O Concello anchea, ata os 10 metros, a estrada que da entrada al CEIP de Atios, en Catro Camiños, un dos lugares máis transitados da parroquia

A parte do vial do lugar de Catrocamiños que da entrada ao CEIP Plurilingüe de Atios, terá a partir da semana que vén un ancho de 10 metros, “o establecido pola lei”, logo do remate dos traballos que están a realizarse neste lugar.

Os mesmos, sinala o tenente de alcalde, Manuel Carrera, foron posibles logo da cesión desinteresada dos veciños de parte dos seus terreos que, logo da retirada de muros, permitiron, “o ancheado e pavimentado desta estrada, unha das máis transitadas da parroquia”.

Carrera indica que esta obra,que contou cun orzamento superior aos 10.000€ procedentes de fondos municipais, realizouse con persoal contratado con cargo á axuda da Deputación de Pontevedra, e traballadores do Concello e forma parte do Plan de Mellora de Viais, Camiños e Estradas Municipais posto en marcha polo actual Goberno local.

En funcionamento a nova rotonda de A Costeira e a ordenación da zona entre Cerquido e Budiño, que ten un elevado índice de accidentes de tráfico

A alcaldesa, Eva Garcia de la Torre, xunto con Uxío Benítez, deputado provincial de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, e o concelleiro de Vías e Obras, Manuel Carrera, supervisou hoxe as obras realizadas polo organismo provincial para reordenar o tráfico e mellorar a seguranza viaria na estrada provincial EP-2405 entre Cerquido e Budiño, no lugar de A Costeira.

García de la Torre  salientou que a obra supón “unha mellora ostensible” na ordenación da zona e asegurou que “coa construción da rotonda evítase a altísima sinistralidade que había tal e como estaba configurado o espazo. Agora os viandantes e as persoas usuarias adaptáronse perfectamente á existencia da glorieta, o que dá idea da necesidade que había de facela”.

Para o responsable das infraestruturas provinciais a nova glorieta ven a redistribuír a circulación e calmar a velocidade nunha intersección que ata o de agora era moi perigosa e fora escenario de diversos accidentes.

Benitez subliñou que a actuación en A Costeira incluíuse dentro do Plan de Interseccións  da Estratexia de Mobilidade 3.0 da Deputación, que ten como un dos seus obxectivos prioritarios eliminar a violencia viaria e os puntos negros de toda a rede de estradas provincial.

Os traballos de mellora consistiron principalmente na ampliación do radio de curvatura da estrada principal, preto da conexión da EP-2405 da Deputación co parque empresarial das Gándaras, á altura do Centro Tecnolóxico do Automóbil de Galicia.

Doutra banda, urbanizouse a zona con beirarrúas para prestar continuidade ao tránsito peonil, habilitáronse pasos de peóns e baixouse a velocidade máxima de 50 a 30 quilómetros hora. Tamén se solucionaron as drenaxes mediante a remodelación de beiravías e sumidoiros e instaláronse oito luminarias tipo led sobre columnas de nove metros, catro na propia glorieta e outras catro nas inmediacións da intersección.

O orzamento global ascendía inicialmente a 220.336,36€, sendo 21.534€ destinados a expropiacións e o resto á execución da obra. Finalmente a licitación pechouse por un prezo de 132.719,68.

Axentes da Policía Local interceptan a unha condutora que circulaba cun menor no coche e case multiplicaba por catro a taxa de alcol permitida legalmente

Axentes da Policía Local recibían ás 17:22 horas de este venres, día 5 de outubro, a chamada dun condutor que circulaba pola  N-550, en dirección a O Porriño, informando de que o coche que ía diante do seu estaba a facendo ‘zig-zag’ e,as veces, entrando no carril contrario.

Coa finalidade de  localizar inmediatamente este coche, que estaba a poñer en perigo a seguridade do  resto dos vehículos, os axentes da Policía Local mantiveron a chamada de teléfono en liña para que a persoa que alertara desta situación puidese informar de onde se atopaba en cada momento. Isto facilitou que o coche fose interceptado no quilómetro 154,800 da N-550.

Unha vez que o mesmo estivo parado, os policías comprobaron que no seu interior viaxaba un rapaz de 12 anos, fillo da condutora, unha muller de 52 anos a cal, sinalan os axentes, “amosaba claros síntomas de atoparse baixo a influencia de bebidas alcólicas, tendo que ser agarrada algunhas veces para que non caese”.

Sometida ás probas de alcoholemia, as mesmas deron un resultado que multiplicaba case que por catro a taxa legalmente establecida, polo cal os policías procederon á instrución de dilixencias pola suposta comisión dun delito contra a Seguridade Vial, pasando as mesmas a disposición do Xulgado de Garda.

Á vista do estado de embriaguez da condutora, os axentes realizaron xestións para levar ao rapaz cun familiar e, ao mesmo tempo, procederon a inmobilizar o coche no lugar.

Dende a Policía Local sublíñase o feito de que esta intervención fose realizada grazas á colaboración cidadá que, asegura, “é fundamental en situación coma esta para evitar que condutas semellantes poidan causar un accidente con graves consecuencias”.

O arqueólogo Eduando Méndez-Quintas expón este xoves na Casa da Cultura os primeiros resultados da investigación no xacemento das Gándaras de Budiño que sitúan a presenza humana no mesmo hai 300.000 anos

O arqueólogo Eduardo Méndez-Quintas-quen o pasado mes de xullo dirixiu xunto a Manuel Santonja, do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH) o reinicio da investigación no xacemento paleolítico de As Gándaras de Budiño- volve ao O Porriño este xoves, día 4 de outubro, para pronunciar no Centro Cultural Municipal (ás 8 da tarde) unha conferencia na que adiantará os primeiros resultados dos derradeiros traballos arqueolóxicos  que, co apoio do Concello, desenvolvéronse neste lugar.

O propio Eduardo Méndez sinala que as escavacións realizadas proporcionaron sedimentos que poderán datarse moi doadamente e que amosarán que superan, con moito, os 26.000 de antigüidade que se lles atribuirá nun principio e indicarán que teñen unha idade de entre 200.000 e 300.000 anos”, o que reafirma que o de As Gándarás é un dos enclaves arqueolóxicos máis antigos de Galicia.

Hai que lembrar que este xacemento foi un dos primeiros lugares da época paleolítica escavados en Galicia, tralo seu descubrimento en 1961 e que, logo de varios estudos posteriores, avalados por recentes traballos, confirman a idea de que a primeira presenza humana en Galicia é anterior aos 300.000 anos.

Exposición de restos achados

Asemade,coa conferencia inaugurarase unha pequena exposición, “Os primeiros humanos das Gándaras de Budiño.”, que inclúe unha escolma dás pezas máis significativas entre as recuperadas durante os traballos arqueolóxicos deste ano, “en especial de bifaces, ferramentas líticas empregadas para cortar, relar e furar outros materiais, ademais de lascas, elementos moi característicos daquela época”.

A mostra conta con información sobre a historia dos  traballos arqueolóxicos do xacemento, dos aspectos principais do mesmo e da súa importancia no estudo da pegada do home en Galicia.

16 porriñesas e porriñeses en situación de desemprego realizarán durante 6 meses un obradoiro remunerado de Atención Socio-Sanitaria a domicilio e a institucións

Dezaseis veciñas e veciños do Porriño en situación de desemprego empezan o  luns, 1 de outubro, un obradoiro de emprego de garantía xuvenil, remunerado, de 6 meses de duración, impulsado polo Concello en colaboración coa Xunta de Galicia.

O obradoiro, como sinalou a súa directora na presentación do mesmo, abrangue formación teórica e práctica sobre Atención Socio-sanitaria a Domicilio e a Institucións, durante un período de medio ano no cal os participantes cobrarán o salario mínimo interprofesional-que para este 2018 está establecido en 735,90€- e ao remate recibirán una Certificación Profesional.

No acto de presentación, a concelleira de Emprego, Soledad Girón, subliñou que esta formación abre as portas de futuros traballos e animou ás e os participantes a que aproveiten esta oportunidade que pode ser un paso importante de cara á integración no mercado laboral.

https://www.facebook.com/ConcellodoPorrino/videos/568094380315246/

A alcaldesa, Eva García de la Torre, asegurou que  atención socio-sanitaria “é xa e aínda o será máis no futuro, unha das áreas nas que haberá máis saídas profesionais, considerando o aumento da esperanza de vida e o feito de que os organismos e institucións públicas queremos estender ese ‘Estado do Benestar’ de xeito que acolla a todas e todos os cidadás”.

24 vivendas maís do barrio de A Gándara, en Torneiros, poderán conectarse á Rede Municipal de Abastecemento dende principios de outubro

Un total de 24 vivendas do barrio de A Gándara, en Torneiros, que ata hoxe eran usuarias da traída veciñal, poderán conectar coa Rede Municipal de Abastecemento  en canto rematen os traballos que está a realizar nesta zona a Concellería de Vías e Obras.

O tenente de alcalde, Manuel Carrera subliña que “as veciñas e veciños desta zona poderán ter servizo de auga potable, logo dunha modificación orzamentaria impulsada dende o Goberno local, á que opúxose o Partido Popular”, dado que se fixera pouco tempo despois de que o Pleno aprobase os orzamentos municipais, os primeiros que ten O Porriño en seis anos.

Maila a esta oposición do PP, os residentes de A Gandara  terán acceso ao saneamento municipal, “algo que era debía de facer este Goberno local e que será unha realidade a principios do mes que vén”.

Para que sexa así, vanse instalar 416metros lineais de tubaxe e se completarán 16 acometidas, que rematarán cuns traballos iniciados a principios de setembro e que contan cun orzamento de 36.000€.

Este sábado, Raimundo Amador e Javier Vargas inician no Porriño a xira das súas ‘Noites de flamenco e blues’

O Porriño será este sábado, día 29, ás 10 e media da noite, o ‘primeiro paso’ da xira do espectáculo ‘Noites de flamenco e blues’, da man de Raimundo Amador e Javier Vargas e a a súa ‘Vargas Blues Band’.

O considerado ‘concerto estrela’ das Festas do Cristo 2018, arrancará no escenario instalado na rúa Domingo Bueno, primeiro con actuacións de cada un dos protagonistas por separado para tocar xuntos, de seguido, no que se agarda que sexa o momento máxico co blues e o flamenco complementándose grazas a dous dos músicos máis singulares do país.

Como subliña, de novo, a alcaldesa, Eva García de la Torre, este concerto, “coma todas as actividades, eventos e actuacións  programadas, será de balde”, algo que foi un dos eixes da programación das Festas do Cristo deste ano que, salienta a alcaldesa, grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra, abranguen , ao longo de máis de dúas semanas, “74 propostas, dende deporte a teatro, pasando pola música, animación na rúa, obradoiros, ou gastronomía de primeiro nivel coa celebración da 25ª Festa dos Callos o vindeiro domingo, día 30”.

Este domingo, día 30 de setembro, os mellores callos do mundo sírvense no Porriño

¿Queres probar os “mellores callos do mundo”?, o domingo que vén, día 30, en plenas Festas do Cristo, os entusiastas deste plato poderán gozar del en 38 locais do Porriño: Amaquía, A Capela, A Francachela, Adega de Montero Vinoteca, Argentino 2, Bar Celtiña, Bar Liceum, Café Bar Adèle, Cafetería Alameda, Cafetería El Sol, Cafetería O Porriño, Cafetería Platinum, Cafetería Rami, Cafetería Xuntos, Cólleo con Pinzas, El Alambre del Abuelo, Elcincuentaicinco, Hamburguesería Fran, Hotel Parque, La Bici, La Cueva, La de Chato, La Pantera Rosa, Los Milagros Panadería, Maloserá, Mesón Mondariz, Milenium 33, O Xantar de Pepa, Paso a Nivel, Restaurante Manolo, Restaurante Pontenova, Restaurante Val da Louriña, Saspi, Scala, Tapería Maracaibo, The Classic, Timarsane, en Torneiros, e Zentral.

https://www.facebook.com/ConcellodoPorrino/videos/2129762194007603/

A alcaldesa, Eva García de la Torre, o concelleiro de Comercio, Marcelino Coto-convencido da idea de que “no Porriño temos os mellores callos do planeta”, o presidente da Asociación de Hostaleiros do Porriño, José Manuel Fernández, a xerente da Asociación de Comerciantes e Industriai do Porriño (ACIPOR), Noelia Conde, e unha das grandes atraccións deste ano, o pregoeiro: o grande futbolista Antonio Pexegueiro Riveiro, “Vavá”, presentaron esta festa gastronómica que cumpre este 2018 as súas ‘Bodas de Prata’.

https://www.facebook.com/ConcellodoPorrino/videos/249278612454866/

Parte do espectáculo que agarda no pregón adiantouno xa ‘Vavá’ na presentación desvelando a súa receita dos callos-que as e os interesados poden ainda recuperar entrando no Facebook e Twitter do Concello do Porriño-; outro dos atractivos foi a “grande variedade” de presentación e xeitos de servir os callos, entre elas os famosos callos con pasta ou a receita vegana e sen glute e, cómo non, o poder acompañar este plato co inigualable pan do Porriño.

https://www.facebook.com/ConcellodoPorrino/videos/151415799126199/

Outro dos motivos para non deixar de estar no Porriño este domingo será o prezo das racións: 4,5€-o mesmo que a edición de 2017- ou 4€ se os callos son para levar, algo moi recomendable para quen vaia a xantar ese día en familia e queira quedar coma un rei.

@festivaldecans noraboa polo merecido Premio da Cultura Galega 2018 no eido Audiovisual!

O Concello do Porriño amosa o seu orgullo e transmite, no nome de todas as veciñas e veciños a noraboa ao Festival de Cine de Cans que vén de ser distinguido co Premio da Cultura Galega 2018 n eido Audiovisual.

O festival, feito íntegramente no Porriño, por porriñesas e porriñeses, obtivo o premio outorgado polo Goberno de Galicia, xunto ao lucense Ramón Villares, Antón Santamarina, Xosé María Álvarez Cáccamo, Luz Darriba, o Festival Internacional de Outono de Teatro-FIOT, o grupo A Roda e a Asociación O Sorriso de Daniel.

A Cidade da Cultura acolleu este luns a reunión do xurado, presidido polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e do que tamén formaron parte o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manuel Núñez Seixas; a tesoureira da Real Academia Galega, Marilar Aleixandre; a académica numeraria da Real Academia de Belas Artes A nosa Señora do Rosario, Asunta Rodríguez; o reitor da Universidade de A Coruña, Julio Abalde, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella.

A alcadesa súmase á iniciativa da @depo_es ‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’ e subliña a importancia de “desterrar os micromachismos e os macromachismos’

A alcaldesa, Eva García de la Torre, e a deputada provincial de Cohesión Social e xuventude, Digna Rivas, presidiron este xoves, na Praza de Antonio Palacios, “Mulleres en Acción. Violencia Zero” unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra  que é unha aposta decidida e visual pola loita contra as violencias machistas.

A actriz Mónica Camaño coa súa interpretación de “Proxecto Aurora” representou diante dun cento de alumnas e alumnas dos centros José Fernández López e Hermanos Quiroga, escenas nas que empregando frases que aínda se escoitan de cote, coma  a muller e a sartén na cociña están ben”, e que son un exemplo moi claro de actitudes e comportamentos machistas e intolerantes que so buscan degradar ás mulleres.

Digna Rivas asegurou aos estudantes que acudiron ao acto que son a clave para rematar coa lacra dos asasinatos por violencia de xénero”, con comportamentos que rexeitan ese machismo e son acordes coa igualdade, unha meta na que o goberno da Deputación, dirixido por Carmela Silva é pioneiro coa creación dunha área de Igualdade que traballa para desterrar os comportamentos e actitudes machistas.

A alcaldesa sinalou que “a discriminación e a violencia contra as mulleres non vai cambiar se a mentalidade dos mozos non cambia e temos que empezar por desterrar os micromachismos e os macromachismos que conducen á violencia”.

García de la Torre insisto una importancia de que “as mulleres deixemos moi claro que somos iguais, exactamente iguais en dereitos que os homes”.