En novembro, O Porriño ‘se destapa’ co Pinchorriño

Os amantes do tapeo teñen unha nova cita co Pinchorriño, a cita gastronómica organizada pola Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR) e a Asociación de Hostaleiros da localidade coa colaboración do Concello.

Este 2017, como salientou o concelleiro de Comercio, Marcelino Coto, na presentación feita este luns ao mediodía, o 12º Pinchorriño rexistrará unha nova marca de participantes: 44 establecementos en total fronte aos 41 do ano pasado, que todos os venres e sábados de novembro, de 7 da tarde a 11 da noite, ofrecerán un pincho de balde aos seus clientes.

Coto desvelou que o segredo do “éxito” desta iniciativa está “na calidade e no prezo dos pinchos que se serven”. Na mesma liña, a presidenta de Acipor, Juana Pérez, garantiu que os prezos das consumicións non subirán durante os días de celebración do Pinchorriño e lembrou que o custo desta mostra da gastronomía do Porriño recae nos propios hostaleiros.

O obxectivo este ano é o de superar as máis de 18.500 persoas que participaron na edición de 2016, unha meta que está ao alcance da man considerando que haberá tapas para todos os gustos e de todas as texturas e sabores, mesmo pinchos para veganos, sen glute e para celíacos.

A ‘ruta’ dos pinchos, os locais, as súas propostas, mesmo fotografías dos pinchos, poden seguirse por medio da APP ‘QuedamosdeTapas’, que pode baixarse dende Google Play e AppStore. Así mesmo, os clientes poden optar a gañar unha estadía nunha casa de turismo rural selando, no folleto que estará a dispor nos propios locais, catro cupóns de catro establecementos s participantes no Pinchorriño 2017.

Para rematar a presentación destas xornadas culinarias, a alcaldesa, Eva García de la Torre, lembrou que O Porriño está xa nas axendas gastronómicas de Galicia polas festas do Pan, dos Callos, dos Cachos e, por suposto do Pinchorriño.

García de la Torre animou ás porriñesas e porriñeses e a todas as veciñas e veciños da Área Metropolitana a achegarse a O Porriño e gozar duns pinchos que, “son imaxinativos, están elaborados cos mellores ingredientes…e parando en tres ou catro locais un xa vai cenado para casa”.

O prazo para inscribirse no obradoiro ‘Tecendo lazos’ amplíase ata o venres 27 de outubro

Dende á Concellería de Mocidade  (OMIX) do Concello do Porriño en colaboración ca Deputación Provincial de Pontevedra, está previsto poñer  en marcha  o programa ‘Tecendo Lazos’.

A través dun obradoiro interxeracional, o obxectivo é contribuir á difusión da tradición oral e musical galega  poñendo en contacto as distintas xeracións para favorecer as relacións individuais, familiares, comunitarias e sociais entre das persoas participantes.

As familias/participantes compartiran  os bailes e as cancións típicas da súa zona traéndoas así á actualidade, para promover o intercambio das diferentes versións de cancións populares (música e letra) que coñece cada familia.

O programa consiste na oferta dun obradoiro, concedido pola Deputación Provincial de Pontevedra para persoas do noso concello e alrededores , con idades comprendidas  entre os 10 e  os 99 anos (ambas incluídas). O obradoiro deberá contar  cun mínimo de 10 persoas participantes e cun máximo de 30.

Terá unha duración de 16 horas das cales  14 horas serían un módulo espécifico e ás 2 restantes outro transversal: A historia do meu concello .Dito obradorio levaráse a cabo no  Edificio Sociocomunitario do Porriño.

O obradoiro ten por título ‘O noso son: bailes e cancións de agora e de sempre.Canta-Avoas’, empezará o vindeiro  3 de novembro e rematará o día 29 do mesmo mes. Impartirase os días 3,8,10,15,17,22,24 e 29, mércores e venres, en horario de 7 da tarde a 9 da noite.

A solicitude de praza pode realizarse na OMIX do Concello (no Centro Cultural Municipal), de luns a venres, ata o vindeiro venres, día 27 de outubro, ás 5 da tarde.

Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación: Fotocopia do DNI; Xustificante de empadroamento e autorización de participación no programa-no caso dos menores de 18 anos-.

‘Llega 800’, está a levar adiante no Porriño as actuacións técnicas necesarias nas instalacións de recepción dos usuarios da Televisión Dixital Terrestre (TDT)

A entidade ‘Llega 800’, está a levar adiante no Porriño as actuacións técnicas necesarias nas instalacións de recepción dos usuarios da TDT, que son de balde para os veciños afectados polo inicio da prestación do servizo de telefonía móbil 4G, que pode afectar á recepción da televisión dixital terrestre.

Dacordo coa Orde Ministerial que regulamenta ente proceso, o prazo para solicitar as actuacións por parte dos usuarios que se vexan afectados é de  6 meses dende a data de posta en servizo das estacións de telefonía móbil.

Aínda que no caso do Porriño este prazo cumpriuse xa, o mesmo amplíase ata o 31 de outubro para solicitar as actuacións, de balde, por parte dos usuarios da TDT polas posíbeis afectacións ocasionadas polo 4G.

No futuro, no Porriño, poderían acenderse novas estacións de telefonía móbil, na  banda de 800 MHz, se así o consideran preciso os operadores para mellorar este servizo: neste caso atenderíanse, tamén de balde, as incidencias que houbese, abríndose outro prazo de 6 meses dende a data de acendido.

Os veciños que poidan verse afectados por estas incidencias poden poñerse en contacto con ‘Llega 800’ chamando ao teléfono 900 833 999.

A alcaldesa entrega á Xunta todas as reclamacións dos veciños e pide que haxa “axiña” unha solución para o transporte

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e o concelleiro de Tráfico, Orlando Márquez, mantiveron este martes, en Vigo, unha xuntanza, solicitada polo Goberno local, co xefe territorial da Consellería de Infraestruturas en Pontevedra, José Luis Díaz Yañez, na que expuxeron os problemas causados na vila tras a posta en marcha do novo Plan de Transportes.

Eva García de la Torre entregou ao xefe territorial todas e cada unha das reclamacións presentadas por veciñas e veciños do Porriño que “víronse afectados por esta desorganización”, logo de que unha das empresas adxudicatarias do servizo de transporte interurbano renunciase a seguir prestando o mesmo,”e de que a Xunta non  preveraa, con suficiente adianto, os graves contratempos que isto causaría aos usuarios”.

A alcaldesa sinalou que estes problemas afectan, especialmente, ás veciñas e veciños de Budiño, “porque elimináronse liñas e frecuencias de Salceda”, e ás veciñas e veciños de Mosende, de Chenlo e de Torneiros, e subliñou que os datos difundidos publicamente pola Xunta e os que se manexaban dentro da propia administración autonómica “non cadraban”.

García de la Torre sinalou coma exemplo que, en teoría, O Porriño tería servizo, dende a Avenida de Galicia ata Vigo cada media hora, algo que na xuntanza púxose de manifesto que non está a ocorrer, e tamén, indica a alcaldesa, o feito de que se suprimiron autocares e horarios, entre eles un dos que tiña máis viaxeiros: o autobús de Vigo a O Porriño das 10 e media da noite.

A rexedora, que cualificou a reunión como moi cordial, afirma que o responsábel de Infraestruturas tomou nota de todo elo, salientou que “deixamos moi craro que unha cousa é o que se di nos papeis e outra o que ocorre na realidade no Porriño co transporte de viaxeiros” e reiterou que a Xunta ten reclamacións “no so do noso Concello, senón de Salvaterra, Salceda, Tui, Ponteareas e Mos” para saber que agora estamos nun problema de falla de planificación no transporte, aínda que constatou que viu o interese do xefe territorial por solucionar axiña esta situación, “e de o servizo se preste con regularidade e con previsibilidade, de xeito que os veciños saiban que cada 20 minutos ou cada media hora hai un autobús e que pasa a unha hora determinada e establecida”.

Neste senso, Eva García de la Torre adiantou que xa hai unha empresa disposta a facerse cargo do servizo de transporte que deixara de prestar a anterior e que agrada que isto faga que “este problema vaia solucionándose”.

Rapazas e rapaces do Porriño participaron este sábado en’Deporuarte’

Organizado pola OMIX do Concello do Porriño e a Deputación Provincial de Pontevedra, este sábado tiveron lugar na Praza de Antonio Palacios as actividades do programa ‘Deporuarte’, dirixido a mozas e mozos maiores de 12 anos.

O mesmo tiña coma obxectivo que estes aprendese e desenvolver a súa creatividade nalgunhas das principais expresións da cultura urbana a través das iniciativas MusicArte, UrbanArte e CreArte as e os participantes coñecerán disciplinas coma breakdance, turntablism Dj, beatbox, graffiti e personalización de gorras.

Ademais, o programa tivo nesta nova edición un compoñente inclusivo para que as mozas e mozos e as monitoras e monitores con diversidade funcional poidesen participar nas súas actividades, como poideron comprobar a concelleria de Formación, Lourdes Moure, e a responsábel de Cohesión Social y Xuventude,Digna Rivas.

Este sábado, día 7, na Praza de Antonio Palacios, unha nova edición de ‘Deporuarte’

Desde a OMIX do Concello do Porriño, en colaboración ca Deputación Provincial de Pontevedra,  ponse en marcha  o programa ‘Deporuarte’, dirixido a mozas e mozos maiores de 12 anos.

O mesmo  ten como obxectivo que estes aprendan e desenvolver a súa creatividade nalgunhas das principais expresións da cultura urbana a través das iniciativas MusicArte, UrbanArte e CreArte as e os participantes coñecerán disciplinas coma breakdance, turntablism Dj, beatbox, graffiti e personalización de gorras.

Ademais, o programa terá nesta nova edición un compoñente inclusivo para que as mozas e mozos e as monitoras e monitores con diversidade funcional poidan participar nas actividades de ‘DepoRúarte’.

Os obradoiros desenvolveranse este sábado, día 7 de outubro de 5 a 8 da tarde horas, coas actividades de música, baile e pintura urbana na Praza Arquitecto Antonio Palacios.

Avanzan as obras na senda peonil e ciclista na PO-331 ata o CEIP de Atín, nos concellos do Porriño e Mos

O concelleiro de Vías e Obras, Manuel Carrera, xunto coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, desprazouse hoxe ata a PO-331, no lugar de Atín, para supervisar o avance das obras da senda peonil e ciclista que a Administración galega executa nesta estrada, concretamente entre os puntos quilométricos 1+890 e 2+810, ao seu paso polos concellos de Mos e O Porriño.

Durante a visita constataron que os traballos avanzan a bo ritmo e que as obras iniciadas o pasado 2 de setembro poderían estar finalizadas no vindeiro mes de novembro. Esta actuación conta  cun orzamento de máis de 378.000 euros, e enmárcase no Plan de sendas de Galicia que na comarca de Vigo proxecta 11 treitos, que foron definidos en 9 proxectos de construción. A Axencia Galega de Infraestruturas executará 12,5 quilómetros de novas sendas nesta bisbarra, cun orzamento que se achega aos 5 millóns de euros, para o que conta co financiamento asegurado ao terse incluído no programa operativo de Galicia dos fondos europeos FEDER para o período 2014 -2020.

A senda na estrada PO-331 dará continuidade ao itinerario peonil existente no núcleo do Porriño ata o paso superior existente sobre a AP-9 nas proximidades de Atín.

A intervención iníciase na marxe esquerda da estrada, na que se construirá unha senda da 933 metros de lonxitude, desde as proximidades do Colexio Santo Tomás no que finalizan as actuais beirarrúas, ata a ponte sobre a AP-9, pasando pola intersección existente coa estrada a Pereiras–Tameiga.

Pola marxe dereita da PO-331, a obra terá unha lonxitude de 200 metros e comezará na intersección coa estrada municipal Pereiras- Tameiga, dado que ata este punto xa existe beirarrúa. A senda nesta marxe desviarase da estrada nos últimos 80 metros ata o acceso ao centro escolar de Atín. Neste último tramo terá un ancho de tres metros. Coa execución desta senda existirá un itinerario peonil continuo polas dúas marxes da vía que comunicará os dous centros de ensinanza co Porriño.

Tamén se proxecta a mellora da intersección entre a PO-331 e a estrada Pereira-Tameiga, na que se construirá unha semiglorieta para facilitar os xiros á esquerda neste punto.

Primeiro servizo conxunto da Policía Local e a Garda Civil do Porriño logo da Xunta local de Seguridade

Logo da celebración os pasados días da Xunta Local de Seguridade do Porriño, na que, entre outros temas, abordárase a coordinación de servizos conxuntos entre a Policía Local do Porriño e a Garda Civil, este martes realizouse o primeiros destes servizos conxuntos co arresto de Y.C.G, de 30 anos de idade, que tiña unha orde de detención e ingreso na cadea dende hai máis de dous anos.

Os feitos sucederon sobre as 9 da maña: a Policía Local de Vigo alertou á do Porriño que logo de comprobar a documentación dun vehículo verificouse que o condutor do mesmo posuía unha orde ditada polo Xulgado do Penal de Vigo para a súa detención e ingreso no cárcere.

Axentes da Policía Local e da Garda Civil do Porriño procederon ao seu arresto pouco antes da 1 da tarde e trasladaron ao detido ao Centro Penitenciario de A Lama.

Segundo subliña o xefe da Policía Local do Porriño, Daniel Rodríguez, “o obxectivo e sumar esforzos entre distintos corpos policiais e que ese feito contribúa no servizo aos veciños e a lograr un estado de seguridade óptimo”.

O programa da TVG ‘Aquí Galicia’ emitirase este sábado, día 30 de setembro, dende O Porriño

O vindeiro sábado, día 30, o programa da TVG Aquí Galicia’ retransmitirase dende a Praza de San Sebastián, no Porriño. A emisión empezará ás 4 e media da tarde.

Durante o programa haberá conexións en directo a pé de rúa, actuacións de orquestras galegas, grupos tradicionais e grupos de baile, ademáis de minutos adicados á gastronomía, todo guiado por Lucía Rodríguez, Bernardo Montaña e Juan Fuentes.

Rúas do Porriño cortadas ao tráfico o nas que estará prohibido aparcar co gallo das probas ciclistas do venres, dia 29

A Policía Local do Porriño informa de que co gallo da celebración das probas ciclistas, o vindeiro venres, día 29, estará prohibido aparcar dende as 5 da tarde e se cortará o tráfico dende as 7.

As rúas afectadas son: Ramón González, Manuel Rodríguez, dende o número 1 ata o cruzamento coa rúa Xogo da Ola, esta última rúa, Leandro Diz, dende o cruce de Xogo da Ola, en dirección ao paso a nivel, rúa Cando, rúa Mercado-na que estará permitido aparcar, pero a saída da rúa Cando estará cortada dende as 7 da tarde-, rúa Peña e Pío XII-estará cortada pero pódese estacionar nela-.