O Concello celebrara este venres 20 un novo pleno infantil coa ocasión do Día Mundial dos Dereitos da Infancia

O Concello celebrara este venres 20 un novo pleno infantil coa ocasión do Día Mundial dos Dereitos da Infancia

Os nenos e nenas do consello municipal da infancia e adolescencia do Porriño presentarán desta volta as súas propostas en sesión telemática debido a situación actual, de xeito que non se repetirán imaxes como as que lembramos.

A Alcaldesa Eva García convocou este novo pleno infantil que se celebrará como sesión telemática, a partir das 10,30 horas. A convocatoria é para cumprir co compromiso adquirido logo do recoñecemento de O Porriño como “Cidade amiga da Infancia” por parte de UNICEF e como xeito de conmemorar o Día Mundial dos Dereitos da Infancia

Ademais o pleno servirá para solicitar o apoio e compromiso dos nenos, nenas e adolescentes na resposta aos retos da situación actual, e para impulsar a Axenda 2030 e cumprir cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable xa que son os que contribuirán a saír desta crise de xeito mais sostible, con mais equidade e sobre todo con mais oportunidades de prosperidade para todos e todas.

Neste pleno, os/as voceiros de cada un dos centros de ensino, terán a oportunidade de transmitirlle de primeira man tanto a alcaldesa o resultado do traballo feito cos seus compañeiros nas aulas sobre os efectos da pande

Na orde do día do pleno infantil tamén está recoller propostas para a realización de actividades durante este Nadal, que sen dúbida será diferente e someter a votación a realización dunha nova iniciativa no marco do movemento internacional #GivingTuesday, este ano centrada na recollida de alimentos e elementos de hixiene infantil.

O pleno infantil do Porriño que este ano non poderá realizarse no salón de sesións do Concello. Sen embargo poderá seguirse dende a web do concello,na pestana da “Mediateca de plenos” o que facilitará a participación do resto da comunidade educativa, que poderá interactuar igual que en anteriores ocasións dende as redes sociais coa etiqueta #PlenoInfantilPorriño.

Sete membros da Policía Local serán condecorados pola súa intervención auxiliando ás vítimas da explosión de Paramos


Daniel Rodríguez, Inspector Xefe e os Oficiais Antonio Pereira Nandín e Adolfo Suarez Piñeiro, e os axentes Benjamín Blanco, Francisco Javier Rodríguez, Sergio García e Brais Roca, todos eles membros da Policía Local do Porriño naquel intre, recibirán a Medalla ao Mérito Policial en recoñecemento pola súa intervención nun acto de servizo.

En concreto, honrase con estas distincións a participación que todos eles tiveron coa ocasión da explosión de material pirotécnico en Paramos (Tui) acaecida o 23 de maio de 2018.

Os sete policías locais porriñeses acudiron a ao concello veciño a cooperar nas primeiras tarefas de asistencia aos feridos, nada máis recibirse a alerta de Emerxencias 112. Foron dos primeiros en chegar ao lugar, revisaron as vivendas afectadas pola deflagración e participaron na evacuación dos feridos en colaboración cos servizos de emerxencias.

O DOG de hoxe publica a resolución que firma Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia. A disposición amosa no seu texto que na actuación dos devanditos axentes do Porriño hai que “salientar o seu compromiso de servizo, calidade inherente ao ideal de servizo público, predicable dun bo policía, para a concesión das distincións”.

Cabe subliñar que hoxe en día, dous deles xa non están no Porriño e teñen outros destinos: o oficial Adolfo Suárez está en Nigrán e o axente Sergio García en Parla.
O acto de entrega das Medallas aos sete aínda non ten data debido as actuais restricións pola pandemia sanitaria.

O Porriño acada os 85 infectados activos pola Covid

A evolución dos datos de infectados no Porriño aínda seguen empeorando. Hoxe o Sergas comunicou ao Concello que o número de casos activos da Covid no municipio é de 85 infectados. 

Actualmente Sanidade comunica diariamente o número de infectados ao Concello. Esa información trasladase aos grupos políticos da Corporación segundo acordo acadado o pasado luns 16 na Comisión Municipal anti-Covid. 

Tendo en conta que o xoves 12 de novembro había 78 casos, a tendencia non evidencia melloría ao cabo dunha semana. 

Precisamente este xoves, ás 13 horas, Eva García de la Torre participará na conferencia telemática que Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade manterá cos alcaldes e alcaldesas dos concellos da área de Vigo que están en alerta vermella e con medidas restritivas. 

O goberno municipal levará a licitación o novo contrato da Piscina Municipal

 

Este xoves o Concello do Porriño celebrará cinco comisións municipais informativas preparatorias do vindeiro pleno ordinario da Corporación que terá lugar o día 25. As comisións están convocadas entre as 19 e as 20,30 horas e serán telemáticas.

Entre os asuntos que se abordarán cabe subliñar o expediente para levar a licitación o novo contrato da piscina municipal. Segundo informará na comisión correspondente o concelleiro de Deportes, David Alonso, o prezo base da licitación será un millón e medio de euros, a razón de 545.000 por exercicio xa que a vixencia do contrato será por un máximo de 3 anos.

Entre as condicións que se formularán no prego da licitación figuran a subrogación do persoal actual da piscina (máis de 20 traballadores). Asemade a empresa que resulte adxudicataria deberá asumir a prestación de clases de instrución e formación tanto na auga como no ximnasio da piscina.

Segundo estima o concelleiro responsable, se a tramitación do expediente non sufre atrancos, a licitación podería abrirse a primeiros do 2021.

Aberto o prazo para a renovación de licencias de ocupación para o mercadillo ambulante

A Concellería de Mercados que dirixe Sergio Casal, informa que xa está aberto o prazo para a renovación de licencias de ocupación para venda ambulante no mercadillo dos martes. Trátase da renovación dos permisos para o exercicio de 2021.

Os interesados poden facer os trámites de xeito presencial nas oficinas do Concello no horario habitual de mañá; ou ben a través de xestorías ou a través da sede electrónica.  

Pedro Pereira declara que o Concello “está parcialmente satisfeito” co compromiso da Xunta sobre A Vaquería

 

O primeiro tenente de alcalde de O Porriño, Pedro Pereira trasladou hoxe a unha representación veciñal da Vaquería a impresión de que o goberno municipal “está parcialmente satisfeito” do resultado da reunión que onte mantivera con Francisco Menéndez, director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas para tratar do proxecto da varíante.

A reunión, reiteradamente solicitada polo Concello do Porriño, “confirmou o compromiso da Xunta de que acometerá a obra aínda que sabemos que é un proxecto complexo e que levará 4 ou 5 anos ata que sexa completado”, valorou Pereira Fernández.

O concelleiro trasladou aos veciños de Budiño a información concreta que lle proporcionou Menéndez sobre as características da varíante. O vial terá un 1 quilómetro 400 metros e suporá unir a Autovía A-55 coa estrada PO-510 o que suporá a eliminación do tráfico tan intenso que hoxe en día soporta a travesía de A Vaquería. Debido ás afeccións o proxecto aínda terá unha longa tramitación.

Unha das principais trabas é o alto custe da obra que se estima en 27 millóns de euros polo que a Xunta de Galicia estuda o seu posible financiamento en varias anualidades. A primeira partida orzamentaria será de 300.000 euros que será o custe aproximado da redacción do proxecto definitivo para a súa licitación.

Namentres o compromiso acadado por Pereira con Menéndez é que a Xunta de Galicia acometerá obras de calmado do tráfico e mellora da seguridade viaria da actual travesía na estrada PO-510.

O concelleiro e os representantes veciñais de Budiño acordaron manter unha interlocución permanente coa Consellería de Infraestruturas da Xunta para que o proxecto non se demore. 

Un alumno do Porriño intervirá no pleno infantil do Parlamento de Galicia

Este martes terá lugar o VIII Foro Autonómico de Participación infantil e Adolescente que organiza o Parlamento de Galicia no que intervirá o alumno porriñés Alejandro Gómez Granja en representación do Consello Municipal da Infancia. A sesión será telemática a partir das 12,30 horas e poderá seguirse a través da páxina web do Parlamento. Deixamos ligazón.

www.parlamentodegalicia.gal

Trátase dun acto organizado por UNICEF Galicia en colaboración co Parlamento Autonómico para conmemorar o Día Universal dos dereitos da Infancia. Ademais dos representantes dos distintos consellos municipais de infancia e adolescencia de toda Galicia, intervirán o Presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, a Presidenta de UNICEF Comité Galicia, Myriam Garabito, representantes dos tres grupos parlamentarios e a Conselleira de Política Social, Fabiola García.

A intervención de Alejandro Gómez Granja, que será o representante dos nenos e nenas do Porriño e que foi elixido entre os/as voceiros/as dos distintos centros educativos, xirará en relación aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles que teñen que ver coa redución das desigualdades, as cidades e comunidades sustentables e a produción e consumo responsable

Lourdes Moure, Concelleira de Educación e promotora xunto ca OMIX do Porriño,  da iniciativa “Cidades amigas da infancia”, indicou que “é un pracer que por terceiro ano consecutivo os nenos e nenas do Porriño teñan oportunidade de expoñer as súas opinións directamente no parlamento autonómico”. Moure Varela convidou “a todos os centros educativos a que poidan seguir a retransmisión do acto a través de internet”.

 

O Concello habilitará unha liña telefónica de axuda para persoas que garden illamento pola Covid

 

O Concello do Porriño habilitará unha liña telefónica para canalizar as axudas que poidan requirir persoas que teñan que gardar illamento pola Covid. Esta acordo adoptouse hoxe na reunión que mantivo a Comisión Municipal de Seguimento da Covid. Aínda que esta axuda á domicilio xa se está prestar a través de contactar coa Policía Local e Protección Civil.

A sesión foi telemática e presidida pola alcaldesa Eva Garcia e con participación dos grupos políticos da corporación representados por Lourdes Moure, David Alonso e Sergio Casal (PSOE), Abel Estévez (PP), Patricia Sío (EU SON) e Cami Moreira (BNG). Ademais participaron os responsables da Policía Local e Protección Civil. 

A alcaldesa reportou os últimos informes sobre incidencia de contaxios que finalmente a Consellería de Sanidade xa remite a diario ao Concello. O dato de hoxe é de 78 contaxios activos. O Porriño segue en alerta vermella pola alta incidencia de contaxios que continúa a presentar.

A Comisión Municipal de Seguimento do Covid tamén acordou autorizar un aforo de 30 espectadores en eventos deportivos en recintos pechados. A petición do concelleiro Abel Estévez, tamén presidente do Balonmán Porriño, reservarase unha parte de ese aforo para os acompañantes dos equipos foráneos.

A alcaldesa informou aos asistentes do recente decreto que autoriza nas instalacións deportivas ao aire libre un máximo de 75 espectadores. E recalcou que mantense a prohibición expresa de que os clubs de fútbol abran as cantinas dos seus campos.  

Eva García acusa a Nidia Arévalo de “desconsideración cara aos porriñeses e á súa alcaldesa”

 

Eva García, presidenta do Consorcio de Augas do Louro, amósase “sorprendida” polo anuncio da alcaldesa de Mos de que estea a buscar apoios no Consorcio para axudar á hostalaría.

A alcaldesa porriñesa sinalou que “sendo eu a presidenta do Consorcio, ninguén de Mos, púxose en contacto comigo para suxerir medidas para axudar aos hostaleiros o que, por un sinxelo principio de cortesía institucional, debería telo feito antes de acudir á prensa”.

“Sorpréndeme que a alcaldesa de Mos que nunca asiste ás reunión do comité directivo do Consorcio, pretenda liderar unha iniciativa tal sen sequera facer previamente unha proposta no órgano de deliberación que precisamente reuniuse hai unha semana”, engadiu Eva García de la Torre.

A presidenta do Consorcio lembrou que nesa reunión o concelleiro de Mos que asistiu non manifestou nada ao respecto desa proposta que “sen embargo cónstame que Nidia Arévalo trasladouna en conversas telefónicas aos meus homólogos de Salceda e Tui así como ao xerente do Consorcio”.

A rexedora do Porriño considera que “este novo episodio protagonizado por Nidia Arévalo é a enésima falta de consideración e respecto aos 20.300 porriñeses na persoa da súa alcaldesa”.   

Finalmente, Eva García indicou que o vindeiro xoves convocarase unha reunión do comité directivo do Consorcio na poderá discutirse esa medida no caso de ser presentada”.

O goberno municipal decide permitir tan só 75 espectadores en partidos en recintos abertos

O goberno municipal de Porriño decidiu hoxe e comunica que ven de autorizar que se permita o acceso de público ata un máximo de 75 espectadores, nos eventos deportivos en instalacións municipais ao aire libre. A prohibición de público mantense en recintos pechados como o Polideportivo Municipal.

Deste xeito como consecuencia desta decisión municipal, a U.D. Atios poderá celebrar o seu partido do vindeiro domingo 15 contra o Ourense, no seu campo de O Carballo cun máximo de 75 espectadores.

Non obstante, algún outro club decidiu mantener aínda algunha restrición máis. E o caso do Porriño Industrial que resolveu que no partido que mañá sábado xogará o equipo de Liga Nacional Xuvenil contra o C.D. Areosa, tan só accedan ao Lourambal os pais e nais dos xogadores locais.

O decreto de hoxe modifica parcialmente o anterior do 22 de outubro que obrigou a celebrar os eventos deportivos sen público, en recintos pechados e ao aire libre.

Por outra banda, o goberno municipal tamén acordou hoxe decretar obrigatorio o uso da máscara para a práctica deportiva individual en todo o casco urbano.