O Porriño acolleu a presentación do libro “A liberdade que me habita”, da autora local Beatriz Cabaleiro

O Porriño, 9 de outubro de 2026. A vila do Porriño sumou esta semana unha nova voz ao seu panorama literario coa presentación oficial de A liberdade que me habita, a obra da escritora e veciña porriñesa Beatriz Cabaleiro, nun acto celebrado a tardiña do xoves. O evento contou cunha ampla asistencia e serviu para celebrar o talento local nunha velada chea de emotividade.

Viaxar por esta obra é viaxar a través da vida dunha muller que busca a súa identidade e o seu lugar no mundo. Con A liberdade que me habita, Cabaleiro propón un percorrido polo autocoñecemento e a superación persoal, pero tamén unha homenaxe ao propio Porriño, reflectindo nas súas páxinas a esencia da vila, as súas rúas e a súa xente.

O acto tivo como eixe central unha marabillosa e enriquecedora conversa na que acompañaron á autora a recoñecida xornalista Raquel Atanes e César Lorenzo, director de Aira Editorial. Durante o diálogo, afondouse nos temas clave do libro, no proceso creativo e no orgullo que supón ver a outra autora porriñesa conquistando as librarías.

Para quen non puidese asistir ou desexe conseguir o seu exemplar asinado, a autora xa confirmou que volverá estar presente e dispoñible para os lectores na vindeira Feira do Libro.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou a vinculación co Porriño desta novela e tamén da súa autora a quen desexou todos os éxtos nos seus futuros traballos. 

Lume pon o foco no talento e a inclusión laboral tras tres anos de Formación Dual Adaptada

A Xornada de Talento e Inclusión Laboral reuniu no Porriño a aprendices, empresas, CEEIs e representantes institucionais para compartir experiencias e favorecer novas oportunidades laborais.

O Porriño, 7 de outubro de 2026. Lume e Aceesca celebraron este mércores, en colaboración con IN-REDE, a “Xornada de Talento e Inclusión Laboral: Encontros colaborativos entre CEEIs e Empresas”, un encontro enmarcado no programa da Rede Eusumo que reuniu a aprendices, profesionais, empresas, entidades e representantes das administracións para poñer o foco no talento e avanzar na xeración de novas oportunidades laborais.

A xornada enmárcase na recta final das Formacións Duais Adaptadas de Lume, nas que participan 17 aprendices con discapacidade intelectual e que continuarán ata xaneiro de 2027. Durante estes case tres anos desenvolvéronse dous itinerarios formativos (Operacións Básicas de Restaurante e Bar e Actividades Auxiliares de Viveiros, Xardíns e Centros de Xardinería), baixo unha metodoloxía baseada en aprender facendo e no contacto con contornas reais de traballo.

Esa aprendizaxe ten agora a mirada posta no futuro laboral. Fabián Fernández, un dos aprendices, resúmeo cunha petición directa ao tecido empresarial: “Gustaríame traballar nunha empresa ordinaria. Diríalles ás empresas que confíen en nós”.

Da formación ao emprego

Un dos momentos centrais do encontro foi a mesa redonda “A experiencia en primeira persoa: da formación ao emprego”, na que aprendices, profesionais e familias compartiron diferentes perspectivas sobre estes tres anos de Formación Dual Adaptada e sobre o paso da formación ao mercado laboral.

O diálogo permitiu poñer sobre a mesa o valor dos apoios, a experiencia adquirida en contextos laborais reais e a importancia da colaboración coas empresas para que as competencias desenvolvidas durante a formación poidan transformarse en oportunidades de emprego.

A Xornada contou tamén coas intervencións de Dolores Fernández, presidenta de IN-REDE; Doménico Tinelli, xerente de IN-REDE; e Ángeles Leirós, xerente de Lume e Aceesca.

Empresas, entidades e administracións, ante un reto común

A xornada reuniu a representantes do tecido empresarial e social e das diferentes administracións, con presenza de alcaldes e alcaldesas de municipios da contorna.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “a formación abre portas”, augurando que “con este compromiso, dedicatoria e sobre todo con este talento, esas portas se abrirán de par en par”, desexando que tamén, coa axuda das administracións, se sigan abrindo vías para todos os proxectos que teñen Aceesca e Lume. Neste sentido, apuntou que xa non se estaba a falar de “aprendices, senón de profesionais” e animou ás empresas presentes a apostar por eles.

O encontro contou así mesmo coa presenza de Ana Ortiz, delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, e Marta Mariño, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, xunto a representantes doutras institucións, reforzando a importancia da colaboración entre administracións, entidades e empresas para avanzar cara a un mercado laboral con máis oportunidades para as persoas con discapacidade intelectual.

Desde Lume aproveitouse ademais a xornada para reivindicar a necesidade de dar continuidade a iniciativas como a Formación Dual Adaptada e facer un chamamento ás administracións para que este modelo poida seguir desenvolvéndose no futuro.

Neste sentido, Ángeles Leirós, xerente de Lume e Aceesca, sinalou que “non basta con falar de inclusión laboral. Para que exista de verdade necesitamos oportunidades, empresas comprometidas e administracións que aposten por dar continuidade a modelos de formación que están a demostrar o seu valor”.

Porque avanzar cara á inclusión laboral require algo máis que compartir un obxectivo común: require recursos, políticas e accións concretas que permitan xerar oportunidades e soster no tempo os proxectos que as fan posibles.

Máis aló de facer balance do camiño percorrido, Lume quixo aproveitar o encontro para mirar cara ao seguinte paso: achegar o talento das persoas participantes ao tecido empresarial e seguir construíndo, xunto a empresas e administracións, novas oportunidades de inclusión laboral.

Os participantes do obradoiro “O noso encontro co emprego II” amosan o seu entusiasmo na xornada de arranque no Porriño

  • Ilusión, vocación e ganas de aprender entre o alumnado do Multicentro de Torneiros
  • Alejandro Lorenzo e Ana Ortiz animan ao alumnado a  aproveitar unha oportunidade de ouro ante a alta demanda dos obradoiros de emprego

O Porriño, 24 de setembro de 2026. — O Concello do Porriño deu o pistoletazo de saída ao novo Obradoiro de Emprego de Formación e Aprendizaxe denominado “O noso encontro co emprego II”. Unha iniciativa mixta de formación e emprego orientada á titorización e inserción no mercado laboral de 16 mozos e mozas do municipio, financiada cun orzamento de 438.945,36 euros cofinanciados pola Unión Europea e a Xunta de Galicia a través da liña Talento Mozo.

O acto inaugural contou coa presenza  do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, quen se dirixiu directamente aos mozos e mozas seleccionados para felicitalos e animalos a aproveitar ao máximo esta experiencia de 12 meses continuos de contrato laboral remunerado e formación oficial. O alcalde subliñou o alto volume de solicitudes recibidas para esta convocatoria e fixo un chamamento ao esforzo e á dedicación diaria para acadar os mellores resultados. Así mesmo, agárdase unha gran taxa de inserción laboral ao remate do programa, dada a forte demanda das especialidades impartidas no contorno empresarial da comarca.

O rexedor destacou e agradeceu de xeito fundamental a imprescindible colaboración e o apoio da Xunta de Galiciana xestión e financiamento destes obradoiros, fundamentais para impulsar as oportunidades da mocidade local. 

Neste mesmo sentido a delegada territorial da Xunta de Galicia, Anta Ortiz, destacou o valor dos doentes que imparten a formación e a importante saída laboral destas especialidades. Na xornada estiveron tamén presentes a  josé Antonio Rodríguez Fachado, director territorial de Pontevedra de la Consellería de Emprego, Comercio e Emigración daXunta e a concelleira de Emprego do Porriño, Teresa Veloso.

A voz dos protagonistas: ilusión, vocación e ganas de traballar

Nas súas primeiras declaracións tras o arranque das clases, os propios alumnos e alumnas amosaron a súa gratitude e o seu optimismo ante o reto laboral que teñen por diante: Na rama de administración, gravación e tratamento de datos, alumnos como Andrei e Pablo amosaban o seu entusiasmo ante esta nova etapa; mentres Andrei salientaba que lle está a gustar a formación e que o seu gran obxectivo é «optar a un posto de traballo», Pablo puña o foco no interese da parte teórica, amosando a súa total disposición para incorporarse a calquera oportunidade que lle xurda no mercado laboral. Na mesma liña, Iria manifestaba sentirse «moi orgullosa de ter sido elixida» e amosábase convencida de que este itinerario lle abrirá as portas a un bo futuro profesional, unha visión compartida por Silvia, quen, enfocada na área de atención ao cliente, destacou a enorme utilidade e practicidade do contido que están a aprender.

A motivación é o fío condutor nas testemuñas de todos os participantes.  Javi valoraba moi positivamente a calidade dunha «formación innovadora» que o prepara tanto para labores de pinche como de cociñeiro, coa meta clara de dedicarse profesionalmente aos fogóns. O optimismo contáxiase tamén entre alumnos como Fran, moi motivado coa perspectiva de acadar un emprego estable grazas á aprendizaxe recibida, ou Jaime, quen non agachaba a súa ilusión por reincorporarse ás aulas e apuntaba alto nos seus obxectivos persoais ao amosar a súa ambición de «chegar a ser un bo executivo duns empresa» no futur

A presentación de Fenda enche o auditorio do templete de San Luís e conecta a memoria do Porriño coas novas xeracións

  • O Concello do Porriño aposta por achegar a historia e a cultura do municipio a novos públicos coa creación desta revista sobre Historia e cultura do Porriño. 
  • O alcalde, Alejandro Lorenzo, xunto con Diego Giráldez, o coordinador da revista, e algúns dos participantes nesta nova publicación, debullou o contido do seu primeiro número nun acto celebrado no emblemático Templete de Antonio Palacios,ateigado de público

O Porriño, 24 de setembro de 2026. Cunha magnífica interpretación do poeta Samuel Merino de “Abastos anos 90” comezou a presentación de “Fenda, Historia e cultura do Porriño”, a revista editada polo Concello do Porriño que debulla a historia do municipio, pero tamén o seu presente, e que abre un oco a novos creadores. Entre eles, Antía Villaverde ou Rubén Silva, dous estudantes que demostran coa súa participación nesta revista que a cultura ten moito futuro no municipio. 

Un punto que quixo destacar o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, quen asegurou que este era só o primeiro número dunha revista á que augura un longo futuro, xa que o municipio está cheo de historias que contar e de novos creadores que precisan espazos para expresarse. Esta revista é un deses espazos, pero destacou tamén o cine, a piques de abrirse, o novo auditorio ou a praza Antonio Paz Valverde. Lugares onde a arte e a cultura estarán presentes, ao igual que Fenda. Neste senso lembrou outras iniciativas editoriais que se fixeron na vila, con especial mención a Revista OPino e a Pedro Ocampo, recentemente fallecido,poñendo en valor o seu labor e a súa figura.

Fíxoo ante un auditorio cheo, baixo o templete de San Luis de Antonio Palacios, outra mostra da pegada cultural da vila.

Samuel Merino, Areta Bolado, Juancho, Manrique Fernández, Antía Villaverde e Rubén Silva son as primeiras colaboracións desta revista coordinada polo historiador e escritor Diego Giráldez, quen agradeceu a aposta do Concello por un produto como este, pensado para permanecer no tempo. Porque, tal e como apuntou, FENDA nace coa vontade de quedar, de ser unha desas revistas que un garda e volve abrir anos despois. Nas súas páxinas conversan O Porriño que fomos e o que estamos a construir, porque a memoria non mira só cara atrás, tamén se escribe no presente, moitas veces sen decatarnos de que xa estamos a facer historia.

Neste primeiro número propónse unha viaxe por diferentes momentos e protagonistas: inclúese unha reportaxe das Festas do Cristo con curiosidades históricas como o Carro Triunfante e carteis antigos; a historia das salas de cine no municipio e de como se vivía o cinema mudo (desvelando quen tocaba o piano durante as proxeccións); e un cómic sobre a historia do Porriño que terá continuidade. No apartado patrimonial, abordase o peto de ánimas de San Antón de Budiño, o antes e o despois da rúa Pío XII e a relación entre Antonio Palacios e a actriz Lydia Borelli na sección “Rosa Porriño”. Hai espazo tamén para a tradición panadeira do Porriño e para o tecido industrial, neste número protagonizado por CEAMSA como empresa que deu xerme aos polígonos industriais da vila e hoxe referente internacional na industria alimentaria. O punto fixo complétase co poema de Samuel Merino e a entrevista á actriz Areta Bolado.

A presenza de autores de diferentes xeracións responde tamén á vontade de FENDA de conectar a memoria do Porriño coas persoas que hoxe crean, investigan e constrúen a vida cultural davila. A revista recupera historias e documentos do pasado, pero faino desde unha mirada contemporánea, con textos accesibles e un tratamento visual, deseñado por IdeArte Estudio, pensado para achegar o patrimonio e a memoria local a un público amplo. Porque, como sinala o editorial deste primeiro número, o patrimonio non consiste só en conservar o que herdamos, senón tamén en saber recoñecer aquilo que está a nacer diante dos nosos ollos.

A revista, que é gratuíta, estará dispoñible a partir deste mesmo xoves  en todos os centros culturais e educativos do Porriño e promete seguir sumando colaboradores, tendendo unha ponte entre a memoria, o presente e as novas xeracións.

As obras de reforma da pista deportiva do CEIP de Budiño encaran a súa recta final

  • O alcalde, Alejandro Lorenzo, visitou hoxe as instalacións para supervisar os traballos de mellora, que se atopan case rematados.
  • A actuación contou cun investimento de máis de 36.000 euros para a execución dunha losa de formigón, a colocación de losetas e o pintado e marcado da pista.
     

O Porriño, 11 de setembro de 2026. O Concello do Porriño encara a fase final das obras de mellora e reforma da pista deportiva CEIP de Budiño. O alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, visitou hoxe o centro educativo para comprobar de primeira man o avanzado estado dos traballos, que están a punto de concluír para o gozo de toda a comunidade escolar.

A actuación responde á necesidade de acondicionar e modernizar este equipamento deportivo.  Entre as tarefas executadas atópase a realización dunha nova losa de formigón na pista de fútbol, a colocación de losetas e o posterior marcado e pintado das liñas regulamentarias das pistas deportivas.

Os traballos alcanzan un orzamento de  36.320,67 euros (IVE incluído). Con esta intervención, o Concello dota ao CEIP de Budiño duns espazos deportivos máis seguros, modernos e axeitados para a práctica da actividade física do alumnado.

Veñense así a completar as obras de mantemento levadas a cabo no colexio que incluiron    traballos de fontanaría para aumentar a presión da auga nos baños do comedor e a instalación de novas luminarias, tanto nas aulas como no ximnasio. Ademais, as obras neste centro inclúen a rehabilitación de baños, cunha inversión superior aos 10.000 euros.

Durante as vacacións de decembro procederase tamén á reforma do parque infantil emprazado na fachada frontal deste colexio que ten na actualidade 135 alumnos. 

O Porriño aproba un orzamento ”que combina responsabilidade e ambición” 

Ascende a 26.804.967 euros, o maior da historia económica municipal, cun incremento do 28,66% respecto do exercicio anterior

O Porriño, 7 de setembro de 2026. O Concello do Porriño aprobou inicialmente este luns en pleno o Orzamento Xeral para o exercicio 2026. A cifra alcanza os 26.804.967 euros, o que supón o maior orzamento da historia económica do municipio cunha subida do 28,66% respecto ao ano anterior. Dende o goberno local subliñan que este documento certifica a recuperación da capacidade financeira do municipio despois de varios exercicios centrados na regularización e no saneamento das contas públicas tras a depuración das facturas irregulares deixadas polo anterior goberno municipal e a amortización total dos préstamos da débeda herdada, o que permite á administración local quedar libre de cargas e tutelas.

Isto permitirá, explicou en pleno o voceiro municipal, Carlos Martínez, “poñer os recursos económicos ao servizo da veciñanza”. Faise, explica a súa vez o alcalde, Alejandro Lorenzo,  “cunhas contas realistas, rigorosas e pensadas para que O Porriño siga medrando en mellores servizos, infraestruturas e espazos para a veciñanza”, apuntando que estas contas son “un exercicio de responsabilidade e ambición”. Responsabilidade, porque parte dun Concello que conseguiu sanear as súas contas, reducir as obrigas pendentes e cancelar a súa débeda financeira. E ambición, porque agora esa recuperación permítenos investir máis, mellorar os servizos públicos e atender mellor as necesidades das persoas.

As liñas mestras son claras: garantir os servizos básicos, atender ás persoas e impulsar o investimento e a transformación do municipio.

Máis de 5 millóns de euros para investimentos reais 

O capítulo de investimentos reais supera os 5 millóns de euros. A partida máis significativa, dotada con 3,9 millóns de euros, está destinada de forma íntegra ás obras de saneamento, consideradas unha infraestrutura estratéxica para o desenvolvemento do Porriño. O resto dos fondos reservarase a actuacións en vías públicas, accesibilidade, equipamentos municipais, seguridade, polígonos industriais, instalacións deportivas e educativas, rehabilitación urbana e actuacións directas nas parroquias.

No eido social e dos servizos públicos, o orzamento contempla novidades destacadas como a partida de 40.000 euros para a posta en marcha de tarxetas de alimentos destinadas a familias en situación de vulnerabilidade, ademais doutros 65.000 euros reservados para a construción da futura residencia de maiores de Torneiros.

Tamén se mantén o apoio económico ao asociacionismo, ao deporte, á cultura e ás comunidades de augas. Así, no orzamento destacan tamén as partidas nominais ás asociacións veciñais que dinamizan os diferentes núcleos de poboación do municipio, as parroquias, ou aos clubs deportivos que seguen apostando polo deporte base, inculcando os valores deportivos aos nosos nenos e nenas. Destínanse case 860.000 euros a estas diferentes entidades, entre as que se atopan tamén algunhas de marcado carácter social como COGAMI, a AECC ou DisCamino.

Ademais, o orzamento recolle tamén o novo programa de bolsas a deportistas individuais e as bolsas aos mellores expedientes académicos, “para seguir premiando o esforzo das persoas do Porriño”.

Servizos públicos fortalecidos sen subir impostos 

Pero o investimento social non se queda aquí. A xestión dos servizos municipais e o gasto corrente en bens e servizos absorberá 13,05 millóns de euros, o capítulo de maior peso económico do orzamento. Esta contía permitirá custear e ampliar prestacións como o servizo de axuda no fogar, o mantemento de centros educativos e deportivos, ou o funcionamento das novas escolas infantís. Nesta partida vai tamén a limpeza viaria ou o subministro eléctrico.

Pola súa banda, o capítulo de persoal situarase en 6,52 millóns de euros, manténdose conxeladas as retribucións e dedicacións da Corporación municipal.

Sen subidas de impostos 

Dende o goberno local remarcan que o incremento da capacidade de gasto faise “sen incrementos xeneralizados de impostos e taxas municipais”, mantendo unha fiscalidade competitiva na contorna. “Seguimos tendo as taxas máis baixas de Galicia, apostando polas nosas empresas e apostando pola nosa cidadanía para que non paguen máis pero sigan desfrutando do mellor”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo. Neste senso destaca o importante labor para conseguir captar recursos doutras administracións, explicando que a capacidade económica da vila susténtase na mellora da xestión interna e no incremento das transferencias correntes doutras Administracións -Estado, Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra-, que suman un total de 9,6 millóns de euros.

O goberno municipal do Porriño presenta un orzamento récord de 26,8 millóns de euros

  • Trátase do maior orzamento da historia da vila cunha forte aposta polo gasto social e o saneamento das parroquias
  • O Concello segue mantendo as taxas e impostos tras amortizar toda a débeda herdada do anterior goberno e eliminar as facturas irregulares

O Porriño, luns, 24 de agosto de 2026. O goberno municipal do Porriño presentará para a súa aprobación nun pleno extraordinario o orzamento máis alto da historia da vila  que ascende a 26.804.967,94 euros. Tamén o capítulo de investimentos é de récord, con máis de cinco millóns de euros, sen aumentar a carga fiscal da cidadanía, é dicir, mantendo as taxas conxeladas.

Este orzamento, explica o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, é froito dunhas contas saneadas e recolle un importante investimento en política social, así como en obras fundamentais para o municipio, como o saneamento nas parroquias, sen subir as taxas municipais, un compromiso irrenunciable para o rexedor. “Seguimos tendo as taxas máis baixas de Galicia, apostando polas nosas empresas e apostando pola nosa cidadanía para que non paguen máis pero sigan desfrutando do mellor”, explica. 

Así, a proposta orzamentaria reforza o compromiso do Goberno local cunha xestión económica responsable, que permite incrementar o gasto en servizos públicos e infraestruturas clave sen aumentar a carga fiscal sobre os veciños e veciñas.

Esta operación é posible, explica o rexedor, grazas ao saneamento integral das contas municipais, a depuración das facturas irregulares do anterior goberno e a amortización total dos préstamos da débeda herdada, o que permite á administración local quedar libre de cargas e tutelas para aprobar un novo orzamento. “O Concello volve ter capacidade e autonomía financeira para aprobar este orzamento sen restricións, sen subir impostos e elixindo as súas prioridades”, explica. Apuntando que no Porriño esas prioridades están nas persoas.

Son unhas contas, engade Lorenzo en rolda de prensa, “realistas, rigorosas e pensadas para que O Porriño siga medrando en mellores servizos, infraestruturas e espazos para a veciñanza”.

Un orzamento social

Cada partida crece, pero faino especialmente a destinada a servizos sociais para que ningunha familia do Porriño se quede atrás. Así, o alcalde, Alejandro Lorenzo, vén de anunciar a creación dunha nova tarxeta social, a “tarxeta familia”, para as persoas máis desfavorecidas do municipio. Unha ferramenta que substituirá o actual banco de alimentos, para que estas familias poidan, a través dos servizos sociais municipais, adquirir produtos de primeira necesidade directamente no supermercado e así desestigmatizalas. “Non queremos colas de pobreza”, apuntou Lorenzo, explicando que o seu goberno quere tender a man a aqueles que máis o precisan, con axudas de emerxencia, pero tamén con programas de inclusión e emprego.

Na partida de servizos sociais,  inclúese tamén a xestión das novas escolas infantís municipais —dúas—, que son totalmente gratuítas para os nenos e as nenas do Porriño e que se veñen sumar este ano á oferta pública das dúas Galiñas Azuis que existen no municipio. Inclúense tamén o Centro de Día e o programa “Xantar na casa”.

Hai partidas tamén para outros grandes proxectos sociais como a nova residencia de maiores que proxecta a Comunidade de Montes de Torneiros.

Subvencións a clubs e asociacións

 O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que todas as partidas medran neste orzamento, con especial atención ao asociacionismo -as diferentes asociacións de todo o concello- e, moi especialmente, aos clubs deportivos, que traballan a diario polo deporte base.

Así, no orzamento destacan tamén as partidas nominais ás asociacións veciñais que dinamizan os diferentes núcleos de poboación do municipio, as parroquias, ou aos clubs deportivos que seguen apostando polo deporte base, “inculcando os valores deportivos aos nosos nenos e nenas”. Destínanse case 860.000 euros a estas diferentes entidades, entre as que se atopan tamén algunhas de marcado carácter social como COGAMI, a AECC ou DisCamino.

Ademais, o orzamento recolle tamén o novo programa de bolsas a deportistas individuais e as bolsas aos mellores expedientes académicos, “para seguir premiando o esforzo das persoas do Porriño”.

Un Porriño máis humanizado

 No apartado de investimentos, o alcalde destaca a existencia de grandes proxectos para seguir facendo “Un Porriño pensado para as persoas, pois a intención deste goberno municipal é seguir transformando o municipio e as súas parroquias en mellores lugares para vivir, con mellores servizos e espazos máis amplos e verdes”.

Ademais, o orzamento recolle case 4 millóns de euros para seguir co saneamento integral da vila. Cos proxectos xa elaborados, explica o rexedor, seguiranse executando estas obras alí onde sexa necesario e se conte con todos os permisos.  Priorizaranse aqueles proxectos que teñan unha maior ratio de vivendas e nos que se posibilite a conexión.

Ademais, inclúe proxectos de vital importancia que transformarán o concello nun municipio máis humanizado e pensado para as persoas, atendendo a cada unha das súas parroquias.

O orzamento aprobarase inicialmente no pleno extraordinario que se convocará para a primeira semana de setembro.

​O Concello do Porriño inviste 75.000 euros en obras de mantemento de todos os colexios públicos

  • ​As actuacións inclúen a reparación de tellados e canalóns, melloras na accesibilidade, renovación de pistas deportivas e parques infantís, e traballos de fontanaría e electricidade.
  • ​Os traballos estanse a executar durante o descanso académico no Colexio Ribeira, CEIP Cruz-Budiño, CEIP Xosé Fernández López, CEIP Plurilingüe Antonio Palacios e CEIP Plurilingüe de Atios.

​O Porriño, 17 de agosto de 2026. – O Porriño está a executar un completo plan de obras de mellora e mantemento en todos os centros educativos públicos do municipio. Unha posta a punto coordinada para responder ás demandas prioritarias de cada colexio e garantir que o alumnado atope unhas instalacións seguras, renovadas e funcionais á volta das vacacións.

Así, no CEIP Ribeira, as intervencións inclúen a eliminación das filtracións detectadas no corredor do terceiro andar e o desatasco de canalóns. No exterior, construíuse unha nova rampa no patio traseiro para mellorar a accesibilidade e estase a proceder á limpeza do patio e da entrada principal, á retirada de malas herbas e á reparación dos elementos do parque infantil. Tamén se repararon as plaquetas danadas, así como os desagües.

No CEIP Cruz-Budiño destacan os traballos de fontanaría para aumentar a presión da auga nos baños do comedor e a instalación de novas luminarias, tanto nas aulas como no ximnasio. Ademais, as obras neste centro inclúen a rehabilitación de baños, e estase a acondicionar o patio infantil, a zona exterior da pista superior e a verxa entre patios, ademais de aplicar unha nova capa de pintura na verxa exterior.

No CEIP Xosé Fernández López instalaranse equipos de climatización para garantir o confort térmico. Estase a realizar tamén a limpeza e revisión de canalóns e tellado, substituíndose o valado do parque infantil na fachada principal por malla Hércules. Ademais, cambiouse a chave de auga xeral do colexio para unha localización máis accesible e vaise repoñer a grava no patio de infantil. Tamén se rehabilitaron baños e se puxo a punto o chan de madeira do ximnasio con un novo pulido cun barniz especial que fai que as instalacións gañen unha calidade similar á do pavillón municipal.

No CEIP Plurilingüe Antonio Palacios estanse reparando elementos deteriorados do parque infantil de primaria, os baños do ximnasio e se reparou o piso dunha das aulas de primaria.

No CEIP Plurilingüe de Atios as obras céntranse no illamento e confort térmico, coa reparación de goteiras e filtracións en diversas zonas, a limpeza integral do tellado e canaletas, e a reparación ou cambio das caixas de persianas para evitar perdas de calor.

“A nosa prioridade é ofrecer unha educación pública de calidade en espazos dignos e seguros”, explica o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, tras visitar as obras en diferentes centros educativos xunto coa concelleira de Educación, Carolina González, e o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto. Todas as actuacións son froito, explicou, das peticións da propia comunidade educativa.

As obras que se están a acometer son as máis urxentes, aínda que non as únicas. O goberno municipal tramita xa un plan de melloras nos parques infantís dos colexios, con traballos de pintura e accesibilidade que conlevan tramitación administrativa para a súa licitación e que se desenvolverán ao longo do ano.

Todas as actuacións están programadas para rematar antes do inicio oficial do curso escolar 2026/2027, asegurando un regreso ás aulas nas mellores condicións para alumnado, profesorado e familias do Porriño.

“Sombra e luz”: O Porriño convida a vivir o eclipse no Faro de Budiño cunha experiencia única de natureza, ciencia e lecer

  • O Concello organiza unha programación especial o vindeiro 12 de agosto para gozar dun dos fenómenos astronómicos máis destacados do ano desde un dos mellores miradoiros naturais do municipio.

O Porriño, 6 de agosto de 2026.– O Concello do Porriño presentou esta mañá “Sombra e luz. Vive o eclipse no Faro de Budiño”, unha proposta coa que o municipio quere converter o Monte Faro de Budiño nun punto de encontro para veciñanza e visitantes durante a observación do eclipse parcial de Sol do próximo 12 de agosto.

A iniciativa nace co obxectivo de ofrecer unha experiencia que vai máis alá da propia observación do fenómeno astronómico, combinando divulgación científica, posta en valor do patrimonio natural e actividades dirixidas a toda a familia nun dos espazos máis emblemáticos do Concello.

A programación dará comezo ás 17:15 horas cun roteiro circular polo Monte Faro de Budiño, unha actividade guiada con prazas limitadas que permitirá descubrir os valores ambientais, paisaxísticos e xeolóxicos desta contorna singular.

Ás 18:15 horas desenvolverase un obradoiro infantil, tamén con inscrición previa, no que os máis pequenos poderán participar nunha actividade de pintacaras e na elaboración de chapas conmemorativas inspiradas no eclipse.

Posteriormente, entre as 19:00 e as 19:45 horas, realizarase a entrega de lentes homologadas e material divulgativo para garantir unha observación segura do eclipse, antes do inicio do fenómeno astronómico.

As persoas interesadas en participar no roteiro ou no obradoiro deberán formalizar previamente a súa inscrición no Rexistro Xeral do Concello do Porriño, de forma presencial ou telemática para garantir a seguridade e o aforo neste espazo habilitado para ese día.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que esta iniciativa supón “unha oportunidade extraordinaria para seguir dando a coñecer o enorme patrimonio natural do noso municipio a través dunha experiencia diferente, pensada para todas as idades. Queremos que O Porriño sexa un referente para vivir este eclipse e que quen nos visite descubra tamén un espazo único como é o Monte Faro de Budiño. O eclipse convértese nunha magnífica oportunidade para achegar a ciencia á cidadanía dun xeito atractivo e participativo, ao tempo que seguimos promovendo os nosos recursos naturais como espazos de encontro e desfrute responsable “

Pola súa banda, a concelleira de Turismo Vanessa Ucha, explicou que “‘Sombra e luz’ representa a nosa forma de entender a promoción turística: crear experiencias que conecten natureza, divulgación, patrimonio e convivencia. Este evento permitirá descubrir o Faro de Budiño desde unha nova perspectiva e reforza a aposta do Concello por ofrecer actividades de calidade vinculadas ao noso territorio.”

Desde o Concello recoméndase acudir con roupa cómoda e calzado deportivo e lémbrase que a observación do eclipse deberá realizarse exclusivamente mediante lentes homologadas, que serán entregadas gratuitamente durante a actividade.

O Concello do Porriño agradece a colaboración da Deputación de Pontevedra, así como a disposición da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común San Salvador de Budiño, que facilita o desenvolvemento da actividade nun enclave privilexiado para a observación deste fenómeno astronómico.

Con “Sombra e luz. Vive o eclipse no Faro de Budiño”, o Concello reafirma a súa aposta por unha programación que combina natureza, turismo, educación e divulgación científica, ofrecendo unha proposta singular para vivir un acontecemento excepcional nun dos espazos naturais máis representativos do municipio.

As obras na antiga escola unitaria de Chenlo avanzan para transformala nun espazo cunha nova vida

  • Convertirase nun espazo cultural de uso comunitario cunha inversión de 48.000 euros

Luns, 27 de xullo de 2026 As obras avanzan a bo ritmo na antiga Unitaria de Chenlo. Uns traballos que a converterán nun espazo cultural de uso comunitario, recuperando así un edificio que durante moito tempo foi un alicerce fundamental como escola. Deste xeito, este espazo volverá ter nenos, nenas e maiores, que poderán desenvolver aquí diversas actividades: cursos, obradoiros, exposicións e outros eventos “que axudarán a dinamizar a parroquia- explica o alcalde, Alejandro Lorenzo – ademais de recuperar un importante patrimonio de Chenlo e do Porriño, como é este edificio ao que daremos unha nova vida”.

O rexedor visitaba xunto a Ramón Porto, o Concelleiro de Vías e Obras, os traballos nos que se están a investir  48.000 euros, na súa maioría orientados a ampliar e optimizar os espazos do edificio, pero tamén a facelo máis eficiente coa impermeabilización do tellado ou a reparación das humidades existentes. Reformaranse ademais os baños,  facéndoos accesibles para adaptalos ás normativas de accesibilidade e confort e cambiando as canalizacións e a instalación interior de fontanaría, así como a instalación eléctrica.

Reformarase tamén o acceso ao novo local social e o seu interior, eliminando as barreiras arquitectónicas, facilitando a mobilidade e garantindo un espazo inclusivo para que todas as persoas poidan ter cabida.

Outro punto importante do orzamento que se está a executar é a reforma do salón de actos, coa ampliación de espazos, que será o espazo onde se poderán realizar grandes eventos.

Recuperación do patrimonio local

Esta iniciativa enmárcase dentro do plan municipal de recuperación e posta en valor de edificios singulares nas distintas parroquias. Neste senso, a antiga escola unitaria de Pontellas comezará a funcionar xa este mes de setembro como escola infantil, logo de ser rehabilitada e ampliada para albergar así as cinco aulas das que dispón, ademais de vestíbulo, oficina, sala multiusos, aseos, vestiario, despensa e cociña. A antiga escola unitaria de Covelo, en Atios, será un centro de día.