de 0 a 3 anos, reforzando a rede municipal e dando resposta á crecente demanda das familias.

    En canto ao investimento económico, a achega do Concello do Porriño ascende a preto de 385.000 euros, distribuídos en 25.000 € para equipamento e case 360.000 € para obras.

    A escola infantil de Pontellas está situada no lugar da Igrexa, na antiga escola unitaria desta parroquia, que foi rehabilitada e ampliada para albergar así as cinco aulas das que dispón, ademais de vestíbulo, oficina, sala multiusos, aseos, vestiario, despensa e cociña. A superficie construída é de 442,56 metros cadrados, dentro dun solar cunha superficie bruta total de 4.321,98 metros cadrados.

    Escola Infantil de Budiño

    A escola infantil localizada na parroquia de Budiño é, en cambio, totalmente de nova construción. Levantouse nun solar cunha superficie total de 2.982,41 metros cadrados, que na actualidade se atopaba sen edificar.

    La parcela sitúase na zona do polígono das Gándaras, nunha área de transición entre a industria e o núcleo rural adxacente. Así pois, como se recolle no anteproxecto, a nova edificación preséntase como “un espazo de transición entre dous mundos”. Ocupa 513,10 metros cadrados.

    Continúa a Caravana Municipal con parada en Pontellas este xoves

    ●        A vindeira semana rematará esta etapa con parada en Chenlo

    O Porriño, 14 de xullo de 2026. O Concello do Porriño continúa a avanzar no seu obxectivo de achegar a administración local a todas as parroquias a través da Caravana Municipal de Atención Cidadá. Esta oficina móbil, que iniciou a súa andaina na parroquia de Cans, ten programada para este xoves, 16 de xullo, a súa penúltima parada na parroquia de Pontellas, antes de poñer o broche final a esta rolda de visitas a vindeira semana en Chenlo, o xoves 23 de xullo.

    Esta iniciativa, impulsada directamente polo goberno local do Porriño, busca facilitar que a veciñanza poida realizar trámites administrativos directamente desde a súa contorna, evitando así desprazamentos innecesarios ata o centro urbano.

    Unha oficina integral á porta da casa

    A caravana funciona como unha extensión real do propio consistorio. Grazas a ela, os residentes de cada parroquia poden realizar diversas xestións administrativas e tramitar solicitudes oficiais; acceder de forma áxil a información municipal de interese, ou presentar demandas e suxestións sen necesidade de coller o coche, coa gran vantaxe de que o equipo de goberno pode desprazarse no mesmo momento a revisar o espazo concreto obxecto da petición.

    O propio alcalde, Alejandro Lorenzo, está a participar activamente nestes encontros para recoller de primeira man as necesidades de cada veciño e veciña con diversas reunións e citas en cada parroquia. Nesta campaña, o rexedor está acompañado por un amplo equipo de goberno para dar resposta inmediata ás distintas áreas.

    Os veciños e veciñas poden acudir con cita previa para ter prioridade, ou achegarse ata os centros culturais onde se aparca a caravana.

    Recta final do calendario de visitas

    Coa parada deste xoves en Pontellas e a da vindeira semana en Chenlo, a oficina itinerante completa un intenso percorrido en horario de mañá que xa a levou a visitardesde xuño as parroquias de Cans, Atios, Mosende, Carracido , Budiño e Torneiros.

    O Concello do Porriño convida a toda a veciñanza de Pontellas a achegarse este xoves á caravana para trasladar as súas consultas, propostas e xestións de maneira directa e sen intermediarios.

    O Porriño Orgulloso 2026 enche de arte e reivindicación a praza Antonio Palacios

    • A música de O Xoán, o transformismo de Marlen Soto e o humor de Hermen & Gildo conquistaron ao público no día grande do Orgullo.
    • O vindeiro martes pecharase a programación coa charla de debate e reflexión “Diversidade para todes”.

    O Porriño, 28 de xuño de 2026.– O Porriño Orgulloso 2026 viviu este domingo a súa xornada central mesturando música, transformismo, humor e visibilidde na praza Antonio Palacios. Cun ambiente festivo, inclusivo e reivindicativo,o municipio volveu demostrar o seu firme compromiso coa diversidade e os dereitos LGTBI+, baixo a bandeira arcoiris que desde o pasado 24 de xuño loce con orgullo na fachada da Casa Consistorial.

    O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo destacar a importancia de manter viva esta celebración porque “ queremos unha sociedade inclusiva, plural e libre”, apuntou, engadindo que “o orgullo non só é festa, é reivindicación e é visibilidade”.

    Unha noite de talento, humor e transformación

    A velada do domingo arrincou a partir das 20:30 h con tres propostas escénicas de primeiro nivel que combinaron arte, risas e reflexión: Marlen Soto a recoñecida drag queen (alter ego de Oliver Santiago, un mozo de 31 anos con 12 de traxectoria exitosa nos escenarios de Canarias) abriu a noite cun espectáculo vibrante que mesturou humor, transformismo e unha forte carga reivindicativa. Logo foi o turno de Hermen & Gildo, un  dúo cómico presentou un monólogo intelixente sobre a igualdade, abordando desde a comedia a diversidade afectivo-sexual e os retos que a sociedade aínda ten por diante.A música estivo a cargo de O Xoán.  O artista galego – recente gañador do Premio Mestre Mateo a Mellor Actor polo seu papel de Castelao en Antes de Nós– foi o encargado do peche musical. Presentou en directo o seu novo single de pop electrónico en galego, “Fállame a chola”, un tema performativo e contemporáneo sobre a liberdade de non agocharse, cuxo videoclip conta coa colaboración de seis destacadas drag queens galegas (Moira Lutar, Yasmine Lutar, Syndra, Liteah, La Kristopher e Ashley Ferreira).

    A programación continúa o martes

    As actividades de O Porriño Orgulloso 2026 non remataron aquí. Aínda queda por diante a xornada do vindeiro martes, na que o Orgullo tomará forma de diálogo coa charla “Diversidade para todes”, unha proposta deseñada como un espazo aberto de reflexión, debate e aprendizaxe sobre identidade, diversidade e dereitos dirixida a toda a cidadanía.

    O Porriño convoca as becas Antonio Palacios á excelencia académica para os mellores expedientes da PAU

    • O Concello destinará un total de 4.500 euros para recoñecer o esforzo e o talento do alumnado empadroado no municipio que acade as mellores cualificacións nas probas de acceso á universidade.

    O Porriño, 22 de xuño de 2026 – O Concello do Porriño volve apostar polo recoñecemento ao talento e ao esforzo dos seus mozos e mozas. O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) publicou hoxe a nova convocatoria de premios dirixidos aos estudantes do municipio que obteñan un rendemento excelente nas Probas de Acceso á Universidade (PAU) deste ano 2026.

    Cun investimento total de 4.500 euros, a administración local concederá un total de 15 premios de 300 euros cada un para as notas máis destacadas do expediente académico.

    Requisitos para os aspirantes

    Para poder optar a un destes recoñecementos, o alumnado debe cumprir os seguintes requisitos:

    • Empadroamento: Estar empadroado/a no termo municipal do Porriño.
    • Nota mínima: Ter participado na presente convocatoria da PAU 2026 e acadar unha nota mínima de 8,50 puntos na fase xeral (obrigatoria) do exame.

    Prazo e presentación de solicitudes

    O prazo para presentar a documentación e o anexo incluído na convocatoria será de quince días hábiles, contados a partir   deste martes 23 de xuño (o día seguinte ao da publicación do extracto no BOPPO).

    As solicitudes deberán tramitarse xunto co correspondente modelo oficial que aparece nas bases:

    BASES REGULADORAS – BILINGUE