A Policía Local do Porriño informa á veciñanza de que esta vindeira fin de semana, haberá cortes de tráfico e restricións para estacionamento de vehículos coa ocasión de celebrarse a “V Challenge Rías Baixas” de ciclismo que discorrerá por Porriño e outras poboacións da contorna.

Engadimos nas dúas imaxes adxuntas, os rutómetros das etapas con horarios de paso previstos e as rúas e estradas polas que circularán os ciclistas.

O sábado 8, data da segunda etapa con saída e chegada en Mos, haberá cortes de tráfico puntuais a partir das cinco da tarde cando a caravana circule en dirección Tui, e posteriormente, a partir das seis e media da tarde, cando regrese por Cans, rúa Antonio Palacios e Avenida de Galicia en dirección ao Pazo de Mos.
O domingo 9, coa ocasión da terceira e última Porriño-Porriño, haberá as maiores restricións.


A Policía Local solicita aos condutores que non estacionen os seus vehículos desde as 8.00 horas na avenida Domingo Bueno, en ambas marxes (entre a intersección con Fernández Areal ata a praza de San Sebastián). Tampouco poderá estacionarse, no mesmo horario, na rúa Parque Infantil que será cortada ao tráfico, de mesmo xeito que a rúa San Sebastián, entre a capela de San Bieito e a praza de San Sebastián.
A Policía Local prega a colaboración dos condutores e advirte que os vehículos que estean estacionados nas devanditas rúas, serán retirados polo guindastre.
A Policía Local sinalizará nas rúas afectadas e colocará follas informativas nos parabrisas dos vehículos para lembrar estas circunstancias aos condutores.