A alcaldesa amosa a súa “disposición e devezo” de comparecer diante da Corporación, de novo voluntariamente, “como fixen moitas outras veces” para explicar polo miúdo a xestión económica do seu goberno

Tódolos membros do Goberno local do Porriño comparecerán se é preciso, coa alcaldesa á fronte, diante da Corporación e dos veciños para expoñer os gastos de cada unha das concellerías e tratar das facturas das mesmas, tal e como quedou claro este mércores nun Pleno extraordinario no que todos os integrantes do Goberno do Porriño votaron a favor da devandita comparecencia.

A alcaldesa, Eva García de la Torre, que non puido asistir ao Pleno por un problema de saúde, amosou a súa “absoluta disposición e devezo” de comparecer, de xeito voluntario, coma xa fixo o pasado mes de xaneiro, para explicar, de novo, polo miúdo, a xestión económica, os pagos realizados, as facturas rexeitadas e os motivos para cada unha das decisións que o Goberno local tomou nestes eidos.

García de la Torre lembra que “sempre o fixen cando o solicitou un grupo ou, seica, un concelleiro, para iso non é necesario, como vén de facer o Partido Popular, e sabe moi ben o seu presidente local,  pedir un Pleno extraordinario: basta con decímelo”.

A alcaldesa subliña que o responsable do PP do Porriño “fixo unha pantomima esixindo a miña comparecencia en Pleno” pois coñece o regulamento que indica que non é posible pedilo, senón que a rexedora comparece por vontade propia ante a Corporación, “coma xa amosei en reiteradas ocasións, moitas máis que o anterior alcalde, en cuxo equipo estaba  Manuel Alejandro Lorenzo”, actual presidente dos populares do Porriño.

Eva García de la Torre afirma que esta argallada do PP forma parte dun plan que ten coma obxectivo “atacar a miña honorabilidade: dunha banda pola vía xudicial e, agora, na Corporación, coma parte da súa estratexia electoral logo de catro anos nos que o Partido Popular do Porriño non fixo unha soa proposta para resolver os problemas das veciñas e veciños”.

Dentro desta “manobra de confusión eu podería preguntarlle a Manuel Alejandro Lorenzo sobre 1.700.000€ de gastos do goberno local do que el formaba parte, que se fixeron sen contratos e que levamos, hai pouco, a Pleno para o seu recoñecemento extraxudicial de débeda, pero nós non imos a entrar nese lamazal: estamos ocupados en traballar para as porriñesas e porriñeses e centrados nas súas dificultades e preocupacións  e por iso o de emporcallar deixámolo aos representantes do PP que son especialistas niso”.

O Concello organiza, dentro da programación das ‘Festas do Cristo 2018’, o ‘1º Pinchonen@’, aprobado polo Pleno Infantil

A Concellería de Xuventude do Concello do Porriño a través da súa OMIX, impulsa a iniciativa de participación infantil e adolescente, enmarcada na candidatura do Porriño ao recoñecemento de Cidade Amiga da Infancia de UNICEF.
No tempo que se leva traballando conxuntamente con centros escolares no recoñecemento do Porriño de “Cidade Amiga da Infancia”, entre outros resultados acadouse a creación do ‘Consello Municipal de Infancia do Porriño’, órgano que representa a tódolos nenos, nenas e adolescentes deste concello.
Este órgano acordou no último Pleno, entre outras iniciativas, a idea de realización do “Pinchoneno’, con produtos saudables e “non tan saudables” durante as datas 14 e 15 do mes de setembro, coincidindo coa antesala das festas locais. Esta proposta logo de ser traballada nas aulas, e debatida no salón de plenos, foi aprobada por unanimidade no Pleno infantil do pasado mes de abril.
En resposta a esta demanda, dende a Concellería de Xuventude co apoio da Concellería de Festas levarase a cabo, a primeira edición deste ‘1º Pinchonen@’ dacordo co Pleno. Unha actividade especial, cun atractivo formato que, ademais, supón primeiro paso para tratar de consolidalo e acadar en futuras edicións a implicación do sector da hostalería e o comercio local.
Dende a Concellería de Educación sinálase que “agora o mais importante é dar resposta a esta iniciativa de participación infantil, enmarcada na candidatura do Porriño ao recoñecemento de Cidade Amiga da Infancia de UNICEF, tratando de atender as opinións, intereses e necesidades dos veciños e veciñas mais novos”.
O ‘Pinchonen@’ contará cunha completa axenda de actividades, que serán levadas a cabo na “carpa do Roxy”: entre outras, un concerto infantil, un show cooking, un obradoiro de cociña, un photocall ou agasallo.
Así mesmo, estará presente “Miri”, participante do 5º Masterchef-España, nos diversos talleres e actividades programadas para esas datas. Tamén estará Noemí Férnandez, segunda clasificada na final do programa ‘La Voz Kids’, veciña do Porriño, e tamén a famosa cociñeira e blogueira Inés Carcacía.
En relación cos obradoiros, dende a Concellería de Educación subliñase que: as prazas nos mesmos serán cubertas entre os interesados por rigorosa orde de chegada ao recinto no día da súa realización; as idades dos participantes serán desde os 7 ata os 14 anos; o Público que así o desexe poderá asistir ata completar aforo, 200 persoas máximo e o ‘Photocall’ para as dúas datas, non ten límite de aforo.

A Policía Local, en colaboración coa Garda Civil, arresta a un individuo que incumpriu unha orde de afastamento obrigando a súa antiga parellla a esconderse no baño dunha cafetería

Axentes da Policía Local do Porriño, en colaboración con membros da Garda Civil, detiveron este domingo pasado, día 2 de setembro, a C.A.F.C. ,de 29 anos de idade,, polo incumprimento dunha orde de afastamento ditada polo Xulgado do Penal nº 1 de Vigo, segundo sentenza  firme, cometendo este individuo un presunto Delito de  Quebrantamento de Condena.

O detido atopábase preto da súa antiga parella quen tivo que esconderse no baño dunha cafetería do casco urbano do Porriño por medo a sufrir algunha agresión, motivo polo cal presentou a correspondente denuncia contra este suxeito.

O detido foi presentado este luns, día 3 de setembro diante do Xulgado de Primeira Instancia e e Instrución nº 3 do Porriño.

A alcaldesa supervisa o remate dos traballos de recuperación, reforma e mellora da Escola da Galiña Azul, en Torneiros, nos que o Concello investiu máis de 37.000€

A alcaldesa vén de supervisar, persoalmente, o remate dos traballos de reforma e mellora da Escola Infantil A Galiña Azul de Torneiros, que o Concello acometeu cun orzamento de 37.577,53€, con cargo á liquidación do Consorcio Galego de Benestar.

Eva García de la Torre, que estivo acompañada pola concelleira de Educación, Lourdes Moure, comprobou que as obras abrangueron a retirada do perpiaño superior do inmoble, a colocación de novas baixantes, a reparación da caneta posterior e do comedor; a demolición de varios tabiques; a eliminación das filtracións de auga; arranxo oe muro de contención do xardín de xogos; substitución do pavimento; colocación dun novo pechamento metálico na entrada; amaño do xardín e o céspede; substitución dos zócolos; reparación de   xogos, elementos e bambáns; pintado das varandas, selado de fiestras ou a limpeza das fachadas cun tratamento de auga a presión.

A alcaldesa subliñou que a reforma, recuperación e reparación desta gardería era unha demanda “xusta”, longamente solicitada polas veciñas e veciños, país e nais e os responsábeis do centro, “e un compromiso meu, persoal, con eles”, indicou, afirmando que seguirá a demandar ao Goberno de Galicia a creación dunha nova gardería no Porriño, “porque  na Xunta saben perfectamente que somos o concello no que máis nenas e nenos nacen na provincia de Pontevedra e o segundo en crecemento vexetativo de toda Galicia”.

A alcaldesa e a presidenta de ADIF empezan a traballar nun proxecto para que o tren deixe de pasar polo centro do Porriño

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, mantivo este venres unha xuntanza en Madrid coa presidenta da ADIF, a Isabel Pardo de Vera, a petición dela, para retomar o proxecto de eliminación do paso a nivel que atravesa o centro da vila.

Na reunión, a alcaldesa reiterou a postura de toda a Corporación porriñesa que considerou inviábel e inaceptábel a construción dun paso soterrado ou elevado para peóns e coincidiu coa responsábel de ADIF en “traballar nun proxecto que conquerirá que o tren deixe de pasar en superficie polo centro do Porriño”.

García de la Torre vén de convocar aos voceiros dos grupos municipais para informarlles desta xuntanza, “da cal saín moi satisfeita e segura de que a eliminación do paso a nivel está máis preto que nunca”, grazas, subliña a alcaldesa, ao cambio no Goberno de España que entende que hai que afrontar con urxencia un problema “que padecemos as porriñesas e porriñeses e que pedimos que se solucione dende 1948, hai xa 70 anos”.

O seguinte paso será o de manter unha reunión de traballo co secretario de Estado de Infraestruturas do Ministerio de Fomento para fixar que os Presupostos Xerais do Estado para 2019, que o Goberno quere aprobar no mes de novembro, recolla o proxecto de eliminación do paso a nivel e o orzamento necesario para executar-lo.

A alcaldesa informou polo miúdo aos veciños da ‘zona cero’ do Contrasto sobre as medidas de seguridade que estarán vixentes durante as obras do tendido da rede de abastecemento

A alcaldesa, Eva García de la Torre, acompañada do responsable da Policía Local, a enxeñeira xefe da obra e representantes da empresa que fará os traballos da abastecemento na ‘zona cero’ do barrio do Contrasto, mantivo  unha xuntanza cos veciños desta zona, para explicarlles polo miúdo cómo se acometerán os mesmos, cando durarán e qué medidas de seguridade haberá que seguir durante a súa realización.

A obra, que abrangue a colocación das canles de abastecemento nun camiño de 600 metros lineais, estará dividida en tres treitos: o primeiro, de 250 metros, o segundo de 200 e o terceiro de 160 metros, que estarán cortados ao tráfico-agás aos residentes– durante un período de tres semanas, como máximo, que ó que se estima que durarán os traballos.

O avance das obras será de entre 40 e 60 metros ao día e mentres as foxas estean abertas non estará permitido o acceso nin aos veciños, aínda que a empresa comprométese a que os treitos que se abran ao comezo da xornada estean pechados ao final da mesma, de xeito que os residentes desta zona poidan entrar e saír das súas casas, sen risco, a diario.

Para garantir a seguridade, e dado que as altas temperaturas ás que terán que traballar elevan as posibles emisións de lindano, os operarios realizarán vestirán ‘buzos’ e levarán equipos de respiración autónomos; as foxas abertas pecharanse cada día e mentres estean a realizarse as tarefas de tendido da rede de abastecemento as casas deberán ter as portas exteriores e as  fiestras pechadas.

As obras comezarán a principios desta semana, última do mes de agosto, ás 8 da mañá de cada día; nos primeiros 250 metros de actuación está previsto un avance diario de 60 metros, con tres acometidas, tendo en conta que os  traballos poden verse limitados pola existencia doutros servizos soterrados, como os de telefonía ou electricidade, a accesibilidade veciñal e a exposición dos equipos de respiración autónoma.

O Concello informa este venres, día 24, aos veciños do Contrasto sobre a realización das obras de abastecemento na ‘zona cero’, na que hai meses apereceron refugallos de lindano

O Concello  vai comezar as obras de abastecemento  na ‘zona cero’  do Contrasto, en Torneiros, onde hai meses aparecerán refugallos de lindano, motivo polo cal este mércores, a alcaldesa, Eva García de la Torre, mantivo unha xuntanza, no mesmo lugar, con representantes da empresa que vai realizar os traballos, a enxeñeira encargada, o director de obra, o coordinador de  seguridade e saúde da obra, un técnico do Consorcio de Augas do Louro e o xefe da Policía Local.

Na xuntanza expuxéronse as medidas  que está previsto adoitar para protexer aos traballadores e aos veciños do Contrasto durante a realización dos traballos, que vanse a desenrolar por treitos e que abranguen, ademais da protección das persoas máis achegadas ás obras, o corte do tráfico.

Estímase que os traballos estean rematados en tres semanas, tempo durante o cal estará cortado o tráfico nesta zona, así mesmo, o venres, día 24, tampouco haberá subministro de auga entre as 4 e as 7 da tarde na Urbanización San Rafael, A Relba e Mota-Noval.

Coa finalidade de informar, polo miúdo, ás veciñas e veciños, este venres, día 24, ás  7 da tarde, no Centro Cultural de Torneiros, haberá unha xuntanza na que se indicarán qué medidas deben de adoitar durante o tempo de duración deste treito final da acometida.

A Axencia Galega de Sangue, que volve a semana que ven ao Porriño, agradece ás veciñas e veciños a súa solidariedade

A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), vén de agradecer ás veciñas e veciños do Porriño, nunha carta enviada á alcaldesa, a súa “contribución e compromiso sincero” durante os pasados días 26, 17 e 28 de xullo no que 136 persoas achegáronse a facer doacións de sangue á unidade móbil da Axencia.

Esta mesma unidade estará no Porriño, de novo, o vindeiro venres, 31 de agosto – de 10 da mañá a 2 da tarde e de 4 da tarde a 9 da noite- e o sábado, día 1 de setembro, de 10 da mañá a 3 da tarde, diante da Cafetería Scala, en Domingo Bueno.

Sobre a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que integra o traballo do Centro de Transfusión de Galicia, subministra compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia.

Cada día, as doazóns de sangue recollidas nos locais de doazón e nas 10 unidades móbiles que percorren os concellos galegos envíanse ás dependencias de ADOS para o seu procesamento, análise e conservación. Establécese con cada hospital unhas reservas de seguridade de cada grupo sanguíneo e, diariamente, envíanse os compoñentes sanguíneos que precisan para a súa actividade asistencial programada e facer fronte ás urxencias.

Aberto o prazo de inscrición para os ‘Obradoiros de Emprego Porriño Social’

A Concellería de Formación e Emprego do Porriño, que dirixe Soledad Girón, vén de abrir ata o vindeiro luns, día 27, incluido, o prazo de inscrición para os cursos de ‘Atención Socio-sanitaria a persoas no domicilio’ (SSCS01ET, código 340 ou 320), e ‘Atención socio-sanitaria a persoas en institucións sociais’ (SSCS11ET Código 340 ou 320), dentro dos ‘Obradoiros de Emprego Porriño Social’.

As persoas interesadas en participar nos mesmos deberán acreditar estar graduadas en Ensino Secundario Obrigatorio (ESO)ou Competencias clave nivel 2, e ser menores de 30 anos de idade e para solicitar a súa inclusión nos mesmos deben dirixise á oficina do Servizo Galego de Emprego (antigo INEM) do Porriño.

Terán prioridade as aquelas persoas que soliciten un dos devanditos cursos e as que sexan seleccionadas  asinarán un contrato de traballo en formación, retribuido, durante un periodo de seis meses.