O Porriño, 13 de abril de 2026. Un total de 105 metros lineais de camelia tinguiron de cores a carpa habilitada no parque do Cristo, onde máis de medio cento de expositores —unha decena máis que o ano pasado— luciron os seus mellores centros. A mostra superouse nesta segunda edición e quedou “xa consolidada”, segundo asegurou o vicepresidente da Sociedade Española da Camelia, Antonio Luis Montes, durante a inauguración do sábado.
O éxito de participación non só se viu nos postos, senón tamén na resposta do público: centos de persoas acudiron ao parque do Cristo para contemplar esta nova edición, enchendo o recinto de actividade durante toda a xornada.
Unha cita con proxección internacional
Xunto a Montes, participaron no acto o concelleiro de Festas, Bienvenido Estévez; a organizadora da mostra, Matilde Campos; e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo. O rexedor agradeceu a implicación dos expositores, que chegaron de diferentes puntos da xeografía galega e incluso de Portugal.
Lorenzo convidou a todos os presentes a desfrutar do municipio e presumiu do potencial local e dunha nova cita que axuda a desestacionalizar ás visitas no municipio. “Se queres té, está aquí no Porriño; se queredes unha bola de pan, vinde ao Porriño; se queredes unha casa de pedra, facédela de Rosa Porriño e, para adornalo, mellor que as camelias do Porriño non vai haber”.
Entre aplausos, o alcalde insistiu en que “O Porriño é o mellor lugar para vivir” e lembrou que esta próxima fin de semana o municipio acollerá outra cita clave: a Feira Apícola das Rías Baixas.
Exposicións complementarias
A II Mostra da Camelia conviviu coa Exposición das Camelias dos galegos e as galegas, que permaneceu aberta aínda ata este martes, 14 de abril na praza Arquitecto Antonio Palacios, estendendo así a beleza desta flor polo centro da vila.


