O Concello autoriza o inicio das mostraxes encargadas pola Xunta nas zonas afectadas por líndano

O Concello do Porriño autoriza o inicio das mostraxes encargadas pola Xunta de Galicia para investigar zonas do municipio afectadas polo líndano. O traballo de prospección será desenvolvido pola empresa “GEOCISA” (“Geotecnia y Cimientos S.A”).

As mostras de auga e as calicatas de solo realízanse en terreos de titularidade municipal no marco do “Plan integral de investigación para as áreas afectadas pola contaminación por líndano”, promovido pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta.

Serán un total de 72 prospeccións. Segundo a empresa, as mostraxes terán lugar en 11 puntos do Monte da Risca; en 12 de Alvarin (Atios); en 25 puntos da parroquia de Torneiros; en 12 localizacións da parroquia de Pontellas e noutras 12 en Mosende.
O mércores 3, a alcaldesa Eva Garcia autorizou o inicio das mostraxes a “Geocisa”, que notificará unha semana antes a data de inicio dos traballos en cada zona.

“Porriño Accede” convoca preselección de persoal para a empresa “Maier Ferroplast”

O Concello do Porriño, a través do programa de emprego “Porriño Accede”, anuncia unha preselección de persoal para a empresa “Maier Ferroplast”. Haberá un proceso de formación a cargo da empresa e compromiso de inserción do 40% do grupo.

Os aspirantes serán desempregados/as, empadroados/as no Porriño e dispor de título de Bacharelato e/ou formación profesional de ciclo medio. Non é necesaria experiencia previa.

Interesados/as poden enviar un correo electrónico ao enderezo: formación@porremprego.org para manifestar o seu interese en participar na preselección de persoal. Dende o programa “Porriño Accede”, poñeranse en contacto para acadar información e, realizar, de ser o caso, unha entrevista virtual.

O Concello establece un prazo de 3 meses para baleirar os nichos de propiedade municipal ocupados dende hai máis de 6 anos

O Concello comezará a distribuír a partir deste xoves 4, un bando da Alcaldía que require a toda a veciñanza baleirar os nichos de propiedade municipal onde teñan familiares inhumados dende hai máis de 6 anos. A decisión adoptouse debido á falta de espazos no Cemiterio Municipal.

Por acordo do Goberno Municipal, solicitáselle á veciñanza que procedan ao retiro dos restos correspondentes aos seus familiares inhumados nos nichos de propiedade municipal, e a súa limpeza para poñelos ao dispor do Concello.

Habilitase un prazo de tres meses que comezará dende o 5 de febreiro ata o 5 de maio. 

20210203_Publicación_Bando_2021-02-03 Bando Cemiterio Municipal

Compra de máscaras FFP2 e quendas de tele traballo para persoal municipal

O Concello do Porriño acordou adquirir máscaras de protección FFP2 para o persoal municipal cunha partida de 2.950 €. A resolución da Alcaldía que asinou hoxe Eva Garcia otorga o contrato de subministración á firma “Aquimian España SLU”, do Porriño que presentou o orzamento máis económico.

A procura de máscaras de protección FFP2 acordouse na reunión da concelleira de Persoal, Lourdes Moure cos representantes dos traballadores do Concello na que tamén determinouse establecer quendas de tele traballo dos funcionarios en cada servizo e con grupos burbulla por prevención. Esta decisión adoptouse como consecuencia das actuáis restricións de aplicación en Galicia e segundo a recomendación da Xunta.  

A alcaldesa pide un cribado masivo no Porriño

 

A alcaldesa, Eva García, pídelle á Consellería de Sanidade que realice un cribado masivo no Porriño dado o aumento dos contaxios e a alta taxa de incidencia que presenta este concello.

A alcaldesa enviou a solicitude por escrito á Xerencia da Área Sanitaria de Vigo, aproveitando que actualmente se están a realizar cribados similares en varios concellos da zona.

Segundo a actualización de hoxe do Sergas, O Porriño ten 129 casos activos e unha taxa de incidencia de 610. Estes datos foron comunicados por Eva Garcia aos membros da Comisión Municipal de Seguimento da Covid, que se reuniu por vía electrónica.

Mantéñense as medidas adoptadas polo Concello, incluída a suspensión temporal do mercado ambulante que hoxe xa non se celebraba.  Sergio Casal, concelleiro de Mercados informou á Comisión de que falou cos representantes do grupo de vendedores ambulantes de que tamén poderán aproveitar a nova bolsa de axudas económicas directas que o Concello do Porriño acordou convocar e que especificarase en breve.

O Concello presentará un proxecto para revitalizar o Paseo do Río Louro e ampliar o Plan de Mobilidade

A alcaldesa Eva García anuncia que o Concello do Porriño presentará diversas propostas para beneficiarse do Plan Estratéxico de Fondos Europeos convocado pola Deputación de Pontevedra. Entre eles citou “un proxecto para revitalizar o paseo do río Louro ampliándoo e converténdoo nunha alternativa verde e unha recreación saudable”, dixo.

“Tamén queremos continuar coa mellora da mobilidade, ampliando as accións de humanización no centro da vila, sen esquecer que temos que buscar alternativas para estacionar vehículos que faciliten a recuperación de espazos públicos”, engadiu García de la Torre.

A alcaldesa tamén sinalou que as opcións de axuda a través destes fondos europeos inclúen dotacións culturais e equipamentos municipais. “Non renunciamos á aspiración de dotar a Porriño dun auditorio e, por outra banda, recuperar edificios emblemáticos da zona urbana”.

Eva García participou onte nunha videoconferencia con Carmela Silva e Cesáreo Mosquera, presidenta e vicepresidenta da Deputación, que deron un prazo de dez días a todos os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes para que presentasen as súas propostas.
O Plan Estratéxico para os Fondos Europeos mobilizará 300 millóns de euros a través de dez liñas de axuda.

O Concello expresa o seu pésame pola morte do atleta Alejandro Gómez

O Concello do Porriño expresa o seu pesar pola morte do atleta Alejandro Gómez e traslada as súas condolencias aos seus familiares e amigos. Sufría unha grave enfermidade que acabou hoxe coa súa vida, aos 53 anos.
Este atleta, alcumado como “Galgo de Zamans” acudía regularmente a Porriño e mantivo fortes lazos coa comarca da Louriña.
Alejandro Gómez foi o principal referente do atletismo na área de Vigo e un exemplo para xeracións de atletas do Porriño e doutros concellos.
Gómez foi un dos mellores atletas españois na décadas dos oitenta e dos noventa, presente en tres Xogos Olímpicos (Seúl 88, Barcelona 92 e Atlanta 96) e gañador de infinidade de probas.

 

O luns 1, corte do subministro de auga en Torneiros, por reparacións

O Concello anuncia que o vindeiro luns 1 de febreiro haberá un corte de subministro de auga en Torneiros, Trátase de traballos de mantemento da rede de abastecemento, a cargo do Consorcio de Augas do Louro.
Afectará aos edificios das fases 2, 4 e 5 do polígono de vivendas de Torneiros; tamén aos colexios “Antonio Palacios” e CPI da Ribeira; ao centro de educación especial de “Aceesca”; á escola infantil da rede “Galiña Azul” e, finalmente. ao Centro de Día, dependente do Consorcio Galego de Igualdade.
A estimación é que o corte de subministro sexa entre as 10 horas da mañá e as 12 do mediodía.