A ‘Carreira Nocturna’ de ciclismo das ‘Festas do Cristo’ será polo centro do Porriño o venes, día 29, dende as 8 da tarde

A ‘Carreira Nocturna’ de ciclismo, que forma parte da programación das Festas do Cristo, disputarase na data anunciada: o venres 29 de setembro, dende as 8 da tarde, pero será polo Centro do Porriño e non nas Pistas de Torneiros, como se anunciara.

As demais probas ciclistas manteñen os lugares, datas e horarios, adiantados na presentación das Festas do Cristo e que figuran nos programas oficiais: o sábado, día 16, ás 4 e media da tarde, nas Pistas de Torneiros, ‘Ciclismo Infantil’ e o domingo 1 de outubro, con saída ás 10 e media da mañá dende a Praza de Antonio Palacios, a ‘Festa da Bicicleta. Marcha popular’.

Preto de 80 actos, actividades, actuacións ou probas deportivas, propostas do programa das ‘Festas do Cristo 2017’

Preto de 80 actos, propostas, actividades, actuacións ou competicións deportivas, están previstas durante a duración das Festas do Cristo deste ano que abrangue máis aló dos días centrais das mesmas chegando ata o vindeiro 1 de outubro, data na que está prevista a celebración do Encontro Internacional de Aeromodelismo, por suposto en Pontellas.

Segundo salientou este martes a alcaldesa, Eva García de la Torre, na presentación do programa, as Festas do Cristo 2017 queren “chegar a todas as veciñas e veciños e atender a a diferentes sensibilidades e os gustos”, co único obxectivo de que os asistentes ás mesmas pasen unhas horas de lecer.

Acompañada por representantes de  ‘Montando O Cristo’, ‘O Cristo do Rap’ e a cantante local Xoana, que terán un importante papel nas propostas desta edición das Festas, a alcaldesa subliñou que nas mesmas haberá exposicións, teatro, concertos- coma os de Antonio Serrano, Argonad Band, Xoana e MQM Band, Uxía & Javier Ruibal ou Camela; pasando por DJ, bandas de música-coma as de Vincios, a Agrupación Musical do Rosal, A Cultural de Arcade ou a Unión Musical de Valladares-, charangas, unha Festa Medieval, , orquestras, espectáculos de humor, coma o que protagonizará Cándido Pazó, espectáculos para cativos, xigantes e cabezudos, o Festival da Cultura Urbana ‘O Cristo do Rap’, o Festival de Rock ‘Montando o Cristo’ e os actos relixiosos dende o día 22, co punto central ca Procesión do Santo Cristo da Agonía o día 24.

García de la Torre salientou a importancia do deporte, “con maiúsculas”, nas Festas do Cristo deste ano, con encontros de Balonmán, feminino e masculino, Patinaxe, Fútbol, co Torneo Festas do Cristo, Tenis, Kung-Fu, Atletismo, Gimnasia Rítmica, Baloncesto, Aeromodelismo ou Ciclismo.

En relación con esta última disciplina, a alcaldesa quixo acabar con todas as dúbidas e comentarios xurdidos nos últimos días e subliñou que “disputaranse todas as probas e concentracións tradicionais”: o sábado, día 16, ás 4 e media da tarde, nas Pistas de Torneiros, ‘Ciclismo Infantil’; o venres día 29, no mesmo lugar, ás 8 da tarde, a ‘Carreira Nocturna Festas do Cristo’ e o domingo 1 de outubro, con saída ás 10 e media dende a Praza de Antonio Palacios, a ‘Festa da Bicicleta. Marcha popular’.

A rexedora, logo de insistir en que as Festas do Cristo “queren integrar a todo o mundo”, repetiu que “son para que todos bailemos, para que esteamos en moitos lugares, para que non paremos, para que nos movamos e para que o pasemos ben”.

Todo listo para a celebración da XVII edición de ‘Merca na rúa’, este sábado, día 10, e o domingo, 11 de setembro no Porriño

‘Merca na Rúa’ ofrecerá artigos rebaixados “nunha cantidade tal que non sería posible atopalos a este prezo nas tendas”. Isto subliñou este mércores a presidenta da Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR).

Juana Pérez, xunto co concelleiro de Comercio , Marcelino Coto, e a xerente da asociación, Noelia Conde, presentou este mércores a XVII edición desta cita que, coma subliñou o concelleiro, “é xa un referente dentro e fora da nosa vila”.

Un total de 20 establecementos ofrecerán artigos deportivos, complementos, calzados, produtos de óptica, roupa para cativos ou confección, nos 22 postos que estarán abertos ao público na Praza de Antonio Palacios e na rúa peonil do Porriño, de 10 da mañá a 9 e media da  da noite, ininterrompidamente, o sábado, día 10, e de 11 da mañá a 8 e media da tarde, o domingo, 10 de setembro.

Marcelino Coto salientou o feito de que ‘Merca na rúa’ ocupe, de novo, o seu espazo tradicional e, unha edición máis, “e con esta xa son 17”, reafirmou o apoio do Goberno local a esta “estupenda iniciativa de ACIPOR”.

O concelleiro lembrou que haberá todo un programa de actividades para as nenas e nenos, “para que os seus país e avós poidan comprar con tranquilidade”, entre elas inchábeis, na Praza de Antonio Palacios.

Coto, quen invitou a todo o mundo a achegarse ao Porriño esta fin de semana, comentou que o Concello asume, tamén, os custes de alumeado, megafonía, limpeza, colocación de probadores, as atraccións para os pícaros e a “vixianza de seguridade dos postos, para que os expositores non teñan que recoller e desmontar os mesmos pola noite”, unha labor de garda na que desempeñará un papel esencial a Policía Local.

O concelleiro subliñou o “excelente” momento que vive o comercio local, indicando que “o 90% dos locais e baixos comerciais” do Porriño están xa ocupados e que baixou, de xeito notable, o número de negocios que pechan e que, “aínda neste caso son substituídos por outros do mesmo ou de outro sector”.

O concelleiro puxo coma exemplo da súa afirmación o “éxito” de todo o “que se fai no Porriño funciona, dende o Pinchorriño, pasando por Merca na rúa, que precisa dúas edicións anuais pola súa grande aceptación, e rematando na Festa dos Callos, que este ano establecerá unha nova marca de participación”.

Festas en Carracido en honra á Virxe dos Milagros

Carracido celebra os vindeiros sábado, domingo e luns, días 2, 3 e 4 de setembro, a Festa en Honra á Virxe dos Milagros.

Durante eses días os asistentes poderán goar das actuacións de Alabama Show, Nievla, o concertó da Banda de Música Xuvenil de Torroso, os grupos Costa Blanca e Nostalgias, a Banda de Música Municipal de Redondela, ademáis de Gram Casino e Trovadores.

A programación completarase con verbenas e xogos para nenas e nenos.

Aumenta, un ano máis, o número de peregrinos que durmiron no albergue do Porriño: 3.154 ata xullo, 464 máis que en 2016

Nos primeiros sete meses deste ano durmiron no albergue do Porriño  3.154 peregrinos, 464 máis que nos mesmos meses de 2016, o que sinala un incremento do 17,2% en relación cos 2.695 que estiveran ata xullo do ano pasado.

Xullo, con 833 persoas que pasaron a noite, abril, con 664, xuño, con 658 e maio, con 656, foron os mellores meses, ata hoxe, superando en todos os casos o número de peregrinos a Compostela que pasaran hai un ano.

Estes datos, a falla dos que  faltan ata finais de ano, adiantan que en 2017 superaranse os  5.214 camiñantes que pararon no Porriño en 2016 e que xa superaran  en 386 os de 2015, o que supuxo un incremento do 8% e un feito descoñecido ata entón: un aumento dous anos seguidos no número de persoas que durmiron na vila de camiño a Santiago.

Xa no ano 2015 houbo 1.435 persoas máis que usaran o albergue que no ano anterior, un 42% máis que en 2014, cando atoparan acomodo no albergue 3.393 camiñantes. Isto sinala que en apenas dous anos o uso do mesmo aumentou en 1.821 persoas, un 53,4% máis, unha porcentaxe que, de seguir a progresión actual, podería superar o 70% a finais deste 2017.

A maioría das persoas que chegan ao albergue son españois, fundamentalmente madrileños, andaluces, vascos e cataláns; en segundo lugar, os máis numerosos son os portugueses, seguidos dos alemáns, franceses, británicos e italianos, aínda que chegan nacionais de Xapón, Australia, Estados Unidos, Corea, China, Rusia ou Canadá.

Hai que lembrar que O Porriño ocupa un lugar sobranceiro no ‘Camiño Portugués’ xa que é o final da primeira etapa do itinerario que vai de Tui e Compostela. Por iso, a vila conta, segundo subliña o propio Goberno de Galicia, cun dos albergues máis modernos do país, no Parque do Rubio, con 52 prazas en total e “unha variada oferta de servizos para peregrinos”, entre eles “conexión a Internet, zonas verdes e calefacción, lavandería, comedor ou dereito a cociña”.

As Festas en honra de San Sebastián, os vindeiros días 25, 26 e 27 de agosto, venres, sábado e domingo

A Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián, coa colaboración do Concello do Porriño, organiza os días 25, venres, 26, sábado, e domingo 27 de agosto, as Festas en honra de San Sebastián.

O venres, día 25, Exposición de fotos do Porriño Antigo e, dende as 9 e media, proxección de fotos e Cine na rúa.

O sábado, 26, será o día da Gran Sardiñada-a un prezo de 2,50€ a ración, con pan e bebida- e da Festa da Espuma, a partires das 5 e media da tarde, todo amenizado polo grupo ‘Marena’.

O domingo, 27 de agosto, os actos relixiosos empezarán ao mediodía, seguirá a procesión ata a Capela do Santo, para rematar co reparto de rosca. O punto final chagará, ao son do grupo ‘Sabor’, coa tradicional Queima da Fachada e Fogos Artificiais, ás 11 e media da noite