O paro baixa, un mes maís no Porriño, que no que vai deste ano reduciu o desemprego ata taxas de hai unha década

Dende 2008 non se coñecía no Porriño unha taxa de desemprego semellante á do pasado mes de xullo no que o paro volveu a baixar na vila situándose en 1.420 persoas, o que representa o 15%.

Dacordo cos datos difundidos este xoves polo Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social, e a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, o desemprego está 8 puntos por debaixo do que había cando o actual Goberno local empezara a súa xestión logo de herdar do anterior un porcentaxe de desemprego do 23,1%, con 2.139 porriñesas e porriñeses sen traballo, 713 máis que na actualidade.

En relación co mes de xullo de 2017, o número de veciñas e veciños anotadas coma demandantes na oficina do Servizo Galego de Emprego baixou de 1.663 a 1.420, o que supón que hai 243 traballadoras e traballadores máis no Porriño.

En relación co inicio deste ano 2018, o desemprego baixou en 269 persoas, o que representa un descenso, de 3 puntos en so 7 meses, máis que ningún outro concello da Área Metropolitana.

Porriño Accede’ e ‘Plan de Emprego para Mulleres (PIEM)’, programas impulsados polo Goberno local, teñen unha porcentaxe de éxito de preto do 75%, o que representa que 2 de cada 3 participantes nos mesmos están traballando.

Os dous, xunto coa colaboración con outras administracións, en especial a Deputación de Pontevedra, lograron que preto de 150 porriñesas e porriñesas teñan hoxe un emprego.

Esta colaboración abranguerá nas vindeiras semanas, á Zona Franca de Vigo que, coma se comprometeu coa alcaldesa, este mércores o seu delegado, David Regades, durante unha visita ao Polígono de A Granxa, incrementará a súa actuación no Porriño co aumento do chan industrial e as axudas a emprendedores e novas empresas, o cal redundará no aumento do emprego “fixo e de calidade”.

A alcaldesa lamenta que Rueda non veña a O Porriño coma vicepresidente da Xunta para interesarse polo lindano, o Centro de Saúde, o tren ou a nova gardería e sí para facerse a foto co presidente local do PP

A alcaldesa, Eva García de la Torre, vén de amosar a súa sorpresa pola anunciada visita, este xoves, ao Porriño do vicepresidente da Xunta de Galicia a O Porriño para asistir á presentación da ‘X Festa do Cabrito o Espeto de Chenlo’.

García de la Torre confesase estupefacta polo feito de que Alfonso Rueda viaxe con este motivo a O Porriño e non o fixese nos últimos tres anos para apoiar a retirada do paso a nivel do centro da vila; interesarse pola contaminación por lindano no barrio do Contrasto, en Torneiros;  para aclarar porqué nos pasados 8 anos o Goberno de Galicia, do cal é vicepresidente, non acometeu a construción dun novo centro de saúde, ou aumentou  o seu persoal , empezando por un pediatra, ou para anunciar que a Xunta de Galicia construirá outra gardería no Porriño, o segundo concello de Galicia e primeiro da provincia, en nacemento de nenos, e explicar ás nais e pais do Porriño porque sí decidiu abrir unha nova en Mos, á que vense na obriga de desprazarse coas súas cativas e cativos.

Eva García de la Torre da a benvida ao vicepresidente da Xunta e arela que esta visita ao Porriño teña continuidade con outras nas que se traten co Goberno local os temas anteriores e que, unha vez máis, non sexa so para aproveitar e facerse a foto co presidente local do seu partido, o Partido Popular, Manuel Alejando  Lorenzo, que tamén é o alcalde pedáneo de Chenlo e que, tamén isto causa asombro: este ano invita, por primeira vez á alcaldesa do Porriño á presentación desta festa á que o Concello contribuíu máis que nunca estes tres anos pasados.

O Consorcio de Augas do Louro prestará os servizos de baleirado de fosas sèpticas domésticas

O Comité Directivo do Consorcio do Louro, presidido pola alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, vén de acordar que prestará os servizos de baleirado de fosas sépticas, transporte e xestión dos lodos na depuradora de Guillarei.

A iniciativa xurde da necesidade de dar unha alternativa real e viable a aquelas vivendas que, a día de hoxe, non teñen posibilidade de conectar polo de agora ás redes de saneamento.

Trátase dunha resposta dos catro concellos ás demandas dos veciños e veciñas para que, mentres non sexa posible facer a conexión, as vivendas teñan garantido o servizo en igualdade de condicións e a un custe similar.

O servizo prestarase de xeito uniforme nos Concellos de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui e estará regulado mediante unha ordenanza única, co mesmo prezo público nos catro concellos e incluirá, de ser necesario, o servizo de limpeza e desentullo de canos e desaugadoiros.

O prezo por baleirado será de 100,86€ mais o IVE correspondente, ao que se lle engadirá unha taxa anual de depuración de 46,80 € que se liquidará unicamente co primeiro baleirado de cada ano natural.

Deste xeito, o Consorcio pretende facilitar aos veciños o mantemento periódico das fosas sépticas e pozos negros particulares, de tal xeito que se garanta a correcta xestión dos lodos e se eviten verteduras incontroladas, o que, sen dúbida, repercutirá nunha melloría na calidade das augas dos pozos ou mananciais.

O acordo someterase a información pública para acadar a súa aprobación definitiva, momento no que se poderá solicitar o servizo presentando unha solicitude en calquera das catro oficinas do Consorcio.

O texto completo da ordenanza pode consultarse na web do Consorcio consorciodolouro.es.

A Policía Local do Porriño realizou no que vai de ano máis de 1.000 probas de alcoholemia e imputou 22 delitos a condutores que superaron os 0,60mg/l

No primeiro semestre deste 2018 axentes da Policía Local do Porriño realizaron máis de 1.000 probas de detección de alcohol a condutores das que 47 foron positivas, imputando 22 delitos contra a Seguridade Vial ao superar as taxas os 0,60mg/l.

Segundo subliña o xefe da Policía Local, dende principio do ano realízanse controis de alcoholemia en distintos puntos do concello, pero “das 47 probas positivas, so 19 foron nestes puntos, sendo a maioría por infraccións de tráfico”.

De todas as probas realizadas, 25 corresponden a denuncias administrativas (o 53%) e 22 a denuncias penais (o 47%), ao superar os 0,60 mg/l de aire espirado. Polo que se refire a estas últimas denuncias, hai que salientar que  todas as probas positivas realizadas, 6 en total (o 13%) deron un resultado superior a 1,00 mg/l de aire espirado, sendo a taxa máis alta de  1,52 mg/l , o que representa seis veces o máximo legal establecido.

Polo que se refire ao xénero dos infractores, o 91% deles foron homes e un 9% mulleres; o 13% dos positivos foron condutores implicados en accidentes, “o que salienta os riscos que supón conducir baixo os efectos do alcohol, hai que lembrar que de cada 100 accidentes mortais de tráfico que hai en España o alcohol ten que ver en entre 30 e 50 de eles”, sinala o xefe da Policía Local.

Daniel Rodríguez lembra que o alcohol produce alteracións moi evidentes no comportamento, “inflúe en case todas as capacidades psicofísicas precisas para una condución segura” e que unha persoa que está bébeda infravaloras os efectos que o alcohol ten sobre a condución, “ten unha falsa seguridade en sí mesma e admite un maior nivel de risco ao volante”, aumenta as súas condutas agresivas e, especialmente, “ao consumir alcohol, un dos cambios máis importantes e graves é o aumento do tempo de reacción, polo cal  a toma de decisións ao volante faise moito máis lenta”.

O xefe da Policía Local subliña que as multas por conducir bébedo van dos 500 aos 1.000€ e a retirada de 4 a 6 puntos no Permiso de Conducir. As sancións penais poden chegar ás penas de cadea de 3 a 6 meses, cunha multa de 6 a 12 meses ou de traballos en beneficio da comunidade durante 31 a 90 días e, en calquera caso, a retirada do permiso de conducir vehículos a motor entre 1 e 4 anos.

O Porriño xa é o segundo concello dos 313 de Galicia no que máis medra o saldo vexetativo, con máis nacementos que mortes

O concello do Porriño é o segundo de Galicia no que máis medra o saldo vexetativo  e o primeiro da provincia de Pontevedra, segundo os datos difundidos este martes polo Instituto Galego de Estatística (IGE), referentes a o ano 2017.

Dacordo cos mesmos, os nacementos superaron ás defuncións no Porriño en 57 persoas, so por detrás de Ames,e moi por diante dos resto dos concellos pontevedreses, que en conxunto perden 2.485 habitantes, e dos da Área Metropolitana de Vigo, na que houbo 695 mortes máis que alumeamentos.

Tres anos consecutivos con saldo positivo pasando a ser o segundo concello galego

A alcaldesa, Eva García de la Torre, salienta que no ano 2017 rexistráronse no Porriño 206 nacementos e 149 defuncións; en 2016 o saldo  demográfico do Porriño foi de 45 nacementos máis que defuncións (por detrás dos concellos de  Ames e de Arteixo, en A Coruña); en 2015 os recen nados tamén superaron aos mortos en 57 persoas- daquela por detrás dos dos concellos coruñeses.

“O ano pasado xa superamos a Arteixo e O Porriño é o segundo concello de Galicia onde hai máis novos habitantes que mortes, un dato que sumado ao incremento da poboación, certificado polo INE, fará que a finais deste 2018 esteamos en condicións de superar, oficialmente os 20.000 habitantes”.

So 13 dos 313 municipios, un 4,3%, rexistraron o ano pasado máis nacementos que mortes e no conxunto de Galicia os mesmos foron de 18.312- un 3,9% máis- fronte a 31.676 defuncións,  o que supón que a finais do ano pasado había 13.364 galegos menos, o que encadea 25 anos consecutivos de perda de poboación.

A esta situación non son alleas as as grandes cidades galegas: en todas elas hai máis mortes que nacementos, fronte ao aumento do número de habitantes do Porriño, que a finais de 2016 xa superara en poboación total a Moaña a concello coruñés de Boiro e ao lucense de Monforte.

A alcaldesa amosa a súa “satisfacción e ledicia” pola solución da situación das traballadoras e traballadores de Servicarne, que dende este 1 de agosto pasan a ser empregados fixos de Frigolouro

A alcaldesa, Eva García de la Torre, vén de amosar a súasatisfacción e ledicia” polo feito de que, finalmente, Frigolouro regularizase a situación dos falsos autónomos de Servicarne que, dende este mércores, día 1 de agosto, pasarán a formar parte do plantel coma traballadores fixos, tal e como lle instaba a resolución da Inspección de Traballo e da Tesourería da Seguridade Social.

García de la Torre salienta que o Goberno local do Porriño, en conxunto, e ela mesma, coma alcaldesa “en representación da maioría da Corporación, sempre dimos o noso apoio total e incondicional ás traballadoras e traballadores de Servicarne que hoxe, finalmente, ven coma se recoñecen os seus dereitos lexítimos”.

A alcaldesa lembra que “en todo momento estivemos seguros de que a xustiza daría a razón a quen a ten”, como expuxera nas súas xuntanzas cos responsábeis da empresa e co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, en agosto de 2016, ao que alertou da condicións moi precarias, duras e difíciles nas que estaban estas traballadoras e traballadores que soportaban unha situación intolerábel que, agora, “por fin queda resolta”.

Axentes da Policía Local participan nos ‘Campamentos de Verán’ organizados polo Concello

Membros da Policía Local do Porriño participaron este mes de xullo nos campamentos de verán do Concello- abertos a rapazas e rapaces de entre 3 e 12 anos de idade- co obxectivo de “reforzar a proximidade e a confianza cos máis pequenos”.

As actividades desenroladas pola Policía dividíronse en dúas partes: a primeira consistente na explicación das funcións dos axentes, normas de seguridade vial enfocadas ao uso da bicicleta coma vehículo e cal é o xeito de poñerse en contacto coa Policía Local en caso de necesidade, “subliñando sempre a idea de que un policía é un amigo”, indica o xefe do corpo, Daniel Rodríguez.

Doutra banda, os axentes desprazaron aos lugares nos que se celebran os campamentos distintos vehículos policiais: un furgón de atestados, coches e motos, nos que se explicaron ás rapazas e rapaces as súas particularidades, interactuando con elas e eles e respondendo as súas preguntas.

O xefe da Policía Local engade que estas actividades veñen de dar continuidade á ‘Campaña de Educación Vial’ que “realizamos cada ano en todos os centros de ensino do Porriño”.

A Policía Local intercepta a 30 condutores que circulaban polo Porriño baixo os efectos da cocaína, marihuana ou heroína, entre outras drogas

Dende o pasado mes de febreiro, e seguindo as instrucións das concellerías de Seguridade e Tráfico, a Policía Local co Porriño está a levar a cabo unha campaña sobre o consumo de drogas entre os condutores e, doutra banda, acción constantes para acabar co ‘menudeo’ a pequena escala.

O xefe da Policía Local sinala que no eido desta campaña, os axentes realizaron 30 probas positivas en drogas a persoas que circulaban polo Porriño aos mandos dun vehículo, “todas elas sancionadas con multas de 1.000€ a perda de 6 puntos no carné de conducir”.

Dacordo cos datos da Policía, 26 dos infractores eran homes e 4 mulleres; 12, o 40% de todos eles, deron positivo en cocaína; 9, (o 30%) consumiran THC (marihuana); 6 (o 20% do total) deron positivo en heroína, e 3 (o 10%) en outras substancias.

Os policíasinterviron, en 19 casos, a diferentes persoas, substancias estupefacientes, e todas elas foron propostas para sanción pola infracción da Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá.

Alerta sobre os efectos das drogas

Conducir baixo os efectos das drogas ten consecuencias que fan a circulación moi perigosa, no caso dos opiáceos e derivados e habitual unha alteración da percepción; incremento das posibilidades de distracción ou de durmirse ao volante; asunción de riscos e decisións perigosas por mor dunha falsa sensación de control ou movementos máis lentos.

Polo que se refire a substancias coma a cocaína, a mesma causa comportamentos impulsivos; diminúe a sensación de fatiga o que leva a conducir durante máis tempo do recomendable; incita a unha sobrevaloración das propias capacidades transmitindo unha falsa sensación de confianza para afrontar situacións perigosas e leva a asumir máis niveis de risco, aumentando este comportamento ao volante coa realización de manobras temerarias ou o incremento da velocidade.

Cortes e desvíos de tráfico o venres,sábado e domingo pola celebración de Porrigalia

A Policía Local do Porriño informa que a causa da celebración de Porrigalia, o venres, día 20, sábado, 21 e domingo 22 de xullo, haberá cortes, restricións e desvíos do tráfico rodade en distintas rúas do casco urbano.

Na rúa Domingo Bueno, dende o número 1 ata o cruzamento co Fernández Areal, a circulación estará cortada dende o venres, día 20, ata as 2 da tarde do domingo, 22.

Tamén estará prohibido circular por Ramón González e Manuel Rodríguez , ata o cruzamento con San Sebastían, dende este venres ata o domingo e, finalmente o tráfico da rúa Pío XII estará desviado pola rúa Fontevella.

Do mesmo xeito, a parada do autobús para Tui, estará na Avenida de Galicia e no cruzamento con Salceda –acceso a Atios-Vilafría- nos dous casos debidamente sinalizado.