A empresa contratada polo ADIF para facer as catas para o proxecto de supresión do paso a nivel, comezará neste mes a realizar as sondaxes

 

A alcaldesa Eva Garcia autorizou hoxe á empresa “GOC Consultoría e Ingeniería” a executar as catas e sondaxes precisas para o proxecto de supresión do paso a nivel en O Porriño. Tratase do estudo xeo técnico a incluír no proxecto construtivo que acomete o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF). “GOC” foi a adxudicataria en unión temporal de empresas coa firma “Proínte” para a redacción do devandito proxecto.
Segundo a documentación presentada pola adxudicataria, o obxectivo é determinar a estrutura xeolóxica dos terreos, tanto na área do paso a nivel a suprimir como ao longo dos posibles puntos onde sexa construída a nova estación do ferrocarril, xa sexa ao norte ou ao sur do Porriño. Actualmente, os redactores do proxecto están a valorar ata seis alternativas diferentes.


Os traballos xeo técnicos a desenvolver, que comezarán a longo deste mes de abril e durarán como máximo dous meses, consistirán en ensaios, catas e sondaxes tanto na vía do tren como nos terreos lindantes e tamén nas estruturas atravesadas polo trazado que poderían terse afectado polo proxecto que se decida.
A alcaldesa manifestou hoxe que “é unha nova fantástica xa que é a primeira vez que se chega tan lonxe nesta arela da veciñanza para acadar a eliminación do paso a nivel polo centro do Porriño”. O inicio das catas amosa, segundo Eva Garcia, “a normalidade coa que se traballa no Concello pois máis aló do balbordo político, estamos a xestionar con tranquilidade e as cousas avanzan razoablemente ben para transformar Porriño nunha vila moderna e alegre>”, rematou.

O pleno aprobou o plan de axudas “Porriño Impulsa 2021″e decidiu a nova concesionaria da Piscina Municipal

O goberno municipal acadou a aprobación plenaria e, polo tanto, aceptase a proposta realizada pola mesa de contratación para adxudicar á firma “Soom Management”, a explotación da Piscina Municipal.  Esta empresa, que actualmente leva as piscinas municipais de Marín, Boiro e Cangas, foi a plica máis valorada, cunha oferta anual de 508.000 € e adquire o compromiso de subrogar ao persoal actual, de 24 traballadores, da piscina municipal.

O acordo tomouse esta tarde pleno municipal ordinario de marzo, na sesión retomada no punto no que se suspendeu o pasado mércores. Votaron a favor os sete concelleiros presentes hoxe (4 do PSOE, 2 do BNG e Manuel Carrera da UDDL). Non acudiron os concelleiros e concelleiras dos restantes grupos municipais.

A alcaldesa Eva García explicou que a convocatoria respondía ao principio de “unidade de acto” recollido na lexislación municipal vixente e polo tanto a sesión retomábase e rematábase hoxe. “E o mesmo pleno coa mesma orde do día que se celebra en dúas sesión. Non hai nin nulidade nin ilegalidade nesta convocatoria”, rematou a alcaldesa que citou que “tamén ese é o criterio” do secretario xeral do Concello, Eduardo Portela.

Lembremos que na primeira parte deste pleno, tomáronse dous acordos salientables e ambos por unanimidade dos 17 concelleiros da corporación. Deste xeito acordouse que o Concello do Porriño habilite a liña de axudas económicas directas aos sectores máis afectados pola Covid, cunha asignación total de 140.000 €.  O plan, chamado “Porriño Impulsa 2021” está destinado á hostalería, comercio e autónomos, os máis afectados polas restricións derivadas da pandemia actual. Tamén aprobouse por unanimidade unha modificación do orzamento por unha cantidade de 108.000 € para afrontar as achegas municipais a varios programas de contratación de persoal subvencionado que suporán a creación de 196 postos de traballo.

Tamén na primeira deste pleno tomou posesión como nova concelleira do grupo municipal do Partido Popular, Ascensión Rosario Costas que cubre a vacante deixada por Ana María Paradela.

Este martes retomarase o pleno de marzo no punto onde fora interrumpido

Este martes 6, a partir das 17 horas, retomarase o pleno ordinario que comezou o pasado mércores 31. A sesión será retomada no punto número 10 da orde do día. Exactamente no punto onde a sesión do mércores foi interrompida ao ordenar a alcaldesa un receso debido ao nivel de tensión que alcanzou. Como se pode verificar na gravación do Pleno que xa está cargado e dispoñible na Mediateca Municipal nesta mesma páxina web do Concello.

Deixamos ligazón

http://mediateca-oporrino.seneca.tv/watch?id=ZTgwYTQ1ZTktOTNlYy00MTRkLWJmMjQtMGQ3NWM1NTM3NWEz

Polo tanto, o pleno retomarase co voto da proposta realizada pola mesa de contratación para adxudicar o novo contrato da piscina municipal. No debate previo foron anunciados 15 votos a favor (PSOE, BNG, PP e UDDL) e 2 votos contra (EU SON).

A esta sesión plenaria convócanse todos os concelleiros e concelleiras da Corporación agás a voceira de EU SON, Patricia Sío quen “foi expulsada do Pleno por verter insultos contra a alcaldesa e negarse, a pesar dos avisos, a retiralos”, dixo o a rexedora porriñesa.

 

Deixamos “pdf” coa orde do día

Pleno Ordinario marzo 2021 (2)

Presentación do certame “A Miña Avoa”, un xogo para dinamizar o comercio local

 

O Concello do Porriño , a través da Concellería de Festexos e a OMIX presentará este luns “A miña Avoa”, unha iniciativa que vai poñer en marcha contando coa colaboración da Asociación de Comerciantes (Acipor), os Hostaleiros do Porriño (Ahospor), e os establecementos non asociados, durante os meses de abril e maio.
A presentación terá lugar este luns, ás 13 horas, no salón de sesións do Concello.

Este proxecto consiste na procura dun tesouro, que da protagonismo á economía local, non só coa súa implicación, senón tamén, porque os premios reverten no consumo das propias empresas locais.
O xogo consiste en localizar páxinas dun xornal vello polas empresas da zona, que conteñen 3 enigmas distintos. A través deles, a veciñanza ten que adiviñar onde se atopa o tesouro escondido. Poida que se xogue ao engano, pero só na primeira ollada, posto que non é imposible de acertar.

Xogo “A miña avoa”

A Concellería de Patrimonio restaura a fonte da María Rosa en Pontellas

Están a rematar as obras de restauración da Fonte da María Rosa en Pontellas. Despois de anos en estado de abandono, a Concellería de Patrimonio que dirixe o nacionalista Pedro Pereira, está a levar a cabo obras de mellora e conservación neste elemento patrimonial municipal. O proxecto execútase con cargo a unha liña de subvencións para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural da Deputación de Pontevedra. O orzamento ascende a 9.769 €.

As obras inclúen a construción dun novo fronte a base de lousas de pedra e a instalación dunha placa en metacrilato que recupera o nome tradicional, Fonte de María Rosa. Demoléronse as antigas escaleiras de baixada e habilitouse un novo acceso máis seguro dende unha zona pavimentada. Revestíronse tamén con pedra os muros de contención para conseguir harmonizar esteticamente o conxunto arquitectónico. Na contorna da fonte leváronse a cabo traballos de rozado  así como o encintado e saneamento das xuntas dos muros que rodean o lugar.

“A fonte estaba en moi mal estado, cun perigoso acceso que impedía un uso seguro e normal por parte da xente”, afirmou o concelleiro de Patrimonio, Pedro Pereira. “Queremos recuperar espazos públicos tamén no rural. Con estas obras de mellora e conservación a Fonte de María de Rosa gaña en utilidade e convértese nun lugar de encontro para a veciñanza”, concluíu Pereira.

Representantes do Consello Municipal da Infancia e Adolescencia do Porriño reencóntranse logo de meses de traballo online.

Cumprindo as medidas de seguridade que permiten reunións de ata 6 persoas non conviventes e aproveitando as vacacións de Semana Santa, algúns dos voceiros/as do grupo de participación infantil do Concello do Porriño mantiveron unha reunión presencial.

Puideron poñerse cara sen unha pantalla de por medio para seguir compartindo ideas, impresións, e preparar o traballo que realizarán nos vindeiros meses.

Entre outras cousas pensaron nas propostas que lle farán ao Director Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, co que se reunirán nun encontro organizado por UNICEF e no que participarán tamén representantes doutros concellos “amigos da infancia” de Galicia.

Fixérono nos soportais da Casa do Concello, e aproveitaron a ocasión para animar ao resto de xente nova do municipio a unirse ao grupo para acadar así unha representación máis diversa.

Os nenos e nenas que desexen participar poden poñerse en contacto coa OMIX do Concello do Porriño a través do número de teléfono 986 33 76 24 ou directamente co equipo dinamizador no 604 086 970

O pleno tratará o plan de axudas “Porriño Impulsa 2021” e decidirá a nova concesionaria da Piscina Municipal

O pleno municipal ordinario que se celebrará este mércores 31, a partir das 18:00 horas, abordará a aprobación da liña de axudas económicas directas aos sectores máis afectados pola Covid, cunha asignación total de 140.000 €.  O plan, chamado “Porriño Impulsa 2021” está destinado á hostalería, comercio e autónomos, os máis afectados polas restricións derivadas da pandemia actual.

Na mesma sesión plenaria, inclúese unha modificación do orzamento por unha cantidade de 108.000 € para afrontar as contribucións municipais a varios programas de contratación de persoal subvencionado.

A corporación tamén decidirá se aceptar a proposta realizada pola mesa de contratación para adxudicar á firma “Soom Management”, a explotación da piscina municipal.  Esta empresa, que actualmente leva as piscinas municipais de Marín, Boiro e Cangas, foi a plica máis valorada, cunha oferta anual de 508.000 € e adquire o compromiso de subrogar ao persoal actual de 24 traballadores da piscina municipal.

Ademais, será trasladada á Corporación, unha proposta para unha declaración de apoio institucional á industria cárnica, sector moi vencellado a Porriño.  Na declaración de apoio é valorado que o sector da carne xera mil postos de traballo no municipio e preto de 250 millóns de euros na facturación.

Finalmente, nesta sesión tomará posesión como nova concelleira do grupo municipal do Partido Popular, Ascensión Rosario Costas que cubrirá a vacante deixada por Ana María Paradela.

Adxuntamos a orde do día en “pdf”

Pleno ordinario marzo 2021

Traballase no arranxo da rotonda principal de acceso ao Polígono Industrial da Granxa

Durante esta tarde e ata a noite, persoal da empresa “Naturgalia”, contratada para desenvolver o arranxo da rotunda da Avenida Principal coa rúa Arousa, no acceso ao polígono industrial de A Granxa, realiza o fresado da anterior capa de rodadura, moi deteriorada, para pavimentar de novo. As obras serán reiniciadas mañá sábado coa previsión de que poden concluír ao longo do día.

Lourdes Moure, concelleiro de Vías e Obras, departamento do que depende esta actuación, foi esta tarde a comprobar o progreso das tarefas.

Esta acción está financiada con fondos do Plan Concellos 2020 da Deputación Provincial e responden a unha demanda da Entidade Urbanística de Conservación do Polígono Industrial de A Granxa.

 

 

O cadro “A prisión de Francisco I” que estaba en depósito no Concello desde 1929, volveu esta semana ao Museo do Prado

Un equipo técnico enviado polo Museo do Prado retirou e trasladou cara a Madrid, o cadro “A prisión de Francisco I”, que estaba en depósito nas dependencias do Concello do Porriño desde o século pasado. 

O óleo, obra do pintor italiano Giovanni Migliara foi cedido polo Museo do Prado ao Concello con data do 11 de decembro de 1929. A pintura estivo colgada nunha das paredes da antigas oficinas da alcaldía durante 92 anos.

É parte do que se chama “El Prado disperso”, que denomina as obras das diferentes coleccións pictóricas que o Museo cedeu debido á escaseza de espazo de exposición nas súas dependencias desde que abriu ao público, en 1819.

Máis dun século despois, a partir de 1980, a dirección do Museo do Prado comezou unha revisión dos depósitos feitos para verificar que as obras permaneceron nos lugares e institucións que documentaban os seus arquivos e coñecer o seu estado de conservación.

O levantamento do depósito feito a Porriño responde á decisión do Museo para volver a expoñer a pintura de Migliara nos salas do século XIX. Probablemente a mediados deste ano, segundo o persoal do Prado.  Previamente pasará por un proceso de posta a punto polos restauradores do Museo, aínda que o estado de conservación é bo, segundo comunicaron.

 “A prisión de Francisco I” recrea o encarceramento do antigo rei Francia na Cartuja de Pavía, logo de ser derrotado polo emperador Carlos I en 1525. Este lenzo foi pintado por Giovanni Migliara ao redor de 1825 segundo os rexistros do Museo do Prado. A raiña María Cristina de Borbón mercouno e incorporouse aos fondos da pinacoteca nacional.

A pavimentación da rotonda da Avenida Principal no polígono industrial A Granxa terá lugar entre venres tarde e sábado para diminuír o impacto no tráfico

A Concellería de Vías e Obras informa que o pavimentado da rotonda da Avenida Principal-Rúa Arousa do polígono industrial de A Granxa realizaranse entre a tarde deste venres 26 e ao longo do sábado 27, buscando o menor impacto no tráfico de vehículos.

Lourdes Moure, concelleira responsable explicou que a empresa que levará a cabo a pavimentación, a firma “Naturgalia”, informoulle que o fresado da rotonda comezará a partir das catro da tarde deste venres e que a Policía Local xa foi notificada para regular o tráfico.

Do mesmo xeito, Moure Varela tamén comunicou a execución das obras á Entidade Urbanística de Conservación do polígono de A Granxa cumprindo un compromiso adquirido polo Concello. Esta rotonda rexistra a diario aforos de tráfico de milleiros de vehículos, especialmente tráfico pesado.

Os traballos desenvolvense con fondos do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.