25N: actos organizados pola Concellería de Igualdade no Día Internacional contra a violencia machista

 

A exposición de fotografías “Todas as mulleres en todas as partes do mundo” na rúa peonil, un manifesto da corporación municipal e o alumeado en cor violeta da casa consistorial, serán os actos principais no Porriño coa ocasión do 25 N, Día Internacional contra a violencia machista.

A programación confeccionada pola Concellería de Igualdade que dirixe Cami Moreira comezou o venres 20 coa proxección da película “María Solinha” no Centro Cultural Municipal.

Continua coa exposición de fotografías con imaxes que penduran dos farois na rúa peonil, motivo que tamén inspirou a lona que se instala na praza do Concello.

A mostra “Todas as mulleres en todas as partes do mundo” simboliza a universalización da violencia machista. “Cada retrato é unha fotografía dos distintos aspectos da existencia das mulleres no mundo porque non hai unha única imaxe que nos poida representar, todas sentimos, sorrimos, choramos, resistimos, loitamos, avanzamos, empatizamos… valoramos a vida e esiximos ser consideradas persoas con plenos dereitos, de liberdade, de respecto e capacidade de decisión”, segundo argumentou a concelleira de Igualdade.

O propio mércores 25N difundirase un manifesto institucional de toda a corporación porriñesa elaborado en conxunto e a partir das 19 horas, a fachada do Concello iluminarase en cor violeta.

O programa de actos rematará o venres 27 coa proxección da película “Trote” no Centro Cultural Municipal en dous pases (18,30 e 20,30 h.) con aforo limitado a 30 persoas por pase e con inscrición previa no correo electrónico cultura@oporrino.org

84 casos activos da Covid no Porriño, segundo a última actualización do Sergas

 

A Comisión Municipal de Seguimento anti Covid celebrou hoxe reunión para avaliar os últimos datos no municipio e medidas a adoptar polo Concello. A alcaldesa, Eva Garcia presidiu a sesión telemática.

Segundo a última actualización do Sergas, O Porriño ten 84 casos activos diagnosticados de Covid e unha incidencia acumulada de máis de 250.

Na reunión de hoxe compareceu a xefa do departamento de Servizos Sociais que informou dos protocolos que están a seguir. Tamén o concelleiro responsable, David Alonso detallou información sobre o reparto a domicilio dos lotes de alimentos que canaliza “SOS Porrriño” que se realiza para aminorar riscos e coa importantísima colaboración da Agrupación de Protección Civil.

A corporación debaterá en pleno as condicións de licitación do novo contrato da Piscina Municipal


A corporación municipal celebrará este mércores sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de novembro que, de novo, será telemática, a partir das 18 horas.
Dous asuntos destacan na orde do día. Un deles é a regulación das condicións xurídicas e económicas para arrendamento de terreos de titularidade municipal para explotacións mineiras. O concelleiro de Patrimonio Municipal, Pedro Pereira levará á consideración do pleno da corporación os pregos de condicións que a partir de agora rexerán esas adxudicacións.
E o outro asunto sobranceiro do pleno é iniciar a licitación do novo contrato para a explotación da Piscina Municipal. A proposta do concelleiro de Deportes, David Alonso contempla un contrato por 3 anos, a razón de 545.000 euros anuais. Entre as condicións que se formularán no prego da licitación figuran a subrogación do persoal actual da piscina (máis de 20 traballadores). Asemade a empresa que resulte adxudicataria deberá asumir a prestación de clases de instrución e formación tanto na auga como no ximnasio da piscina.

Adxuntamos ligazón coa orde do día do pleno.

file:///C:/Users/Usuario/Downloads/Pleno%20Noviembre%20de%202020.pdf

O Concello solicita melloras estruturais no Albergue de Peregrinos

O Concello do Porriño solicitou á S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, unha mellora das deficiencias estruturais que presenta o inmoble do Albergue de Peregrinos. David Alonso, concelleiro de Turismo entrevistouse hoxe en Santiago con Ildefonso de la Campa, director da S.A. do Plan Xacobeo.

Alonso Bargiela retornou co compromiso de que a Xunta vai acometer ese arranxo das deficiencias, particularmente graves na xunta de dilatación do inmoble, xa que o executivo do Xacobeo manifestoulle que hai disposición orzamentaria.

Por outra banda, o concelleiro de Turismo trasladoulle a Ildefonso de la Campa que a petición de que a S.A. de Xestión do Xacobeo homologue un percorrido alternativo e complementario ao actual pola rúa San Sebastián para que os peregrinos que chegan ao Porriño o fagan tamén pola rúa Manuel Rodríguez e barrio de San Benito.

Como anécdota, o concelleiro agasallou ao directivo do Xacobeo cunha bola de Pan do Porriño como se aprecia nas imaxes.

O pleno infantil demandou rachar coa fenda dixital coa ocasión do Día Mundial dos Dereitos da Infancia

A mellora da conectividade á Internet en todo o territorio municipal e unha maior dinamización de actividades de lecer a través da Rede, foron as dúas demandas máis reiteradas pola maioría dos nenos e nenas do Porriño que participaron hoxe na sesión telemática do pleno infantil.

A convocatoria anual responde ao compromiso adquirido logo do recoñecemento de O Porriño como “Cidade amiga da Infancia” por parte de UNICEF e como xeito de conmemorar o Día Mundial dos Dereitos da Infancia.

Ademais o pleno que finalmente presidiu Lourdes Moure, concelleira de Educación, serviu  para solicitar o apoio e compromiso dos nenos, nenas e adolescentes na resposta aos retos da situación actual, e para impulsar a Axenda 2030 e cumprir cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable.

Na sesión acordouse realizar de novo co Concello unha iniciativa semellante á do ano pasado no ámbito de movemento internacional #GivingTuesday que consistirá nunha recollida de alimentos e produtos de hixiene infantil para colaborar con “SOS Porriño”.

Tamén se recolleron as propostas da meirande parte dos nenos e nenas participantes a propósito de manter o alumeado de Nadal nas rúas e prazas para como elemento de animación nas actuais circunstancias.

O Concello celebrara este venres 20 un novo pleno infantil coa ocasión do Día Mundial dos Dereitos da Infancia

O Concello celebrara este venres 20 un novo pleno infantil coa ocasión do Día Mundial dos Dereitos da Infancia

Os nenos e nenas do consello municipal da infancia e adolescencia do Porriño presentarán desta volta as súas propostas en sesión telemática debido a situación actual, de xeito que non se repetirán imaxes como as que lembramos.

A Alcaldesa Eva García convocou este novo pleno infantil que se celebrará como sesión telemática, a partir das 10,30 horas. A convocatoria é para cumprir co compromiso adquirido logo do recoñecemento de O Porriño como “Cidade amiga da Infancia” por parte de UNICEF e como xeito de conmemorar o Día Mundial dos Dereitos da Infancia

Ademais o pleno servirá para solicitar o apoio e compromiso dos nenos, nenas e adolescentes na resposta aos retos da situación actual, e para impulsar a Axenda 2030 e cumprir cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable xa que son os que contribuirán a saír desta crise de xeito mais sostible, con mais equidade e sobre todo con mais oportunidades de prosperidade para todos e todas.

Neste pleno, os/as voceiros de cada un dos centros de ensino, terán a oportunidade de transmitirlle de primeira man tanto a alcaldesa o resultado do traballo feito cos seus compañeiros nas aulas sobre os efectos da pande

Na orde do día do pleno infantil tamén está recoller propostas para a realización de actividades durante este Nadal, que sen dúbida será diferente e someter a votación a realización dunha nova iniciativa no marco do movemento internacional #GivingTuesday, este ano centrada na recollida de alimentos e elementos de hixiene infantil.

O pleno infantil do Porriño que este ano non poderá realizarse no salón de sesións do Concello. Sen embargo poderá seguirse dende a web do concello,na pestana da “Mediateca de plenos” o que facilitará a participación do resto da comunidade educativa, que poderá interactuar igual que en anteriores ocasións dende as redes sociais coa etiqueta #PlenoInfantilPorriño.

Sete membros da Policía Local serán condecorados pola súa intervención auxiliando ás vítimas da explosión de Paramos


Daniel Rodríguez, Inspector Xefe e os Oficiais Antonio Pereira Nandín e Adolfo Suarez Piñeiro, e os axentes Benjamín Blanco, Francisco Javier Rodríguez, Sergio García e Brais Roca, todos eles membros da Policía Local do Porriño naquel intre, recibirán a Medalla ao Mérito Policial en recoñecemento pola súa intervención nun acto de servizo.

En concreto, honrase con estas distincións a participación que todos eles tiveron coa ocasión da explosión de material pirotécnico en Paramos (Tui) acaecida o 23 de maio de 2018.

Os sete policías locais porriñeses acudiron a ao concello veciño a cooperar nas primeiras tarefas de asistencia aos feridos, nada máis recibirse a alerta de Emerxencias 112. Foron dos primeiros en chegar ao lugar, revisaron as vivendas afectadas pola deflagración e participaron na evacuación dos feridos en colaboración cos servizos de emerxencias.

O DOG de hoxe publica a resolución que firma Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia. A disposición amosa no seu texto que na actuación dos devanditos axentes do Porriño hai que “salientar o seu compromiso de servizo, calidade inherente ao ideal de servizo público, predicable dun bo policía, para a concesión das distincións”.

Cabe subliñar que hoxe en día, dous deles xa non están no Porriño e teñen outros destinos: o oficial Adolfo Suárez está en Nigrán e o axente Sergio García en Parla.
O acto de entrega das Medallas aos sete aínda non ten data debido as actuais restricións pola pandemia sanitaria.

O Porriño acada os 85 infectados activos pola Covid

A evolución dos datos de infectados no Porriño aínda seguen empeorando. Hoxe o Sergas comunicou ao Concello que o número de casos activos da Covid no municipio é de 85 infectados. 

Actualmente Sanidade comunica diariamente o número de infectados ao Concello. Esa información trasladase aos grupos políticos da Corporación segundo acordo acadado o pasado luns 16 na Comisión Municipal anti-Covid. 

Tendo en conta que o xoves 12 de novembro había 78 casos, a tendencia non evidencia melloría ao cabo dunha semana. 

Precisamente este xoves, ás 13 horas, Eva García de la Torre participará na conferencia telemática que Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade manterá cos alcaldes e alcaldesas dos concellos da área de Vigo que están en alerta vermella e con medidas restritivas. 

O goberno municipal levará a licitación o novo contrato da Piscina Municipal

 

Este xoves o Concello do Porriño celebrará cinco comisións municipais informativas preparatorias do vindeiro pleno ordinario da Corporación que terá lugar o día 25. As comisións están convocadas entre as 19 e as 20,30 horas e serán telemáticas.

Entre os asuntos que se abordarán cabe subliñar o expediente para levar a licitación o novo contrato da piscina municipal. Segundo informará na comisión correspondente o concelleiro de Deportes, David Alonso, o prezo base da licitación será un millón e medio de euros, a razón de 545.000 por exercicio xa que a vixencia do contrato será por un máximo de 3 anos.

Entre as condicións que se formularán no prego da licitación figuran a subrogación do persoal actual da piscina (máis de 20 traballadores). Asemade a empresa que resulte adxudicataria deberá asumir a prestación de clases de instrución e formación tanto na auga como no ximnasio da piscina.

Segundo estima o concelleiro responsable, se a tramitación do expediente non sufre atrancos, a licitación podería abrirse a primeiros do 2021.

Aberto o prazo para a renovación de licencias de ocupación para o mercadillo ambulante

A Concellería de Mercados que dirixe Sergio Casal, informa que xa está aberto o prazo para a renovación de licencias de ocupación para venda ambulante no mercadillo dos martes. Trátase da renovación dos permisos para o exercicio de 2021.

Os interesados poden facer os trámites de xeito presencial nas oficinas do Concello no horario habitual de mañá; ou ben a través de xestorías ou a través da sede electrónica.