Este sábado, día 7, na Praza de Antonio Palacios, unha nova edición de ‘Deporuarte’

Desde a OMIX do Concello do Porriño, en colaboración ca Deputación Provincial de Pontevedra,  ponse en marcha  o programa ‘Deporuarte’, dirixido a mozas e mozos maiores de 12 anos.

O mesmo  ten como obxectivo que estes aprendan e desenvolver a súa creatividade nalgunhas das principais expresións da cultura urbana a través das iniciativas MusicArte, UrbanArte e CreArte as e os participantes coñecerán disciplinas coma breakdance, turntablism Dj, beatbox, graffiti e personalización de gorras.

Ademais, o programa terá nesta nova edición un compoñente inclusivo para que as mozas e mozos e as monitoras e monitores con diversidade funcional poidan participar nas actividades de ‘DepoRúarte’.

Os obradoiros desenvolveranse este sábado, día 7 de outubro de 5 a 8 da tarde horas, coas actividades de música, baile e pintura urbana na Praza Arquitecto Antonio Palacios.

Avanzan as obras na senda peonil e ciclista na PO-331 ata o CEIP de Atín, nos concellos do Porriño e Mos

O concelleiro de Vías e Obras, Manuel Carrera, xunto coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, desprazouse hoxe ata a PO-331, no lugar de Atín, para supervisar o avance das obras da senda peonil e ciclista que a Administración galega executa nesta estrada, concretamente entre os puntos quilométricos 1+890 e 2+810, ao seu paso polos concellos de Mos e O Porriño.

Durante a visita constataron que os traballos avanzan a bo ritmo e que as obras iniciadas o pasado 2 de setembro poderían estar finalizadas no vindeiro mes de novembro. Esta actuación conta  cun orzamento de máis de 378.000 euros, e enmárcase no Plan de sendas de Galicia que na comarca de Vigo proxecta 11 treitos, que foron definidos en 9 proxectos de construción. A Axencia Galega de Infraestruturas executará 12,5 quilómetros de novas sendas nesta bisbarra, cun orzamento que se achega aos 5 millóns de euros, para o que conta co financiamento asegurado ao terse incluído no programa operativo de Galicia dos fondos europeos FEDER para o período 2014 -2020.

A senda na estrada PO-331 dará continuidade ao itinerario peonil existente no núcleo do Porriño ata o paso superior existente sobre a AP-9 nas proximidades de Atín.

A intervención iníciase na marxe esquerda da estrada, na que se construirá unha senda da 933 metros de lonxitude, desde as proximidades do Colexio Santo Tomás no que finalizan as actuais beirarrúas, ata a ponte sobre a AP-9, pasando pola intersección existente coa estrada a Pereiras–Tameiga.

Pola marxe dereita da PO-331, a obra terá unha lonxitude de 200 metros e comezará na intersección coa estrada municipal Pereiras- Tameiga, dado que ata este punto xa existe beirarrúa. A senda nesta marxe desviarase da estrada nos últimos 80 metros ata o acceso ao centro escolar de Atín. Neste último tramo terá un ancho de tres metros. Coa execución desta senda existirá un itinerario peonil continuo polas dúas marxes da vía que comunicará os dous centros de ensinanza co Porriño.

Tamén se proxecta a mellora da intersección entre a PO-331 e a estrada Pereira-Tameiga, na que se construirá unha semiglorieta para facilitar os xiros á esquerda neste punto.

Primeiro servizo conxunto da Policía Local e a Garda Civil do Porriño logo da Xunta local de Seguridade

Logo da celebración os pasados días da Xunta Local de Seguridade do Porriño, na que, entre outros temas, abordárase a coordinación de servizos conxuntos entre a Policía Local do Porriño e a Garda Civil, este martes realizouse o primeiros destes servizos conxuntos co arresto de Y.C.G, de 30 anos de idade, que tiña unha orde de detención e ingreso na cadea dende hai máis de dous anos.

Os feitos sucederon sobre as 9 da maña: a Policía Local de Vigo alertou á do Porriño que logo de comprobar a documentación dun vehículo verificouse que o condutor do mesmo posuía unha orde ditada polo Xulgado do Penal de Vigo para a súa detención e ingreso no cárcere.

Axentes da Policía Local e da Garda Civil do Porriño procederon ao seu arresto pouco antes da 1 da tarde e trasladaron ao detido ao Centro Penitenciario de A Lama.

Segundo subliña o xefe da Policía Local do Porriño, Daniel Rodríguez, “o obxectivo e sumar esforzos entre distintos corpos policiais e que ese feito contribúa no servizo aos veciños e a lograr un estado de seguridade óptimo”.

O programa da TVG ‘Aquí Galicia’ emitirase este sábado, día 30 de setembro, dende O Porriño

O vindeiro sábado, día 30, o programa da TVG Aquí Galicia’ retransmitirase dende a Praza de San Sebastián, no Porriño. A emisión empezará ás 4 e media da tarde.

Durante o programa haberá conexións en directo a pé de rúa, actuacións de orquestras galegas, grupos tradicionais e grupos de baile, ademáis de minutos adicados á gastronomía, todo guiado por Lucía Rodríguez, Bernardo Montaña e Juan Fuentes.

Rúas do Porriño cortadas ao tráfico o nas que estará prohibido aparcar co gallo das probas ciclistas do venres, dia 29

A Policía Local do Porriño informa de que co gallo da celebración das probas ciclistas, o vindeiro venres, día 29, estará prohibido aparcar dende as 5 da tarde e se cortará o tráfico dende as 7.

As rúas afectadas son: Ramón González, Manuel Rodríguez, dende o número 1 ata o cruzamento coa rúa Xogo da Ola, esta última rúa, Leandro Diz, dende o cruce de Xogo da Ola, en dirección ao paso a nivel, rúa Cando, rúa Mercado-na que estará permitido aparcar, pero a saída da rúa Cando estará cortada dende as 7 da tarde-, rúa Peña e Pío XII-estará cortada pero pódese estacionar nela-.

Os ‘mellores callos do mundo’ este domingo, 1 de outubro, no Porriño

O Porriño agarda superar as 20.000 racións o vindeiro domingo, día 1 de outubro, na que será a XXIV ‘Festa dos Callos’, coa que se pon fin ao Cristo deste 2017.

A presentación da mesma, na que participaron este martes a alcaldesa, Eva García de la Torre, o concelleiro de Comercio, Marcelino Coto, o presidente dos hostaleiros do Porriño, José Manuel Fernández, a presidenta da Asociación de Comerciantes (ACIPOR), Juana Pérez, a a xerente da mesma, Noelia Conde, contou coa intervención dunha das protagonistas da festa deste ano a coñecida Lola Manisca, quen aportou a súa experiencia e as súas lembranzas desta festa que, como indicou “ten moitos máis anos ca min”.

Preto de 50 locais, restaurantes e bares ofrecerán callos cociñados con distintas receitas-algunhas delas seguen a ser un segredo que gárdase en cada familia- e que se servirán a un prezo de 4,5€ a ración con pan e a cazola, ou 4€ se son para levar.

Programaciòn das ‘Festas do Cristo 2017’, para este luns, día 25 de setembro

Este luns, día 25, dentro da programación das ‘Festas do Cristo 2017’-que pode consultarse na web ecultura.net- Obradoiros Infatís na Carpa do Roxy de 12 a 14:00h. e de 17:30 a 20:30; antes, no Parque do Cristo, primeiro pase da Banda Cultural de Arcade; dende as 6 da tarde, Charanga Turres Band, polas rúas do centro.

A película ‘Canta’, suspendida o sábado día 23, proxectarase finalmente este luns, ás 6 da tarde na Carpa do Roxy.

Ás 8 e media da tarde, tamén no Parque do Cristo, nova actuación da Banda Cultural de Arcade; ás 9 e media, na Praza de Antonio Palacios, ‘América Tributo’ e Banda de Nash no Espectáculo Tributo a Queen e as 10 e media da noite, volta a Banda Cultural de Arcade á Praza do Cristo.

O xornalista e escritor porriñés Diego Giráldez pregoeiro das ‘Festas do Cristo 2017’, este sábado día 23

Este sábado, día 23, ás 12 e media do mediodía, na Praza de Antonio Palacios, o escritor Diego Giráldez, será o encargado de ler o pregón co que darán comezo as Festas do Cristo 2017.

Diego Giráldez (O Porriño, 1976), é licenciado en Historia da Arte, exerceu o xornalismo en distintos medios escritos e dixitais. Durante cinco anos, traballou na redacción do xornal ‘A Peneira’ dirixindo unha das súas cabeceiras comarcais e coordinando o seu suplemento cultural, ‘Kalaikia’ a nivel galego. Ao tempo, colaboraba como columnista de opinión cos xornais ‘A Nosa Terra’ e ‘Xornal de Galicia’ e, a través de reportaxes culturais, co El País. Na actualidade, escribe no diario Praza Pública -formando parte do seu consello de redacción- e na revista ‘Luzes’.

Ten varios libros publicados relacionados coa historia do Porriño, dirixiu a revista de recuperación histórica local ‘Malladoura’ e fundou e dirixiu o ‘CanZine’, a publicación oficial do Festival de Cans.

En 2016, a editorial Xerais publicou o seu primeiro traballo literario “Galería de saldos”.

En 2010, recibiu o Premio Literario “José Saramago” de relato curto. En 2011, no Porriño, concedéronlle o Premio Círculo “Cultura”. En 2015, fíxose co primeiro accésit do Certame Nacional de Narracións Breves “Modesto R. Figueiredo” e en 2016 gañou o premio literario “Manuel Murguía”, o máis importante certame de relato curto de Galicia. Nos premios “Fervenzas Literarias” de 2016, o seu libro “Galería de saldos” foi elixido polos lectores o segundo mellor traballo de narrativa galega e Diego Giráldez “mellor autor galego do ano”.

O deportista Daniel Fernández fai unha parada no Porriño na súa ruta de 180 quilómetros en bici, nun so día, para darlle visibilidade ao Alzheimer

Daniel Fernández Cerzón fixo unha parada este venres no Porriño na ruta que comezou hoxe e e que ten coma obxectivo darlle visibilidade ao Alzheimer e, ao tempo, recadar fondos para a Asociación Galega de Familiares de Enfermos de Alzheimer (Afaga).

O deportista de Gondomar, que saíu de Vigo ás 9 e media da mañá tiña coma desafío facer 180 quilómetros en bicicleta seguindo por Redondela, Mos, Porriño, Ponteareas, Salceda, Tui, A Guarda e Nigrán e volvendo a Vigo.

Daniel, que foi recibido diante do Concello pola alcaldesa, Eva García de la Torre, a concelleira de Igualdade e Benestar, Soledad Girón, o concelleiro de Comercio, Medio Ambiente e Urbanismo, Marcelino Coto, e o presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, ademais doutros representantes da asociación, xa completara outros dous desafíos igual de duros: o pasado mes de maio estivo correndo 24 horas sen parar por Praia América e o mes pasado fixo o mesmo no Parque de Castrelos, en Vigo.

O Porriño di “non” á proposta de ADIF de “encaixar” o paso a nivel situado no centro do casco urbano

“Non”. Esa foi a resposta que deu a maioría da Corporación do Porriño, este xoves á directora xeral de Explotación e Construción de ADIF, Isabel Pardo de Vera, na xuntanza que mantivo no Concello coa alcaldesa, Eva García de la Torre, e os voceiros dos grupos políticos municipais.

ADIF traía coma proposición a de “encaixar” o paso a nivel que atravesa o centro do Porriño, que os peóns cruzasen por baixo da vía, por un paso soterrado ao que accederían nun ascensor, e os coches circulasen por un paso elevado situado a uns metros do paso a nivel.

A alcaldesa, que foi a única que compareceu ente os xornalistas, subliñou que esa pretensión de ADIF non é aceptábel e que o único que faría é que a actual situación do paso a nivel se alongase “cen anos máis”.

Para García de la Torre non hai máis solución que un cambio do trazado da vía o cal, lembrou, os responsábeis de ADIF vían posible en 2006, contando para elo co acordo entre o Goberno do Estado, o Goberno de Galicia e os concellos de Mos e O Porriño.

Ate que non se atope unha solución definitiva, a Corporación do Porriño esixiu que as medidas de seguridade sexan extremas, logo de moitas incidencias e fallos nas barreiras do paso a nivel e grande velocidade –de ata 150 quilómetros por hora- á que circulan os trens polo centro do Porriño.