O policía local do Porriño, Javier Rodríguez, proclámase campión do mundo en Rotterdam

Javier Rodríguez, axente da Policía Local do Porriño, proclamouse esta fin de semana campión do mundo en ciclismo nos XIX Xogos Mundiais de Policías e Bombeiros, que se disputaron na cidade holandesa de Rotterdam.

O axente é un veterano deste evento, no que compite dende o ano 2003 colleitando éxitos: catro medallas de ouro, tres de prata e dúas de bronce. Este ano, suma un novo ouro tras impoñerse na súa disciplina.

Este evento bianual, aberto á participación tanto de persoal en activo como de xubilados das forzas de seguridade e bombeiros de todo o mundo, é o segundo con maior participación a nivel mundial, só por detrás dos Xogos Olímpicos.

Desta vez acudiron á cita algo máis de 10.000 atletas de máis de 80 países. Os xogos constan de 63 disciplinas que van dende o ciclismo ao atletismo, pasando polo baloncesto, tenis, natación… e outras específicas destes corpos de intervención como a carreira vertical, tiro policial ou subida de escaleiras.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, felicitou ao axente por este novo éxito que “coñecendo a Javi seguro non será o último” .

Detido o presunto autor de varios roubos no Porriño

Un operativo conxunto de Garda Civil e Policía Local do Porriño culminou hoxe coa detención do presunto autor de varios roubos con forza no centro urbano.

O detido, un veciño do Porriño de 36 anos de idade, está investigado por un delito continuado de roubo con forza, como presunto autor de máis de 20 roubos no termo municipal. Entre os feitos que se lle imputan están roubos e danos en vehículos, locais comerciais, destrozos no cemiterio municipal e tamén na Capela de San Benito.

O pasado mércores, foi detido e posto a disposición xudicial, decretando o xulgado a súa posta en liberdade. Finalmente, esta madrugada foi interceptado polos axentes esta noite tras roubar e causar cuantiosos danos na Praza de Abastos Municipal.

A Alcaldesa solicita ao Conselleiro de Sanidade unha ampliación do prazo, no nome da hostalería porriñesa

A alcaldesa Eva García dirixiu esta mañá unha carta ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, instándolle a considerar que a Xunta de Galicia amplie o prazo para formalizar os trámites necesarios para o “Plan de Hostalería Segura”

A falta dunhas horas para que entren en vigor as medidas requiridas, a hostalería do Porriño trasladou hoxe nunha reunión á concelleira de Seguridade, Lourdes Moure e axentes da policía local, “a nosa preocupación polo colapso da páxina web de Turespazo para obter os códigos QR, cuxo prazo remata a media noite “, segundo José Manuel Fernández, presidente da Asociación de Hostaleiros do Porriño.

Pola súa banda, a concelleira de Seguridade explicou que o goberno municipal “está ao dispor da hostalería, un sector xa moi castigado, para axudarlles a acadar a mellor solución posible”, segundo declarou Lourdes Moure.

En consecuencia, a alcaldesa decidiu instar por carta ao titular da Consellería de Sanidade que “permita a ampliación do devandito prazo para dar tempo para formalizar todas as solicitudes dos hostaleiros do Porriño á vista da inquedanza xerada entre os autónomos pola posibilidade de non poder cumprir a normativa por motivos alleos ao seu control “, segundo a carta de García de la Torre.

A concelleira de Seguridade pide a máxima colaboración dos hostaleiros e da poboación

 

Lourdes Moure, concelleira de Seguridade fixo hoxe unha declaración dirixida á hostalería local “para tranquilizalos” sobre a campaña informativa desenvolvida pola Policía Local para dar a coñecer as restricións requiridas e garantir o seu cumprimento por parte dos establecementos.

“Non estamos aquí para poñer máis trabas a un sector que sufriu dabondo, senón para colaborar en todo momento”, dixo a concelleira de Seguridade. Ao mesmo tempo solicitou “a máxima colaboración dos hostaleiros e de toda a poboación porriñesa para manternos nunha tendencia descendente de casos “, engadiu.
Deixamos audio do comunicado de Lourdes Moure

Concello e Policía Local establecen protocolos coa hostalería local para garantir o cumprimento das restricións

Os establecementos de hostalería do Porriño recibirán unha folla informativa para que coñezan as medidas que deben adoptar e para que teñan a información necesaria para descargar os códigos QR. Axentes da Policía Local e voluntarios de Protección Civil serán os encargados da distribución.

Así se acordou hoxe nunha reunión celebrada na Alcaldía, presidida por Eva García e coa asistencia de Lourdes Moure, concelleira de seguridade, Daniel Rodríguez, inspector xefe, e Antonio Pereira Nandín, oficial de Policía Local, e José Manuel Fernández Sanjuán, Presidente da Asociación de Hostaleiros de Porriño (AHOSPOR).
O obxectivo é evitar problemas de exceso de capacidade e garantir o cumprimento das restricións vixentes tanto no interior como nas terrazas dos establecementos.

Adxuntamos “pdf” coa folla informativa a distribuir 

Medidas Hostalería

Todo o persoal da Policía Local vacinarase contra a Covid

Todo o persoal da Policía Local do Porriño vacinarase contra o Covid.  En total 23 persoas.  A relación xa se enviou ao Servizo Galego de Saúde, a través da FEGAMP que media a xestión e que notificou á Concellería de Seguridade que o persoal policial vacinarase a partir do 5 de marzo.

Doutra banda, a Concellería de Servizos Sociais informa de que xa se vacinaron 10 traballadoras sociosanitarias do Servizo de Axuda no Fogar, así como as 5 traballadoras sanitarias que atenden a Unidade de Asistencia a Drogodependencias.

O Concello agradece a colaboración e comprensión da veciñanza coa campaña de vacinación anti-Covid

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Seguridade, agradece “a colaboración e a paciencia dos cidadáns para que a campaña de vacinación para maiores de 80 anos que comezou hoxe no Centro de Saúde transcorra sen aglomeracións”, segundo a concelleira, Lourdes Moure.

No Centro de Saúde están convocados dende hoxe e nos vindeiros días, veciños de Porriño, Mos e Salceda, maiores de 80 anos, para vacinarse coa primeira dose.

A Policía Local habilitou a marxe dereita da rúa Doutor Paz Varela para o estacionamento de coches que transportan a estas persoas e que poden esperar a que remate o proceso de vacinación.  Esta circunstancia facilitou hoxe a espera que tiveron que manter os convocados para vacinarse, xa que o camión frigorífico que traía as vacinas chegou tarde e o proceso de vacinación comezou unha hora despois.

A este respecto, a concelleira de Seguridade “agradeceu a comprensión e a paciencia das persoas convocadas para ser vacinadas, así como das súas familias e acompañantes”, dixo Lourdes Moure.

A Policía Local colaborará para evitar aglomeracións no Centro de Saúde coa ocasión do inicio da vacinación aos maiores de 80 anos

A Policía Local colaborará a partir do vindeiro luns 22 para evitar aglomeracións no Centro de Saúde onde comezará a vacinación contra a Covd de persoas maiores de 80 anos dos concellos de Porriño, Mos e Salceda.

O SERGAS ten previsto que cada día se vacinen no centro de saúde do Porriño a 100 persoas que previamente están convocadas para este fin.  O calendario de vacinación está programado entre as 8.30 e as 14.30 horas.  Cada persoa vacinada debe esperar 15 minutos despois da inoculación para evitar calquera tipo de reacción.

Con estas premisas, a Policía Local habilitará a marxe dereita da rúa doutor Paz Varela para o estacionamento de coches que trasladen e agarden polas persoas chamadas a vacinar.  Unha patrulla de axentes municipais colaborará para manter os protocolos de seguridade e a distancia entre as persoas, tal e como planificaron hoxe Lourdes Moure, concelleira de Seguridade Cidadá e Jesús González, xefe accidental da Policía Local.

Sete membros da Policía Local serán condecorados pola súa intervención auxiliando ás vítimas da explosión de Paramos


Daniel Rodríguez, Inspector Xefe e os Oficiais Antonio Pereira Nandín e Adolfo Suarez Piñeiro, e os axentes Benjamín Blanco, Francisco Javier Rodríguez, Sergio García e Brais Roca, todos eles membros da Policía Local do Porriño naquel intre, recibirán a Medalla ao Mérito Policial en recoñecemento pola súa intervención nun acto de servizo.

En concreto, honrase con estas distincións a participación que todos eles tiveron coa ocasión da explosión de material pirotécnico en Paramos (Tui) acaecida o 23 de maio de 2018.

Os sete policías locais porriñeses acudiron a ao concello veciño a cooperar nas primeiras tarefas de asistencia aos feridos, nada máis recibirse a alerta de Emerxencias 112. Foron dos primeiros en chegar ao lugar, revisaron as vivendas afectadas pola deflagración e participaron na evacuación dos feridos en colaboración cos servizos de emerxencias.

O DOG de hoxe publica a resolución que firma Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia. A disposición amosa no seu texto que na actuación dos devanditos axentes do Porriño hai que “salientar o seu compromiso de servizo, calidade inherente ao ideal de servizo público, predicable dun bo policía, para a concesión das distincións”.

Cabe subliñar que hoxe en día, dous deles xa non están no Porriño e teñen outros destinos: o oficial Adolfo Suárez está en Nigrán e o axente Sergio García en Parla.
O acto de entrega das Medallas aos sete aínda non ten data debido as actuais restricións pola pandemia sanitaria.

Despregue da Policía Local e dos servizos de limpeza nos cemiterios coa ocasión do Día de Todos os Santos

Axentes da Policía Local encargáronse de vixiar o cumprimento da normativa autonómica nas visitas aos cemiterios da vila coa ocasión do Día de Todos os Santos


A mediodía, Lourdes Moure, concelleira de Seguridade comprobou o desenvolvemento do operativo acudindo a varios cemiterios, tanto no municipal como en diferentes parroquias. Segundo indicou a concelleira “o comportamento da veciñanza está sendo moi axeitado, evitando aglomeracións e colaborando cos protocolos”.


Deste xeito deuse cumprimento ao protocolo anti-Covid promulgado o pasado día 22 pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia que limitaba a catro persoas do mesmo grupo familiar e a 30 minutos de duración, as visitas aos cemiterios. O mesmo protocolo instaba aos Concellos a tomar as medidas necesarias para garantir o cumprimento destas normas.

Paralelamente, outro departamento do goberno municipal, a Concellería de Limpeza que dirixe Sergio Casal despregou hoxe unha brigada de seis persoas que se encargaron de realizar desinfeccións periódicas nos accesos e zonas comúns dos distintos cemiterios ao longo do día.