Dentro da Rede Natura 8 km. Dificultade baixa, para realizar a pé ou en bicicleta. Inicio e remate no observatorio ornitolóxico das Gándaras.

O noso percorrido comeza na Lagoa de Budiño, espazo de grande interese ecolóxico no que destaca a presenza das comunidades biolóxicas características, como o ambroíño e a espiga de auga, o bosque caducifolio de ribeira (ameneiro e salgueiro), e o sotobosque. No que respecta á fauna aínda se conservan numerosas especies, moitas delas ameazadas, como a cerceta, a garza pequena, o picapeixe, a contra, o espiñento, os pintafontes, os cabaliños do demo, ou os sapoconchos, que contan nas ribeiras do Louro coa poboación máis importante de Galiza.

A continuación chegamos ás barreiras de Orbenlle, antigas explotacións mineiras de extracción de arxilas e caolíns, que foron colonizadas, sendo un hábitat prioritario para moitas especies (algunhas ameazadas), como a cerceta, o picapeixe e o sapoconcho.

Desde a barreira seguimos ata as turbeiras do Cerquido, que é un ecosistema húmido que preserva rexistros da biodiversidade pasada e dos cambios climáticos. As especies máis representativas da turbeira son os musgos do xénero sphagnum, as especies leñosas como a carroucha das brañas, ou as queirugas e as plantas insectívoras coñecidas como roreras ou dioneas papamoscas. Esta turbeira tamén alberga unha poboación dun pequeno peixe chamado espiñento, e serve de acubillo para outras moitas especies como a ra de San Antón ou os sapoconchos.

Deseguida veremos a turbeira de Albelos, que se caracteriza polo mosaico de hábitats que podemos observar, como ríos e regueiros, bosques de ribeira, turbeiras ou prados húmidos. Nalgunhas zonas asolagadas instálanse comunidades vexetais nas que abunda o ameneiro. Os típicos representantes destes hábitats son o sapo raxado, a píntela, a ra de San Antón ou a salamántiga, a lavandeira real, o tordo charlo, a pica dos prados ou a narcexa.

Na igrexa da Madalena (s. XIX) a ruta coincide co Camiño Portugués a Santiago de Compostela, partindo do cruceiro que se atopa na Ponte das Febres. Polas beiras do Louro atoparemos leiras cultivadas, e camiñando baixo o bosque de ribeira chegaremos ata a Ponte do Baranco, onde poderemos ver as poldras.

A última parte da ruta é a Ponte do Baranco. Nas marxes do río Louro e dos seus regueiros atopamos o bosque de ribeira (ameneiro e salgueiro). Por detrás aséntase pequenas carballeiras acompañadas doutras especies coma o loureiro e o sanguiño. Nesta parte da ruta tamén destacan elementos etnográficos como as pontes, as pontellas e as poldras. Estas últimas son unhas curiosas estruturas de pedra, elevadas, que permiten o paso da xente polo camiño adxacente en caso de inundación.