Lucy’s Tire, establecese no Porriño

Lucy’s Tire, que ven de establecer no Porriño o seu centro principal para España, amosa o seu interese no Plan de Formacion Laboral do Concello, durante a visita á mesma da alcaldesa e do concelleiro de Industria

A alcaldesa, Eva García de la Torre, e o concelleiro de Industria, Marcelino Coto, visitaron a firma Lucy´s Tire, que terá no Porriño a súa planta principal en España.

Lucy’s Tire, é unha empresa comercializadora de neumáticos, establecida nos Estados Unidos en 1985 que no ano 2000, logo de chegar a liderar a exportación do sector ao Centro e Sur de América e o Caribe, abre sete filiais no estado de Florida dando servizo, anualmente, a máis de 25.000 transportistas, converténdose nunha referencia nesta industria.

Os propietarios desta multinacional, José Ríos, natural de Galicia, e Lucy García Rios, de país galegos, deciden hai 4 anos abrir unha delegación en Galicia, concretamente en Pontevedra, fundando Lucy’Tire España, dirixida por Jeronimo Rios.

Logo de integrarse no mercado europeo, a empresa ven de dar un novo paso e investir no seu propio centro de servizo de Automóbiles e Camións no Porriño e, dende aquí, levar os seus produtos a toda a Península Ibérica.

A alcaldesa transmitiu ao presidente de Lucy’s Tire a súa satisfacción polo feito de que decidise radicar a central para España no Porriño, amosoulle a total colaboración do Concello e expúxolle os plans formativos, “orientados á creación de emprego”, impulsados dende o Goberno local e que veñen de cristalizar en diferentes acordos con empresas de varios sectores, plans nos que os responsábeis de Lucy’s Tire amosáronse interesados en canto facilitan a formación profesional de futuros empregados, baseados nas necesidades das diferentes empresas da área do Porriño.

Pola súa banda, o concelleiro de Industria sinalou que dende o Concello se fixera “todo o traballo” para que esta nova empresa se establecese no Porriño. Marcelino Coto subliñou que “axilizar e facilitar todos os trámites para que as empresas que queiran investir na vila e radicarse nela, é unha prioridade para o Goberno local” dado que supón máis riqueza, máis desenrolo e máis traballo, “obxectivos que son xa unha norma que este Goberno se ten marcado”.

A alcaldesa do Porriño participa na xuntanza LEADER 2014-2020

A alcaldesa do Porriño participa na xuntanza dos máximos responsábeis locais para coñecer as axudas LEADER 2014-2020 que priorizan a creación de riqueza, emprego e mellora da competitividade

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, xunto cos alcaldes e alcaldesas de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Garda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, O Rosal, Tomiño, e Tui, participou este xoves, no Concello de Nigrán, na reunión dos máximos representantes das entidades locais do territorio xunto con membros da Deputación de Pontevedra para dar a coñecer a convocatoria de axudas do novo período do LEADER 2014-2020.

Estas axudas subvencionan proxectos que teñen coma obxectivo a creación de novas empresas ou a mellora da competitividade das xa existentes; a subvención de gastos e investimentos realizados por entidades locais e entidades sen ánimo de lucro, orientados a potenciar a conservación do medio ambiente, a mellora da calidade de vida e a apoiar ao tecido económico para favorecer a creación de emprego nos concellos.

O alcalde de Nigrán, Juan A. González Pérez, como anfitrión, foi o encargado de iniciar o acto mentres que a presidenta do Grupo de Desenvolvemento Rural GDR14, e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou as características desta nova etapa onde o grupo xestionará mais de 3 millóns de euros atá o 2020, importe que poderíase ampliar con vistas ao ano 2023.

Nesta presentación o equipo técnico do grupo, salientou as peculiaridades e as diferentes liñas de actuación, facendo fincapé tanto nas actuacións de proxectos produtivos coma non produtivos.

Neste acto tamén se presentou a nova imaxe corporativa da asociación, tendo como relevancia o cambio da denominación social da entidade que foi aprobado a semana pasada pola súa Asemblea Xeral de socios, a cal pasará a denominarse a partir de agora Asociación de Desenvolvemento Rural Galicia Suroeste EU Rural.

 

A Alcaldesa “desgustada” pola retirada da axuda o Festival de Cans

A alcaldesa do Porriño amosa o seu “desgusto” pola decisión da Xunta de retirar a axuda ao Festival de Cans e pedirá ao Pleno do Concello que se faga a meirande achega ao festival nos 14 anos de historia do mesmo

A alcaldesa ven de denunciar que a Xunta de Galicia decidise deixar sen axuda ao Festival de Cans. Eva García de la Torre amosou o seu “absoluto desgusto” por esta decisión que, indicou, é “unha retirada de apoio a unha manifestación cultural que pon a O Porriño e a toda Galicia, na axenda cultural, dentro e fora de España”.

García de la Torre, contactou co director do Festival de Cans, Alfonso Pato, para amosarlle o seu apoio, e o de todo o Goberno local, e informarlle de que levará a Pleno unha proposta para que o Concello do Porriño faga a meirande achega ao festival “nos seus 14 anos de historia”, de xeito que “sexa posible prestar axuda ao mesmo para paliar, na medida das nosas posibilidades, esta situación creada pola Xunta”.

A alcaldesa pediu aos representantes do Goberno de Galicia, en xeral, e aos seus responsábeis de Cultura, en especial, que “reflexionen e que consideren que con esta decisión están a causar un grave prexuízo, ademais de ás veciñas e veciños de Cans, e do Porriño, a unha manifestación cultural que ten repercusión global e que proxecta a imaxe de Galicia nacional e internacionalmente”.

Establecemento dunha Aula da Universidade N. de Educación a Distancia

O Concello da man dos empresarios, da os primeiros pasos para o establecemento dunha Aula da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) no Porriño

A alcaldesa, acompañada da concelleira de Educación Lourdes Moure, a voceira do grupo municipal Non Adscritos do Concello, Sabela Landín, e o presidente dos empresarios do Polígono de A Granxa, Indalecio Cuevas, mantivo unha xuntanza coa directora da Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED) de Pontevedra, a doutora Beatriz Rodríguez, de cara a establecer un Aula Universitaria da UNED no Porriño.

Neste primeiro contacto, Eva García de la Torre agradeceu a implicación dos empresarios neste proxecto no cal “son unha parte esencial” en tanto que, engadiu, “debemos de mirar cara ao noso tecido produtivo e a que as porriñesas e porriñeses teñan a mellor formación, a máis axeitada para garantir o seu desenrolo laboral”.

A alcaldesa subliñou, así mesmo, a importancia do traballo feito por Lourdes Moure e por Sabela Landín que, sinalou, impulsaron esta iniciativa e traballan conxuntamente para que o establecemento dunha aula da UNED no Porriño sexa, axiña, unha realidade.

Pola súa banda, Beatriz Rodríguez indicou que é “un orgullo” que unha vila coma O Porriño se preocupe pola formación dos seus cidadáns e, amosouse especialmente satisfeita porque esta aposta pola formación, sexa promovida, conxuntamente, polo Concello e polos empresarios que “teñen un papel moi relevante nunha zona que ten unha grande importancia e forza industrial”.

A concelleira Sabela Landín sinalou que a formación é unha necesidade que hai que cubrir no Porriño e que é imprescindible facelo da man da universidade e das empresas para “facilitar que as veciñas e veciños poidan traballar aquí e non facelo fora”.

Eva García de la Torre reiterou que o Concello fará todo o necesario para o establecemento dunha aula da UNED na vila e lembrou que “será a mellor inversión que se faga no Porriño” posto que suporá que camiñen da man a “universidade pública máis importante de Europa”, con máis de 235.000 alumnos matriculados, e as empresas.

A alcaldesa concluíu salientando a necesidade de que “O Porriño mire aos seus polígonos industriais, que non viva e costas a eles, e que sexamos quen de conquerir unha poboación formada e especializada que teña aquí o seu futuro”.

Fomento e Xunta falan sobre o problema do paso do tren por O Porriño

A alcaldesa celebra que “por fin” Fomento e Xunta falen sobre o problema do paso do tren por O Porriño, agarda qye se retome o proxecto da Saída Sur e alerta de que “non se fixo nada” dende o accidente do 9 de setembro

Eva García de la Torre, que asistiu en Valença, invitada polo Goberno de Portugal, á presentación da modernización da liña férrea Valença-Viana-que forma parte do percorrido dos convois que pasan polo Porriño- celebra que o Goberno de Galicia e Ministerio de Fomento vaian a falar sobre a posible supresión do paso a nivel da vila.

A alcaldesa, agradeceu que, “por fin”, logo da xuntanza que ela mesma mantivo en outubro de 2015 cos responsábeis de Fomento, a Xunta de Galicia se involucre, “preto de dous anos despois”, na resolución dun problema que sofre O Porriño dende hai décadas.

García de la Torre preguntouse se as medidas sobre as que van a falar o Goberno de Galicia e os representantes de Fomento se limitarán á supresión do paso a nivel “¿ou van a presentar algún proxecto sobre a saída sur ferroviaria?”.

A alcaldesa subliñou que se o tema a tratar é so a supresión do paso a nivel, “non se vai a solucionar o principal problema que non é outro que o paso do tren polo centro do Porriño: a resolución pasa por retomar o proxecto da Saída Sur e desviar dúas liñas, a de pasaxeiros e a de mercadorías, do centro da nosa vila”.

Eva García de la Torre alertou de que hoxe segue existindo o perigo de que se repita un accidente coma o do pasado 9 de setembro, no que morreron catro persoas e preto de 50 resultaron feridas. “Non se fixo nada, absolutamente nada, xa non digo para eliminar, senón nin para reducir o perigo dunha nova traxedia: nada. Os trens seguen a pasar polo centro do Porriño a 130 quilómetros por hora e pódese repetir, en calquera momento, a traxedia que vivimos”.

Pesentación mellora da línea férrea Viana-Valença

A alcaldesa de O Porriño asiste á presentación da mellora da línea férrea Viana-Valença.


Eva García de la Torre, desprazouse a Valença, donde,invitada polo ministro de Transportes de Portugal, asiste à presentación da mellora da liña Viana-Valença que è parte do percorrido da conexión a Vigo que transita polo Porriño

A alcaldesa mantén unha xuntanza coa Asociación Lena

A alcaldesa e os voceiros dos grupos municipais manterán, o xoves, unha xuntanza coa Asociación Lena para tratar, coma xa se fixo en catro ocasións anteriores, a creación dun refuxio de animais no Porriño

O vindeiro xoves, día 16, a alcaldesa, xunto cos responsábeis dos grupos municipais, manterá unha xuntanza cos representantes da Asociación Protectora de Animais Lena para tratar, de novo, sobre a creación dun refuxio de animais no Porriño.

O Goberno local mantivo, con antelación, distintas reunións cos responsábeis de Lena, nas que estiveron presentes o concelleiro de Urbanismo ou a alcaldesa, para tentar de atopar unha solución conxunta á necesidade de que exista un refuxio na vila. Ese foi o tema tratado nas catro xuntanzas anteriores celebradas o 27 de agosto e 19 de novembro de 2015, o 3 de marzo de 2016-hai apenas un ano-, e o pasado 24 de novembro, hai menos de catro meses.

Netas ocasións, o Goberno local informou á asociación sobre as xestións feitas ara atopar un lugar acaído no que sexa posible situar o refuxio, os reparos postos pola Xunta de Galicia ás propostas feitas polo Concello, as dificultades que plantexan os lugares hachados polo feito de non ter conexión á rede de saneamento e o plantexamento do propio Goberno local de facer, no caso de que fose necesario, unha poza séptica-e a valeirala cando sexa preciso-. Nesa mesmas reunións o Goberno local mesmo solicitou a Lena a súa colaboración nestas xestións e, en todas elas, as dúas partes acordaron traballar xuntas.

Dende que se fixera cargo da responsabilidade de Goberno, o equipo dirixido por Eva García de la Torre mantivo unha colaboración constante coa Asociación Protectora Lena, un traballo en común que deu coma froitos, ademáis da percura dun lugar para o refuxio, dúas campañas para promover á adopción, a impulsada nas pasadas Festas do Cristo de 2016 que tivo a súa continuación no Nadal pasado, hai apenas tres meses, na que se puxo a atención no feito de que os animais non son xoguetes para regalar en Reis.

A coperación con Lena seguiu o mes pasado: a Concellería de Educacion impulsou un obradoiro sobre a Linguaxe Canina destinado a alumnas e alumnos de 2º de Primaria dos colexios do Porriño. No mesmo, os cativos aprenderon como achegarse a un can, a distinguir entre un can ou cadela asustada, leda ou enfadada, o que tiñan que facer antes de acariñala e que sinais deben buscar para tranquilizala, ou tranquilizalo.

Sorteo da fase final da Copa da Raíña de balonmán feminino

O Balonmán Porriño empezará a fase final da Copa da Raiña, que se xoga no Porriño do 29 de abril ao 1 de maio, enfrontándose ao Helvetia Alcobendas

Presidido pola alcaldesa, Eva García de la Torre, este venres tivo lugar no Porriño o sorteo da fase final da Copa da Raíña de balonmán feminino, que se celebrará na vila, por segundo ano consecutivo, entre os días 29 de abril e 1 de maio.

Os asistentes estaban pendentes do cruce que lle tocaría ao Godoy Maceira BM Porriño que, xunto co Mecalia Atlético Guardés, disputará esta fase final xunto con outros seis equipos.

Finalmente, as porriñesas se medirán ao equipo do Helvetia Alcobendas, mentres que as guardesas xogarán contra o KH-7 Granollers.

Durante o acto, celebrado no Concello e que retransmitido por streaming, o presidente da Federación española de Balonmán, Francisco V. Blázquez, amosou o seu agradecemento ao Concello do Porriño e a súa alcaldesa por acoller, un ano máis esta fase final e gabou o “estupendo traballo” durante a competición de 2016, motivo polo cal volvía á vila.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, salientou que O Porriño leva con honra ser o concello do Deporte e poder ser o escenario, “unha vez máis” desta fase final na que estarán presentes as mellores xogadoras de España.

Manuel Carrera subliñou que a Concellería de Deportes “porá toda a súa experiencia, o seu bo facer e súa ilusión” para que entre o 29 de abri e o 1 de maio as deportistas, adestradores, árbitros, afeizoados e medios de comunicación “se sintan coma na casa”.

Pechou o sorteo, ao que tamén asistiron as deputadas Chelo Besada e Montse Magallanes, o presidente da Federación Galega de Balonmán, Xosé Lois Pérez Ouro e a medallista olímpica e ex xogadora internacional, Begoña Fernández, ademáis de representantes dos dous clubs galegos, a alcaldesa transmitiu ás integrantes do Godoy Maceira BM Porriño “o orgullo que sentimos por vos todas as veciñas e os veciños do Porriño”.

Este ano, como xa sucederá o pasado, a Copa da Raíña virá acompañada da mini-copa (categorías cadetes), que agora xa está considerada unha competición oficial. O torneo será retransmitido por Teledeporte e a TVG (os partidos dos equipos galegos).

Así, os cruces dos cuartos de final da Copa da Raíña quedaron da seguinte forma: Super Amara Bera Bera-as actuáis campionas- contra Elche Mustang, o 29 de marzo; o mesmo día, Rocasa Gran Canaria ACE contra Rincón Fertilidad Málaga; o mesmo día 29, debuta o Godoy Maceira Porriño contra o Helvetia Alcobendas.

Rreformas do inmoble do Centro Cultura A Forna

A alcaldesa estudará cómo iniciar as reformas do inmoble do Centro Cultura A Forna, de Budiño, a humanización do seu exterior e a posibilidade de que teña unha conexión a Internet “rápida e segura”

A alcaldesa mantivo unha xuntanza cos integrantes da nova xunta directiva do Centro Cultural A Forna, de Budiño, para coñecer, polo miúdo, os problemas que afrontan os novos representantes da mesma.

Eva García de la Torre sinalou que estudará o xeito de que o Concello contribúa a sufragar as reformas que precisa o inmoble no que está o Centro Cultural, de modo que as mesmas se poidan acometer en varias treitos.

Asimesmo, indicou que os orzamentos municipais recollen unha partida para que a Concellería de Vías e Obras, dirixida polo tenente de alcalde, Manuel Carrera, poida iniciar os traballos de mellora e urbanización do exterior do Centro, no que se organiza a Festa de San Blas, e que como indicaron os novos directivos precisa xa que se fagan traballos de recuperación e adecentamento.

García de la Torre informou, ademais, dos contactos que mantén con Telefónica para que os centros culturais e asociacións veciñais, dispoñan de wi-fi gratis que “permita unha conexión a Internet rápida e segura” como “medio imprescindible de dinamización social e cultural e un servizo ás veciñas e veciños, en xeral, e aos máis novos, en particular”.

Do mesmo xeito, a alcaldesa amosou a súa intención de artellar un medio que permita que o material informático que xa non se empregue no Concello se ceda ás asociacións do Porriño, “por suposto, garantindo o seu bo funcionamento”, para aproveitar o mesmo e, ao tempo, evitar gastos a estas entidades.