O premio de 2.000€ será doado á asociación de apoio a persoas con diversidade intelectual “Aceesca”

O Porriño é un dos concellos galardoados pola Xunta de Galicia e “Ecoembes” pola súa achega á campaña de recollida de plásticos, latas e briks, “Recicla e únete ao reto!”. A campaña, desenvolvida simultaneamente en quince concellos galegos, consistiu en que todos eles asumiron o reto de superar, cando menos, nun 10% as achegas ao contedor amarelo durante os meses de febreiro, marzo e abril deste ano.

Coa ocasión deste reto, na praza do Concello colocouse en marzo un contedor amarelo xigante como reclamo da campaña aprendéndolle á cidadanía como separar correctamente os residuos. Tratase de incrementar a conciencia de reciclaxe e afianzar o hábito continuado entre a poboación.

O Porriño recibirá un premio económico dotado con 2.000 € para doar a una causa social. Por acordo do goberno municipal eses cartos dóanse á asociación de apoio a persoas con diversidade intelectual “Aceesca”.

Sergio Casal, concelleiro de Medio Ambiente e Limpeza será o encargado de recoller o premio, en representación do Concello do Porriño, no acto de entrega que terá lugar este venres 14, ás 12:00 h. na Praza dos Barcos de Sanxenxo, presidido por Angeles Vázquez, titular da Conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.