O goberno municipal do Porriño presenta un orzamento récord de 26,8 millóns de euros

  • Trátase do maior orzamento da historia da vila cunha forte aposta polo gasto social e o saneamento das parroquias
  • O Concello segue mantendo as taxas e impostos tras amortizar toda a débeda herdada do anterior goberno e eliminar as facturas irregulares

O Porriño, luns, 24 de agosto de 2026. O goberno municipal do Porriño presentará para a súa aprobación nun pleno extraordinario o orzamento máis alto da historia da vila  que ascende a 26.804.967,94 euros. Tamén o capítulo de investimentos é de récord, con máis de cinco millóns de euros, sen aumentar a carga fiscal da cidadanía, é dicir, mantendo as taxas conxeladas.

Este orzamento, explica o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, é froito dunhas contas saneadas e recolle un importante investimento en política social, así como en obras fundamentais para o municipio, como o saneamento nas parroquias, sen subir as taxas municipais, un compromiso irrenunciable para o rexedor. “Seguimos tendo as taxas máis baixas de Galicia, apostando polas nosas empresas e apostando pola nosa cidadanía para que non paguen máis pero sigan desfrutando do mellor”, explica. 

Así, a proposta orzamentaria reforza o compromiso do Goberno local cunha xestión económica responsable, que permite incrementar o gasto en servizos públicos e infraestruturas clave sen aumentar a carga fiscal sobre os veciños e veciñas.

Esta operación é posible, explica o rexedor, grazas ao saneamento integral das contas municipais, a depuración das facturas irregulares do anterior goberno e a amortización total dos préstamos da débeda herdada, o que permite á administración local quedar libre de cargas e tutelas para aprobar un novo orzamento. “O Concello volve ter capacidade e autonomía financeira para aprobar este orzamento sen restricións, sen subir impostos e elixindo as súas prioridades”, explica. Apuntando que no Porriño esas prioridades están nas persoas.

Son unhas contas, engade Lorenzo en rolda de prensa, “realistas, rigorosas e pensadas para que O Porriño siga medrando en mellores servizos, infraestruturas e espazos para a veciñanza”.

Un orzamento social

Cada partida crece, pero faino especialmente a destinada a servizos sociais para que ningunha familia do Porriño se quede atrás. Así, o alcalde, Alejandro Lorenzo, vén de anunciar a creación dunha nova tarxeta social, a “tarxeta familia”, para as persoas máis desfavorecidas do municipio. Unha ferramenta que substituirá o actual banco de alimentos, para que estas familias poidan, a través dos servizos sociais municipais, adquirir produtos de primeira necesidade directamente no supermercado e así desestigmatizalas. “Non queremos colas de pobreza”, apuntou Lorenzo, explicando que o seu goberno quere tender a man a aqueles que máis o precisan, con axudas de emerxencia, pero tamén con programas de inclusión e emprego.

Na partida de servizos sociais,  inclúese tamén a xestión das novas escolas infantís municipais —dúas—, que son totalmente gratuítas para os nenos e as nenas do Porriño e que se veñen sumar este ano á oferta pública das dúas Galiñas Azuis que existen no municipio. Inclúense tamén o Centro de Día e o programa “Xantar na casa”.

Hai partidas tamén para outros grandes proxectos sociais como a nova residencia de maiores que proxecta a Comunidade de Montes de Torneiros.

Subvencións a clubs e asociacións

 O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que todas as partidas medran neste orzamento, con especial atención ao asociacionismo -as diferentes asociacións de todo o concello- e, moi especialmente, aos clubs deportivos, que traballan a diario polo deporte base.

Así, no orzamento destacan tamén as partidas nominais ás asociacións veciñais que dinamizan os diferentes núcleos de poboación do municipio, as parroquias, ou aos clubs deportivos que seguen apostando polo deporte base, “inculcando os valores deportivos aos nosos nenos e nenas”. Destínanse case 860.000 euros a estas diferentes entidades, entre as que se atopan tamén algunhas de marcado carácter social como COGAMI, a AECC ou DisCamino.

Ademais, o orzamento recolle tamén o novo programa de bolsas a deportistas individuais e as bolsas aos mellores expedientes académicos, “para seguir premiando o esforzo das persoas do Porriño”.

Un Porriño máis humanizado

 No apartado de investimentos, o alcalde destaca a existencia de grandes proxectos para seguir facendo “Un Porriño pensado para as persoas, pois a intención deste goberno municipal é seguir transformando o municipio e as súas parroquias en mellores lugares para vivir, con mellores servizos e espazos máis amplos e verdes”.

Ademais, o orzamento recolle case 4 millóns de euros para seguir co saneamento integral da vila. Cos proxectos xa elaborados, explica o rexedor, seguiranse executando estas obras alí onde sexa necesario e se conte con todos os permisos.  Priorizaranse aqueles proxectos que teñan unha maior ratio de vivendas e nos que se posibilite a conexión.

Ademais, inclúe proxectos de vital importancia que transformarán o concello nun municipio máis humanizado e pensado para as persoas, atendendo a cada unha das súas parroquias.

O orzamento aprobarase inicialmente no pleno extraordinario que se convocará para a primeira semana de setembro.

O Porriño consolida a súa solidariedade e sitúase entre os concellos con maior taxa de doazóns de sangue da provincia

  • O ano pasado rexistráronse 1.286 doazóns no municipio, o que supón unha taxa de 61 por cada 1.000 habitantes, superando amplamente a media galega.

O Porriño, 18 de agosto de 2026. O Porriño consolida a súa solidariedade e sitúase entre os concellos con maior taxa de doazóns de sangue da provincia. Segundo os últimos datos do reconto anual, o municipio acadou o ano pasado un total de 1.286 doazóns de sangue, unha cifra que consolida á localidade como un dos grandes referentes en doación da provincia de Pontevedra.

Estes datos tradúcense nunha taxa de 61 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, un índice moi destacado que supera en 22 puntos a media galega, situada actualmente en 39 doazóns por cada milleiro de residentes. Grazas a esta elevada participación, O Porriño situouse entre os concellos coas taxas máis altas de toda a provincia.

Cada doazón conta: Un chamamento a seguir doando

Malia os excelentes resultados acadados, a necesidade de reservas nos hospitais galegos é constante ao longo de todo o ano, especialmente en época estival, por iso o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, xunto con José Luis Beiras Padella,  Xerente da Axencia de Doación de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), animaron á veciñanza a seguir colaborando, sobre todo nesta campaña especial de verán.

Na visita que fixeron esta mañá á unidade móbil, volveron a poñer de manifesto a importancia de garantir as reservas necesarias nos hospitais galegos durante unha das épocas do ano con maior demanda e máis dificultades para manter un nivel suficiente de doazóns. “Podemos sacar peito destes bos datos-asegurou Lorenzo- pero non podemos baixar a guarda, porque cada día precísanse centos de doacións”.

Na actualidade, os hospitais de Galicia precisan máis de 400 doazóns de sangue cada día para atender intervencións cirúrxicas, tratamentos oncolóxicos, transplantes, urxencias e outras necesidades asistenciais. Ademais, dunha única doazón pódense obter tres compoñentes —glóbulos vermellos, plasma e plaquetas— que permiten axudar a máis dun paciente.

O Porriño desborda festa e tradición nas súas parroquias durante todo o mes de agosto

  • O municipio desprega ao longo de todo o mes unha ampla programación con celebracións patronais, obradoiros na rúa, actividades infantís e probas deportivas

O Porriño, 31 de xullo de 2026. O mes de agosto arrinca no Porriño marcado por unha intensa axenda festiva e cultural que se estenderá polas distintas parroquias e polo centro urbano, comezando coas tradicionais festas de San Benito na parroquia de Atios, que se celebrarán durante os días 1, 2 e 3.. 

O calendario festivo continuará espallándose polas distintas parroquias e barrios do municipio ao longo de todo o mes. Tras a cita de Atios, o Centro Recreativo Cultural Mosteiro de Budiño acollerá a Xuntanza de San Salvador do 7 ao 9 de agosto, mentres que Pontellas celebrará as súas festas de Santo Paio entre o 8 e o 10. A mediados de mes, do 14 ao 16 de agosto, a actividade intensificarase coa celebración da Virxe da Guía en Atios e de San Roque en Torneiros. As citas patronais pecharanse coas festas de San Sebastián o 22 e 23 de agosto e a celebración do Neno Xesús de Chenlo o domingo 30.

A Praza Arquitecto Antonio Palacios converterase no principal punto de encontro do centro da vila. Alí, os máis pequenos poderán gozar todos os domingos de agosto, entre as cinco e as oito da tarde, de inchables e dun tobogán de auga. Ademais, quen busque manterse en forma ao ritmo da música poderá participar nas clases gratuítas de zumba que se celebrarán os martes e xoves ás nove da noite. A oferta no centro inclúe tamén outras actividades como a do sábado 22 de agosto ás oito e media da noite co espectáculo de ilusionismo “2 Ilusionistas cunhas maxias subversivas”, a cargo da Maga Fani e Martín Camiña, dentro do ciclo Cultura no Camiño.

Campionato de España de maquetas

Xunto ás opcións de lecer e tradición, o deporte de precisión terá tamén o seu espazo destacado este verán. A pista de aeromodelismo de Pontellas será a sede do Campionato de España de Maquetas nas categorías F4C, F4H e F4 Iniciación, un evento de ámbito estatal que se desenvolverá ao longo dos días 14, 15 e 16 de agosto.

O Concello do Porriño investirá máis de 350.000 euros na renovación das súas áreas infantís

  • Anúnciase a licitación de 11 novos parques por un investimento de 225.000 euros, que se suman aos 125.000 euros dos tres espazos de Torneiros, cuxas obras xa están en marcha

O Porriño, 28 de xullo de 2026. O Concello do Porriño dá un novo paso na modernización dos seus espazos públicos coa próxima licitación das obras de mellora de 11 parques infantís do municipio, cun orzamento total de 225.000 euros. Este novo paquete de actuacións súmase aos 125.000 euros xa licitados para a intervención nos tres parques de Torneiros, elevando o investimento total destinado á renovación e posta a punto das zonas de xogo infantís do municipio a máis de 350.000 euros.

A nova licitación de 225.000 euros permitirá extender a modernización da rede municipal de parques tanto ao casco urbano como ás distintas parroquias. Dependendo do estado das instalacións, contémplase a colocación de novos elementos de xogo ou a reparación dos existentes. Do mesmo xeito, procederase á renovación dos pavimentos continuos por superficies amortecedoras e accesibles, ao tempo que se adecuarán as zonas de descanso.

 As actuacións son diversas: no parque de Mosteiro, por exemplo, resituaranse os elementos existentes, repararase un elemento do parque biosaudable, instalarase un novo multixogo e bancos para o descanso, e cambiarase o pavimento. No parque de Carracido, ademais da instalación dunha mesa de pedra, colocarase unha tirolina e un muro de escalada. No parque de Sanguío, ademais do cambio de pavimento, instalaranse novos xogos infantís: un balancín, un tobogán e unha mesa de xogo. E así, ata 11.

Obras xa en marcha

Mentres se ultiman os trámites para lanzar a licitación dos 11 novos parques, os traballos nos tres espazos infantís de Torneiros xa se atopan en plena execución. O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Parques e Xardíns, Marcos Martínez, visitaron recentemente os avances destas obras, cuxa actuación de maior envergadura se concéntrase na Fase II, cun orzamento específico de 70.234,82 euros.

“Queremos seguir mellorando o que máis nos importa, os mais cativos e cativas”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo durante a visita, engadindo que os de Torneiros son o comezo, os primeiros espazos en mellorar con “espazos máis seguros modernos e accesibles”.

Esta intervención en Torneiros inclúe a creación dunha nova zona de xogo dotada de pavimento de céspede artificial ou a instalación duns estanque ornamental accesible de 38 metros cadrados con iluminación LED subacuática.

A Agrupación de Protección Civil do Porriño reforza a súa capacidade de intervención grazas a unha subvención da Deputación de Pontevedra

  • A achega de 5.000 euros permitiu incorporar novo equipamento para emerxencias, rescate, atención sanitaria e formación dos voluntarios

O Porriño, 22 de xullo de 2026.- A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Porriño vén de reforzar os seus medios materiais grazas a unha subvención de 5.000 euros concedida pola Deputación de Pontevedra. Esta actuación, destinada á adquisición de novo equipamento para emerxencias e formación, permite mellorar a capacidade de resposta da agrupación en intervencións de protección civil, rescate e atención sanitaria, reforzando o servizo que presta á veciñanza do municipio.

Entre as adquisicións realizadas, explica Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño, destaca unha bomba portátil Vilpin 75 con motor Briggs XR-2100, especialmente útil para labores de achique e intervención en inundacións, así como dúas lanzas de caudal Viper, que melloran a eficacia en traballos relacionados con incendios e subministración de auga. O rexedor destacau o gran labor que fan os voluntarios desta agrupación.

A subvención tamén serviu para dotala agrupación duns importante lote de material de rescate, inmobilización e formación, entre o que se inclúen un taboleiro espiñal, unha maca plegable de aluminio, unha cadeira de evacuación, un xogo de férulas de baleiro, un inmobilizador de columna e de cabeza, sistemas de correas, un chaleco para manobras de desobstrución da vía aérea, ademais de diverso material didáctico para a formación en reanimación cardiopulmonar, como un conxunto Little Family QCPR, modelos anatómicos e un desfibrilador de adestramento.

A inversión total xustificada ascende a 5.966,80 euros, superando o importe da axuda concedida, o que pon de manifesto o compromiso da Agrupación de Protección Civil do Porriño coa mellora continua dos seus recursos e da atención que presta á cidadanía.

Dende a Agrupación de Protección Civil do Porriño agradecen o respaldo da Deputación de Pontevedra, cuxa colaboración permite seguir modernizando o equipamento co que os voluntarios afrontan actuacións de emerxencia, prevención e apoio a outros servizos públicos. A incorporación destes novos medios redundará naxunha resposta máis rápida, eficaz e segura en beneficio de toda a poboación do Porriño.

O primeiro encontro entre profesionais da saúde mental no Porriño pon sobre a mesa a realidade do sector

O Porriño, 17 de xullo de 2026. Profesionais da saúde mental reuníronse esta mañá no Porriño nun primeiro ‘Almorzo de coidados entre profesionais’, un espazo creado para compartir experiencias, reflexionar sobre os retos da práctica clínica e fortalecer as redes de apoio entre compañeiras e compañeiros do sector.


O encontro nace coa vontade de ofrecer un lugar de diálogo seguro e horizontal onde abordar cuestións que afectan ao exercicio profesional, como a soidade profesional, a fatiga emocional e o burnout, as dificultades que se repiten na consulta, así como a crecente complexidade das demandas sociais.


Durante esta primeira xornada celebrada no Porriño , as persoas participantes puxeron de manifesto a necesidade de crear espazos estables de encontro, supervisión e intervisión, favorecendo o coidado mutuo e o intercambio de recursos entre profesionais. Tamén se abriu un debate sobre a importancia de fortalecer a comunicación coas institucións e de impulsar iniciativas conxuntas que contribúan a mellorar o benestar tanto dos profesionais como das persoas ás que acompañan.


A sesión concluíu cunha reflexión colectiva sobre os próximos pasos, manifestando o interese compartido por dar continuidade a este tipo de encontros e consolidar unha rede de apoio profesional na comarca.


Esta primeira edición supón un punto de partida para visibilizar a realidade da profesión, promover o coidado de quen coida e fomentar unha práctica máis sostible e colaborativa no ámbito da saúde mental.

Sindicatos e concesionaria do lixo do Porriño alcanzan un preacordo e suspenden a folga prevista para esta semana

  • Tras semanas de mediación, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, asegura que é unha boa nova para a cidadanía e tamén para os traballadores

O Porriño, 8 de xullo de 2026. Suspendida a folga do lixo no Porriño tras un preacordo asinado entre a empresa concesionaria e os sindicatos, e tras semanas de mediación por parte do Concello que, malia tratarse dun problema estritamente interno da empresa, decidiu interceder para defender o interese xeral da cidadanía e evitar o grave prexuízo que un paro de cinco días suporía para a salubridade das rúas. Así, o alcalde mantivo reunións tanto coa empresa como con representantes sindicais ata acadar este compromiso.

“En xeral é unha boa nova para a cidadanía do Porriño e tamén para os traballadores”, declarou Alejandro Lorenzo, alcalde do municipio, “satisfeito porque isto supón poder evitar unha folga e tamén poder mellorar os salarios dos traballadores e traballadoras nun servizo que non se vai interromper”. Neste senso, agradeceu á plantilla que traballa no servizo e á empresa o achegamento de posturas.

O Concello do Porriño súmase á campaña de verán para fomentar a doazón de sangue

  • A unidade móbil de ADOS estará instalada os días 3 e 4 de xullo na Avenida Domingo Bueno para facilitar a participación da veciñanza nun acto solidario que salva vidas

O Porriño, 3 de xullo de 2026.- O Concello do Porriño convida a colaborar coa Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) na campaña especial de verán de doazón de sangue, unha iniciativa que busca garantir as reservas necesarias nos hospitais galegos durante unha das épocas do ano con maior demanda e máis dificultades para manter un nivel suficiente de doazóns.

Con este obxectivo, a unidade móbil de ADOS desprazarase ao municipio os días venres 3 e sábado 4 de xullo, situándose na Avenida Domingo Bueno, ao carón do Centro Cultural. O venres estará operativa de 10:00 a 14:30 horas e de 16:00 a 21:00 horas, mentres que o sábado atenderá ás persoas doantes de 10:00 a 15:00 horas.

A campaña de verán, que se desenvolve entre o 15 de xuño e o 31 de agosto, pretende sensibilizar á cidadanía sobre a importancia da doazón nun período no que aumenta a mobilidade da poboación e, ao mesmo tempo, continúan as necesidades asistenciais dos hospitais. Durante estes meses, ADOS mobilizará dez unidades móbiles que percorrerán máis de 170 concellos galegos para achegar este xesto solidario á veciñanza.

Na actualidade, os hospitais de Galicia precisan máis de 400 doazóns de sangue cada día para atender intervencións cirúrxicas, tratamentos oncolóxicos, transplantes, urxencias e outras necesidades asistenciais. Ademais, dunha única doazón pódense obter tres compoñentes —glóbulos vermellos, plasma e plaquetas— que permiten axudar a máis dun paciente.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo,  anima á veciñanza a participar nesta iniciativa solidaria, contribuíndo cun pequeno xesto que resulta fundamental para manter as reservas de sangue e garantir a atención sanitaria das persoas que o precisan en toda Galicia.

O Concello do Porriño informa da posta en funcionamento do autobús a Praia América para a tempada

  • O servizo, prestado por Lugove no marco da concesión da Xunta de Galicia, facilita a conexión diaria entre O Porriño e o litoral durante os meses de verán e permite acceder ás bonificacións establecidas para determinados colectivos.

O Porriño, 28 de xuño de 2026.- O Concello do Porriño informa á veciñanza da posta en funcionamento do servizo de autobús que conecta o municipio con Praia América durante a tempada estival, unha alternativa de transporte público que facilita os desprazamentos ao litoral durante os meses de xullo e agosto.

O servizo é prestado pola empresa Lugove dentro da concesión da Xunta de Galicia e manterase operativo durante o verán, ofrecendo unha conexión diaria entre O Porriño e Praia América. Ademáis, as persoas usuarias poderán beneficiarse das bonificacións previstas pola Administración autonómica para o transporte público, entre elas as correspondentes ao Carné Xove, á Tarxeta Xente Nova e ao Carné +65, segundo a normativa vixente.

A saída realizarase desde a parada situada na Avenida de Galicia ás 15:00 horas, con chegada prevista a Praia América ás 15:30 horas. O regreso efectuarase ás 20:30 horas, chegando ao Porriño arredor das 21:00 horas.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de continuar dando visibilidade a este tipo de servizos de transporte público que contribúen a mellorar a mobilidade da veciñanza durante o período estival. «Facilitar o acceso a alternativas de transporte é tamén unha forma de ofrecer máis oportunidades de lecer e favorecer desprazamentos máis sostibles», sinalou.

Pola súa banda, a concelleira de Transporte Público, Vanessa Ucha, animou á cidadanía a facer uso deste servizo e lembrou que «o transporte público é unha ferramenta clave para avanzar cara a unha mobilidade máis eficiente e sostible, especialmente durante os meses de verán, cando aumenta o número de desprazamentos cara ao litoral».

Desde o Concello do Porriño anímase á veciñanza a consultar os horarios, tarifas e condicións do servizo a través das canles oficiais da empresa concesionaria e da Xunta de Galicia.

A Xunta activa o aviso para os tratamentos contra o insecto vector da flavescencia dourada na vide

A Consellería do Medio Rural, a través do Servizo de Sanidade e Produción Vexetal, vén de emitir un aviso fitosatitario no que se establece o inicio dos tratamentos contra o Scaphoideus titanus, o insecto encargado de transmitir a flavescencia dourada da vide. Esta medida forma parte das tarefas habituais de seguimento, control e erradicación que o Goberno galego realiza dende o pasado mes de maio.

Segundo informan as autoridades, as ninfas deste insecto atópanse nestes momentos no seu estado máis avanzado de desenvolvemento, o que supón o momento ideal e máis eficaz para aplicar os insecticidas. Por este motivo, os tratamentos pasan a ser obrigatorios na zona demarcada e recomendados nas áreas vitícolas limítrofes.

O calendario estipulado para estas tarefas organízase en tres quendas:

  • Primeiro tratamento: Do 19 ao 26 de xuño de 2026.
  • Segundo tratamento: 15 días despois do primeiro.
  • Terceiro tratamento: Un mes despois do segundo.

Recomendacións para os viticultores

Para garantir unha correcta aplicación e evitar a dispersión do insecto, Medio Rural aconsella:

  • Aplicar os tratamentos preferentemente na primeira hora do día. No caso de empregar piretrinas, realizar a aplicación na última hora do día, debido á súa sensibilidade á luz solar.
  • Garantir unha aplicación uniforme, mollando especialmente o envés das follas e os brotes basais ou chupóns, así como a parte baixa das cepas, zonas habituais de refuxio das ninfas.
  • Extremar as precaucións no movemento entre zonas vitícolas, evitando o transporte accidental de ninfas ou adultos por parte de persoal de campo e outros axentes.