A alcaldesa solicitalle unha reunión de traballo ao presidente da Xunta

A alcaldesa, Eva García ven de solicitar ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, unha reunión de traballo para “abordar os asuntos pendentes de resolución no termo municipal que dirixo”, segundo expresa a rexedora porriñesa nunha carta.

Esta mañá o Concello enviou a petición de audiencia á sede da presidencia da Xunta.

A alcaldesa argumenta o encontro co titular do goberno galego como “de especial interese”. “O Concello do Porriño é, hoxe, un dos poucos de Galicia que medra en poboación, xera postos de traballo estables e constitue unha referencia industrial sólida para a proxección de Galicia”, segundo reivindica a rexedora no seu escrito ao titular do goberno autonómico.

Eva García manifesta finalmente na súa carta que “estou segura que chegaremos a acordos que beneficiarán aos veciños e veciñas do Porriño”.  

  

689 764 717, número da liña telefónica de axuda pola Covid do Concello

 
Dende esta tarde quedou habilitado o número de teléfono 687 76 47 17 como liña para canalizar as axudas que poidan requirir persoas que teñan que gardar illamento pola Covid.
A liña telefónica está atendida pola Agrupación de Protección Civil do Porriño.
 
Deste xeito se da cumprimento a un dos acordos acadados pola Comisión Municipal de Seguimento da Covid.
Aínda que esta axuda a domicilio xa se está prestar a través de contactar coa Policía Local e Protección Civil.

Comisión municipal anti-Covid: ante a melloría dos datos, amplíanse aforos deportivos e reabriranse os parques infantís

O goberno municipal porriñés, á vista da melloría que reflicten os datos de contaxios e incidencia da pandemia, decidiu aliviar algunhas das restricións existentes. Hoxe o SERGAS comunicou que no Porriño os novos contaxios baixaron a 39 casos activos aínda que seguimos cunha incidencia acumulada de máis de 150 e menos de 250. 

Entre as novas medidas, o Concello acordou:

-Ampliar os aforos nos eventos deportivos. En pavillóns e recintos pechados, haberá 250 espectadores. Nos campos de fútbol e recinto ao aire libre, permitiranse 500 espectadores, medida que poderá estrear mañá martes o C.D. Pontellas no seu campo, coa ocasión do partido de Liga de Terceira División contra o Arenteiro.

– Reapertura de todos os parques infantís que leven pechados dende o 22 de outubro. Estes recintos de xogo volverán a estar dispoñibles a partir do venres 11, segundo indicou o concelleiro responsable, Sergio Casal.

Estas medidas comentáronse hoxe pola alcaldesa Eva García cos representantes dos grupos políticos da corporación e demais membros que forman a Comisión Municipal de Seguimento da Covid.

Tamén lembrouse que mañá martes volverá a celebrarse o mercado semanal, despois de seis semanas de suspensión aínda que coa metade dos postos.

Reparto de carteis por establecementos e na praza de abastos da campaña de apoio ao comercio local

Persoal do Concello repartiu esta mañá por establecementos e na Praza de Abastos, carteis da campaña “Agora máis que nunca nos perdamos a proximidade”, en apoio do comercio local.


O lema da campaña que promove a Deputación de Pontevedra, “chama á cidadanía a mercar nas tendas locais e de proximidade, nas praza e no mercado da nosa vila apostando polo consumo de produto de tempada das nosas produtoras e produtores”, manifestou Sergio Casal, concelleiro de Comercio.


O concelleiro apelou a que “mercar no comercio de proximidade é un xeito de amosar a nosa solidariedade cun sector que o está a pasar moi mal e que temos que axudar”.

 

O Porriño ofreceu terreos para acoller a futura plataforma loxística da automoción

O Concello do Porriño ven de ofrecer terreos para albergar a futura plataforma loxística do sector da automoción que promove Zona Franca de Vigo, segundo confirmou David Regades, delegado do Estado nesta entidade. A alcaldesa Eva García defendeu a candidatura do Porriño para acoller esa plataforma loxística durante a reunión que mantivo con Regades o pasado mércores 2.


O ofrecemento do Concello do Porriño para ese asentamento conta con terreos en chan industrial, preto da liña ferroviaria e con acceso á Autovía e polo tanto con conexión coa Autoestrada do Atlántico. Ambas son dúas das esixencias da oferta pública para a adquisición dunha parcela que fixo a Zona Franca de Vigo e que está piques de rematar o prazo de presentación de ofertas.


Ademais a oferta porriñesa suma como valor engadido a presenza do CTAG -Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia-.
David Regades manifestou que “O Porriño é o lugar idóneo, porque reúne todas as condicións”, segundo a información que hoxe publica o xornal “Faro de Vigo”.
Deixamos ligazón con esa información.

https://www.farodevigo.es/comarcas/2020/12/06/porrino-aspira-albergar-futura-plataforma-25988890.html

Excepcional resultado da recollida solidaria polo #GivingTuesday entre os centros de primaria do Porriño

Esta mañá operarios do Concello e o concelleiro delegado de Servizos Sociais recolleron nos colexios do Porriño os donativos de alimentos e produtos de hixiene infantil que centos de nenos e nenas entregaron nos seus respectivos centros docentes coa ocasión do “#GivingTuesday” (“Martes de dar”).

Na recollida solidaria que se efectuou ao longo desta semana, os centros educativos de Primaria do Porriño centralizaron a recollida. Este ano 2020, por iniciativa dos nenos e nenas do Porriño e segundo acordouse no último pleno infantil celebrado o pasado 20 de novembro, realizouse unha recollida específica de alimentos, leite e produtos de hixiene para bebés.

Os quilos de comida e produtos de hixiene recadados trasladáronse ao almacén de “SOS PORRIÑO” que canalizará a entrega e a súa posterior distribución entre as familias do concello con menores recursos.

Resposta desigual da hostalaría porriñesa ante a posibilidade de abrir dende hoxe só terrazas e cun aforo do 50%

 

O sector da hostalaría local tivo unha resposta desigual ante a posibilidade de abrir dende hoxe os seus establecementos segundo o establecido no plan de desescalada promulgado pola Xunta de Galicia.
O Porriño está no nivel máis restritivo de xeito que os establecementos tan só poden servir nas terrazas, cun aforo reducido ao 50%, cun máximo de 4 persoas por mesa, sexan ou non conviventes. E deberán pechar ás 17 horas.

Continúa a tendencia á baixa no número de contaxios no Porriño como acreditou hoxe a actualización diaria de datos do SERGAS. Segundo informou o número de novos casos diagnosticados nos últimos catorce días son 47. E a incidencia acumulada no concello é maior de 150 e menor de 250, é outro indicador que reflicte a melloría.

Estes datos así como o tratado onte pola alcaldesa Eva Garcia co conselleiro de Sanidade, Julio Garcia Comesaña na reunión telemática semanal que mantén cos rexedores dos concellos da área de Vigo, serán trasladados e comentados cos representantes de todos os grupos da corporación na reunión da Comisión Municipal de Seguimento da Covid convocada para o vindeiro luns 7.

Por outra banda, o Concello do Porriño lembra que o vindeiro martes 8, festivo, volverá o mercado ambulante despois de seis semanas de suspensión. Á vista da contrastada melloría que reflicten os datos, o goberno municipal tomou esta decisión para aliviar economicamente a moitos dese vendedores que son tamén veciños do concello.
A decisión foi trasladada e participada polos representantes dos demais grupos políticos da Corporación na última reunión da comisión de seguimento.

Este martes tan só instalarán os seus postos a metade dos vendedores autorizados, é dicir, uns 70 . O postos con número impar asignado, montarán o 8 e os postos con número par, o farán o día 15. Esa cadencia manterase á expensas da evolución dos datos da pandemia.

A alcaldesa congratulase de que “por fin” a Xunta responda á presión do Concello e solicite licenza de obras para ampliar o Centro de Saúde

 

A alcaldesa do Porriño, Eva García congratulase de que a presión do goberno municipal obrigase á Consellería de Sanidade “por fin a mover ficha en relación co proxecto de ampliación do Centro de Saúde”.

Tan só horas despois da comparecencia da alcaldesa xunto coa deputada Leticia Gallego para denunciar o reiterado incumprimento do compromiso adquirido por esa Consellería, trasladado ao Parlamento de Galicia, esta mañá chegou por rexistro unha solicitude de licenza de obras presentada por ese departamento autonómico.

A solicitude sinala que a licenza é para a ampliación e reforma do Centro de Saúde e apunta como orzamento estimado da obra, 2.916.716 €.

Para xustificar a solicitude, a Consellería de Sanidad indica que estaría prevista “para data próxima o anuncio para a contratación da obra”, segundo a petición.

 

O Porriño conmemorou o Día das Persoas con Discapacidade

 
A casa consistorial do Concello do Porriño luce esta noite en verde coa iluminación artística realizada coa ocasión de conmemorarse o 3 de decembro o Día das Persoas con Discapacidade. Con este motivo, a consistorio tamén lucía desde onte, no balcón principal unha lona realizada polas persoas usuarias de ACEESCA
 
Neste ano, 2020, o lema do Día das Persoas con Discapacidade, é “Un día para todos” porque, segundo preconiza unha declaración institucional do Concello, “a discapacidade forma parte da condición humana, xa que todas as persoas, nalgún momento da nosa vida, podemos experimentar unha discapacidade temporal ou permanente; e a sociedade ten que estar preparada para iso”.
 
 
 
 
 
 

Concentración silenciosa ante o Concello polo crime machista en Gondomar

 

A alcaldesa, concelleiros do goberno municipal e de todos os grupos políticos da corporación porriñesa participaron hoxe a mediodía nunha concentración silenciosa en repulsa polo crime machista de onte en Gondomar.
Os representantes municipais do Porriño expresaron deste xeito a súa condena polo asasinato de Soledad Rey Valverde, acoitelada polo seu marido no domicilio familiar.