A alcaldesa vén de supervisar, persoalmente, o remate dos traballos de reforma e mellora da Escola Infantil A Galiña Azul de Torneiros, que o Concello acometeu cun orzamento de 37.577,53€, con cargo á liquidación do Consorcio Galego de Benestar.

Eva García de la Torre, que estivo acompañada pola concelleira de Educación, Lourdes Moure, comprobou que as obras abrangueron a retirada do perpiaño superior do inmoble, a colocación de novas baixantes, a reparación da caneta posterior e do comedor; a demolición de varios tabiques; a eliminación das filtracións de auga; arranxo oe muro de contención do xardín de xogos; substitución do pavimento; colocación dun novo pechamento metálico na entrada; amaño do xardín e o céspede; substitución dos zócolos; reparación de   xogos, elementos e bambáns; pintado das varandas, selado de fiestras ou a limpeza das fachadas cun tratamento de auga a presión.

A alcaldesa subliñou que a reforma, recuperación e reparación desta gardería era unha demanda “xusta”, longamente solicitada polas veciñas e veciños, país e nais e os responsábeis do centro, “e un compromiso meu, persoal, con eles”, indicou, afirmando que seguirá a demandar ao Goberno de Galicia a creación dunha nova gardería no Porriño, “porque  na Xunta saben perfectamente que somos o concello no que máis nenas e nenos nacen na provincia de Pontevedra e o segundo en crecemento vexetativo de toda Galicia”.