O Porriño acolle un contacontos ilustrado e musicado para homenaxear a Begoña Caamaño 

  • A actividade celebrarase o 8 de xullo na praza Arquitecto Antonio Palacios con narración, música, ilustración, un coloquio e un obradoiro creativo arredor da autora das Letras Galegas 2026 

O Porriño, 7 de xullo de 2026.- O Concello do Porriño acollerá o vindeiro mércores 8 de xullo, ás 10:30 horas, na praza Arquitecto Antonio Palacios, o contacontos ilustrado e musicado “As letras de Begoña Caamaño”, unha proposta cultural promovida pola Deputación de Pontevedra para achegar á cidadanía a figura da escritora e xornalista que xa foi homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

O espectáculo estrutúrase en tres partes nas que se combinarán a narración da biografía da autora, a creación dunha ilustración en directo e distintas interpretacións musicais. Ademais, ao remate desenvolverase un coloquio arredor da súa traxectoria e un obradoiro no que as persoas participantes poderán elaborar a súa propia caricatura da escritora.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, sinaloa que “o Concello continúa apostando por unha programación cultural diversa e de calidade que achegue á veciñanza o patrimonio literario e artístico de Galicia. Estas actividades permítenos render homenaxe a Begoña Caamaño e, ao mesmo tempo, crear un espazo de encontro arredor da lectura, a música e a creatividade”. 

A actividade forma parte dunha xira que percorrerá 35 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia de Pontevedra co obxectivo de dar a coñecer a vida e a obra de Begoña Caamaño a través dun formato aberto á participación e a partir de varias disciplinas artísticas.

Begoña Caamaño desenvolveu boa parte da súa carreira profesional na Radio Galega, onde destacou polo seu labor nos servizos informativos e culturais e pola dirección de programas como Andando a Terra ou Club Cultura. Como escritora, acadou un amplo recoñecemento con obras como Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, converténdose nunha das voces máis relevantes da literatura galega contemporánea e, ao mesmo tempo, nun referente polo seu compromiso coa lingua galega, o feminismo e a realidade social do país.

O Concello do Porriño continúa colaborando para difundir a cultura galega e para promover aquelas actividades que achegan á veciñanza ao legado das figuras máis destacadas das nosas letras.

O Porriño convértese no epicentro das letras coa Feira do Libro do 14 ao 17 de maio

  • Desde o pregón da Libraría Paz ata obradoiros de seres fantásticos e teatro familiar, o programa busca converter o libro no protagonista absoluto do lecer porriñés.

O Porriño, 12 de maio de 2026 O Barrio de San Bieito acollerá desde este xoves a Feira do Libro do Porriño, unha cita imprescindible para os amantes da lectura que contará cunha ampla representación de librarías, autores e actividades culturais para todas as idades.

O evento, que se estenderá ata o domingo 17 de maio, ofrecerá un desconto do 10% en todos os libros. O horario de apertura será de 11:30 a 14:00 h e de 17:30 a 21:00 h, agás o xoves (só pola tarde) e o domingo, que pechará as súas portas ás 20:00 h.

Unha programación para todos os públicos

A feira arrancará oficialmente o xoves 14 ás 18:00 h co acto inaugural e o pregón a cargo da Libraría Paz, precedido pola actuación musical das Cantareiras Fonteliño.

Destaca o rexedor, Alejandro Lorenzo, a historia desta libraría no Porriño, apuntando a importancia das librarías para afianzar o comercio local. “Co desconto do 10% en todos os exemplares, esta é a oportunidade perfecta para que os a cidadanía porriñesa apoie o sector libreiro e leven a cultura ás súas casas. Convido a todo o mundo a participar nos obradoiros e a compartir este tempo cos autores e autoras que nos visitan.”

Entre os pratos fortes da programación destacan as actividades  infantís e familiares, con obradoiros de biblioterapia como “Contos que curan” , o espectáculo “Os Xogos do Paporrubio” e diversas sesións de teatro con Pablísimo e a compañía Pedras de cartón. Haberá, claro, encontros literarios coa  presentación de Mulleres que viven xuntas de Abril Camino ou a actividade de lecturas compartidas “Ler o que les” con Lucía Aldao, Silvia Penas e Samuel Merino o domingo.Tamén obradoiros: o sábado pola tarde, David Rodríguez guiará aos asistentes nun curioso obradoiro sobre os seres fantásticos de Galicia.

Autores nas casetas

Un nutrido grupo de escritores darase cita nas casetas das librarías participantes (Libraría Paz, Porto, Bahía Ribadeo, Copi-Rey, Uróboros, Boulevar e A Gata Tola) para asinar os seus últimos traballos. Entre os autores confirmados figuran Manuel Esteban, Amara Castro Cid, Samuel Ferro, Carlos Gabriel Fernández e Alba López Geada, entre moitos outros.

As persoas interesadas en participar nos obradoiros poden realizar a súa inscrición a través do sitio web oficial da Federación de Librarías de Galicia (www.librarias.org).

Actividades infantís

A Feira contará cun completo programa de actividades pensadas para todas as idades. Dentro destas actividades o Concello do Porriño ten programado  un contacontos que se levará a cabo no barrio de San Bieito o vindeiro 15 de maio (con dúas representacións, ás 11 e ás 12 horas, de 40 minutos de duración cada unha).

Mireia Casal, artista e especialista en desenvolvemento infantil, trasladrá o seu espectáculo de contacontos ao barrio de San Bieito  na data 15 de maio , para o disfrute dos nenos/as do noso Concello.

Como extensión do seu programa de biblioterapia infantil, “Contos que curan” (unha colección de boletíns que se publican periodicamente desde a biblioteca, para previr e xestionar distintos problemas emocionais na infancia), a biblioteca do Porriño ofrece tamén distinta sesións de contacontos nas instalacións da biblioteca.

Desde marzo a xuño, os segundos xoves de cada mes ás 17:30, a contacontos Mireia Casal escolle un dos contos recomendados na publicación para leer ao nenos e nenas de 3  a12 anos de idade.

Estas funcións van destinadas ao alumnado de 6º de Educación Infantil dos centros educativos do Porriño e ao alumnado de Educación Infantil do CEIP de Mosende, o que fai un total de 169 alumnos/as.

“Esta Feira do Libro é moito máis que un mercado de novidades editoriais; é a porta a universos infinitos que abrimos para toda a veciñanza do Porriño. Queremos que nenos, nenas e adultos se acheguen á carpa de actividades para gozar dunha programación que mestura literatura, música e teatro”, dixo Lorenzo.

Esta edición da Feira do Libro está organizada pola Federación de Librarías de Galicia e conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello do Porriño e a Deputación de Pontevedra.

Podes consultar o programa premendo aquí.

Libros que Latexan pecha con broche de ouro na biblioteca do Porriño

  • A Biblioteca Municipal do Porriño acolleu a mostra final deste obraoiro que puxo en valor a literatura

O Porriño, 08 de maio de 2026. O Concello do Porriño, a través da Biblioteca Municipal, estivo a desenvolver durante os meses de marzo e a abril o obradoiro de expresión e creación Libros que latexan, que convidou a veciñanza a transformar a lectura nunha experiencia viva a través de ferramentas de diferentes campos artísticos.

Este xoves, 7 de maio, a sala de lectura da Biblioteca, sita no primeiro andar do Centro Cultural Municipal do Porriño (Avda. Domingo Bueno, 9), acolleu a última sesión desta actividade, cunha mostra en aberto dalgúns dos procesos e materiais desenvolvidos ao longo das oito sesións do obradoiro.

O programa, impartido por Ana Abad de Larriva, coordinadora e dinamizadora do club de lectura municipal, estruturouse arredor de varios eixes temáticos (o latexo do espazo, das palabras, do corpo, da memoria e da voz, entre outros), que se interrelacionaron nun proceso lúdico e progresivo, combinando lectura sensorial, escritura creativa e expresión oral e corporal.

Ademais de fomentar a expresión e a creación nas persoas participantes e poñer en valor a vida dos libros, o obradoiro e esta mostra final aberta tamén reforzan o papel da Biblioteca Municipal como auténtica “casa dos libros” para a cidadanía: un lugar de encontro, relación, aprendizaxe permanente e intercambio creativo que contribúe ao desenvolvemento persoal e colectivo.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacara xa na presentación de Libros que latexan a importancia desta iniciativa cultural, que promove a participación e reforza o papel da biblioteca como motor social: “Queremos que a nosa Biblioteca sexa moito máis que un lugar de préstamo de libros; queremos que sexa un espazo vivo, onde a cultura se comparta, se experimente e se cree en comunidade. Libros que latexan representa perfectamente esa filosofía: ler, sentir e transformar as historias en experiencia compartida”.

O Porriño celebra no parque Alba de Torneiros a V Xuntanza Literaria: unha xornada adicada á lectura en galego 

  • Máis de 400 persoas participarán o 24 de abril nun encontro interxeracional que reivindica a lectura en galego como ferramenta de unión e inclusión 
  • Haberá música, engadindo unha dimensión lúdica á xornada.

22 de abril de 2026, O Porriño. O parque Alba de Torneiros converterase o vindeiro 24 de abril nun gran espazo de encontro arredor da palabra. Alí máis de 400 persoas —entre alumnado, profesorado, persoas maiores e usuarios de entidades sociais— daranse cita na V Xuntanza Literaria, unha iniciativa que medra ano tras ano e que consolida ao Porriño como referente na promoción da lectura en galego.

Impulsada polo Concello do Porriño, a través da Concellería de Educación, Normalización Lingüística e a OMIX, en colaboración cos departamentos de Biblioteca dos centros educativos do municipio, a xornada desenvolverase de 10:30 a 13:00 horas cun programa que mestura lectura, convivencia e expresión artística.

A mañá comezará coa chegada das persoas participantes e dará paso a un tempo compartido de lecturas individuais e colectivas, recomendacións literarias e intercambio de experiencias. Un exercicio colectivo no que a lingua galega será o fío condutor, unindo xeracións distintas nun mesmo espazo e arredor dun mesmo interese: o pracer de ler.

Nesta edición volverán estar presentes centros educativos de todo o municipio: o CPR Santo Tomás, o  IES Pino Manso, o CEIPP Fernández López, o CPR Hermanos Quiroga, o CEIPP Antonio Palacios, o IES Ribeira do Louro, o CEIP da Cruz-Budiño, o CEIPP de Atios e o CEIPP da Ribeira— xunto con entidades como ACEESCA, o Centro de Día de Torneiros e a Asociación AFAGA, reforzando así o carácter inclusivo desta cita.

A música, como extensión natural da palabra, terá tamén o seu espazo a partir das 12:00 horas coa actuación “Isto é Rock!”, un concerto didáctico para toda a familia a cargo de Javier Becerra e Carolina Rubirosa. Un espectáculo pensado para achegar a música dun xeito próximo e participativo, engadindo unha dimensión lúdica á xornada.

A Xuntanza Literaria celébrase coa vontade de fomentar o uso da lingua galega e o hábito lector entre a infancia e a mocidade, pero tamén de tender pontes entre xeracións, promovendo a transmisión cultural e a inclusión social a través da cultura. Un encontro no que a lectura deixa de ser un acto individual para converterse nunha experiencia compartida.

“Esta actividade busca fomentar o hábito lector entre a mocidade, así como impulsar a creatividade e a capacidade de expresión do alumnado. É importante crear espazos de encontro arredor da literatura, favorecendo a participación activa dos escolares e o seu achegamento á cultura dun xeito lúdico e enriquecedor”, sinala a concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Carolina González Costas.

Con esta quinta edición, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa lingua galega e coa cultura como ferramentas de cohesión social, facendo da lectura un punto de encontro aberto, diverso e vivo.

A Biblioteca do Porriño, gañadora do Premio Nacional REBIUN 2026 polo proxecto de biblioterapia infantil “Contos que curan”

  • A noticia non puido chegar nun momento máis simbólico. O alcalde do Porriño recibiu a confirmación oficial de que a Biblioteca Municipal foi a gañadora da VIII edición do Premio REBIUN mentres se atopaba nas propias instalacións do centro, rodeado de libros e nenos e nenas celebrando o Día do Libro.
  • O “Premio REBIUN ás boas prácticas en biblioteca”, un dos máis importantes de España no ámbito das bibliotecas, está destinado a recoñecer o mellor proxecto de boas prácticas levado a cabo por bibliotecas españolas non universitarias, así como por organismos relacionados coas bibliotecas como colexios profesionais, asociacións e institucións bibliotecarias.

O Porriño, 23 de abril de 2026. A cultura porriñesa está de parabéns. A Biblioteca Municipal do Porriño foi distinguidaco “Premio REBIUN ás boas prácticas en biblioteca”, un dos máis importantes de España no ámbito das bibliotecas, que está destinado a recoñecer o mellor proxecto de boas prácticas levado a cabo por bibliotecas españolas non universitarias, así como por organismos relacionados coas bibliotecas como colexios profesionais, asociacións e institucións bibliotecarias.

Na súa VIII convocatoria, no 2026 a Red de Bibliotecas Universitarias y Científicas Españolas (REBIUN), concedeu este galardón único á Biblioteca do Porriño polo seu proxecto de biblioterapia infantil “Contos que curan”, unha colección de boletíns temáticos que teñen como obxectivo axudar a previr, identificar e xestionar distintos problemas e trastornos mentais na infancia.

Precisamente, a comunicación do prestixioso galardón coincidiu coa celebración dunha sesión de “Contos que Curan”, unha das actividades programadas con motivo do Día do Libro. O alcalde, Alejandro Lorenzo, participaba na xornada xunto ao alumnado de 2º de Primaria do CEIP Antonio Palacios. A alegría desbordouse na sala cando Albino Alonso Rodríguez e David Pérez Rego, responsables da Biblioteca, confirmaron que a Biblioteca do Porriño fora elixida entre proxectos de toda España polas súas boas prácticas e o seu compromiso social. “Recibir este premio precisamente aquí, cos escolares do Antonio Palacios e celebrando o poder da lectura, é o mellor recoñecemento posible ao esforzo de todo o persoal bibliotecario”, destacou o alcalde tras coñecer a noticia.

O premio

Os proxectos e experiencias aptos para presentarse a este premio deben estar encamiñados á boa xestión das bibliotecas, ao favorecemento do acceso equitativo á información e a cultura, á mellora do acceso aos servizos bibliotecarios ou o uso innovador da tecnoloxía no contexto bibliotecario. Ademais, deben estar vinculados ao desenvolvemento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Axenda 2030.

O xurado do premio destaca que este proxecto promove o acceso equitativo á información e á cultura, ao crear un recurso documental para informar e axudar á comunidade, cun forte compromiso social. Tamén, que consegue mellorar o acceso aos servizos bibliotecarios, porque baseándose nas funcións tradicionais das bibliotecas (busca, selección, clasificación e recomendación de lecturas), créase un novo servizo documental aberto, gratuíto e accesible en varias linguas e formatos, o que aumenta o número de usuarios potenciais en todo o mundo hispanofalante.

Contos que curan

A colección “Contos que curan” está composta por boletíns que se publican periodicamente. Cada número está centrado nun tema, sobre o que se ofrece un extenso repertorio de contos recomendados para xestionar o problema en cuestión. O persoal da biblioteca porriñesa busca, selecciona, clasifica e ofrece a información completa de cada conto, para que familias, colectivos educativos ou profesionais da saúde podan ter unha práctica guía de recursos coa que levar a cabo unha “terapia con libros”. Os destinatarios do proxecto son nenos e nenas de 3 a 12 anos, unha etapa fundamental para a prevención, detección e tratamento de problemas emocionais que poden condicionar a vida do menor.

Ata a data, téñense publicado tres números desta colección (“Morte e loito”, “Acoso escolar” e recentemente, “Timidez e fobia social”) que tratará outras cuestións como a sexualidade, o sono e o medo á escuridade, a normalización da neurodiverxencia (autismo, dislexia, TDAH, síndrome de Down, etc.) e capacidades múltiples, a baixa autoestima, os malos tratos, etc.

Os boletíns son publicados en formato físico e distribuídos gratuitamente a persoas e institucións que podan estar interesados para usar estas seleccións de lectura co obxectivo de realizar unha mediación lectora e terapéutica máis eficaz. Ademais, son publicados en formato dixital, en galego e castelán, e colgados na páxina web da biblioteca para a súa descarga libre e gratuíta.

O Premio REBIUN, dotado con 3.000 euros e diploma acreditativo, será entregado na próxima Conferencia Anual de REBIUN, que se celebrará no paraninfo da Universidade de Albacete o vindeiro 27 de maio.

O Porriño celebra no parque Alba de Torneiros a V Xuntanza Literaria: unha xornada adicada á lectura en galego

  • Máis de 400 persoas participarán o 24 de abril nun encontro interxeracional que reivindica a lectura en galego como ferramenta de unión e inclusión
  • Haberá música, engadindo unha dimensión lúdica á

22 de abril de 2026, O Porriño.– O parque Alba de Torneiros converterase o vindeiro 24 de abril nun gran espazo de encontro arredor da palabra. Alí máis de 400 persoas —entre alumnado, profesorado, persoas maiores e usuarios de entidades sociais— daranse cita na V Xuntanza Literaria, unha iniciativa que medra ano tras ano e que consolida ao Porriño como referente na promoción da lectura en galego.

Impulsada polo Concello do Porriño, a través da Concellería de Educación, Normalización Lingüística e a OMIX, en colaboración cos departamentos de Biblioteca dos centros educativos do municipio, a xornada desenvolverase de 10:30 a 13:00 horas cun programa que mestura lectura, convivencia e expresión artística.

A mañá comezará coa chegada das persoas participantes e dará paso a un tempo compartido de lecturas individuais e colectivas, recomendacións literarias e intercambio de experiencias. Un exercicio colectivo no que a lingua galega será o fío condutor, unindo xeracións distintas nun mesmo espazo e arredor dun mesmo interese: o pracer de ler.

Nesta edición volverán estar presentes centros educativos de todo o municipio: o CPR Santo Tomás, o IES Pino Manso, o CEIPP Fernández López, o CPR Hermanos Quiroga, o CEIPP Antonio Palacios, o IES Ribeira do Louro, o CEIP da Cruz-Budiño, o CEIPP de Atios e o CEIPP da Ribeira— xunto con entidades como ACEESCA, o Centro de Día de Torneiros e a Asociación AFAGA, reforzando así o carácter inclusivo desta cita.

A música, como extensión natural da palabra, terá tamén o seu espazo a partir das 12:00 horas coa actuación “Isto é Rock!”, un concerto didáctico para toda a familia a cargo de Javier Becerra e Carolina Rubirosa. Un espectáculo pensado para achegar a música dun xeito próximo e participativo, engadindo unha dimensión lúdica á xornada.

A Xuntanza Literaria celébrase coa vontade de fomentar o uso da lingua galega e o hábito lector entre a infancia e a mocidade, pero tamén de tender pontes entre xeracións, promovendo a transmisión cultural e a inclusión social a través da cultura. Un encontro no que a lectura deixa de ser un acto individual para converterse nunha experiencia compartida.

“Esta actividade busca fomentar o hábito lector entre a mocidade, así como impulsar a creatividade e a capacidade de expresión do alumnado. É importante crear espazos de encontro arredor da literatura, favorecendo a participación activa dos escolares e o seu achegamento á cultura dun xeito lúdico e enriquecedor”, sinala a concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Carolina González Costas.

Con esta quinta edición, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa lingua galega e coa cultura como ferramentas de cohesión social, facendo da lectura un punto de encontro aberto, diverso e vivo.

IV Concurso Infantil de Postais de Nadal do Concello do Porriño

A Concellería de Educación e Normalización Lingüística do Porriño convoca, un ano máis, o IV Concurso Infantil de Postais de Nadal 2024.

Por cuarto ano consecutivo, o Servizo de Normalización Lingüística do Porriño organiza este concurso co obxectivo de que as/os máis pequenas/os feliciten as festas do Nadal a toda veciñanza.

Mediante a creación dunha postal decorativa e cunha mensaxe positiva creada en lingua galega, as nenas e nenos poderán demostrar a súa creatividade artística á vez de usan a lingua galega como medio para felicitar as festas. Deste xeito, como xa vén sendo habitual nestas datas, Concello do Porriño busca dinamizar o uso da lingua galega nun grupo de idade clave para o fomento dos hábitos lingüísticos.

Poderán participar nenas e nenos con idades comprendidas entre os 3 e os 14 anos a través de postais orixinais e inéditas escritas en lingua galega. Estas poderanse entregar do 6 ao 26 de decembro de 2024 na caixa de devolución de libros da Biblioteca Municipal do Porriño, sita no exterior do Centro Cultural Municipal ou en man na propia Biblioteca.

Establécense 3 categorías de premios, con tres premios por cada categoría, consistentes en lotes de material escolar. A derradeira semana do ano colgarase a relación de persoas premiadas tanto nas redes sociais coma no taboleiro de anuncios do Centro Cultural Municipal.

 A entrega de premios efectuarase o venres 3 de xaneiro ás 17 horas no salón de plenos municipal.

Podes consultar as bases en: https://ecultura.net

Tamén se pode consultar a información en: https://normalizacionlinguisticaoporrino.wordpress.com/2024/12/05/iv-concurso-infantil-de-postais-de-nadal-2024/

Os nenos e nenas coñecen o seu concello a través da lingua

O Concello do Porriño retomou hoxe as visitas dos nenos e nenas do Porriño á Casa Consistorial. Esta actividade, dirixida ao alumnado de 3º de Educación Primaria e ao alumnado de Aceesca, desenvolverase nos meses de novembro, decembro e xaneiro en diferentes quendas.

En total serán 174 nenos e nenas os que participarán destas visitas guiadas organizadas pola Concellería de Educación e Normalización Lingüística e a OMIX co obxectivo de que coñezan un pouco mais o funcionamento do Concello, á vez que dinamizan a lingua e cultura galegas.

A técnica de Normalización Lingüística do Concello do Porriño, Andrea González Pereira, é a encargada de guiar ao alumnado para darlles a coñecer a súa historia, as distintas salas e espazos, o organigrama dos departamentos e o seu funcionamento interno. O emprego de léxico administrativo galego, así como o desenvolvemento dun pequeno glosario galego-castelán de termos cotiás dun concello, fan que as visitas guiadas teñan, unha vez máis, a lingua galega como o elemento catalizador. Hoxe foron os nenas e nenos do colexio Hermanos Quiroga os que percorreron os corredores das dependencias municipais, entraron no salón de plenos, na alcaldía ou no balcón desde o que tradicionalmente se pregoa o inicio do Entroido, das festas do Cristo…, á vez que reafirmaron a importancia da lingua nunha Administración pública e o funcionamento do Servizo de Normalización Lingüística do seu Concello.