A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, mantivo este venres unha xuntanza en Madrid coa presidenta da ADIF, a Isabel Pardo de Vera, a petición dela, para retomar o proxecto de eliminación do paso a nivel que atravesa o centro da vila.

Na reunión, a alcaldesa reiterou a postura de toda a Corporación porriñesa que considerou inviábel e inaceptábel a construción dun paso soterrado ou elevado para peóns e coincidiu coa responsábel de ADIF en “traballar nun proxecto que conquerirá que o tren deixe de pasar en superficie polo centro do Porriño”.

García de la Torre vén de convocar aos voceiros dos grupos municipais para informarlles desta xuntanza, “da cal saín moi satisfeita e segura de que a eliminación do paso a nivel está máis preto que nunca”, grazas, subliña a alcaldesa, ao cambio no Goberno de España que entende que hai que afrontar con urxencia un problema “que padecemos as porriñesas e porriñeses e que pedimos que se solucione dende 1948, hai xa 70 anos”.

O seguinte paso será o de manter unha reunión de traballo co secretario de Estado de Infraestruturas do Ministerio de Fomento para fixar que os Presupostos Xerais do Estado para 2019, que o Goberno quere aprobar no mes de novembro, recolla o proxecto de eliminación do paso a nivel e o orzamento necesario para executar-lo.