A Xornada de Talento e Inclusión Laboral reuniu no Porriño a aprendices, empresas, CEEIs e representantes institucionais para compartir experiencias e favorecer novas oportunidades laborais.
O Porriño, 7 de outubro de 2026. Lume e Aceesca celebraron este mércores, en colaboración con IN-REDE, a “Xornada de Talento e Inclusión Laboral: Encontros colaborativos entre CEEIs e Empresas”, un encontro enmarcado no programa da Rede Eusumo que reuniu a aprendices, profesionais, empresas, entidades e representantes das administracións para poñer o foco no talento e avanzar na xeración de novas oportunidades laborais.
A xornada enmárcase na recta final das Formacións Duais Adaptadas de Lume, nas que participan 17 aprendices con discapacidade intelectual e que continuarán ata xaneiro de 2027. Durante estes case tres anos desenvolvéronse dous itinerarios formativos (Operacións Básicas de Restaurante e Bar e Actividades Auxiliares de Viveiros, Xardíns e Centros de Xardinería), baixo unha metodoloxía baseada en aprender facendo e no contacto con contornas reais de traballo.
Esa aprendizaxe ten agora a mirada posta no futuro laboral. Fabián Fernández, un dos aprendices, resúmeo cunha petición directa ao tecido empresarial: “Gustaríame traballar nunha empresa ordinaria. Diríalles ás empresas que confíen en nós”.
Da formación ao emprego
Un dos momentos centrais do encontro foi a mesa redonda “A experiencia en primeira persoa: da formación ao emprego”, na que aprendices, profesionais e familias compartiron diferentes perspectivas sobre estes tres anos de Formación Dual Adaptada e sobre o paso da formación ao mercado laboral.
O diálogo permitiu poñer sobre a mesa o valor dos apoios, a experiencia adquirida en contextos laborais reais e a importancia da colaboración coas empresas para que as competencias desenvolvidas durante a formación poidan transformarse en oportunidades de emprego.
A Xornada contou tamén coas intervencións de Dolores Fernández, presidenta de IN-REDE; Doménico Tinelli, xerente de IN-REDE; e Ángeles Leirós, xerente de Lume e Aceesca.
Empresas, entidades e administracións, ante un reto común
A xornada reuniu a representantes do tecido empresarial e social e das diferentes administracións, con presenza de alcaldes e alcaldesas de municipios da contorna.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “a formación abre portas”, augurando que “con este compromiso, dedicatoria e sobre todo con este talento, esas portas se abrirán de par en par”, desexando que tamén, coa axuda das administracións, se sigan abrindo vías para todos os proxectos que teñen Aceesca e Lume. Neste sentido, apuntou que xa non se estaba a falar de “aprendices, senón de profesionais” e animou ás empresas presentes a apostar por eles.
O encontro contou así mesmo coa presenza de Ana Ortiz, delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, e Marta Mariño, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, xunto a representantes doutras institucións, reforzando a importancia da colaboración entre administracións, entidades e empresas para avanzar cara a un mercado laboral con máis oportunidades para as persoas con discapacidade intelectual.
Desde Lume aproveitouse ademais a xornada para reivindicar a necesidade de dar continuidade a iniciativas como a Formación Dual Adaptada e facer un chamamento ás administracións para que este modelo poida seguir desenvolvéndose no futuro.
Neste sentido, Ángeles Leirós, xerente de Lume e Aceesca, sinalou que “non basta con falar de inclusión laboral. Para que exista de verdade necesitamos oportunidades, empresas comprometidas e administracións que aposten por dar continuidade a modelos de formación que están a demostrar o seu valor”.
Porque avanzar cara á inclusión laboral require algo máis que compartir un obxectivo común: require recursos, políticas e accións concretas que permitan xerar oportunidades e soster no tempo os proxectos que as fan posibles.
Máis aló de facer balance do camiño percorrido, Lume quixo aproveitar o encontro para mirar cara ao seguinte paso: achegar o talento das persoas participantes ao tecido empresarial e seguir construíndo, xunto a empresas e administracións, novas oportunidades de inclusión laboral.

